Pontedeume

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°24′24″N 8°10′15″W / 43.40667°N 8.17083°W / 43.40667; -8.17083

Pontedeume
Bandeira de Pontedeume Escudo de Pontedeume
A ponte do Eume.
Ponte do Ferrocarril. Torreón dos Andrade.
Panorámica da vila.

Pontedeume

Situación
Situacion Pontedeume.PNG
Xentilicio[1] eumés
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca do Eume
Poboación 8324 hab. (2012)
Área 29,3 km²
Densidade 284,1 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Capital do concello Pontedeume
Política (2011)
Alcalde Gabriel Torrente Piñeiro (PPdeG)
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 8
PSdeG-PSOE: 3
Outros:
Eleccións municipais en Pontedeume
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 94,09%
Páxina web oficial
www.pontedeume.es

Pontedeume é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca do Eume. O seu xentilicio é eumés. É un concello pequeno (29,3 km2) que en 2012 tiña unha poboación de 8.324 habitantes (8.370 en 2010) cunha alta densidade de poboación (284 hab/km2). Está estratexicamente situado entre as cidades da Coruña e Ferrol.

É un dos poucos concellos galegos que conservan o seu centro medieval, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1971. A súas rúas e prazas manteñen moitos elementos daquela época como os soportais, as casas con balcóns de madeira e galerías acristaladas, as fontes públicas e un gran número de edificios monumentais. Todo isto, unido a unha gran riqueza paisaxística e natural no seu entorno, fai de Pontedeume un importante destino turístico. No seu territorio está un dos portais de acceso e o Centro de Interpretación do Parque Natural das Fragas do Eume.

Índice

Xeografía [editar]

Situación [editar]

Concello situado no Golfo Ártabro, no fondo da ría de Ares. Limita ao norte coa ría de Ares e o concello de Cabanas, ao leste co concello de Monfero, ao sur cos concellos de Vilarmaior e Miño, e ao oeste coa ría de Betanzos.

Orografía [editar]

A zona oeste do concello está dominada polo monte Breamo de 305 metros de altitude. Na súa aba, i entre este e o mar, espállanse as parroquias de Boebre, Centroña e Pontedeume.

Na parte leste o terreo vai gañando en altitude conforme se avanza, partindo da beira do río Eume, cara ao sur e ao leste, ata chegar aos límites cos concellos de Monfero e Vilarmaior. É precisamente nos límites con este último onde se encontra a maior altura do concello, o coto de Allegue de 414 metros. Neste anfiteatro áchanse as parroquias de Vilar, Nogueirosa e Ombre. Na parte máis oriental, o ascenso é brusco: estamos no tramo final do canón do Eume.

Ao sur das alturas mencionadas está a parroquia de Andrade, a máis meridional do concello.

Esteiro do río Eume.

Hidrografía [editar]

O río máis importante é o Eume que baña o concello polo norte, actuando como límite natural co concello de Cabanas. Xa no esteiro do Eume, desemboca o río de Covés que baixa das alturas de Andrade.

O territorio do concello está na conca do Eume, excepto a parte meridional cuxos regatos verten nos ríos Xarío e Baxoi, que desembocan na ría de Betanzos en terras de Miño.

Clima [editar]

O clima, ao igual que no resto dos concellos do Golfo Ártabro, é oceánico litoral, o que fai que as temperaturas medias sexan moi suaves durante todo o ano (media de 13,5º), con febles oscilacións anuais (9º) e unhas precipitacións en torno aos 1.100 milímetros anuais.

Demografía [editar]

Na seguinte táboa e o gráfico asociado, apréciase a evolución da poboación no último século[3][4]

Evolución da poboación de: Pontedeume desde

1900 ata 2011

1900

1910 1920 1930 1940 1950 1960 1970 1981 1991 2001 2011

5.943

6.344 6.584 7.056 7.755 8.286 8.201 8.107 8.408 8.817 8.912 8.342


Da análise dos datos dedúcese que durante o século XX houbo un crecemento sostido da poboación, salvo un pequeno descenso nos anos cincuenta, probabelmente debido á forte emigración a América que se produciu neses anos. Chama a atención a escasa repercusión demográfica que para o concello tivo a reconversión industrial dos anos oitenta, tendo en conta o gran número de traballadores eumeses nos estaleiros da ría de Ferrol.

Pola contra, o século XXI non puido comezar de peor xeito: nunha década a poboación minguou en máis de medio millar.

Censo (2012) Total (%) Homes Mulleres
Poboación total 8.324 4.003 4.321
Menores de 16 anos 1.018 (12%) 511 507
Entre 16 e 64 anos 5.455 (66%) 2.738 2.717
Maiores de 64 anos 1.851 (22%) 754 1.097

A poboación en 2012 era de 8.324 habitantes, dos que 4.003 (48%) eran homes e 4.321 (52%) mulleres. Algúns datos interesantes da poboación actual (véxase a táboa precedente) son[5]:

  • O desequilibrio poboacional de 318 mulleres máis ca homes, prodúcese no tramo de poboación de máis de 65 anos. De feito, ata esa idade os homes superan lixeiramente ás mulleres. Isto indica que a esperanza de vida dos homes é sensibelmente inferior á das mulleres.
  • É unha poboación que está envellecendo paulatinamente: O grupo de poboación maior de 65 anos (22%) case dobra ao de menores de 15 (só un 12%). Por riba diso o crecemento vexetativo durante a última década foi negativo, concretamente en 2012 houbo 48 defuncións máis ca nacementos. Un dato positivo do ano 2012 é o do movemento migratorio: nese ano houbo 11 persoas máis que se estableceron no concello cas que se foron. Este dato contrasta co do ano 2010 cando houbo un saldo migratorio negativo de 58 persoas. A idade media sitúase nuns altos 45 anos.

Pódese concluír que a evolución demográfica do concello sitúase na tendencia xeral galega. Non está entre os concellos máis xoves, aínda que a súa situación non é tan alarmante como a doutros concellos moi envellecidos.

Morfoloxía urbana [editar]

O crecemento urbanístico da vila de Pontedeume estivo sempre condicionado pola súa situación entre o monte Breamo ao sur e o río Eume ao norte nun terreo con forte pendente. Xa que logo, as direccións naturais de expansión son a leste e a oeste.

Etapas de crecemento [editar]

Século XIII [editar]
Restos da antiga muralla medieval

A historia urbana de Pontedeume comeza coa concesión en 1270 por parte de Afonso X do título de vila a un asentamento que existía a rentes da ponte sobre o Eume.

Para protexer á recén creada vila, faise necesario dotala dun bo sistema defensivo. Catorce anos despois da fundación, a vila xa conta cun valado e portas de acceso. O sistema foise mellorando engadindo torres de vixilancia e robustecendo o contorno ata ter unha muralla que circunvalaba completamente a vila. Esta estaba constituída por un sistema de cuadrícula onde as rúas dispostas paralela e perpendicularmente nas direccións N-S e E-O dividían os solares de casas en trece bloques que en ningún momento se adosaban ás murallas.

Século XVII [editar]
Praza da Calzada ou de San Roque, un dos primeiros lugares extramuros de expansión da vila

Xa aos poucos anos de facerse as murallas existían edificacións extramuros. Así constrúese a ermida das Virtudes ao leste da vila, probabelmente en tempos de Nuno Freire de Andrade (s. XV); e na entrada sur, onde estaba a ermida de San Roque, vai crecendo un novo barrio aproveitando o paso do camiño real. Na parte oeste medraba tamén o barrio de Porto. A construción do convento de agostiños no século XVI fai que estes soliciten insistentemente unha porta de acceso á vila por esa parte leste. Simultaneamente a poboación intramuros tamén foi medrando de tal xeito que a ronda interior da muralla foi invadida polas casas que foron adosándose a aquela.

Resultado de todo o anterior foi o proceso de derrubo ou substitución por casas da parte das murallas que daban ao leste (convento de agostiños), ao sur (barrio de San Roque ou da Calzada) e ao oeste (barrio de Porto). Proceso que ten lugar ben entrado o século XVII.

Século XIX [editar]

Dous feitos van marcar a expansión da vila: a desamortización de Mendizábal (que fai que o convento de agostiños pase a propiedade municipal) e a construción da nova estrada que, partindo de Betanzos, vai cara a Ferrol. Así mesmo, segue o proceso de deterioro da muralla da que xa non queda máis que algúns lenzos e unhas poucas portas.

O primeiro feito fai que se urbanice a zona leste extramuros coa construción, en terreos que eran do convento, da rúa de Raxoi, a cal permite comunicar o centro da vila co novo barrio de Aguabar que xa gozaba dunha certa entidade nesas datas.

Poucos anos máis tarde realízase o novo trazado da estrada Betanzos-Ferrol que, ao baixar de Campolongo, dá un rodeo pola parroquia de Vilar para enfilar a entrada á ponte polo barrio de Aguabar. Este trazado evita que se pase polo camiño real que atravesaba a vila. Consecuencia urbanística desta obra foi a necesidade de comunicar as rúas coa nova estrada, cousa que se fai pola recén construída rúa de Raxoi e pola rúa de Santo Agostiño, na cal é necesario derrubar os soportais para poder nivelar dita rúa coa estrada.

