Cidade da Cultura de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°52′13″N 8°31′32″W / 42.87028°N 8.52556°W / 42.87028; -8.52556

Cidade da Cultura
Santiago Cidade da Cultura 01-06.JPG

Cidade da Cultura

País Galicia Galicia
Cidade Santiago de Compostela, A Coruña
Tipo Cultural, histórico
Inauguración 11 de xaneiro de 2011
Enderezo Monte Gaiás s/n 15707 Santiago de Compostela
N° telefónico 881 997 565
Sitio web cidadedacultura.org
A Cidade da Cultura en 2009.

A Cidade da Cultura de Galicia é un complexo arquitectónico, cultural e de entretemento que está a ser construído na cidade de Santiago de Compostela. O complexo tratará de reconciliar a conservación patrimonial coa produción de coñecemento, investigación, creación e consumo cultural.

O concurso[editar | editar a fonte]

A Cidade da Cultura na paisaxe.
Corredor dun dos edificios da Cidade da Cultura.

O proxecto de construción da Cidade da Cultura de Galicia naceu no ano 1999 cando a Xunta de Galicia convocou un concurso internacional para escoller o proxecto que rexería a súa construción no monte Gaiás.

Inicialmente presentáronse ao concurso doce propostas de destacados equipos de arquitectura, tanto nacionais coma internacionais, que logo da retirada do proxecto do arquitecto Santiago Calatrava quedaron en once. Os arquitectos que presentaron os seus proxectos ao concurso foron Ricardo Boffil, Peter Eisenman, Manuel Gallego Jorreto, Annette Gigon e Mike Guyer, Steve Holl, Rem Koolhaas, Daniel Libeskind, Juan Navarro Baldeweg, Jean Nouvel, Dominique Perrault e César Portela.

Unha vez avaliadas tódalas propostas, elixiuse como proxecto final o do grupo Eisenman Architects, atendendo, segundo o fallo do concurso, á súa singularidade tanto conceptual como plástica, e á súa excepcional sintonía co lugar.[1]

O arquitecto[editar | editar a fonte]

Peter Eisenman (Newark, Nova Jersey, 1932) é un prestixioso arquitecto estadounidense membro do grupo Five Architects de Nova York. Licenciado en Arquitectura pola Universidade Cornell, Eisenman é doutor en Filosofía pola Universidade de Cambridge e en Belas Artes pola Universidade de Chicago. Impartiu docencia nalgunhas das universidades máis prestixiosas do mundo, como Harvard, Cambridge, Princeton, Yale e Ohio. En 1980 estableceu un estudio de arquitectura de seu na cidade de Nova York.[2]

O proxecto[editar | editar a fonte]

O proxecto de Eisenman crea un novo cumio no monte Gaiás. Trátase dunha codia pétrea que quere lembrar un pregamento xeolóxico dividido por cortes naturais que evocan o motivo da vieira. O complexo proxectado sobre o Gaiás pretende transmitir a sensación de que se funde co terreo como se estivese tallado nel, configurando unha masa pétrea na que urbanismo de figura/figura no que os edificios e a topografía son un todo.

A proposta de Eisenman constitúe unha acrópole cultural nun outeiro que convoca a peregrinos do coñecemento. Nos seus espazos, a Cidade da Cultura acollerá servizos e actividades destinados á preservación do patrimonio e da memoria, ao estudo, a investigación, a experimentación, a produción e a difusión nos ámbitos das letras e o pensamento, a música, o teatro, a danza, o cine, as artes visuais, a creación audiovisual e a comunicación.

As obras de construción da Cidade da Cultura foron obxecto de atención do programa Extreme Engineering, emitido en Discovery Channel, que se centra en presentar proxectos arquitectónicos e de enxeñería caracterizados polo seu tamaño ou dificultade excepcionais.[3]

O Complexo[editar | editar a fonte]

Biblioteca de Galicia
Instalacións do Arquivo de Galicia

O complexo do Gaiás ocupa unha superficie de 141.800 metros cadrados. Segundo as previsións actuais, constará dos seguintes edificios:

