Corcubión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°56′39″N 09°11′33″W / 42.94417°N 9.19250°W / 42.94417; -9.19250

Corcubión
Escudo de Corcubión
Corcubión.jpg

Casa do concello.
Situacion Corcubión.PNG
Situación
Xentilicio[1] corcubionés
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca de Fisterra
Poboación 1.731 hab. (2012)
Área 6,5 km²
Densidade 266,31 hab./km²
Entidades de poboación 2 parroquias
Capital do concello Corcubión
Política (2011)
Alcalde Francisco Lema Fuentes
Concelleiros BNG: 3
PPdeG: 2
PSdeG-PSOE: 4
Outros: -
Eleccións municipais en Corcubión
Uso do galego[2] (2011)
Galegofalantes 45,05%
Na rede
www.corcubion.info
info@corcubion.info

Corcubión é un concello galego, o máis pequeno da provincia da Coruña. Pertence á comarca de Fisterra. Formado por tan só dúas parroquias (Corcubión e Redonda) está atravesado pola estrada C-552 que o comunica cos municipios limítrofes e coa capital provincial a 94 km. A vila foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1985.

Segundo o IGE a súa poboación no 2012 era de 1.731 habitantes (1.803 no 2010, 1.912 no 2006, 1.927 no 2005, 1.964 no 2004, 1.997 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «corcubionés».

Evolución da poboación de Corcubión (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 1.551  1.613  1.581  2.114  1.964  1.803    1.731  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Vista desde A Mariña.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Corcubión aséntase sobre unha pequena península que, con forma rectangular e rodeada polo concello de Cee, penetra no océano Atlántico entre a enseada de Estorde e a ría. Neste pequeno territorio os relevos máis elevados roldan os 150 e 200 m. de altitude, localizándose no centro da península, desde onde descenden cara ao mar. Na ladeira orientada ao mediodía, ao abrigo dos ventos e temporais, esténdese a vila de Corcubión.

A costa é fundamentalmente rochosa, coa excepción do tramo correspondente á ría que, por esta beira, comeza no Cabo de Cee e onde, tras un sector de costa alta onde se atopa o castelo do Cardeal, atopámonos na praia de Quenxe e a continuación o porto da vila. Este terreo, antes con máis espazo cultivado, está recuberto principalmente por unha espesa masa forestal (piñeiro e eucalipto)

Historia[editar | editar a fonte]

Como toda a zona, suponse habitado desde a antigüidade pola tribo celta dos nerios, que tiñan en Fisterra o seu principal asentamento. Consérvanse castros como o de Quenxe. Circulan varias versións sobre a orixe do topónimo de Corcubión. Unhas sitúano fundado por unha colonia grega á que lle deu o nome dunha das illas do mar Exeo.

Outras o supón fundado polos mariñeiros vascos que sempre asucaron estes mares e cuxa voz Kotsko-Urbión significa 'enseada de boas augas'.

De orixes incertas. Corcubión para algúns autores identificaríase co "Arrotebrarum portus" ou "Portus parvus Artabrorum" dos antigos xeógrafos, aínda que outros se inclinan máis ben por situalo en Muros.

Na Idade Media, estas terras foron señorío dos Condes de Traba e Trastámara, pasando no século XIV á casa de Altamira, que exercía o seu poder sobre a maior parte do territorio, instalando en Corcubión un palacio. Durante estes anos, xa comeza a cobrar importancia o porto, debido á pesca do congro e sardiña e ás relacións marítimas cos comerciantes venecianos. Ademais disto, o paso obrigado dos peregrinos que se dirixían a Fisterra fixo que se construíse un hospital e a igrexa de San Marcos en 1480.

Como toda esta costa, foi sistematicamente atacada polas tropas inglesas e francesas. Estes últimos en 1809, co mariscal Michel Ney á cabeza, arrasaron a vila, asasinaron aos seus habitantes e incendiaron a igrexa, provocando unha grave crise da que se foi recuperando grazas á súa importancia estratéxica.

Na actualidade é cabeza de partido xudicial e segue vivindo da pesca e o marisqueo. Nos últimos anos, un auxe do turismo atrae á vila señorial de Corcubión a vistantes de todo o mundo que buscan unha tranquilidade que seguro aquí se atoparán.

Economía[editar | editar a fonte]

A estrutura económica é moi sinxela e vén determinada pola función administrativa, por iso é polo que a distribución da poboación activa mostre un predominio do sector terciario. O ostentar a cabeceira de partido xudicial favoreceu a existencia dunha serie de servizos como notaría, rexistro da propiedade, salas de xulgado, oficina de extensión agraria, recadación, etc. Tamén é destacable a importancia dos servizos relacionados co turismo para o cal o municipio, e en xeral toda a zona, ofrece unhas condicións naturais moi atractivas.

