Abegondo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°13′39″N 08°17′18″W / 43.22750°N 8.28833°W / 43.22750; -8.28833

Abegondo
Escudo de Abegondo
Cruceiro. San Martiño do Orto, Abegondo.jpg

Cruceiro en San Martiño de Orto.
Situacion Abegondo.PNG
Situación
Xentilicio[1] abegondense
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca da Coruña
Poboación 5.664 hab. (2013)
Área 83,9 km²
Densidade 67,51 hab./km²
Entidades de poboación 19 parroquias e 254 lugares
Capital do concello San Marcos
Política (2011)
Alcalde José Antonio Santiso Miramontes
Concelleiros BNG: 2
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 0
Outros: APA 1 ; AxC 3
Eleccións municipais en Abegondo
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 97,05%
Na rede
www.abegondo.es

Abegondo é un concello da provincia da Coruña, pertencente á Comarca da Coruña. A poboación a 1 de xaneiro de 2013 era de 5.664 habitantes, 2.804 homes e 2.860 mulleres, segundo o IGE (en 2012 5.709 habitantes, no 2009 5.798 habitantes, 5.808 no 2007, 5.773 no 2006, 5.756 no 2005, 5.732 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é abegondense.

Evolución da poboación de Abegondo (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 7.376  8.238  8.202  6.274  5.732  5.798    5.709  5.664
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Topónimo[editar | editar a fonte]

Abegondo é, polo seu remate en -gondo de clara orixe xermánica[3]. O topónimo está composto por abe, que podería estar relacionado con berg e referirse a montaña, e -gondo, do cal non se coñece o significado[4].

As parroquias de Abegondo, que dá nome ao concello, e Cullergondo e Mabegondo teñen esa mesma orixe xermánica con remate en -gondo.

Escudo[editar | editar a fonte]

O escudo de Abegondo é de cor de ouro, e sobre ondas de azur e prata, unha cuña de figueira de cinco follas de sinople. O timbre é de coroa real pechada[5].

O escudo do concello recolle a lenda da orixe da liñaxe dos Figueroa por ter dentro dos termos municipais, na parroquia de Figueroa, a propiedade da Torre de Figueroa. A pola de figueira do heraldo desta, coas cinco polas, recordan a esta liñaxe. As augas representan ao encoro de Cecebre[5].

Xeografía[editar | editar a fonte]

A súa superficie é de 83,9 km². Sitúase a 23 km ao sueste da capital provincial. Conta con 19 parroquias e limita cos concellos de Bergondo, Betanzos, Oza-Cesuras, Mesía, Ordes, Carral e Cambre. A capital é San Marcos.

A altitude media sitúase nos 198 m.[6], pero o punto máis elevado atópase no Castro Maior con 477,80 m.[7]

O Barcés, Gobia e Mero son os ríos principais do concello. En Abegondo está o encoro de Cecebre que abastece de auga potable á cidade da Coruña. Este encoro no río Mero ocupa unhas 275 Ha e unha pequena parte del abrangue os concellos de Betanzos, Cambre e Carral. Construíuse no val conformado pola confluencia do Barcés e o Mero, val de relevo suave. Conforma un hábitat no que destaca a presenza de gran variedade de aves migratorias.

Recóllense 1169 mm./ano de precipitacións, e a temperatura media é de 12'3 ºC.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Iglesia de San Martiño do Orto en Abegondo.

Patrimonio arqueolóxico[editar | editar a fonte]

No concello atópanse restos de antigos castros, o máis salientable é o de Meangos.