  • Biblioteca de Galicia. Conta con 15.702 m2 útiles e ten como obxectivo ser a cabeceira do sistema de bibliotecas galegas, representando o sistema bibliotecario galego ante todos os organismos, foros e plataformas internacionais do eido bibliotecario. Foi inaugurado polo Príncipe de España, Filipe de Borbón, xunto co Arquivo de Galicia, o 11 de xaneiro de 2011.
  • Arquivo de Galicia. Conta con 11.225 m2 útiles. Pretende ser cabeceira e centro de referencia do sistema galego de arquivos e ten como misión a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos que, polo seu valor, necesiten ser conservados. Foi inaugurado o 11 de xaneiro de 2011.
  • Museo de Galicia. Conta con 20.734 m2 útiles. O seu programa de usos inclúe un proxecto museográfico dedicado ao pasado e presente de Galicia, e albergará exposicións temporais e actividades de formación e divulgación. O edificio foi inaugurado o 31 de outubro de 2011 pero ata o mes de xuño de 2012 non comezou a estar en funcionamento, ó ser inaugurada o 15 de xuño a exposición "Gallaecia Petrea".
  • Centro da Música e das Artes Escénicas. Contará con 35.430 m2 útiles. Terá un auditorio con capacidade para 1.300 persoas, ademais doutras salas de menor dimensión, axeitadas para a experimentación e as accións formativas e de intercambio profesional. No ano 2011, a Xunta de Galicia acordou a suspensión das obras por mor da crise económica ata o 2014 [1].
  • Centro de arte internacional. Terá 13.685 m2 útiles. Prevese que o seu uso sexa o dun centro de arte contemporánea para as relacións artísticas entre Latinoamérica e Europa. A súa construción tamén foi suspendida.
  • Edificio de servizos centrais. Conta con 6.291 m2 útiles e acolle os servizos de xestión e loxística. Alberga oficinas, espazos para o persoal e salas de usos múltiples.

As torres de John Hejduk completan o grupo de edificios principais, que se artella arredor de cinco viais peonís principais. O conxunto quedaría rodeado por unha zona verde de preto de 25.000 metros cadrados.

Obras e redefinición[editar | editar a fonte]

Imaxe tomada en xuño de 2006.

As obras de construción do complexo comezaron no ano 2001, dous anos despois da convocatoria do concurso, cun presuposto inicial de 108 millóns de euros.[4] Nun primeiro momento a Cidade da Cultura estivo formada por seis edificios (Biblioteca, Hemeroteca, Teatro da Música, Museo da Historia de Galicia, Novas Tecnoloxías e Servizos Centrais). O tamaño das obras, o desfase entre o custo real e o presupostado e a tardanza na execución das obras espertaron movementos de oposición a este proxecto, que era cualificado de faraónico por organizacións cidadás[5] e profesionais.[6]

Tralo cambio de goberno na Xunta de Galicia, en agosto do ano 2005 a nova Consellería de Cultura e Deporte decidiu redefinir o proxecto co fin de darlle un xiro ao uso dos edificios que beneficiase ao conxunto global do proxecto de Eisenman.[7] O 26 de decembro de 2006 presentouse no Parlamento Galego o novo proxecto de usos da Cidade da Cultura.

Cando se presentou o proxecto de redefinición, parte das obras da Cidade da Cultura xa estaban nunha fase avanzada da súa execución: o edificio da Hemeroteca atopábase practicamente rematado, o da Biblioteca na metade da súa construción e o Museo da Historia de Galicia nun terzo construído. O traballo de redefinición do proxecto concentrouse, logo da presentación da redefinición, nos usos e contidos dos edificios do Teatro da Música e o Edificio de Novas Tecnoloxías, aínda en fase inicial de construción. Así, no mes de xaneiro de 2006, a Consellería de Cultura e Deporte anunciou a suspensión das obras do Teatro da Música e do edificio das Novas Tecnoloxías por un período de catorce meses. Neste tempo a Consellería contactou con sectores vencellados coa cultura de Galicia para levaren a cabo a redefinición estrutural destes edificios, entre outros co Consello da Cultura Galega e co Museo do Pobo Galego.

Tras a toma de posesión do goberno bipartito o parlamento galego constituíu unha comisión de investigación para esclarecer a xestión do anterior goberno. Dita comisión emitiu as súas conclusións en decembro do 2007, propoñendo enviar o seu ditame ao ministerio fiscal.[8] A loita política chegou ata os tribunais, ao presentar a CIG unha denuncia contra altos cargos do goberno anterior polas presuntas irregularidades cometidas na xestión da Cidade da Cultura, e que finalmente foi arquivada.[9]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cidade da Cultura de Galicia
  1. Concurso de ideas
  2. Biografía Peter Eisenman
  3. "Ciudad de la Cultura de Santiago de Compostela", no programa Megaconstrucciones de Discovery Channel (en castelán).
  4. Público, 7 de novembro do 2007.
  5. Plataforma "Cultura si, mausoleo non
  6. El colegio de arquitectos critica la Cidade da Cultura y la compara con un centro comercial
  7. Redefinición do proxecto
  8. El País, 11 de decembro do 2007
  9. Archivan el caso de la Cidade da Cultura al no encontrar indicios de delito penal

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

(Véxase tamén)