En 1840 derrúbase a capela de San Roque, a rentes do camiño real, para comunicar este coa nova rúa de Raxoi e Aguabar.

En 1884 engádense á parroquia urbana os lugares da Fontenova e Souto da Vila, situados ao sur e anteriormente pertencentes á parroquia de Breamo.

Século XX [editar]
Emprazamento do Torreón dos Andrade

Se no século anterior a vila abriuse polo leste, neste século chega o momento da expansión polo oeste. Por esta dirección atrancaba a expansión o Pazo dos Andrade. A inminente chegada do ferrocarril e a situación da estación ao oeste da vila, fai que o concello se prantexe a construción dun vial que comunique con ela. Adquire a propiedade do Pazo e derruba unha parte para o paso da estrada da estación. Detrás do pazo había unha considerable extensión de terreo, a Horta do Conde, que se urbaniza cun xardín público ao norte da nova estrada, e novas edificacións privadas ao sur. O que quedaba do Pazo vaise deteriorando lentamente ata a case total eliminación nos anos trinta, a pesar de ter sido declarado Monumento Histórico-Artístico poucos anos antes. O Torreón dos Andrade é o único que queda do Pazo.

Nas últimas décadas do século prodúcese un espectacular crecemento dos barrios de Aguabar no leste e da Estación no oeste. Nestes barrios concéntrase actualmente a meirande parte da poboación urbana do concello.

Tecidos [editar]

O crecemento urbanístico nas distintas etapas é o que vai creando os distintos tecidos urbanos:

  • Zona centro: comprende o antigo territorio intramuros máis o perímetro inmediato extramuros, caracterizado polas construcións típicas de casas galegas tradicionais de dous ou tres andares, con balconada e/ou galería, conservándose algunhas rúas soportaladas. Esta zona prolóngase cara o sur polas rúas do Empedrado e Fontenova ata confluíren no Souto da Vila.
  • Zonas do xardín e da Alameda de Raxoi: Construcións de finais do XIX e primeira metade do XX con varios andares e máis amplas cas da zona centro.
Av. de Ricardo Sánchez, principal arteria do barrio de Aguabar
  • Zonas da Estación e Aguabar: É a das construcións máis modernas, bloques homoxéneos de urbanizacións aos que se engaden edificios de servizos públicos e novos espazos verdes.

Barrios [editar]

  • Centro antigo.
  • Porto, no antigo camiño de Centroña.
  • O Xardín, na antiga Horta do Conde.
  • A Estación, a rentes da estrada da Estación.
  • A Calzada, no antigo camiño real.
  • A Fontenova, antigo lugar da parroquia de Breamo.
  • Souto da Vila, ao sur, na aba do monte Breamo.
  • Aguabar, ao leste, artellado polas estradas da Coruña e a de Ombre.

Historia [editar]

Artigo principal: Historia de Pontedeume.

Prehistoria [editar]

Pontedeume e a súa comarca estiveron poboados desde moi antigo. Da época prehistórica existen túmulos e indicios dun petróglifo.

Da época tumular ou megalítica están catalogados tres túmulos na parroquia de Andrade, e catro na parroquia de Ombre[6] (ver detalles). Nestas dúas parroquias e nas do resto do concello existen tamén varias referencias toponímicas e orais.

Hai indicios da existencia de petróglifos na chamada Pena do Gato no Coto do Gato da parroquia de Ombre, ao borde do canón do Eume[7].

Castro de Castrelo en Centroña posible localización do asentamento ártabro de Ardóbriga

Idade Antiga [editar]

O máis significativo da Idade Antiga son os vestixios da cultura castrexa e da colonización romana[8].

Pontedeume áchase no que os romanos chamaban Portus Magnus Artabrorum. Nel moraba o pobo dos Ártabros, habendo quen afirma que a cidade ártabra de Ardóbriga estaba en terra eumesa, concretamente na aba do monte Breamo, identificándoa co Castro de Centroña[9]. Están catalogados un total de seis castros no concello (ver detalles).

O pretor Décimo Xunio Bruto, alcumado posteriormente O Galaico estivo en terra eumesa a finais do século II antes de Cristo, asediando e conquistando os asentamentos ártabros. A partir dese momento comeza o proceso de romanización cuxa pegada marcou profundamente a historia destas terras. Da cultura romana consérvanse os restos de dúas vilas romanas á beira do mar en Centroña e Sopazos.

Por terras eumesas pasaba unha vía romana secundaria nomeada por Eugenio Carré Aldao[10]. Un achado illado desta época é a cabeza cuadriforme atopada en 1924 nas obras de ampliación da estrada de Pontedeume a Ombre, que se encontra no Museo Arqueolóxico da Coruña.

Idade Media [editar]

Son os suevos os que, coa súa pretensión de organizar a igrexa galega na segunda metade do século VI, nos proporcionan as mencións máis antigas dos territorios radicados na comarca eumesa de Pruzos (ao sur do Eume) e Bezoucos (ao norte do río) que con tempo pasarían a constituíren arciprestados. Entre os anos 572 e 583 as igrexas dos territorios mencionados adscríbense á diocese de Iria.

Polos documentos do Parroquial suevo e o Tombo de Caaveiro sábese que no século X a comarca eumesa dependía eclesiasticamente de Bretoña.

Non se pode negar a chegada dos musulmáns a terra eumesa aínda que permanecesen por pouco tempo. Os historiadores dos primeiros séculos da reconquista falan dunha batalla gañada aos musulmáns polo rei Froila I en Pontumio. Non hai certeza do seu emprazamento; aínda que algúns autores sitúano en Pontedeume, outros como Antonio López Ferreiro, nas beiras do río Umia e mesmo algúns en Portugal.

No ano 820 durante o reinado de Afonso II O Casto, o caudillo Abd-el-Kerím, chamado nas crónicas cristiáns Alaber, fixo unha incursión seguindo a costa e sempre cara ao norte, atravesou a terra eumesa e foi derrotado polas tropas de Afonso II, segundo todas as posibilidades, en terras de Narón. Algúns autores supoñen que asistira o propio rei ao combate.

A mediados do século VIII aparecen os normandos nas costas galegas. Hai constancia de incursións en terras mariñáns. Despois das primeiras acometidas, os habitantes da costa retiráronse atemorizados cara ao interior, como fixeran os da Coruña que se acolleran ao Burgo. É de supoñer que Pontedeume, agochado no fondo da ría, vise daquela, por esta causa, acrecentada a súa poboación dun xeito considerábel.

Ao comezo da Baixa Idade Media Pontedeume achábase en terras do Condado de Trastámara que abranguía as terras comprendidas entre o Tambre e o Sor. Á fronte deste condado estaban os Condes de Traba pertencentes á familia Fróilaz-Pérez. O máis salientábel foi Pedro Fróilaz. Un dos seus fillos, Bermudo Pérez de Traba, fundou o mosteiro de Nogueirosa en 1148.

Para se protexeren dos señoríos laicos e eclesiásticos, xorden por mandato real no século XIII os alfoces de Ferrol (coa freguesía de Mugardos), Vilalba, Pontedeume e As Pontes cuxa xurisdición correspondía exclusivamente ao rei.

Selo de Afonso X, rei que outorgou a Pontedeume a súa Carta-Póboa

Concretamente, Pontedeume obtén de Afonso X o Sabio a súa Carta-Póboa o 30 de decembro de 1270 que instaba aos veciños de Pruzos e Bezoucos a que funden unha vila no lugar da Ponte Deume. Esta fúndase cun amplo alfoz en ambos arciprestados moi fragmentado por mor das posesións eclesiásticas e nobiliarias.

Pouco máis dun século durou a independencia dos nobres pois o 19 de decembro de 1371, o rei Henrique de Trastámara concede a Fernán Peres de Andrade, O Boo os señoríos de Pontedeume e Ferrol e dous anos máis tarde, o 3 de agosto de 1373, o de Vilalba. Simultaneamente concedéralle a García Rodríguez o señorío das Pontes. Deste xeito desapareceron os señoríos reais que había na comarca

Fernán Pérez de Andrade, O Boo inicia a liñaxe da Casa de Andrade que gobernará Pontedeume ata o final da Idade Media. Houbo un total de oito señores de Pontedeume ata a fusión no século XVI da Casa de Andrade coa Casa de Lemos. Durante estes 200 anos os Señores tiveron que facer fronte a dous levantamentos protagonizados por Roi Xordo durante o mandato de Nuno Freire de Andrade, o Mao; e Alonso de Lanzós en tempos de Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, dentro das revoltas irmandiñas. Entrambos feitos é salientábel a protesta de Pedro Padrón, veciño de Ferrol, perante o rei polos abusos e arbitrariedades que dita vila sufría de Pedro Fernández de Andrade II.