Patrimonio arquitectónico[editar | editar a fonte]

  • Pazo de Preto. Situado na parroquia de Cullergondo e preto da igrexa parroquial, desde onde poden verse os restos do pombal. Esta edificación atópase en estado de abandono exceptuando unha parte que se dedica a vivenda permanente.
  • Pazo de San Pedro de Crendes. Situado na parroquia de Crendes, na mesma estrada que une Abegondo con San Pedro de Nós. De estilo barroco, a edificación data do século XVIII e foi doado ás irmás de Cristo Rei para unha fundación benéfico-docente. Aínda que xa non hai actividades escolares, actualmente atópase en bo estado de conservación.
  • Pazo de Figueroa. Atópase na parroquia de Figueroa, situada na estrada que vai desde Montouto a Carral. Pertencente ao Marquesado de Figueroa, familia galega de nobre liñaxe, foi construído no século XV (posúe unha torre do século XII que foi reformada no XVII). A historia desta magna construción esta ligada ao famoso Tributo das cen doncelas posto que os antepasados dos Figueroa, no ano 791, foron protagonistas dunha batalla que libraron cos mouros para rescatar ás súas irmás, que engrosaba a lista daquel infame tributo, e o seu nome provén, segundo a lenda, do feito de que os irmáns usaran pólas de figueira para botar fóra os mouros que quería levar a unha das súas irmás como parte do famoso tributo. A fábrica orixinaria remontaríase ao século XII, pero as reformas posteriores pouco deixaron desta.
  • Pazo de Macenda. Situado na parroquia de San Pedro de Crendes; de estilo orixinal barroco hoxe presenta unha indefinida arquitectura logo da recente restauración de que foi obxecto para convertelo en casa rural de hospedaxe na época estival. Os seus propietarios orixinais eran os Ponche e Andrade.
  • Pazo de Orto. De estilo renacentista, aínda conserva unha torre do século XVII. Hoxe en día atópase en excelente estado de conservación. Situado nas beiras do Pantano de Cecebre e ao final do viaduto da estrada San Pedro de Nós - Abegondo, conserva un coidado xardín de árbores centenarios ao cal se accede pola porta principal, de coidada ferrería, rematada polo escudo dos Andrade.
  • Pazo de Pastoriza. Atópase na parroquia de Mabegondo pasando o pazo dos Quiroga. Aínda que ten unha capela que data do século XVIII, a súa construción parece ser que foi iniciada moito antes. As súas fermosas e vetustas palmeiras danlle un singular aire de distinción. Os propietarios iniciais foron os Pardo de Andrade. É de planta rectangular coa capela contigua comunicada por un pasadizo pétreo.
  • Pazo dos Quiroga ou Torres de San Tirso de Mabegondo. Situado na parroquia de San Tirso de Mabegondo, de estilo renacentista, a fachada principal está flanqueada por dúas torres cúbicas simétricas (de tres alturas) construídas por Diego de Quiroga e Reimóndez (Cabaleiro da Orde de Santiago e capitán de infantería), con escudo de armas dos Quiroga, Reimóndez, Capoa e Somoza. Un dos descendentes deste solar foi don Antonio Quiroga, militar e político que se destacou nos movementos revolucionarios de 1820 durante o reinado de Fernando VII e que chegaría a ocupar a vicepresidencia das Cortes. Posúe unha interesante portada con parellas de columnas dóricas a modo de arco triunfal, con escudos en ambas torres e balcóns no piso intermedio.
  • Pazo de Vilacova. Situado na parroquia de Vilacova, esta mansión señorial coñecida como Casa Grande, actualmente está dedicada a casa de labranza. No presente pertence á familia Etcheverría.
  • O Pazo de Borreiros e o de Folgoso construídos nas respectivas parroquias durante o século XVIII desapareceron por completo; e os restos do Pazo de Santa Ana, que databa do século XVII, descansan hoxe baixo as augas da Represa de Cecebre.
  • Ponte de Beldoña. Construción de orixe medieval que se atopa na parroquia de San Tirso de Mabegondo preto da estrada que une Betanzos co pobo de Mesón do Vento. Asegúrase que a súa construción se remonta ao século II e sábese que foi reparado no século XIV. Esta ponte asentábase no camiño real que unía Betanzos con Santiago de Compostela e era utilizado polos peregrinos que acudían a visitar a tumba do Apóstolo Santiago.
  • Casa de Filipe II. Esta emblemática casa atópase na parroquia de Sarandós e nela descansou uns días o rei Filipe II, en 1554, cando viña á Coruña para embarcarse cara a Inglaterra cando ía celebrar os esponsais con María Tudor. Esta casa, conserva dous escudos pétreos na súa fachada como recordatorio da estancia do rei.
  • Convento de Sarandós. Construción clerical que afectada pola desamortización de Mendizábal pasou a mans particulares. Tramitado o expediente en 1821, a venda do edificio rematábase en pública poxa e adquiriuno don José do Villar e Riobó. O edificio existente foi construído a principios do século XX.
  • Casas de Ponche. Estas dúas sólidas construcións, que ao parecer datan do século XVI, áchanse na parroquia de Cos e suponse que eran empregadas para vivenda familiar de peóns e actividades agrarias e gandeiras dos señores do lugar.
  • Torres de Bordel. Este antigo pazo, en forma de U e con dúas torres unidas por un corpo central, é de estilo gótico e data do século XV apreciándose reformas e ampliacións dos dous séculos seguintes. O pazo das Torres de Bordel tamén esta ligado ao episodio das cen doncelas, posto que neste lugar as encerraban para envialas á corte do califato de Córdoba. Nas inmediacións deste pazo foi onde escenificaron a batalla os irmáns Figueroa por salvar ás súas irmás.
Cruceiro singular de Abegondo.

