Meseta Central

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista panorámica da Meseta Central (Submeseta Sur).

A Meseta Central é a unidade de relevo máis antiga da Península Ibérica e a que ocupa a maior parte da súa superficie. A súa orixe atópase no Macizo Hespérico xurdido co movemento orogénico herciniano na Era Primaria. Este macizo foi arrasado pola erosión na Era Secundaria quedando convertido nunha penillanura que constitúe o zócolo da actual meseta, posteriormente alterado na Era Terciaria polo movemento orogénico alpino e a erosión e sedimentación ocorridas na Era Cuaternaria.

Durante a Era Terciaria a orogenia alpina afectou ao antigo Macizo Hespérico alterando os seus rebordes, producindo a aparición do Macizo Galaico, os Montes de León e os Montes Vascos e o plegamiento dos seus rebordes como son a Cordilleira Cantábrica, ao norte, o Sistema Ibérico, ao nordés, e a flexión-falla de Serra Morena ao sur. Esta orogenia produciu o choque da placa africana contra a europea comprimindo no medio aos restos de macizo Hespérico producindo ademais a fractura do zócolo que deu lugar aos Montes de Toledo e o Sistema Central. Ademais os restos do macizo bascularon cara ao oeste sendo máis tarde sometidos a un proceso de sedimentación que está máis presente no seu lado oriental.

O resultado final dos procesos xeolóxicos é unha meseta cunha altitude media ao redor dos 600 metros, aínda que a altitude media da Submeseta Norte, a situada ao setentrión do Sistema Central, é maior que a meridional e onde o proceso de sedimentación é maior no seu lado oriental mentres que o occidental son máis visibles os materiais duros e cristalinos orixinais do macizo Hespérico. A concepción da Meseta Central como unha gran altiplanicie separada do resto e situada no centro da Península é relativamente recente e non existía antes do século XIX: foi Alexander von Humboldt, precisamente, quen primeiro falou da existencia desta unidade do relevo central español.