O oitavo señor de Pontedeume, Fernando de Andrade, foi nomeado primeiro Conde de Andrade.

Idade Moderna [editar]

Cátedra de Latinidade (actual Biblioteca Municipal)

Á morte de Fernando de Andrade ao redor do 1540, sucédeo o seu neto Pedro Fernández de Castro Andrade que xunta na súa persoa os condados de Andrade e Lemos. Isto supuxo un gran cambio na vila xa que os condes deixaron de residiren nela, o cal supuxo a perda do seu mecenado e protección. Os novos condes nomeaban contadores, mordomos de rendas e posteriormente administradores para velar polos seus intereses na vila que poucas veces visitaban.

Escudo no pazo de Raxoi
Igrexa parroquial, obra do arcebispo Raxoi

A vila e o seu alfoz estaban gobernados por dous alcaldes, un maior e outro ordinario ao que correspondía o goberno económico e político, e seis ou sete rexedores vitalicios. Ditos cargos eran nomeados polo conde. As reunións da Corporación eran convocadas polo alcalde ordinario pero presidía o alcalde maior, representante do conde e con voto decisivo.

Algúns destes alcaldes e rexedores son lembrados hoxe en día por teren sido benefactores da vila. Así, no século XVI Alonso Mancebo deixou unha parte do seu capital para dar de comer aos pobres e remediar as súas necesidades. A Fundación de Mancebo tivo longa vida chegando case ata os nosos días. Co paso do tempo, o Estado fíxose cargo da fundación, da que non quedou máis ca lembranza.

Neste mesmo século XVI o rexedor Xoán Beltrán de Anido deixou instaurada dunha Cátedra de Latinidade para dar instrución aos mozos da vila. Estableceuse esta cátedra na casa que habitaba o mesmo Beltrán de Anido e que actualmente ocupa a Biblioteca Municipal. Ademais da casa, deixou todos os seus bens para a mencionada institución. Das súas aulas saíron eumeses ilustres, sendo o persoeiro máis salientábel o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada.

Nesta época histórica, o concello estaba administrativamente encadrado na provincia de Betanzos desde finais do século XV, e así estivo ata a reestruturación provincial de 1833, ano en que pasou a formar parte da provincia da Coruña.

Os condes tiñan en Pontedeume unha serie de propiedades, prebendas e prerrogativas que lle supuñan unha fonte de ingresos moi substancial, se temos en conta o pouco tempo que lle adicaban desde a distancia. Non resulta estraño pois que foran frecuentes os litixios entre a vila e o conde. Houbo desencontros polo cárcere, os fornos do conde, o privilexio da venda do viño en xuño, a praza do peixe, o mesón, etc.

Así as cousas tivo que ser un fillo da vila, o arcebispo de Santiago, Bartolomé Raxoi e Losada, quen se preocupara de mellorar algúns aspectos e promovera obras para a comunidade. A el débense a igrexa parroquial, as lonxas dos mariñeiros, o pazo de Raxoi, as escolas de nenos e nenas, a Ermida de Covés e o amaño do convento de Santo Agostiño.

Idade Contemporánea [editar]

A comezos do século XIX, os ingleses trataron de conquistar a estratéxica praza militar de Ferrol. Nunha das súas tentativas, en 1804, a escuadra inglesa estivo fondeada na ría de Ares. Nos areais de Pontedeume fondearon algúns buques menores da flota.

Durante a guerra da Independencia estivo acampado en Pontedeume un escuadrón de cabalería ás ordes do tenente coronel Bédat desde o 20 de xaneiro ata o 2 de febreiro de 1809 cometendo varios excesos. Tamén está constatado o paso por Pontedeume do Batallón Literario de Santiago[11]

En xullo de 1823, volveran pasar por Pontedeume, camiño de Ferrol, as tropas francesas. Eran dous batallóns pertencentes ós cen mil fillos de San Luís que entraran en España ao mando do duque de Angulema coa fin de reinstaurar o absolutismo de Fernando VII. Entraran en Ferrol o 15 de xullo.

Durante a primeira guerra carlista proliferaron as faccións dun e doutro bando que deixaron triste lembranza pois eran máis patrullas de bandoleiros ca defensores dunha causa. Un destes facciosos, Modesto Varela, era natural de Pontedeume e fora enviado á cadea de Ceuta.

O século XIX foi pródigo en pronunciamentos de distintos signos políticos. Pontedeume sumouse ao pronunciamento de 1840 contra a rexencia de María Cristina de Borbón. No pronunciamento de 1843 o militar Manuel Rilo botou da vila ás tropas fieis ao goberno. O 20 de abril de 1846 o coronel Miguel Solís e Cuetos, que seis días despois sería fusilado en Carral, respondeu desde Pontedeume a un requirimento dos sublevados. Na sublevación republicana de Ferrol en 1872, os insurrectos foron alcanzados no lugar do Areal, en Cabanas, producíndose un intercambio de disparos no que caeu morto un soldado do goberno que foi enterrado no cemiterio de Pontedeume.

Juan Armada Losada, Marqués de Figueroa

Desde a segunda metade do século XIX e ata a década de 1960, a vila foi capital do partido xudicial, e o distrito electoral de Pontedeume estivo representado nas Cortes de Madrid por un deputado ata a ditadura de Primo de Rivera. Algúns destes deputados son lembrados polas súas xestións en algunhas obras públicas importantes para a vila. Mesmo algunhas rúas eumesas levan ou levaron o nome dalgún deles. Destacan Frutos Saavedra Meneses, Juan Armada Losada, Marqués de Figueroa, José Lombardero y Franco e Julio Wais Sanmartín.

Nos primeiros anos do século vinte cobra importancia no distrito eumés o Agrarismo, onde destaca a figura do eumés Valeriano Villanueva; e o Rexionalismo, movemento político-económico de organización campesiña dirixido a partir de 1907 por Solidaridad Gallega que, co apoio das sociedades agrarias, tentará por dúas veces, en 1910 e 1918, ter representación nas Cortes de Madrid coa candidatura do avogado e publicista ferrolán Rodrigo Sanz López, intentando rachar co poder caciquil, sen acadalo as dúas veces, ao ser derrotado a primeira vez por José Lombardero Franco e a segunda por Julio Wais Sanmartín, ambos do bando conservador[12].

A implantación en 1923 da ditadura de Primo de Rivera supuxo a fin da representación nas Cortes dun deputado elixido polo distrito, así como un freo ao asociacionismo.

As eleccións municipais que propiciaron a proclamación da Segunda República Española o 14 de abril de 1931 tiveron un desenvolvemento fraudulento en Pontedeume onde se chegou a cambiar unha urna en Nogueirosa. Isto provocou a súa repetición o 31 de maio das que saíron sete concelleiros da coalición ORGA-FRG, cinco do Partido Republicano Radical e tres do PSOE, elixindo como alcalde a Miguel Regueira Fernández. O novo goberno local tomou medidas de índole social e, xunto cos demais concellos da comarca, reivindicaron unha serie de demandas comúns. Todos eles dimitiron en bloque no ano 1932 para reclamaren unha solución ao conflito obreiro provocado polos despedimentos nos estaleiros ferroláns da Sociedade Española de Construción Naval -SECN-. Houbo neses anos constantes enfrontamentos da institución municipal cunha moi activa dereita confesional, que pasou a ser especialmente belicosa desde a consolidación da CEDA no paso do ano 1933 ao 1934.

A revolta obreira de 1934 contra o xiro á dereita do goberno nacional, especialmente forte en Asturias e Cataluña, tivo na comarca unha marcada repercusión que provocou algunhas mortes e numerosos detidos, entre os que se achaban catro concelleiros da corporación eumesa. O goberno do Partido Radical-CEDA nomeou delegado gobernamental en Pontedeume a Higinio Fernández Prieto quen cesou á corporación municipal o 10 de novembro e nomeou outra progobernamental con José Prado Rivas como alcalde. Esta nova corporación despediu a tres peóns municipais polas súas ideas esquerdistas e suspendeu as cativas subvencións do concello aos sindicatos locais.

Coa vitoria en febreiro de 1936 da Fronte Popular, foi nomeado Celestino Sardiña Navarro delegado do gobernador civil para restablecer as corporacións municipais da comarca que xurdiran das eleccións do ano 1931. Foron repostos moitos dos cargos públicos cesados en 1934 e os partidos políticos nomearon a outros para completaren as corporacións. O 9 de marzo Celestino Sardiña Navarro preside o pleno municipal de Pontedeume no que nomea a Manuel López Seijo como alcalde[13].

Antigo cárcere onde estiveron recluídos do 18 ao 23 de xullo persoas afectas aos sublevados

Curto sería o mandato do socialista Manuel López Seijo, último alcalde republicano de Pontedeume. O 17 de xullo de 1936 sublévase o exército de África, téndose noticia en Pontedeume o mesmo día. Ao día seguinte, segundo instrucións do Goberno Civil, establécese un Comité de defensa da República con persoas dos partidos fieis ao goberno lexítimo e algúns carabineiros e veciños mal armados. Dito Comité levanta unha barricada na ponte do Eume e sitúa un control en Campolongo, pon baixo vixilancia os locais estratéxicos e requisan armas. Así mesmo deteñen a varias persoas sospeitosas de seren afectos aos sublevados.

