Bloque Nacionalista Galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "BNG")
Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Fronte de partidos políticos de Galiza
Líder Guillerme Vázquez
(Portavoz Nacional)
[[]]
(Coordinadora Executiva)
Fundación 1982
Sede Avda. Rodríguez de Viguri, 16-Baixo, 15703 Santiago de Compostela
Ideoloxía Socialdemocracia
Socialismo
Comunismo
Nacionalismo galego
Democracia
Europeísmo
Pacifismo[1]
Representación 12 deputados no Parlamento de Galicia
2 deputados no Congreso dos Deputados
661 concelleiros
Filiación internacional Alianza Libre Europea
Mocidades Galiza Nova
Publicación oficial BE-NE-GÁ ao día
Páxina web www.bng-galiza.org

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é a principal organización política do nacionalismo galego. Considérase como unha organización de esquerda e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG ten 9.000 militantes (2009)[2], concelleiros e alcaldes en diversos concellos de Galiza, deputados no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. Tamén chegou a ter un eurodeputado no Parlamento Europeo (Camilo Nogueira), e actualmente conta cun posto na Eurocámara rotatorio entre os seus socios (a representante do BNG é Ana Miranda)[3].

O Portavoz Nacional é Guillerme Vázquez (ApU), quen desde 2009 substitúe a Anxo Quintana.

Galiza Nova é a organización xuvenil do Bloque Nacionalista Galego.

Índice

[editar] Historia

[editar] Orixe

Sede Nacional do BNG, Santiago de Compostela.
Discurso de Anxo Quintana na Asemblea do Bloque Nacionalista Galego en Santiago de Compostela

.

Nos anos 60 fúndase a Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG), partidos nacionalistas de caracter comunista e socialista. No ano 1975 fúndase a Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG), fronte impulsada pola Unión do Povo Galego coma plataforma de mobilización social e base para o futuro estabelecemento dunha candidatura electoral nacionalista. No 1977 a UPG e a AN-PG constituíron o Bloque Nacional Popular Galego que concurriu ás eleccións.

En outubro de 1981 celebrouse a primeira convocatoria para elixir o Parlamento de Galicia. Estas eleccións gañounas Alianza Popular e os partidos nacionalistas galegos acadaron un discreto resultado, o BNPG en coalición co PSG conseguiu tres escanos, os seus deputados negáronse a xurar a Constitución Española e á terceira negativa quedaron expulsados do Parlamento. A UPG e a AN-PG acordan a comezos de 1982 reformular o proxecto formando unha fronte nacionalista que abranguese a maior amplitude posible, con diversas tendencias no seu interior. A primeira xuntanza celebrouse o 15 de maio e nela participaron AN-PG, UPG, PSG, GC (OLN), Asamblea de Nacionalistas Galegos, Colectivo Libertario Arco da Vella e independentes de Santiago e A Coruña que subscribiron un chamamento para a unidade do nacionalismo baixo os principios do recoñecemento do carácter plurinacional do Estado e do dereito de autodeterminación, do antiimperialismo, do autogoberno, da autoorganización e do pluralismo e a democracia interna e que levará á constitución dunha Comisión Xestora Nacional de 22 membros na que ademais dos grupos que participaran na xuntanza anterior están a ERGA e independentes de Vigo e o Condado, posteriormente integrouse Avance Nacionalista, formado por independentes da Coruña. No seo da Comisión Xestora, as diferentes forzas presentan as súas alternativas. O PSG dálle grande importancia á unidade do sindicalismo nacionalista e á participación nas institucións. Galicia Ceibe pola contra defende o boicot activo ás eleccións e a ruptura democrática. Avance Nacionalista propón que a nova organización rexeite todas as leis e procure a independencia nacional como única forma de dar sentido á soberanía. Nunha xuntanza celebrada o 27 de xuño apróbase o programa político da organización, defínese como unha organización nacionalista que non explicita a independencia, aínda que ve a creación dun Estado propio como algo preciso; a nova organización debe buscar a compatibilidade da vía institucional coa mobilización social na defensa dos intereses nacionais e populares. En posteriores xuntanzas establécense asembleas territoriais nas que se discutiu o documento aprobado antes da celebración da Asemblea fundacional. O 11 de xullo a Asemblea de Nacionalistas Galegos decide retirarse da Comisión Xestora por considerar que a nova fronte estaba ao servizo dos partidos e pola falta dun programa político mínimo, con todo, os seus militantes continuaron a traballar a título individual na creación da nova organización.