Festas e celebracións[editar | editar a fonte]

  • Festas da Nosa Señora da Saleta en Presedo, o día 19 de setembro.
  • Festas da Nosa Señora dos Remedios en Sarandóns, o 4º domingo de setembro.
  • Romaría das cereixas en Vilacova, o 1º domingo de Xullo.
  • Celébrase unha feira en San Marcos de Abegondo o 2º domingo de cada mes e unha extraordinaria o día 25 de abril por ser San Marcos.

Economía[editar | editar a fonte]

O concello é esencialmente agrícola, gandeiro e forestal, tan só unhas poucas industrias derivadas creban o predominio do sector primario. No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que ocupa 310 hectáreas, trabállase para a mellora de cultivos e pastos, ademais da produción madeireira. A proximidade a Betanzos e A Coruña permite que moitos veciños traballen nesas cidades.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Abegondo.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Abegondo

Abegondo (Santaia) | Cabanas (San Xián) | Cerneda (San Salvador) | Cos (Santo Estevo) | Crendes (San Pedro) | Cullergondo (Santa María) | Figueroa (San Miguel) | Folgoso (Santa Dorotea) | Leiro (Santaia) | Limiñón (San Salvador) | Mabegondo (San Tirso) | Meangos (Santiago) | Montouto (Santa Cristina) | Orto (San Martiño) | Presedo (Santa María) | Sarandós (Santa María) | Vilacova (San Tomé) | Viós (San Salvador) | Vizoño (San Pedro)

Lugares de Abegondo[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Lugares de Abegondo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. http://www.xenealoxia.org/onomastica/toponimos-de-orixe-xermanico/1744-toponimosxermanicosgondo
  4. Albaiges Olivart, Josep María. Enciclopedia de los topónimos españoles. Planeta. 1997
  5. 5,0 5,1 Decreto 145/1994, do 19 de maio, polo que se aproba o escudo heráldico do Concello de Abegondo (A Coruña)
  6. Consúltese a páxina do Sistema de Información Xeográfica de Datos Agrarios do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
  7. Cartografía 1:5000 do Sistema de Información Territorial de Galicia, folla 45-85.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Abegondo Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Concellos da Comarca da Coruña Comarca da Coruña
Abegondo
Abegondo
Arteixo
Arteixo
Bergondo
Bergondo
Cambre
Cambre
Carral
Carral
A Coruña
A Coruña
Culleredo
Culleredo
Oleiros
Oleiros
Sada
Sada