Ás oito da mañá do xoves 23 de xullo sae de Ferrol cara Pontedeume unha columna do Rexemento de Artillería á que se lle unen quince gardas civís e dez falanxistas. Chegan a Pontedeume sobre as once e logo dun pequeno tiroteo na barricada da ponte, entran en Pontedeume sobre o mediodía sen apenas achar resistencia. Os defensores da legalidade republicana tentan escapar polo monte Breamo.

A represión nos días e semanas seguintes foi brutal. Houbo detencións e cárcere, paseos ou fusilamentos. Os máis afortunados foron condenados a traballos forzados no muro da rúa de Porto. Outros conseguiron permanecer agachados ou fuxir cara ao monte onde se unirían á resistencia ou irían ao exilio. As mulleres eran castigadas co corte de pelo ao rape. Omitindo casos dubidosos e aqueles que foron asasinados posteriormente, o historiador Bernardo Maiz contabiliza vinte e cinco veciños de Pontedeume asasinados entre 1936 e 1939[14].

A primeira corporación municipal franquista é designada o 28 de xullo de 1936 polo Comandante Militar da vila, sendo elixido presidente da Comisión Xestora o procurador Jesús Calvo Patiño.

Durante os primeiros anos do novo réxime, moitos dos fuxidos da comarca agacháronse nas Fragas do Eume. Co paso do tempo, o Partido Comunista organizounos en partidas de guerrilleiros que chegaron a cometer diversos golpes e atentados con consecuencias mortais nalgúns casos. A súa actividade foi minguando co paso do tempo debido ao acoso continuo da Garda Civil. Aínda así, o último guerrilleiro da Fraga, Pancho, caíu nunha emboscada en Ombre o último día de 1954[15].

O período franquista está marcado pola figura do alcalde Juan Sarmiento Patiño en cuxo longo mandato, de 1939 a 1970, o concello sufriu unha profunda transformación.

Juan Sarmiento sería relevado na alcaldía por Celestino Sardiña Fernández que se mantería nela ata 1987, xa instaurada a democracia en España. Durante a súa primeira etapa de alcalde franquista conmemorouse con diversos actos o Sétimo Centenario da fundación de Pontedeume e levouse a cabo a construción do grupo escolar da vila ao que se lle puxo o nome de Couceiro Freijomil. Celestino Sardiña continuou sendo alcalde durante os anos da Transición e os primeiros de eleccións democráticas, gañando as dúas primeiras nas filas de Alianza Popular.

Nas eleccións de 1987 foi elixido alcalde Belarmino Freire Bujía, do PSOE, que gobernou durante vinte anos, sempre en coalición con distintos partidos. Despois de máis de medio século, Pontedeume tiña de novo un alcalde socialista.

En 2007 recupera a alcaldía a dereita, da man de Gabriel Torrente Piñeiro do Partido Popular, revalidando en 2011 a alcaldía con maioría absoluta.

Actualmente, Pontedeume é unha vila coñecida sobre todo pola súa actividade turística, derivada das súas praias, do parque natural das Fragas do Eume e do patrimonio histórico e artístico como o Torreón e o Castelo dos Andrade. Tamén destaca a súa función de vila de servizos actuando neste eido como centro comarcal.

Cultura [editar]

Toponimia [editar]

Evidentemente o nome do concello fai referencia á ponte sobre o Eume. Sobre o topónimo do río, o historiador Luís Monteagudo García[16] considera que o término Eume deriva de Uma, xentilicio etrusco que designaría ao Procurator metallorum do val do Eume e a súa zona aurífera. É dicir, o topónimo viría do nome do procurador responsable das extraccións auríferas no val do Eume, xa que, segundo algúns historiadores, o Eume era un río aurífero.

Patrimonio [editar]

Patrimonio arqueolóxico [editar]

Túmulos [editar]

Grupo de Seixas na parroquia de Andrade:

  • Seixas I: En regular estado de conservación, posúe un balado de 1,5 metros de alto en todo o contorno agás polo leste onde levanta 40 centímetros. Áchase nun terreo en ladeira adicado a arborado de repoboación.
  • Seixas II: As mesmas características e dimensións ca Seixas I.
  • Seixas III: Emprazado nunha chaira con arborado de repoboación, áchase en moi mal estado.

Dous túmulos en Pena Grande, parroquia de Ombre:

  • Pena Grande I: En regular estado de conservación, está situado nun cume con arborado e monte baixo. Ten un diámetro de 22 metros e unha altura entre 50 e 80 centímetros.
  • Pena Grande II: En ladeira con arborado de repoboación, ten un diámetro de 12 metros e 30 centímetros de altura. Atópase en moi mal estado de conservación, practicamente arrasado.

Dous túmulos no Campo da Carreira da parroquia de Ombre:

  • Campo da Carreira I: Nunha chaira con arborado e monte baixo, ten unha longura de entre 16 e 18 metros e 50 centímetros de alto. Moi mal estado de conservación.
  • Campo da Carreira II: Está practicamente arrasada. Situada nunha chaira con arborado e monte baixo, ten 11 metros de diámetro e 30 centímetros de alto.
Castros [editar]
Castro da Insua
  • Couto da Nogueirosa: situado no lugar de O Castro, na parroquia de Nogueirosa. Está formado por un recinto aterrazado que se asenta sobre un segundo recinto rodeado por un sistema defensivo que se conserva nalgúns tramos. Presenta diferentes alteracións.
  • Castro da Insua ou das Insuas: é un castro costeiro situado nunha península no lugar da Barreira, na parroquia de Boebre. Está defendido por un único parapeto no istmo que o une á terra. Polo seu lado oeste está arrasado polo mar, e no leste as labores agrícolas desmontaron parte do parapeto defensivo. En 2011 foi obxecto dunha prospección arqueolóxica, realizándose achádegos de distintas épocas: desde cerámica castrexa ata lápidas sepulcrais e ósos humanos correspondentes á época na que se achaban alí o cemiterio e a igrexa da parroquia de Boebre.
  • Castro de Centroña: famoso por atoparse nel un torque de ouro en 1912 que se conserva no Museo Arqueolóxico de Lugo. Está no cumio dun monte de escasa altura no lugar de Castrelo, parroquia de Centroña. Consta dun recinto principal amurallado rodeado á súa vez por un antecastro no lado norte e oeste. Circúndano, na súa totalidade, un importante sistema de terrazas.
  • Castro de Chao: áchase no lugar de Chao na parroquia de Ombre. Está arrasado polos cultivos, conservándose só unha parte do recinto principal que puido ser de forma alongada.
  • Castro de Andrade: no lugar dos Castros da parroquia de Andrade. Está nunha ladeira e posuía dous grandes recintos fortificados dos que só se conserva o superior e un complexo sistema defensivo de muros e foxos.
  • Castro da Orela: situado no lugar homónimo na parroquia de Ombre. Componse dun recinto principal circular defendido por unha muralla. No seu lado norte encóstase un antecastro que presenta as mesmas características defensivas que o recinto principal. Áchase moi arrasado pola existencia dunha canteira, un recheo de entullos e un camiño.
Estacións arqueolóxicas romanas [editar]
Praia de Sopazos, sobre a cal se descubriron restos dunha vila romana
  • Vila Romana de Centroña: situada no lugar do Portiño na parroquia de Centroña, atopada no ano 1950 é un exemplo de villae e mare. Está moi alterada pola acción erosiva do mar mais, con toda probabilidade, aínda existan ocultas diferentes estruturas. Na campaña de escavación que se efectuou no ano 1951 descubriuse unha gran sala pavimentada con mosaico, cuxos restos se trasladaron ao Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón da Coruña, e coas paredes recubertas de estucados moldurados e pintados, aberta cara á ría a través dunha presunta sucesión de fiestras e pilastras alternadas, o que fai supor a existencia dunha galería corredor.
  • Sopazos: no lugar homónimo moi preto do centro urbano. É un asentamento costeiro moi arrasado pola acción costeira e do home. A pesar de todo e posíbel que se conserven estruturas debaixo das actuais terrazas que o cobren. Ángel del Castillo descríbeo a principios de século do seguinte xeito:
Un lugar formado ata agora por unhas sete casas pequenas, de forma rectangular e muros de cachotaría, todas con escaleiras de entrada... con chanzos... de canteiría labrada... pedras de canteiría... a clave dun arco, unha pedra de fogar, unha especie de basa... restos de ánforas romanas.

