Turismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tourism.png

O turismo é o acto de viaxar por pracer e as actividades que se realizan durante as viaxes e nun lugar de permanencia distinto do que se vive. Un turista é alguén que viaxa cando menos oitenta quilómetros dende a súa residencia por lecer por un período superior a 24 horas e inferior a un ano, tal como o define a Organización Mundial do Turismo.
O turismo deu nacemento a unha verdadeira industria para a provisión do turista, dende o sistema de transportes ata hostaleiros, tanto de provisión e restauración como de aloxamento.

Historia[editar | editar a fonte]

Xa no tempo da República romana existían cidades destinadas ao pracer dos máis ricos como Baiae. A clase alta británica adoitaba facer viaxes de pracer por Europa dende o século XVIII para completar a súa educación, principalmente a Francia e Italia, que se chamaban Grand Tour. O termo turismo foi empregado oficialmente por primeira vez en 1937 pola Liga de Nacións.