O 25 e 26 de setembro de 1982 ten lugar na Coruña a Asemblea fundacional da nova fronte, previa desaparición do BNPG; esta nova forza preténdese interclasista, polo que se rexeita que o seu obxectivo final sexa unha sociedade socialista e a adopción da bandeira vermella, e asúmese a de Galicia coa estrela dos cinco cabos. O nome que resulta elixido para a nova organización é o de Bloque Nacionalista Galego, agrupando á AN-PG (que deixará de actuar tras esta Asemblea), á UPG, ao PSG e a outros colectivos independentes, xa que Galicia Ceibe decide deixar a organización ao decidirse na Asemblea Constituínte que o BNG participe nas eleccións, e o Colectivo Arco da Vella tamén a abandona por non estar conforme co nome elixido. Nas eleccións xerais de 1982 a coalición Bloque-PSG tivo 38.522 votos, estes resultados electorais levaron a un debate interno no seo do PSG, o que leva a celebración dun Congreso extraordinario en xaneiro de 1983 no que se decide abandonar o BNG, mais un nutrido grupo de militantes do PSG segue no BNG co nome de Colectivo Socialista. O PSG fusionaríase con Esquerda Galega.

Nas eleccións autonómicas de 1985 o BNG só acada un escano mentres que Coalición Galega consegue 11 escanos, e o Partido Socialista Galego-Esquerda Galega gaña 3 escanos. As eleccións vólveas gañar Alianza Popular baixo o nome de Coalición Popular de Galicia.

En 1986 a UPG ten unha escisión, creándose o Colectivo 22 de marzo que deu orixe á formación en xullo do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN), de carácter independentista e comunista. O BNG ten de escoller a dirección política a tomar e escolle un camiño máis moderado. O BNG, liderado por Beiras desradicalízase para tentar gañar máis votos. Na terceira asemblea, o Partido Comunista de Liberación Nacional (que despois formará a Frente Popular Galega) é expulsado da fronte por apoiar a Herri Batasuna.

Nas eleccións autonómicas de 1989 o BNG conseguiu 5 deputados e acadou o grupo parlamentar propio. O Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) e a Fronte Popular Galega (FPG) non obtiveron ningún escano. O PSG-EG conseguiu dous escanos.

En (1991) Inzar e PNG-PG únense ao Bloque Nacionalista Galego, e nas eleccións autonómicas de 1993 o BNG acada 13 deputados. Tras o fracaso nesas eleccións Unidade Galega (antigo PSG-EG) incorpórase ó Bloque.

Nesta época o BNG vive a súa época máis dourada, nas eleccións xerais de 1996 o BNG acada dous deputados no Congreso dos Deputados, nas eleccións autonómicas de 1997 é a segunda forza política en Galiza por diante do PSdeG-PSOE e nas eleccións europeas de 1999 obtivo un eurodeputado, Camilo Nogueira.

Nas eleccións autonómicas de 2001 o BNG e o PSdeG-PSOE igualaron a 17 escanos. Na última Asemblea Nacional houbo un troco xeracional no BNG, no que Anxo Quintana relevou a Beiras coma voceiro nacional e candidato á presidencia da Xunta de Galicia.

Nas eleccións xerais de 2004, o BNG comeza unha crise polo continuo retroceso de votos, xa que só consegue 2 escanos no Congreso dos Deputados e ningún no Senado, aínda que por cota parlamentar autonómica é escollido senador polo BNG Francisco Jorquera.

Aínda que coas eleccións ao Parlamento Europeo, nas que, despois de presentarse en coalición co PNV e CiU (Galeusca), queda con dous eurodeputados. Así e todo, en xullo do 2004, Anxo Quintana, establece cambios na cúpula do partido.

Tras as eleccións autonómicas de 2005 o BNG entrou no goberno de coalición presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño no que o BNG ten unha vicepresidencia, que ocupa Anxo Quintana coas consellarías de Relacións Institucionais e Benestar Social. Así mesmo, o BNG ocupa as consellerías de Cultura, Industria, Medio Rural e Vivenda, de nova creación.

Na XII Asemblea Nacional, celebrada en Santiago de Compostela o 2 e 3 de decembro de 2006, presentáronse catro candidaturas ao Consello Nacional, a oficial encabezada por Anxo Quintana e co apoio da UPG e dos independentes de Roberto Mera conseguiu 1.646 votos (62.57%) obtendo 31 representantes no Consello. A segunda candidatura foi Encontro Irmandiño liderada por Xosé Manuel Beiras que conseguiu 449 votos (17.09%), obtendo 9 representantes; A Alternativa encabezada por Rosario Fernández Velho e que conta co apoio de Camilo Nogueira e Esquerda Nacionalista conseguiu 291 votos (11.06%), conseguindo 5 representantes.