A economía local compleméntase con algunhas pequenas industrias que, xunto coas do concello veciño de Cee, dan emprego ao resto da poboación activa. Con relación ao porto, tradicionalmente pesqueiro e comercial, viu reducida a súa actividade a un escaso tráfico pesqueiro.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

O máis destacado é o conxunto de casas que, situadas no casco antigo, constitúen unha bela mostra de arquitectura civil e reflexo do auxe económico que viviu a vila durante o século XVIII, data na que foron construídas a maioría delas.

O edificio da casa consistorial foi custeado polo emigrante José Carrera en 1924, coa intención de facer un asilo e unha Escola de Artes e Oficios. Foi deseñada por Eduardo Rodríguez seguindo a tipoloxía dos colexios da época: a partir dun corpo central cadrado, desenvólvense as dúas ás simétricas, acollendo cada unha as diferentes aulas para rapaces e rapazas respectivamente. O espazo central estaba marcado pola capela, estando o andar superior ocupado polas vivendas.

A fachada consta dun corpo central máis avanzado, enmarcado por dous pares de pilastras corintias que actúan como contrapunto vertical fronte á horizontalidade que impón o volume das ás. O acceso ao edificio realízase a través dunha escalinata central con dúas rampas laterais.

O edificio foi remodelado en 1967 e ampliado en 2001.

O castelo do Cardenal atópase en punta Pión, fóra do núcleo, na estrada que percorre a costa.

A súa construción comezou en 1741 baixo a dirección de La Ferriere, sendo rematado por Francisco Llovet e Carlos Lemaur. Na actualidade é unha propiedade privada.

A súa misión era defender a entrada da ría xunto co castelo do Principe, na Ameixenda (Cee). Forman parella, permitindo mediante fogo cruzado a defensa da ría. Estaba fortificado con doce canóns montados, e tiña capacidade para noventa e seis homes. A tradición oral fala dunha cadea que uniría as dúas fortificacións, esta ao ser tensada impediría o paso das naves inimigas.

A igrexa parroquial de San Marcos de Corcubión é orixinariamente románica do século XII, pero nela predominan os elementos góticos.

A igrexa parroquial de San Pedro de Redonda é románica do século XII, con pinturas tardías (século XVII) na bóveda e o muro da ábsida.

A capela do Pilar foi construída en 1931. De estilo ecléctico, foi mandada edificar por Pilar Hermida Orbea como dependencia anexa ao Asilo de Anciáns Pobres Desamparados, que fora construído en 1925 en memoria do seu home, Emilio Alonso. A nave presenta unha planta rectangular, con nave única e unha pequena sacristía detrás do presbiterio. O edificio foi rehabilitado en 1989 polo Concello para ser auditorio municipal, pero a posterior construción da Casa Da Cultura relegou á Capela do Pilar desta función.

A capela de Santo Antón foi erixida en 1684 por Domingo Durán e reconstruída en varias ocasións.

É un pequeno templo de estilo barroco, de planta rectangular cunha capela maior que ocupa a súa totalidade, e cuberta de madeira a dúas augas con tella. No interior consérvase do primitivo retablo unha imaxe policromada de Santo Antón, datada no último terzo do século XVII.

Forma conxunto cun cruceiro do século XVIII.

Festas[editar | editar a fonte]

Representación medival durante a XIII feira medieval.
  • San Marcos, 25 de abril. A imaxe do patrón local é sacada en procesión desde a igrexa de San Marcos polas rúas da vila. Festa local en Corcubión.
  • San Pedro, 29 de xuño. Romaría popular no campo de San Roque, nas proximidades da igrexa de San Pedro de Redonda.
  • A Virxe do Carme, 16 de xullo. En Corcubión, vila historicamente mariñeira, sácase en procesión pola ría á patroa dos pescadores. Os participantes nesta festividade poden subir aos barcos e acompañar a Virxe na súa procesión.
  • Feira Medieval, terceira fin de semana de xullo. Durante unha fin de semana, Corcubión convértese por uns días nun mercado medieval. A xente da vila participa nesta festa decorando os espazos públicos e vestíndose con roupas da época.
  • A Virxe das Mercedes, 24 de setembro. Festa de gran tradición popular na vila, as Mercedes serven para se despedir do verán.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Corcubión

Corcubión (San Marcos) | Redonda (San Pedro)

Lugares de Corcubión[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Corcubión vexa: Lugares de Corcubión.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Corcubión Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca de Fisterra Comarca de Fisterra
Cee
Cee
Corcubión
Corcubión
Dumbría
Dumbría
Fisterra
Fisterra
Muxía
Muxía