Mesía
| Mesía | |
|---|---|
| Casa do concello. | |
| Situación | |
| Xentilicio[1] | mesiense |
| Xeografía | |
| Provincia | Provincia da Coruña |
| Comarca | Comarca de Ordes |
| Poboación | 2879 hab. (2012) |
| Área | 106,8 km² |
| Densidade | 26,96 hab./km² |
| Entidades de poboación | 12 parroquias |
| Capital do concello | |
| Política (2011) | |
| Alcalde | Mariano Iglesias Castro (PSdeG-PSOE) |
| Concelleiros | BNG: 1 PPdeG: 2 PSdeG-PSOE: 8 Outros: - |
| Eleccións municipais en Mesía | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes | 99,66% |
| Páxina web oficial | |
| www.concellodemesia.es | |
Mesía é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Ordes. Segundo o IGE en 2012 tiña 2.879 habitantes (1.445 homes e 1.434 mulleres) (2.918 no 2010, 3.102 no 2006, 3.174 no 2005, 3.216 no 2004, 3.240 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «mesiense».
| Evolución da poboación de Mesía (desde 1900 ata 2012) | |||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 |
| 4.198 | 5.318 | 6.046 | 4.410 | 3.216 | 2.918 | 2.879 | |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||||
Índice |
Xeografía [editar]
Mesía limita cos concellos de Frades, Boimorto, Curtis, Vilasantar, Cesuras, Abegondo, Ordes e Carral. A súa capital é o lugar de Xanceda, situado a 42 km de Santiago de Compostela e a 46 da Coruña.
Ten unha altitude media de 400 m, sendo máis accidentada cara ao norte. Os seus cumios máis altos son Picoi (546 m), Montouto (542 m), a Cova (488 m), Rozamonde (462 m) e Teixoeiras (427 m). O curso fluvial máis importante é o río Tambre, que pasa pola parroquia de Castro. Afluentes deste son o Maruzo e mailo río Samo, que nace en Picoi, nos montes da Tieira, e percorre o concello polo norte facendo, en certos tramos, de límite co concello de Frades.
O concello está atravesado no suroeste pola estrada AC-524, que une o concello coa capital comarcal, e no centro pola AC-223 (As Travesas-Xanceda), que atravesa o concello e o une coa estrada das Travesas. A AP-9 cruza o municipio nun tramo pola parroquia de Visantoña.
Historia [editar]
As terras de Mesía eran lugar de paso na Idade Media entre Santiago de Compostela e as vilas do norte, como Betanzos, A Coruña e a zona da Mariña, o que deu pé á vía inglesa do Camiño de Santiago. Desta época é a torre de Mesía, fortaleza dos séculos XIII e XIV, na actualidade en ruínas.
No Antigo Réxime as parroquias dependían da xurisdición de Mesía, da provincia de Santiago de Compostela, que acollía en total 45 freguesías. A parroquia de Cabrui dependía do mosteiro de Sobrado dos Monxes, da provincia de Betanzos.
O 13 de febreiro de 1809, durante a guerra da Independencia Española, as tropas francesas arrasaron e queimaron a capela de Arxán, amais de fusilar trece veciños, que foron soterrados nunha foxa dentro da igrexa.
Coa chegada da división en concellos, Mesía contaba con once parroquias e dependía do partido xudicial de Poulo. En 1822 pasou a pertencer á provincia da Coruña. En 1835 pasou a formar parte do partido xudicial de Ordes. Entre abril e xuño de 1836 foille adscrita a parroquia de San Pedro de Ardemil.
A localización da capital sufriu modificacións. No 1860 estaba na Pobra, no 1900 na Vila, no 1910 en Xancedavella, e entre 1920 e 1981 de novo na Pobra. Se ben na actualidade o xulgado e a casa consistorial están en Xanceda, oficialmente a capitalía segue na Pobra, ao non estar tramitado o expediente de cambio.
O edificio consistorial foi inaugurado en 1955 no lugar de Campo das Mentiras, en Xanceda. É un edificio de planta cadrada e cuberta a catro augas. A escaleira de acceso ten dous andares, o primeiro con pórtico de dobre arco de medio punto á fronte e un arco de medio punto en cada lateral, e o segundo co balcón municipal, con baranda de ferro e decoración xeométrica. No alto do edificio hai un pequeno ático co escudo coroado, nun frontón triangular.
No escudo do concello, xa existente en 1838, aparece a torre do castelo de Mesía.
Patrimonio [editar]
Amais dos edificios relixiosos, existen diferentes construcións civís destacables. A torre fortaleza de Mesía está no lugar da Pobra (Bascoi). O pazo de Recelle foi construído no século XVII por Antonio Varela do Barreiro e Inés Fernández Marzoa. A Casa Grande de Xanceda é de estilo barroco, e orixinalmente tiña un torreón e unha pequena capela advocada á Virxe do Rosario. Pertenceu ao marquesado de San Martiño de Ombreiro. O pazo de Lago, do século XVIII, pertence aos Verea e Aguiar. É un edificio rectangular de cachotería cunha cheminea de grandes proporcións. A Casa do Coronel, na parroquia de Cabrui, acolle unha casa de turismo rural, e foi deseñada polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de Mesía.
Parroquias [editar]
Lugares de Mesía [editar]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Mesía vexa: Lugares de Mesía.
Notas [editar]
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.