Martiño Noriega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaMartiño Noriega Sánchez
Biografía
Nacemento22 de febreiro de 1975 Editar o valor em Wikidata (49 anos)
A Coruña, España Editar o valor em Wikidata
Cargos
   Alcalde de Santiago de Compostela
Período13 de xuño de 2015 – 15 de xuño de 2019
AntecesorAgustín Hernández
SucesorXosé Antonio Sánchez Bugallo
  Alcalde de Teo
Período16 de xuño de 2007 – 13 de xuño de 2015
AntecesorArmando Blanco
SucesorRafael Sisto
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónMédico
Partido políticoCompostela Aberta,
Anova
LinguaLingua castelá e lingua galega Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeAntía Otero Editar o valor em Wikidata

Twitter: martinhonoriega Editar o valor em Wikidata

Martiño Noriega Sánchez, nado na Coruña o 22 de febreiro de 1975, é un médico e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Criado no ensanche compostelán, desde os 6 anos viviu no concello de Teo. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou a especialidade en Medicina de Familia na área de Santiago de Compostela. Traballou en Atención Primaria da Comarca de Compostela e tamén como médico coordinador na Fundación de Urxencias Sanitarias do 061. DEA en Saúde Pública pola USC. En marzo do 2020 no comezo da pandemia da COVID, reincorporouse á Atención Primaria como médico de familia na área sanitaria de Santiago-Barbanza.

Carreira política[editar | editar a fonte]

Martiño Noriega manifesta a súa aposta por gañar en Santiago antes das eleccións municipais de 2015.

Despois de militar na asociación de estudantes universitarios CAF e de ser representante dos estudantes no claustro da Universidade de Santiago, dende 1995 comezou o traballo político no BNG de Teo e en 1999 converteuse en voceiro desta formación no concello. En 2006 entrou no Consello Nacional do BNG, e logo das eleccións municipais de 2007 converteuse en alcalde de Teo, cun goberno en minoría. En 2011 volveu ser elixido alcalde ao acadar a maioría absoluta.

Como membro e vicevoceiro do colectivo Encontro Irmandiño abandonou o BNG en febreiro de 2012, pasando en xullo dese mesmo ano a formar parte do movemento político ANOVA-Irmandade Nacionalista, desenvolvendo nunha primeira etapa o seu traballo político como responsable de Acción Institucional. En xullo do 2013, despois da celebración da I Asemblea Nacional desta organización política, foi elixido Coordinador Nacional. En novembro do 2014, despois da celebración da II Asemblea Nacional de Anova, Martiño Noriega foi elixido Portavoz de Anova xunto a Xosé Manuel Beiras.

En maio de 2015 encabezou unha candidatura de unidade popular en Santiago, Compostela Aberta, que resultou a lista máis votada nas municipais do 24 de maio. O 13 de xuño deste ano foi investido alcalde de Santiago de Compostela, sucedendo ao popular Agustín Hernández.

En setembro de 2018 anunciou a súa intención de volver a concorrer como candidato á alcaldía para as eleccións municipais en maio de 2019, coa idea de repetir co mesmo equipo de goberno para tratar de dar continuidade ó capital político e á experiencia acumulada.[1]

Nas eleccións municipais de 2019 perdeu a alcaldía en favor de Xosé Antonio Sánchez Bugallo, candidato do PSdeG[2], tras pasar a sela terceira forza política. Concorreu na candidatura de Galicia en Común nas Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020, a cal non logrou representación algunha. Tralos comicios, en xullo de 2020, renunciou á súa acta de concelleiro.

Benito Portela, Marta Lois, Antón Sánchez García, María García Gómez, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega en 2022.

En setembro de 2022 volveu a ser portavoz nacional de Anova, cargo que compatibiliza co seu traballo como médico de familia.[3]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

É parella de Antía Otero, con quen ten unha filla e un fillo.[4]

Obra publicada[editar | editar a fonte]

Obra individual[editar | editar a fonte]

  • Por un común denominador. A esquerda da nación. 2.0 editora (2011).
  • Publicou artigos de opinión en diferentes xornais como Público, A Nosa Terra, elDiario.es, La Voz de Galicia, Sin Permiso ou El Correo Gallego. Dende setembro de 2021 mantén unha colaboración semanal no xornal Nós Diario[5].

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

  • Á beira de Beiras. Homenaxe nacional, Galaxia (2011)
  • Unha cesta de pombas e mazás. Homenaxe a Isaac Díaz Pardo, Edita. Academia Real Isaac Díaz Pardo. (2013)
  • Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política. Corsárias Editora. (2014)
  • A contradición permanente. Conversas sobre cinco anos de política convulsa (2012-2017). Libro de conversas co poeta é xornalista Daniel Salgado. Edicións Xerais (2017)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pontevedra, Diario de (2018-09-27). "Martiño Noriega, dispuesto a repetir como candidato en las municipales". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2019-01-17. 
  2. Bugallo, proclamado alcalde de Santiago
  3. X.M.P. (29 de setembro de 2022). "Martiño Noriega: "Reactivar un espazo como Anova debe ser visto como positivo"". Nós Diario. 
  4. "Martiño Noriega, padre por segunda vez de un varón que se llama Airas". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xuño de 2018. 
  5. "Martiño Noriega". Nós Diario. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • A contradición permanente. Conversa sobre cinco anos de política convulsa (2012-2017), con Daniel Salgado, 2017.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Armando Blanco Martínez
 
Alcalde de Teo
 
2007 - 2015
Sucesor:
Rafael Sisto
Predecesor:
Agustín Hernández
 
Alcalde de Santiago de Compostela
 
2015 - 2019
Sucesor:
Xosé Antonio Sánchez Bugallo