Patrimonio arquitectónico [editar]

Edificios [editar]
Soportais da Rúa Real

No centro urbano:

No resto do concello:

Prazas [editar]
Estatua da panadeira, na praza do Pan, obra do escultor José Díaz Fuentes
  • Da Angustia ou das Angustias: pequena praza por onde entraba o camiño real no recinto intramuros a través da porta sur. Está dotada de fonte e cruceiro. Nunha das súas casas morou durante os seus anos mozos o escritor eumés Ramiro Fonte.
  • De España: fíxose nun solar que quedou ao comezo da rúa Real segundo se sae da ponte do Eume, cando en 1903, o concello expropiou e derrubou o Arco de Maldonado e outras dependencias da mesma propiedade.
  • De San Roque ou da Calzada: xorde no primeiro lugar extramuros de expansión da vila, a rentes do camiño real e próxima á porta sur da muralla. Foi escenario de mercados de froitas, hortalizas, animais e gran.
  • Do Conde: o nome venlle do Pazo dos Condes de Andrade que se achaba nun dos seus laterais. Cando foi derrubado este, sufriu unha profunda transformación que culminou coa construción no seu lado sur do mercado municipal.
  • Do Convento ou de Santo Agostiño: cando se construíu o convento de Santo Agostiño quedou, a modo de adro, un espazo diante do convento e a súa igrexa, separado da vila pola muralla. Ao se derrubar esta, o adro quedou unido á rúa de Santo Agostiño actuando como praza pública na que tiña lugar a venda de encaixes, madeira e froita. A raíz da demolición da igrexa do convento en 1866, sufriu unha remodelación que lle deu un aspecto que se mantivo ata 1970, ano en que mudou a un estilo máis moderno co gallo do sétimo centenario da fundación da vila. O seu aspecto actual provén da derradeira década do século XX.
Praza Real
  • Do Pan: en 1713 o solar onde se ubica esta praza era de propiedade privada. Nese ano o concello permuta un alfolín, ou depósito de sal, que posuía na entrada da ponte. Na permuta se especificaba que a propietaria do solar se comprometía a construír outro alfolín no solar permutado para uso público. No ano 1850 derrúbase o alfolín e constrúese un posto de venda de pan. En 1940 está tan deteriorado o posto do pan que se procede á súa demolición e á pavimentación da praza, que pasa a denominarse dos Voluntarios. O aspecto actual da praza data de 1984 e é obra do escultor de Sarria, José Díaz Fuentes, quen incluíu unha estatua de bronce no centro da praza dunha muller amasando pan. A corporación municipal, en acordo de 14 de xullo de 1989, dalle o nome de Praza do Pan en lembranza da súa antiga función.
  • Real: é, con toda probabilidade, a praza máis antiga da vila, onde se celebraban as feiras do último domingo de cada mes. Co paso do tempo a praza foise quedando pequena e fíxose necesaria a ampliación. Aproveitando o incendio de 1607 o concello adquire os solares da parte inferior e procede á ampliación da praza en 1617. O aspecto actual apenas mudou desde entón.
Pontes [editar]
Ponte de pedra
Ponte de ferro
  • Do Eume: chamada ponte de pedra polos eumeses, a primeira referencia escrita é de 1162 e refírese a unha ponte de madeira. Porén xa debía existir desde tempo inmemorial para comunicar ambas marxes do río, habitadas desde tempos remotos. A finais do século XIV, Fernán Peres de Andrade, O Boo, manda construír unha ponte de cantería. Dita ponte tiña 78 arcos e dúas torres: entre os arcos 8º e 9º a Torre da Ponte, e entre os arcos 40º e 41º a Torre do Risco. Entre os arcos 2º e 3º estaban, sobre unhas peañas, os símbolos de Fernán Peres: o oso e o xabarín. Ao final da ponte había un cruceiro. Tamén había un hospital de peregrinos entre os arcos 19º e 20º. A ponte foi reparada en varias ocasións dos desperfectos que ocasionaban as crecidas do río, mais non puideron evitar o deterioro progresivo da ponte. Así, desaparece o hospital entre 1791 e 1820 e en 1843 desaparecen as torres e os símbolos dos Andrade. Finalmente, derrúbase a ponte e constrúese unha nova entre 1863 e 1873, inicialmente con 11 arcos que se amplían progresivamente ata os 15 actuais. O oso e o xabarín da ponte de Fernán Peres están hoxe en día na rotonda que hai ao comezo da ponte.
  • Do Ferrocarril: coñecida popularmente como ponte de ferro, foi rematada no ano 1910 para a liña de ferrocarril Betanzos-Ferrol, inaugurada en 1913. Ten tres vans con luces de 40, 70 e 40 metros. Os tramos de acceso e as pías son de perpiaños graníticos, con pedra traída da canteira da Graña, en Ferrol[17].
  • Da Autoestrada: aberta ao tráfico en 1999 dentro do último tramo da AP-9 cara a Ferrol. Ten unha lonxitude de 334 metros.
Fontes [editar]
Fonte do Pílón co Torreón ao fondo
  • A Fontenova: aparece citada por primeira vez en 1777 e foi construída por mor do mal estado das demais fontes da vila, nun momento no que o concello andaba escaso de recursos.
  • De Santiago: é de 1751 e está na rúa Mancebo. As súas aguas veñen do coto de Breamo.
  • De Santo Agostiño: chamada tamén do chafariz ou do convento, é a máis antiga da vila e a única existente ata 1671, ano en que se constrúe a fonte do Pilón debido á mingua do manancial da de Santo Agostiño que a facía insuficiente para o consumo de toda a vila.
  • Do Pilón: foi feita en 1671 na Praza do Conde para paliar a escaseza de auga da fonte de Santo Agostiño. Aliméntase de mananciais do monte Breamo canalizados ata o seu emprazamento. Fixérase un ramal para unha fontiña no xardín do pazo dos condes, baixo a condición de que os condes aportaran un terzo das reparacións que necesitase a fonte. Ten catro canos e un pío, de aí o seu nome. En 1943 foi desprazada uns metros cara o oeste.
  • Outras fontes son a de Porto, a das Virtudes, a da praza da Angustia e a da parte alta do adro da igrexa.

Patrimonio cultural [editar]

Patrimonio natural [editar]

Alameda de Raxoi no outono.
Xardíns de Lombardero.
  • Alameda de Raxoi: no lugar que ocupaba a horta do convento de Santo Agostiño. Foi usado como lugar de feiras, mercados e verbenas.
  • Área recreativa do Monte Breamo: lugar de lecer con mesas e barbacoas no entorno da Ermida de San Miguel de Breamo.
  • Esteiro do Río Eume: pouco antes da desembocadura, o río Eume forma un amplo esteiro que alberga unha importante riqueza faunística.
  • Parque Natural das Fragas do Eume: importante exemplo de bosque atlántico. Parte do seu territorio áchase no concello de Pontedeume.
  • Praias: no termo municipal hai catro praias principais, amais dalgunhas pequenas calas que en marea chea apenas teñen superficie. Unha destas calas, a da Insua, en fronte da illa Carboeira e ao pé do castro homónimo, é usada por nudistas. As catro praias principais son, de norte a sur:
  • Sopazos: situada a continuación do porto de Pontedeume, ten uns 300 metros de lonxitude. Está moi preto da vila e ten o inconveniente quedar moi reducida en marea chea e a abundancia de rochas. Nunha delas erixiuse un monumento á virxe do Carme, patroa dos mariñeiros. Non posúe servizos, agás duchas de auga doce.
  • Centroña: na parroquia homónima, ten un centenar de metros de lonxitude e un par de fermosas calas cara ao oeste. En marea chea redúcese moito. Non ten servizos turísticos, agás unha ducha de auga doce.
  • Ver: áchase no lugar homónimo da parroquia de Boebre, a súa lonxitude é duns 250 metros. Durante os primeiros anos da década de 1970 construíuse unha urbanización de pisos e apartamentos, demasiado grande para o tamaño da praia. Formando parte dela fíxéronse unha cafetería e un hotel excesivamente preto da praia, de feito o hotel tiña saída directa ao areal; no ano 2008 foron derrubados para axustarse á Lei de Costas[18]. No entorno da praia hai dous campings.
  • Andahío: no lugar da Herbosa da parroquia de Boebre está esta praia duns 250 metros de lonxitude, contigua á praia de San Pedro xa no concello de Miño, coa que na realidade forma unha soa praia coñecida como praia de Perbes. Está ben dotada de servizos turísticos, repartidos entre os dous concellos: campings, restaurantes, porto deportivo e apartamentos.
  • Xardíns de Lombardero: ao se expropiar o Pazo dos Andrade, parte da horta do conde que se extendía pola parte posterior do pazo foi destinada a uns xardíns públicos que levan o nome do deputado polo distrito de Pontedeume, José Lombardero.

Etnografía [editar]

Pontedeume na cultura popular[19] [editar]

Documentados no concello:

  • Se te chega a auga antes do vento, colle a vela e métea dentro.
  • Cronco rapado foi polo río, caíulle a pucha e morreu de frío.
  • Ceo escamado, vendaval ó rabo.

Referencia a lugares do concello:

  • Borraxeiro no Castelo, peixiño no caravelo.
  • A Chao de Vilar vai quen pode andar.