Mitin de Anxo Quintana en Santiago de Compostela (ano 2008)

A última candidatura foi o Movemento pola Base, formada sobre todo por membros de Galiza Nova e encabezada polo sindicalista da CIG Fermín Paz, que conseguiu 245 votos (9.32%) e 5 representantes. Trala votación chegouse a un acordo entre as diferentes candidaturas para a repartición dos membros da Executiva Nacional, a candidatura oficial leva 10 dos 15 membros, os outros cinco repártense entre Encontro Irmandiño e A Alternativa, o Movemento Pola Base apoiou o acordo malia quedar fóra da Executiva. Tamén se decidiu modificar a composición da vindeira Asemblea Nacional para que sexa por delegados e non como agora aberta a todos os militantes.

A súa presenza institucional actual está composta por 595 concelleiros, 15 deputados provinciais, 13 deputados autonómicos, 2 deputados no Congreso dos Deputados, un senador e ningún eurodeputado.

Nas eleccións municipais de maio de 2007, acadou o 19,15 por cen dos sufraxios. Agudiza a súa caída nas cidades, lonxe da mensaxe intelectual e rebelde que tanto éxito colleitara nos anos noventa en segmentos urbanos e xuvenís do electorado. Este descenso compénsao con contundentes vitorias en vilas medias como Carballo, Arzúa, Teo, Monforte de Lemos, Bueu, O Porriño ou Pontecesures, ocupando espazos rurais e sociais que vai abandonando o Partido Popular. O estancamento compénsase con perspectivas de maior poder institucional en concellos e deputacións (A Coruña e Lugo).

Nas Eleccións Xerais 2008 en España repetiu os resultados do 2004, acadando un deputado pola Coruña e unha deputada por Pontevedra.

Nesta lexislatura foi chave para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2009, cos seus dous deputados no Congreso, conseguindo 125 millóns de euros extra dos 2.020 millóns previstos inicialmente para Galicia (76 deles en materia de Fomento[4]), ademais de varios traspasos de competencias[5]. Isto foi, en palabras do portavoz do BNG no congreso, Francisco Jorquera, "o investimento maior no noso territorio en toda a historia". Así pois, o apoio do Bloque a estes orzamentos provocou o rexeitamento das emendas á totalidade, sacando adiante os orzamentos no seu primeiro trámite[6].

Manifestación do BNG polo día da Patria, en 2009.

Tras perderen un escano (de 13 a 12) nas eleccións ao Parlamento galego de 2009, celebradas o 1 de marzo, e que se saldaron coa maioría absoluta por un escano do PP, a executiva do BNG recoñeceu os malos resultados e dimitiu ante o Consello Nacional o 14 de marzo[7]. O 18 de abril realizáronse asembleas comarcais para elixir ós delegados que concurriron á Asemblea Nacional extraordinaria do 10 de maio. Nestas asembleas comarcais presentáronse 3 listas: Alternativa pola Unidade (ApU, impulsada pola UPG), Listas Abertas (impulsada polo Encontro Irmandiño), e +BNG. Tamén se presentaron outras listas nalgunhas comarcas como Independentes do Val Miñor, Movemento Galego ao Socialismo, Esquerda Socialista Galega e Independentes do Ribeiro. O resultado deu unha maioría de delegados para ApU[8].

O 10 de maio celebrouse a Asemblea nacional extraordinaria, na que se presentaron catro listas: Alternativa pola Unidade (ApU, encabezada por Guillerme Vázquez), Máis BNG (+BNG, encabezada por Carlos Aymerich), Encontro Irmandiño (encabezada por Xosé Manuel Beiras) e Máis Alá (impulsada polo Movemento Galego ao Socialismo, e encabezada por Rafael Vilar). A elección ó Consello Nacional deu como resultado: 23 membros de ApU, 18 de +BNG, candidatura de Encontro 7 representantes e 2 para Máis Alá[9]. Da votación para a Executiva Nacional excluíuse o Encontro irmandiño, liderado por Beiras[10]. Presentáronse, pois, á executiva dúas listas: a de ApU (na que se integraba un representante de Máis Alá) e a de +BNG. A lista encabezada por Guillerme Vázquez obtivo 1189 votos (55,1% de apoio) o que lle outorgou 8 representantes, mentres que a encabezada por Carlos Aymerich conqueriu 969 votos (44,9% de apoio) e 7 representantes[11]. Así pois, Guillerme Vázquez resultaba elixido portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, en substitución de Anxo Quintana[12].

