Museo Catedralicio de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fachada do Museo
Claustro da Catedral, que acolle parte do Museo

O Museo da Catedral de Santiago de Compostela é unha institución que acolle e expón diversas obras artísticas e arqueolóxicas, propiedade da Sé compostelana, que abarcan desde a época romana até a actualidade. O museo ubícase na mesma catedral. Foi fundado en 1930.

Índice

Espazos do Museo [editar]

O museo abrangue diversos espazos catedralicios, con diferente situación dentro da fábrica catedralicia:

  • Museo-Claustro, con ingreso desde o lado meridional da praza do Obradoiro.
  • Cripta do Pórtico da Gloria, accédese pola escalinata de ingreso á catedral, na mesma praza indicada.
  • Tesouro e Panteón Real, actualmente pódese visitar desde a entrada ao Museo-Claustro.
  • Pazo de Xelmírez, éntrase nel desde o lado norte da mesma praza do Obradoiro.

Museo-Claustro [editar]

Contén varias salas, capelas e o claustro da catedral. Conta con exposición de obxectos da época romana, medieval até o XVIII. Poden destacarse as pezas da antiga portada das Praterías, a reconstrución do coro catedralicio do Mestre Mateo e do vello rosetón da portada occidental, relevos de Gregorio Español, táboas maneiristas de Juan Bautista Celma, retablo da Transfiguración de Cristo de Xosé Ferreiro, Santiago Peregrino de Gambino, colección de tapices flamencos de diversas épocas, tapices sobre cartóns de Goya, etc.

Cripta [editar]

Permite ver o espazo arquitectónico sobre o que o Mestre Mateo sustentou o Pórtico da Gloria. Ademais exhibe unha preciosa colección escultórica nos mesmo capiteis e xambas da obra, e outras esculturas procedentes de partes da catedral derrubadas por reformas, que abranguen desde o Románico ao Gótico final.

Tesouro e Panteón Real [editar]

Só se permite contemplar os sepulcros dos reis Fernando II e Afonso IX. O Tesouro conserva pezas de ourivería, vidraría, marfil, etc., desde os séculos IX ao XX. A destacar a custodia de Antonio de Arfe de 1539-45.

Pazo de Xelmírez [editar]

Permite visitar un dos pazos medievais mellor conservados de España. Aínda que houbo un pazo anterior, o arcebispo Diego Xelmírez reconstruíuno de raíz desde 1117. Destacan as súas ménsulas esculpidas, das que salientan as da denominada Sala de Cerimonias, con representacións dun banquete.

Véxase tamén [editar]

Ligazóns externas [editar]