Festas e celebracións [editar]

Día de Feirón diante do Mercado.

Seguindo unha orde cronolóxica a partir do comezo do ano, destacan:

O Feirón [editar]

Celébrase tódolos sábados desde finais dos anos setenta do século pasado. Nas rúas e prazas da vila espállanse distintos postos onde se vende todo tipo de mercancía propia das feiras: desde produtos da terra ata roupa, pasando por utensilios, louza, antigüedades, artesanía, etc. Moitos eumeses mercan no Feirón o moi apreciado o queixo do país que, de forma artesanal, se elabora nas parroquias rurais.

O Antroido [editar]

O nome é a variante dialectal do Entroido nestas terras. Fortemente arraigado no concello, a primeira referencia documental que se ten del é de 1840, aínda que ata 1900 non se fai referencia a un dos elementos máis característicos do entroido eumés: as comparsas, que nun principio compoñían letras e músicas orixinais para seren cantadas. Actualmente utilizan a música de cancións populares e escriben letras críticas con algún aspecto da vida local ou nacional. Segundo a tradición oral, a primeira comparsa, Os larpeiros, xa existía en 1890.

A Semana Santa [editar]

De gran tradición, téñense referencias escritas de 1630. Desde o Xoves Santo ata o Domingo de Resurrección escóitase o son producido polas carracas, instrumentos de percusión instalados nunha das torres da igrexa parroquial en 1765.

Comeza coa procesión que sae da ermida das Virtudes o Domingo de Ramos. Continúa o Xoves Santo coa procesión do Viacrucis Mariñeiro, adaptación local da Procesión do Silencio.

Na madrugada do Venres Santo transcorre a xenuinamente eumesa Marcha do Paso que percorre as rúas da vila ao son da mesma e reiterada peza musical. Remata no albor do Venres Santo no Encontro na Praza Real das imaxes de San Xoán, A Verónica, Cristo e a Virxe das Dores.

Na noite do Venres Santo desenvólvense as procesións do Enterro, ou dos homes, e da Soidade, ou das mulleres, en completo silencio.

Remata a Semana Santa o Domingo de Resurrección coa procesión do Cristo da Custodia arredor do adro da igrexa.

Os Maios [editar]
Maio tradicional.

Teñen lugar o primeiro de maio para celebrar a chegada do mes e o augurio dunha boa colleita. Os rapaces confeccionan maios, estruturas compostas por varas, mirtos, flores e laranxas bravas; e maquetas de motivos locais, como o castelo ou o torreón, cubertas de follas e flores. Son levados por catro nenos que antano ían de casa en casa e cantaban a cambio de algo.

Celébrase un concurso que premia aos mellores maios e báilase a recuperada Danza do Biouteiro que simboliza a chegada do maio.

Romaría de San Miguel de Breamo [editar]

Antigamente celebrábase unha vez ao ano, o 29 de setembro, día de San Miguel, pero desde hai xa moitos anos faise tamén o 8 de maio. Deste xeito, as dúas romarías marcan o comezo e o remate das celebracións estivais. Os romeiros soben a pe desde a vila ao cumio do monte Breamo onde está a ermida de San Miguel. Alí os romeiros fan as comidas campestres amenizadas por gaiteiros. Antes do xantar sácase unha imaxe do santo en procesión ao redor da ermida. Unha tradición di que se pode pedir un desexo a San Miguel dando unhas voltas en silencio ao redor da ermida, porén non hai acordo canto o número de voltas sendo tres ou sete o máis aceptado.

Fogueiras de San Xoán [editar]

Como no resto de Galicia, son tradicionais as fogueiras de San Xoán a véspera de San Xoán. É tradicional comer sardiñas asadas ao carón do lume. Durante a noite déixase auga mesturada con flores e plantas aromáticas para lavarse a cara con ela na mañá de San Xoán.

Feira Medieval [editar]

Tamén chamado Feirón dos Andrade, celébrase a primeira fin de semana de xullo. Durante estes días moitos veciños vístense á usanza medieval. É moi frecuentada desde a súa primeira edición de 2010.

Festas do Carme [editar]

O 15 e 16 de xullo celébranse as festas da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que a sacan en procesión marítima o 16, día do Carme. A imaxe da virxe vai presidindo a barca que encabeza a procesión ata a entrada da ría.

Antroido de verán [editar]

Comezouse a celebrar en 2005 no primeiro fin de semana de agosto por un grupo de hostaleiros da vila para atraeren xente. É unha festa que vai crecendo ano tras ano, como o testemuña a gran cantidade de disfraces que se poden ver polas rúas da vila. Hai premios aos mellores disfraces.

As festas das Peras [editar]

Remóntanse a comezos do século XIX, cando o concello acordou celebrar grandes festas na praza de San Roque, e anuncialas por tódalas parroquias e aldeas de arredor para acadar a maior concorrencia posíbel. O motivo non era outro que darlle saída á gran abundancia de froitos cuxa exportación era imposíbel, de aí venlle o nome das Peras. Celébranse do 7 ao 11 de setembro, tendo cada día as súa características propias:

  • Día 7: Comezan as festas coa alborada e a saída dos Mómaros (parella de xigantes de cartón-pedra) e Cabezudos (rapaces cunha gran cabeza de cartón-pedra) que fan a ledicia dos máis pequenos. Saen tódolos días das festas agás o último. Polo serán a lectura do Pregón a cargo dunha personalidade eumesa ou relacionada co concello é o comezo oficial das festas.
  • Día 8: É o día da Virxe das Virtudes. Destaca a cucaña marítima, competición na que os rapaces da vila compiten por coller unha bandeira ao final dun pau untado de sebo colocado na proa dunha embarcación. A queima do galán, un artefacto pirotécnico que non para de xirar, marca a fin da cucaña.
  • Día 9: Celébrase o Concurso de froitas na Alameda de Raxoi, onde se premian os mellores lotes de froita de diferentes clases.
  • Día 10: Xunto con o día 8, é o día grande por ser a festividade do co-patrón da vila, San Nicolás de Tolentino. Ofíciase unha misa solemne na que se bendicen os boliños protectores do lume e se renova o Voto de San Nicolás. Na medianoite os Fogos de Artificio, coa batalla naval, é un dos momentos máis agardados das festas.
  • Día 11: A festa trasládase ao río Eume. A xente sobe o río en barcas ata un lugar coñecido como o Campo da Festa, levando as súas viandas dispostos a pasar unha xornada de xolda. A volta comeza cando remata o día. Esta festa coñecese como a Xira ao Eume.
Festas patronais nas parroquias [editar]

Merecen mención tamén as distintas festas das parroquias:

  • Andrade: San Martiño o 11 de novembro.
  • Boebre: Santiago o 25 de xullo.
  • Centroña: A Asunción o 15 de agosto.
  • Nogueirosa: San Cosme o 26 de setembro.
  • Ombre: O Espírito Santo con data variábel en maio ou xuño.
  • Vilar: San Pedro o 29 de xuño e Santa Margarida o 20 de xullo, esta última no lugar de Campolongo.

Folclore [editar]

En 1986 recuperouse a tradición vinte e cinco anos esquecida de bailar a Danza do Biouteiro, que é un modo de representar os maios en forma de danza.

No eido musical, a peza musical que se interpreta na Marcha do Paso pódese considerar xenuinamente eumesa.

Gastronomía [editar]

Unha costrada, prato típico de Pontedeume

O produto máis característico da cociña eumesa é a costrada, unha especie de empanada de varias capas elaborada con carne, peixe ou marisco. Conta a tradición que a trouxeron no século XII ao mosteiro de Caaveiro, uns monxes agostiños procedentes de Italia. É un produto caro que so se fai por encarga nalgunhas confeiterías e restaurantes da vila, normalmente co gallo dalgunha festa ou celebración.

Outros produtos locais con sona son o queixo do país, os melindres, as rosquillas, a biscoitada e maila proia manteigada.

Canto a bebidas destacan o viño romano feito da uva romana das cepas que se cultivan nas parroquias bañadas polo Eume, tanto en Pontedeume como en Cabanas. É este un viño de moi pouca graduación que se destina, case na súa totalidade, ao consumo privado. A abundancia de guindeiras fai que se elabore o licor de guindas, moi apreciado nas mesas eumesas en calquera celebración.

Artesanía [editar]

Varios son os artesáns que desenvolven o seu traballo no concello[20]:

  • Palilleiras: A artesanía das palilleiras importouse de Camariñas e xa está arraiga no concello, ata o punto de que existe unha asociación cultural denominada Palilleiras Eumesas que realiza cursos e exposicións de traballos.
  • Instrumentos de percusión.
  • Restauración de mobles.
  • Tapices.
  • Artesanía alimentaria.