[editar] Estrutura interna

O nacemento do BNG xorde coa intención de aglutinar no seu interior toda a ampla gama ideolóxica do nacionalismo. Por esta razón, a súa organización é frontista. Dentro del conviven partidos nacionalistas que teñen as súas propias asembleas e os seus propios secretarios xerais. Eis algúns deles:

[editar] Executiva Nacional

A Executiva Nacional é o órgano que leva á práctica as liñas programáticas do BNG e xestiona a política do día a día. Reúnese con frecuencia semanal, trala última Asemblea Nacional está composta por:

[editar] Representación parlamentaria

[editar] No parlamento

[editar] No congreso

[editar] Nos concellos

[editar] Evolución do voto

[editar] Eleccións ao Parlamento de Galicia

Ano Candidato Representantes Porcentaxe Diferenza Votos Porcentaxe Diferenza
1985 Xosé Manuel Beiras 1 parlamentario 1,3% 1 53.072 4,2% 53.072
1989 Xosé Manuel Beiras 5 parlamentarios 6,7% 4 105.698 8% 52.626
1993 Xosé Manuel Beiras 13 parlamentarios 17,3% 8 269.233 18,5% 163.525
1997 Xosé Manuel Beiras 18 parlamentarios 24% 5 395.435 24,8% 126.202
2001 Xosé Manuel Beiras 17 parlamentarios 22,7% 1 346.423 22,6% 49.003
2005 Anxo Quintana 13 parlamentarios 17,3% 4 311.954 18,57% 34.469
2009[13] Anxo Quintana 12 parlamentarios 16% 1 270.712 16,28% 41.242

[editar] Eleccións ao Congreso dos Deputados

Ano Voceiro Representantes Porcentaxe Diferenza Votos Porcentaxe Diferenza
1986 Sen representación 0 deputados 0% 0 27.049 0,13% 27.049
1989 Sen representación 0 deputados 0% 0 47.763 0,23% 20.714
1993 Sen representación 0 deputados 0% 0 126.965 0,54% 79.202
1996 Francisco Rodríguez 2 deputados 0,57% 2 220.147 0,88% 93.182
2000 Francisco Rodríguez 3 deputados 0,86% 1 306.268 1,32% 86.121
2004 Francisco Rodríguez 2 deputados 0,57% 1 208.688 0,81% 97.580
2008 Francisco Jorquera 2 deputados 0,57% 0 212.543 0,83% 3.855

[editar] Eleccións ao Parlamento Europeo

Ano Candidatura Representantes Porcentaxe Diferenza Votos Porcentaxe Diferenza
1987 Bloque Nacionalista Galego 0 parlamentarios 0% 0 53.116 0,28% 53.116
1989 Bloque Nacionalista Galego 0 parlamentarios 0% 0 46.052 0,29% 7.064
1994 Bloque Nacionalista Galego 0 parlamentarios 0% 0 139.221 0,75% 93.169
1999 Bloque Nacionalista Galego 1 parlamentario 1,56% 1 349.079 1,65% 209.858
2004 Galeusca - Pobos de Europa 2 parlamentarios 3,7% 1 798.816 5,15% 449.737
2009 Europa dos Pobos - Verdes 1 parlamentario†† 2% 1 391.962 2,5% 406.854

† A candidatura de 2004, con Galeusca, os deputados son o de CDC e PNV. Faltaron 333 votos para o terceiro escano, que sería para Camilo Nogueira, debido á impugnación selectiva de mesas feita polo PP para evitar que o BNG tivese eurodeputado propio. Dos votos da coalición, 141.756 corresponden ao BNG, o 12,32% dos votos emitidos en Galiza[14].
†† Os votos do BNG foron 102.326, o 9,40% dos emitidos en Galiza[15].

[editar] Eleccións municipais

Ano Votos en miles Porcentaxe Concelleiro(s)
1983 49 - 0
1987 61 4,53 139
1991 107 7,71 241
1995 208 13,15 428
1999 290 18,54 586
2003 325 19,41 595
2007 315 19,15 661
2011 261 16,52 590

[editar] Notas

[editar] Véxase tamén

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de:

[editar] Bibliografía

  • Manuel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Laiovento, 2003.

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas