Historia de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia de Santiago de Compostela remóntase a prehistoria, a cultura castrexa, a pegada dos romanos, e como punto de inflexión o achado do enterramento do Apóstolo Santiago. A partir dese momento a cidade conformarase entorno ao centro de poder representado polo Arcebispo de Santiago e a súa representación física, a Catedral. O Camiño de Santiago marcou dende entón o devir da cidade.

Orixes[editar | editar a fonte]

No territorio que actualmente ocupa a catedral de Santiago existía un poboado romano, que se tende a identificar como a mansión romana de Aseconia que existiu entre a segunda metade do século I e o século V.[1] O poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole vencellada a explotacións mineiras que tivo uso quizais ata alén da época do Reino Suevo de Galicia, chegando ata o século VII.

O nacemento de Santiago como se coñece agora está ligada á descuberta (presumible) dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835, a elevación do rango relixioso dos restos, a Universidade e na actualidade á capitalidade de Galiza.

Segundo a tradición medieval, como aparece por primeira vez na Concordia de Antealtares (1077), o eremita Paio alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón avisou o bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas", ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio; ou mesmo "[Ja]Com[e A]postol[u]"). O nome tamén se ten relacionado co hipocorístico Compostela, correspondente ao antropónimo Composta. A descuberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinación que anunciou no interior do seu reino e no exterior, a un novo lugar de peregrinación da cristiandade nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.

Santuario medieval[editar | editar a fonte]

Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade, primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados formada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares, espontaneamente asentouse unha poboación heteroxénea, aínda que fundamentalmente estaba formada por emigrantes procedentes das aldeas próximas, que foi aumentando a medida que progresaba a peregrinación por razóns relixiosas por todo o occidente peninsular, reforzado polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela. O primeiro habitante coñecido de Compostela é, de feito, un estranxeiro: Bretenaldo Franco, cuxa mención máis antiga corresponde ó ano 955.

O santuario foi adquirindo relevancia política. Deste xeito nel foron coroados monarcas do Reino de Galicia e do Reino de León como Sancho Ordóñez; Ordoño IV, Sancho I ou Bermudo II. Como consecuencia, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997, que tan só respectou o sartego do apóstolo, tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución, o bispo Cresconio a mediados do século XI dotou á cidade dun cinto de foxos e unha muralla como medida defensiva. Malia a ameaza de excomuñón no concilio de Reims, reivindicou para ela a condición de Sé Apostólica.

No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo á construción da catedral románica, o aumento da peregrinación fai de Compostela un lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando a súa importancia, que se ve recompensada tamén politicamente, acadando na época do Arcebispo Diego Xelmírez a categoría de metropolitana para a igrexa compostelá (1120). A autoridade da Igrexa de Santiago estendíase sobre a maior parte das dioceses do nacente reino de Portugal e sobre a maioría das do León. Santiago era, asemade centro dun gran señorío feudal gobernado polos bispos de Compostela que ía dende o río Iso ata o Atlántico. Dende Santiago organizouse a resistencia armada fronte ás invasións normandas que coñecía ao Reino de Galicia como Jakobsland (País de Santiago).

Fito importante, dende o punto de vista político, foi a coroación por Diego Xelmírez de Afonso Raimúndez, o futuro Afonso VII na catedral compostelá como rei de Galicia. Dende o punto de vista relixioso, porén, hai que salientar a concesión do privilexio do Ano Santo xubilar xacobeo, mediante a Bula Regis Aeterni polo papa Alexandre III en 1181. Dende o punto de vista social, debe mencionarse o prematuro levantamento burgués contra Diego Xelmírez e a raíña Urraca en 1117.

Nestes anos redactouse o Códice Calixtino, un conxunto de textos reunidos nos anos finais do arcebispado de Diego Xelmírez e que se presentaba como da autoría do Papa Calisto II, fonte fundamental da Historia do peregrinación a tumba do Apóstolo.

No tempo no que acada o arcebispado Berenguel de Landoria Santiago de Compostela estaba levantada en armas, dende o ano 1318, encabezada polo nobre Afonso Suárez de Deza. A solución ó conflito produciuse no denominado día da ira, o 16 de setembro de 1320, cando no castelo da Rocha Forte os líderes da revolta foron asasinados. Tralos acontecementos, o 27 de setembro, asínase a paz.

Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado. A chegada da Peste Negra a cidade supuxo unha forte recesión demográfica, a partir de 1380 recuperou poboación e no século XV tiña entre 4 e 5.000 habitantes.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Claustro do Colexio de Fonseca

A fundación da Universidade no ano 1495 por Lopo Gómez de Marzoa e o labor do arcebispo Alonso III de Fonseca dánlle un novo pulo a atracción de Santiago, en particular en Galiza, atracción que continuará tendo aínda a pesar do descenso relativo da importancia da cidade.

Pola súa parte o Cabido Compostelán dirixido polo Deán Diego de Muros III promoveu outras obras de grande importancia e cun carácter propio do humanismo, o Hospital Real e o Estudo Vello, xermolo da futura Universidade e outras accións que conformaron o Santiago que chegou ata os nosos días.