Tradición oral [editar]

Moitas son as lendas referentes a diversos lugares ou costumes do concello. Algunhas son[21]:

  • A ponte do Eume e o demo:
No medievo una fermosa filla do señor de Andrade de nome Minla, estaba namorada dun mozo chamado Ledán que vivía na outra beira do río. Como non había ponte, Ledán cruzaba a nado tódolos días o río despois do traballo para ver á súa amada. Un día sorpréndeo a tormenta e morre afogado. Minla escoita o seu berro de agonía e acode correndo, mais non pode chegar onda el porque se acha ao outro lado do río. O demo ofrécelle facer unha ponte para que poida pasar coa condición de que lle venda a alma. Desesperada, Minla acepta pero pon tamén a súa condición, i é que a ponte estea rematada antes de que cante o galo do curral dos Andrade. O demo traballa ben a présa pero non pode rematar antes do pactado: cando canta o galo aínda lle queda un arco por facer. Xa que logo sen perder a súa alma, Minla pasa á outra beira saltando o arco que falta.
Por ser feita a ponte polo demo nunha noite chamouse Ponte do Demo, que se foi transformando primeiramente en Pontedemo e logo, en Pontedeume.
  • O castelo da fame en Nogueirosa:
En tempos dos señores de Andrade, o seu castelo estaba custodiado polo alcaide Pero Lopes. A señora de Andrade, dona Guiomar acostumaba a ir no verán ao castelo coa súa doncela Elvira a quen o alcaide lle facía as beiras, mais Elvira non lle facía caso por estar namorada de Mauro, un xove paxe do señor de Andrade.
Coa chegada do inverno, Pero Lopes preparou a súa vinganza e secuestrou aos dous mozos nos calabozos do castelo. Pasados os días, os señores de Andrade pensaran que a desagradecida parella escapara. Durante o seu cativerio leváballes a comida un servente negro e mudo do alcaide de nome Zalemi. Un día Mauro conseguiu golpear a Zalemi e ferilo de morte pero este conseguiu saír do alxube e pechalo. Cheo de medo, o alcaide non se atreveu a levarlles comida e os namorados morreron de fame.
Chegou a primavera e o alcaide tornou a facer as beiras ás mulleres da comarca. O noivo dunha delas, ante o acoso á súa moza, feriuno de morte. O señor de Andrade foi visitar ao alcaide nas súas últimas horas e este, cheo de remorsos, confesoulle o seu crime. Alí mesmo, sacou o señor a súa daga e matou ao alcaide. Cando foron aos calabozos acharon a Elvira nos brazos de Mauro, que era un fillo natural do señor de Andrade. Desde entón se coñece ao castelo como o castelo da fame.
  • As tres doncelas transparentes:
Contan que hai moitos anos, onde hoxe está o amplo esteiro do Eume, o río era máis estreito e había unha gran cidade a ambas marxes que era moi rica e próspera, a súa fama era tal que chegaban barcos de países moi afastados atraídos pola súa sona, mais tamén souberon os piratas da súa opulencia e facían rapinas que provocaban destrución e morte. Fíxose necesario facer un castelo defensivo no alto do monte.
Os cabaleiros e soldados baixaban do castelo á cidade nos seus ratos libres. Había na cidade unha casa de moita sona habitada por tres fermosísimas doncelas cuxos corpos eran transparentes. Chegaran un bo día á cidade e ninguén sabía de onde viñan. O certo é que, a pesar da beleza das donas do lugar, os homes estaban engaiolados con estas doncelas e as súas festas, que remataban cando xa saíra o sol e nas que se comían os máis exquisitos manxares e se bebían os mellores viños de Betanzos.
O alcaide do castelo comezou a preocuparse con tanta festa pois os soldados chegaban cansos aos seus postos e a cidade estaba quedando desprotexida. Foi ás fragas do Eume a pedirlle consello a un sabio que habitaba nelas. Cando lle falou das tres doncelas, a faciana do sabio mudou de repente e díxolle que non había nada que facer. Coñecía moi ben ás tres doncelas e explicoulle que estaban apodrecendo aos homes e á cidade enteira. O lugar estaba maldito.
O sabio díxolle ao alcaide que se fose ao castelo e que non saíse en toda a noite. Despois subiuse a unha pena e botou un conxuro que trouxo unha tremenda treboada con fortísimos ventos e chuvia incesante. A xente seguía divertíndose sen preocuparse, só pensaban en cando pararía a treboada, mais esta continuou e o nivel da auga crecía e crecía.
Cando saíu da súa fortaleza pola mañá, o alcaide só viu unha gran extensión de auga onde antes había casas e palacios. A cidade quedara asolagada.

Símbolos [editar]

O escudo e maila bandeira de Pontedeume foron aprobados polo Decreto 420/1996, do 21 de novembro (DOG nº 235, do 2 de decembro), da Xunta de Galicia onde di:

Escudo de Pontedeume.svg

Artigo primeiro.-Aproba-lo escudo heráldico do Concello de Pontedeume (A Coruña), que quedará organizado do seguinte xeito: De azur (azul), e sobre ondas de azur e prata (branco), unha ponte de prata sumada, á destra, dun oso de ouro (amarelo), pasante e contornado, e, á sinistra, dun xabaril pasante, do mesmo, e surmontado no centro dunha torre de prata. Ó timbre, coroa real pechada.


Artigo segundo.-Aproba-la bandeira do Concello de Pontedeume (A Coruña), que quedará organizada do seguinte xeito: sobre pano verde, a banda de amarelo.

Bandeira de Pontedeume.svg

Economía [editar]

Porcentaxe de traballadores por actividade

Sectores produtivos [editar]

A principal actividade do concello céntrase no sector servizos, que absorbe algo máis da metade da poboación traballadora, e case as tres cuartas partes das empresas radicadas en Pontedeume. A industria e a construción teñen un certo peso relativo absorbendo a primeira á cuarta parte dos traballadores e a segunda a case un quinto da poboación activa. O sector primario ten unha presenza simbólica dun 5%. Os datos completos en decembro de 2007 eran[22]:

Porcentaxe de empresas por actividade
Traballadores e empresas por sector de actividade
Sector Traballadores Empresas
Agricultura 116 13
Industria 612 30
Construción 413 42
Servizos 1187 230
Totais 2328 315

En Pontedeume teñen a súa sede dúas grandes empresas: Leite Celta e Einsa.

Canto ao paro rexistrado, en marzo de 2010 había un total de 667 parados o que supuña un 11,8% da poboación activa comprendida entre os 15 e os 65 anos.

Infraestruturas [editar]

Infraestruturas de transporte [editar]

Estación de FFCC de Pontedeume.
  • Estradas: A estrada nacional N-651 comunica o concello con Ferrol e Betanzos. A estrada provincial que enlaza a N-651 na Insua (Paderne) coa N-VI en Guísamo (Bergondo) comunica coa capital provincial. As estradas provinciais AC-564 (Cabanas-Goente) e AC-142 (Goente-As Pontes) comunican con As Pontes, onde se pode coller a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba para a comunicación con Lugo e Asturias.
  • Autoestradas: A Autoestrada do Atlántico AP-9 permite unha comunicación rápida con Ferrol, A Coruña e Santiago.
  • Ferrocarril: Hai unha estación de ferrocarril da liña Betanzos-Ferrol con servizo de viaxeiros a Ferrol, Betanzos, A Coruña e Madrid. Está proxectada unha estación da futura liña do AVE A Coruña-Ferrol no veciño concello de Cabanas.

Infraestruturas portuarias [editar]

  • Portos: A vila ten un porto pesqueiro e deportivo. Hai outros dous puntos de atraque deportivos na praia de Andahío (Boebre) e no río Eume ao remate do paseo marítimo.

Infraestruturas industriais [editar]

Infraestruturas turísticas [editar]

En 2011 o concello tiña os seguintes servizos turísticos[22]:

  • Centros de información: Oficina de turismo no Torreón dos Andrade e Centro de Interpretación das Fragas do Eume na parroquia de Ombre á entrada do parque natural.
  • Aloxamento: Dous hostais/pensións e unha fonda/casa de hóspedes.
  • Hostalería: Nove restaurantes e case un cento de bares/cafeterías.

Medios de comunicación [editar]

Prensa [editar]

O concello ten unha longa tradición xornalística que se remonta ao século XIX. Durante todo este tempo destacan as publicacións[23]:

Actualmente edítanse dúas revistas:

  • Cátedra: Subtitulada Revista Eumesa de Estudios sae puntualmente á rúa cada ano desde 1994. Está enfocada ao estudo e investigación da historia local. Edítaa o concello de Pontedeume[25].
  • Cadernos do Ateneo Eumés: Editada polo Ateneo Eumés Fernán Martís. O seu primeiro número saíu o 25 de outubro de 2003 e ten unha periodicidade anual. Nas súas páxinas trátanse temas de actualidade, tanto locais como nacionais ou internacionais. Tamén se poden achar artigos de diversa índole como os económicos ou os históricos[26].

