Convento de San Francisco do Val de Deus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°53′01″N 08°32′43″W / 42.88361°N 8.54528°W / 42.88361; -8.54528

Fachada da igrexa obra de Simón Rodríguez, co monumento a San Francisco obra do escultor Francisco Asorey.

San Francisco de Val de Deus é un convento franciscano fundado a comezos do século XIII en Santiago de Compostela, declarado monumento histórico artístico. Está situado no casco vello da cidade, no lugar coñecido como o Val de Deus.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista xeral do templo.

Di a lenda que San Francisco de Asís, en peregrinación a Compostela en 1214, hospedouse cun carboeiro chamado Cotolai na súa choza do Monte Pedroso. Encomendoulle a este construír un mosteiro pero cando lle replicou que non tiña recursos, mostroulle un tesouro preto da ermida de San Paio do Monte que lle permitiría levar a cabo a obra.Val de Deus era un terreo propiedade do mosteiro beneditino de San Martiño Pinario, que o cedeu en troques dunha cesta de peixe anual, que se seguiu entregando até fins do século XVIII.

O convento primitivo veuse abaixo a comezos do XVIII e non fican del máis que cinco arcos apuntados que se conservan no claustro principal e o sepulcro de Cotolai. Estes arcos estaban na Sala Capitular, na que Carlos V celebrou cortes en 1520. A reconstrución, que implicaba cambiar a orientación da súa igrexa) encetouse en 1742, e non foi sen problemas, xa que os veciños (especialmente os monxes de San Martiño) queixábanse da magnitude da obra, que lles restaba luz e ventilación e, a mais, ocuparía terras pertencentes aos de San Martiño. A disputa saldouse rebaixando a altura da igrexa franciscana.

Descrición[editar | editar a fonte]

A renovación da fábrica medieval iniciouse co arcebispo Maximiliano.

A igrexa[editar | editar a fonte]

Torre da igrexa.

As obras do novo templo seguiron as trazas dadas por Simón Rodríguez, pese a que a lentitude das obras fai que a participación doutros mestres inclúan algún cambio substancial.

A planta da igrexa corresponde o tipo "xesuítico", en forma de rectángulo no que se inscribe unha cruz latina.

A fachada[editar | editar a fonte]

A fachada da igrexa, deseñada (en estilo barroco) no XVIII por Simón Rodríguez, imponse no contorno polo seu tamaño. Foi executada por Frei Manuel Caeiro, non estando rematada aínda no 1770, feito que fai que responda a dous conceptos diferenciables na decoración reducida a parte inferior da mesma, cambiando drasticamente por riba da altura do taboado que cambia de forma perceptible adaptándose aos principios neoclásicos

A parte inferior é barroca e a superior neoclásica e consta de tres corpos e tres rúas. Na central destacan catro columnas dóricas que flanquean unha imaxe de San Francisco (obra de José Antonio Mauro Ferreiro Suárez). O segundo corpo está dominado por un enorme ventanal flanqueado por columnas xónicas, sobre as que se apoia un frontón triangular. As rúas laterais soportan os dous campanarios.

O Adro[editar | editar a fonte]

O adro atópase varios metros por debaixo do nivel da rúa nun extremo, e diante del, a res desta, érguese un monumento a San Francisco realizado por Francisco Asorey en 1926.

Interior do templo[editar | editar a fonte]

Cúpula do cruceiro da igrexa.

O interior do templo é tamén sobrio, se ben monumental. A planta é de cruz latina con tres naves. A central, de cinco tramos,e o cruceiro cuberto por unha bóveda de canón con cúpula de media laranxa nas pechinas, modificacións de Frei Manuel Caeiro. Na decoración do interior do templo apréciase a impronta de Simón Rodríguez ca decoración de placas e cilindros.

Aos lados das naves e aos do presbiterio sitúanse capelas intercomunicadas sobre as que descorre unha tribuna. A sancristía trala capela maior ten a mesma anchura co templo.

Imaxinería[editar | editar a fonte]

Ás naves laterais ábrense quince retablos, a maioría realizados por Frei José Rodríguez, o mesmo que o retablo central. Este último consta de tres corpos. No inferior, San Domingos de Guzmán, fundador da Orde dos Predicadores, e San Boaventura, primeiro cardeal da Orde Franciscana, acompañan unha imaxe da Virxe. No segundo, unha talla de San Francisco, obra de Ferreiro Suárez ten a seu carón un escudo da Orde de San Francisco e outro coa Cruz da Terra Santa e as Cinco Chagas do santo. No corpo superior hai outra talla de Santa Clara e no centro un libro aberto.

Os claustros[editar | editar a fonte]

Claustro principal.

Foi coas obras do claustro principal coas que se iniciaron as tarefas de reedificación, que se realizaron con gran rapidez. O claustro principal do mosteiro é obra, segundo Bonet Correa, de Ginés Martínez finalizándose antes de 1607. O estilo no que se encadra é estritamente clasicista. Consta de dous andares, que se abren cara o interior mediante pilastras toscanas que sosteñen arcos de medio punto o inferior e mediante pilastras máis estreitas e xanelas con arcos de medio punto o superior. A este arquitecto tamén se relaciona o arco de Santo Antonio situado no testeiro oeste do refectorio.

Claustro.

Seguindo o estilo clasicista Juan González Araujo realiza cara a 1634 a escaleira entre os dous claustros. Tanto a escaleira como o segundo claustro foron executadas seguindo as trazas realizadas por Bartolomé Fernández Lechuga

Outras estancias[editar | editar a fonte]

Nos primeiros anos do século XVIII coa colaboración económica do arcebispo Antonio de Monroy princípianse as obras do Noviciado (1703), a enfermería (1705 a 1724).

Simón Rodríguez iniciou a realización dun novo refectorio (1725 a 1733) e a nova cociña (1740)

Situación actual[editar | editar a fonte]

O convento foi declarado Monumento Histórico-Artístico en 1986. Hoxe[cando?] viven nel uns 20 franciscanos. Parte é unha hospedaría (70 cuartos) e restaurante; un dos claustros pódese usar para banquetes. Outra parte alberga o Museo da Terra Santa (con diversos fondos: arqueoloxía, belas artes (pintura, escultura), artes aplicadas (cerámica, téxtil), numismática, ciencia e técnica, maquetas arquitectónicas) e outra máis ofrece actividades sociais diversas.

Na actualidade[cando?] parte del alberga un Hotel Monumento de catro estrelas.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Convento de San Francisco do Val de Deus

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]