Foi sede da Real Audiencia do Reino de Galicia dende 1508, pero a presión eclesiástica, fixo que se trasladara a Coruña en 1578.

As reformas do poder monacal da orde bieita marcaron o renacemento de San Martiño Pinario e San Paio de Antealtares o que contribuíu a dar azos a unha intensa actividade construtiva.

Os azoutes da peste obrigaron ao arcebispo Francisco Blanco a fundar o Hospital de San Roque, Santo baixo a cuxa protección se puxo o pobo de Santiago.

A principios do século XVII prodúcese un período de decadencia na cidade. O italiano Cesare Baronnio, confesor do Papa Clemente VII, na súa obra Annuales Eclesiásticos puxo en tela de xuízo a peregrinación do Apóstolo a Hispania. Este dato foi recollido no Breviario Romano producindo un grave dano a cidade das peregrinacións. O Cabido Compostelán conseguíu pouco tempo despois que se modificase o Breviario, pero unha nova dificultade tivo que ser salvada; a Orde dos Carmelitas, nos anos 1617 e 1626, promoveron a Santa Teresa como Copatroa de España, cas perdas económicas que conlevaba para Santiago. De novo o Cabido logrou, coa axuda de importantes persoeiros da sociedade do momento como Quevedo, devolverlle ao Apóstolo á situación de único Patrón de España.

Torre do reloxo de Domingo de Andrade

Aínda houbo un novo feito similar, no ano 1643 as Cortes propoñen un novo copatrón de España, a San Miguel Arcanxo, pero esta proposta decaeu moi rápido xa que nese mesmo ano Filipe IV estableceu a Santiago como único patrón de España e estableceu, todos os 25 de xullo, unha ofrenda rexia de 1.000 escudos de ouro ao arcebispado de Santiago, e unha gran pensión por 20 anos para sufragar a realización dun gran retablo na súa honra (que se comezou a construír no ano 1658). Estes feitos produciron unha bonanza económica que fixo posible custear novas construcións e reformas que se multiplicaron por toda a cidade, obras nas que se plasmou un estilo propio e ao mesmo tempo universal, o barroco compostelán.

Esplendor Barroco[editar | editar a fonte]

A prosperidade do cabido catedralicio e dos mosteiros fixo de Santiago un centro artístico punteiro. Nun primeiro momento comezaron a traballar no taller da Catedral unha serie de mestres de obras e arquitectos foráneos, como José Vega y Verdugo (procedente de Madrid), o portugués Francisco de Antas, o avulense José Peña de Toro, o cántabro Melchor de Velasco ou o Arquitecto Real Pedro de la Torre.

Neste taller e no de San Martiño Pinario formáronse un grupo de arquitectos galegos que cara ao ano 1670 tomaron as rendas das obras que se estaban a desenvolver en toda a cidade. Figuras egrexias como o compostelán Diego de Romay, Domingo de Andrade (torre do reloxo), Frei Tomás Alonso, o leonés Frei Gabriel de Casas, Pedro de Monteagudo, Simón Rodríguez (fachada do Convento de Santa Clara), Castro Canseco (retablo de San Paio de Antealtares, Clemente Fernández Sarela (Casas do Cabido e do Deán) ou Fernando de Casas Novoa (fachada do Obradoiro) fixeron de Santiago un conxunto barroco de alto nivel a escala mundial. As magnificencia e as peculiaridades do estilo arquitectónico destas personalidades fan que se fale de "barroco compostelán". O arcebispo mecenas por excelencia foi Frei Antonio de Monroy.

Santiago neste período convértese en refuxio dos exiliados irlandeses que reclaman acollida e centros de formación como o Colexio dos Irlandeses.

Santiago ata a actualidade[editar | editar a fonte]

Malia a forza da Igrexa, xurdiron iniciativas ilustradas como a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Pero trala ocupación francesa e o fito do Batallón Literario contra a ocupación, Santiago transfórmase nun baluarte carlista. A Igrexa de Santiago arela restaurar un Reino de Galicia tradicionalista dentro dunha monarquía española consonte aos parámetros do Antigo Réxime.

En Santiago naceu en 1800 o primeiro xornal galego, El Catón Compostelano. Avanzado o século XIX existen fábricas de tipo artesanal de curtidos, chocolate e gasosas. Pero a loita contra o inmobilismo verase freada polo atraso das vías férreas (non hai tren á Coruña ata 1943).

No século XX Santiago será testemuña dun renacer galeguista co Seminario de Estudos Galegos e a Asemblea de municipios que no albor da Segunda República se amosou maioritariamente favorable á redacción do estatuto de autonomía. A sublevación militar de 1936 acabou con esa alborada. O alcalde galeguista Ánxel Casal foi fusilado.

A aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 nomeaba Santiago de Compostela como capital galega, obtendo como consecuencia un novo pulo na fin do século XX que contrarrestou amplamente o decrecemento relativo da importancia como cidade universitaria ó creárense en 1989 a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]