Cresconio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Cresconio foi bispo de Iria Flavia e Santiago de Compostela durante o século XI.

Defensa do Reino de Galicia[editar | editar a fonte]

No contexto das loitas entre Fernando I O Magno de Castela e o rei galaico-leonés Bermudo III, Galicia foi arrasada pola invasión dos normandos do conde danés Ulf. Ante tal ameaza, Cresconio asumiu o liderado da nobreza galega, reuniu un exército e derrotou aos viquingos perseguíndoos ata a súa expulsión.

Fortificou o Castellum Honesti, hoxe Torres do Oeste en Catoira no nacemento da ría de Arousa por mor de bloquear futuras incursións a través do río Ulla.

Ergueu, asemade, con idéntica finalidade as murallas da cidade de Santiago de Compostela.

Nas sagas escandinavas Jacobsland (país de Santiago) era o nome que recibía o Reino de Galicia. O seu carácter de cidade santa estimulaba a cobiza por apoderarse dos seus tesouros.

Engrandecemento de Santiago de Compostela[editar | editar a fonte]

Cresconio procurou o engrandecemento da diocese de Iria Flavia-Santiago. Como depositaria do sartego de Apóstolo Santiago, entendía que lle correspondía un lugar punteiro entre os reinos da cristiandade occidental. Deste xeito, titulábase Episcopus Iriensis et Apostolicae Sedis.

A autoproclamación de Santiago como Sé Apostólica, estando recente o cisma de Oriente coa sé apostólica de Santo André (Constantinopla) provocou a rápida reprensión de Roma. O papa León X reaccionou contra o episcopus galliciensis e o Concilio de Reims de 1049 excomungouno. Porén, Cresconio, sen ver minguada a súa autoridade en Galicia e León, seguiu utilizando o título de bispo da Sé Apostólica, e así o fixeron todos os seus sucesores.

Goberno da Igrexa galega[editar | editar a fonte]

En 1060 presidiu o Concilio de Compostela. Nel prohibiuse o uso de armas aos cregos e obrigóuselles a se afastaren das súas mulleres. Ordenou a apertura de escolas en igrexas e parroquias e combateu as supersticións galaicas de raíz céltica ou prerromana. Isto último con escaso éxito como se pode comprobar aínda hoxe. Recoñecían a súa autoridade os bispos de Lugo, Dumio, Oviedo e Porto.

Figura política[editar | editar a fonte]

Gañouse a confianza de Fernando I de Castela, logo de que este se fixera co territorio de Galicia tras as batallas de Tamarón contra Bermudo III e Monterroso contra a nobreza galega. O monarca castelán confioulle a educación do seu fillo García de Galicia. Disque Cresconio convenceuno para restaurar un reino de Galicia independente. Tal como for Cresconio acabou coroando como monarca do Reino de Galicia a García á morte do seu pai.