Deporte [editar]

Monumento aos piragüistas
Pavillón de deportes A Casqueira

Varios son os clubs que representan ao concello nos deportes máis populares:

  • Club Firrete de Piragüismo: Está considerado como un dos mellores clubs de España, contando con numerosos títulos galegos e españois. Así mesmo, varios padexeiros do club foron campións ou subcampións de Europa e do Mundo.
  • Club de Fútbol Eume Deportivo: Con case medio século de historia é o decano dos clubs deportivos eumeses. Actualmente milita no grupo I (A Coruña) da primeira autonómica de Galicia. Foi premiado pola Xunta de Galicia polo seu traballo de promoción nas categorías inferiores.
  • Club Balonmán Pontedeume: Encadrado na liga rexional galega.
  • Club Pontumio de Baloncesto: Posúe numerosos equipos das categorías inferiores femininas, onde fan un gran labor de promoción.
  • Club Baloncesto Eume: De categoría masculina.
  • Peña Ciclista Leboreira: Fundada en 2003, centra a maioría das súas actividades no cicloturismo. Organiza desde o ano de fundación a Subida ao Castelo de Andrade tódolos meses de setembro, coincidindo coas festas de San Cosme de Nogueirosa, parroquia onde ten a sede. Desde 2004 leva a cabo a Cronoescalada ao monte Breamo no marco das Festas das Peras.
  • Club de Vela O Peixe.
  • Club Mariñas Altas de Colombofilia.
  • Club Eumés de Xadrez Torreón: Fundado o 8 de marzo de 2008, pretende encher o oco que deixaron os anteriores clubs xadrecísticos da vila, dos que chegou a haber ata catro á vez.

Individualmente é destacábel a figura do eumés Ignacio Iglesias Villanueva, único árbitro galego da Primeira División do fútbol español[27].

Servizos públicos [editar]

Educación [editar]

A oferta educativa para o curso escolar 2012/2013 inclúe un total de 8 centros, dos cales 6 son públicos e 2 privados concertados[28]. Isto supón un descenso con respecto ao curso 2011/2012 cando había 9 centros nos que 192 profesores impartían docencia a 1492 alumnos[22]. Por niveis educativos, ditos centros son:

Sanidade [editar]

Pontedeume ten tres farmacias e un Centro de Saúde con Punto de Atención Continuada, dependente da Área Sanitaria de Ferrol[29].

A oferta sanitaria privada inclúe centros de fisioterapia, psicotécnicos, podolóxicos, clínicas dentais, ópticas e consultas médicas[30].

Forzas de Seguridade [editar]

Amais dos efectivos da Policía Local, na parroquia de Vilar hai unha Casa-cuartel da Garda Civil cuxo ámbito de actuación abrangue os concellos de Pontedeume e Cabanas.

Política e goberno [editar]

Goberno municipal [editar]

Gabriel Torrente (PP) é o alcalde de Pontedeume dende xuño de 2007. Inicialmente, baixo o paraugas dun goberno de coalición entre PP e COE, rachado apenas dous meses máis tarde por desavinzas internas no grupo independente coaligado cos populares no goberno municipal. Nas eleccións de 2011 revalidou a alcaldía ao obter o seu partido 8 concelleiros, o cal lle permite gobernar con maioría absoluta.

Pontedeume contou unicamente con tres alcaldes ao longo da democracia: Celestino Sardiña (AP, 1979-1987), Belarmino Freire (PSdeG-PSOE, 1987-2007) e Gabriel Torrente (PP), dende 2007.

Grupos municipas [editar]

Desde as últimas eleccións de 2011, só tres partidos políticos teñen representación no concello: O PPdG con 8 concelleiros, o PSdeG-PSOE con 3 concelleiros e o BNG con 2 concelleiros.

O partido local Independentes en Pontedeume (IEP), que viña tendo representación nas tres anteriores lexislaturas, non logrou representación. Así mesmo, as eleccións de 2011 supuxeron a desaparición doutro partido local, o Círculo de Opinión Eumés (COE), representado nas dúas anteriores lexislaturas pero que non chegou a se presentar ás de 2011. O Grupo Político Siglo XXI (GPSXXI), de recente creación, presentouse ás eleccións de 2001 por primeira vez sen obter representación.

Sindicatos [editar]

Só un sindicato, a Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG) mantén delegación en Pontedeume. A pesar de ser un sindicato minoritario ten unha certa implantación no concello, contando cun número significativo de afiliados.

Movementos sociais [editar]

Durante a segunda metade da primeira década do século XXI houbo en Pontedeume un colectivo, o Colectivo Fusquenlla, que tivo un protagonismo importante na denuncia de ilegalidades e irregularidades, principalmente urbanísticas[31].

O 27 de abril de 2007 presentouse a Asociación de Veciños de Pontedeume. Entre os seus obxectivos destacan a loita contra o amiguismo, o caciquismo e a corrupción; que se teña en conta a opinión dos veciños nos asuntos locais; e a vixilancia do cumplimento por parte dos políticos locais das súas obrigas[32].

Galería de imaxes [editar]

Parroquias [editar]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Pontedeume

Andrade (San Martiño) | Boebre (Santiago) | Breamo (San Miguel) | Centroña (Santa María) | Nogueirosa (San Cosme) | Ombre (Santa María) | Pontedeume (Santiago) | Vilar (San Pedro)

Lugares de Pontedeume [editar]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Pontedeume vexa: Lugares de Pontedeume.

Notas [editar]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. "Series históricas de poboación de España". INE. http://www.ine.es/jaxiBD/menu.do?L=0&divi=DPOH&his=0&type=db. Consultado o 15 de abril de 2013. (en castelán)
  4. "Series históricas de poboación de Galicia". IGE. http://www.ige.eu/igebdt/selector.jsp?COD=1558&paxina=001&c=0201001002. Consultado o 15 de abril de 2013. 
  5. Ficha de Pontedeume na web do IGE
  6. Anuario brigantino 2005: Túmulos prehistóricos no concello de Pontedeume, Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos
  7. Artigo no nº 6 (1999) da revista Cátedra: Insculturas pétreas no Baixo Eume. Juan J. Sobrino e José F. Correa
  8. Artigo no nº 4 (1997) da revista Cátedra: A ordenación do territorio presente a través da afirmación do espacio pasado. O Patrimonio Arqueolóxico en Pontedeume de A. González Fernández e S. Ricart Guillot
  9. Isidoro Millán. Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz. Diputación da Coruña. ISBN 84-86040-27-2 (en castelán)
  10. El Ideal Gallego, 18 de marzo de 1921 (en castelán)
  11. Diario de Campaña publicado na obra Britanos y Galos de Tettamancy (en castelán)
  12. Sindo Vilariño: No centenario de Ecos del Eume. Revista Cátedra nº 17 (2010) ISSN 1133-9608
  13. A Guerra Civil en Pontedeume. Xosé Manuel Suárez. Monógráfico nº 2, revista Cátedra
  14. Bandos e política no Pontedeume da 2ª república. Artigo de Bernardo Maiz no nº 7 (2000) da revista Cátedra
  15. Fuxidos na Fraga. Episodios da guerrilla antifranquista nas terras do Eume. Artigo de Carmen Otero, Juan Sobrino e Manuel Domínguez no nº 8 (2001) da revista Cátedra
  16. Hidronimia gallega en Anuario Brigantino 1999 (en castelán)
  17. Ficha da ponte na asociación Buxa
  18. Derrubo do hotel da praia de Ver en La Opinión (en castelán)
  19. Francisco Vázquez Saco (2003). "Páxinas 347, 548, 614, 855 e 861". Cadernos de fraseoloxía galega. 5 Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral (1 ed.). Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades / Xunta de Galicia. ISBN 84-453-3651-7. Véxase aquí
  20. Páxina web de Artesáns do Eume
  21. Esperanza Piñeiro e Andrés Gómez: De lenda en lenda. Ed. Pluma Estilo Gráfico. ISBN 84-931221-0-6
  22. 22,0 22,1 22,2 Ficha de Pontedeume en Caja España (en castelán)}
  23. Couceiro Freijomil, Antonio (1995). "Xornalismo (páxs. 342-344)". Historia de Pontedeume e a súa comarca (4 ed.). Xunta de Galicia. ISBN 84-435-1437-8. 
  24. Artigo sobre a revista Alfoz en Cátedra (en castelán)
  25. Páxina web da revista Cátedra
  26. Páxina web do Ateneo Eumés
  27. Nova en La Voz de Galicia do árbitro Iglesias Villanueva (en castelán)
  28. Búscador de centros da Consellería de Educación
  29. Datos do Centro de Saúde de Pontedeume
  30. Relación de servizos sanitarios de Pontedeume
  31. Perfil do Colectivo Fusquenlla en Facebook
  32. Nova sobre a presentación da Asociación de Veciños (en castelán)

Véxase tamén [editar]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría:

Bibliografía [editar]

Outros artigos [editar]

Ligazóns externas [editar]


Concellos da Comarca do Eume Comarca do Eume
Cabanas
Cabanas
A Capela
A Capela
Monfero
Monfero
Pontedeume
Pontedeume
As Pontes de García Rodríguez
As Pontes