Parque de San Domingos de Bonaval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°53′01″N 8°32′19″O / 42.883534917731, -8.5384736339754

Carballlos no parque de Bonaval.

O parque de San Domingos de Bonaval é un parque de Santiago de Compostela.

Situación[editar | editar a fonte]

Está situado nun outeiro ao nordeste da cidade vella, no barrio de San Pedro, cerca do acceso tradicional á cidade polo Camiño Francés.

No seu límite sur están o Convento de San Domingos (dentro do cal está o Museo do Pobo Galego e o Panteón de Galegos Ilustres) e o Centro Galego de Arte Contemporánea, o que crea un contraste entre o antigo e o moderno.

Historia[editar | editar a fonte]

O parque inaugurouse o 24 de xullo de 1994 ao rehabilitarse a antiga horta e o cemiterio dos dominicos (que foi drante moitos anos o principal da cidade, antes de ser substituído polo de Boisaca).

Os artífices da rehabiltación foron o arquitecto portugués Álvaro Siza (que deseñara tamén o Centro Galego de Arte Contemporánea) e a arquitecta paisaxista Isabel Aguirre. Ambos os dous recibiron en 1997 o "Premio Nacional de Arquitectura Manuel de la Dehesa" pola rehabilitación do parque. A súa actuación é un exemplo de perfecta adaptación á topografía e aos elementos preexistentes, que conxuga as onduladas formas da ladeira coa linearidade dos trazados xeométricos que definen os seus sendeiros e bancadas. Respecta a estrutura tripartita da propiedade monacal: horta, carballeira e cemiterio. O resultado é un espazo coidado, cunha gran calidade, un parque de sutil deseño contemporáneo que xoga coas perspectivas, moi aproveitado por composteláns e visitantes e marco excepcional de manifestacións artísticas. O arboredo histórico completouse con novas especies, o que lle confire ademais un especial interese botánico, destacando a carballeira.

Características[editar | editar a fonte]

Ten unha superficie de 37 047 m² e o seu acceso principal está situado entre os dous citados museos. Dentro do parque encóntranse distintos niveis de altura, que están divididos por muros de xisto, pedra sobre a cal se asenta a cidade de Santiago, muros que foron coidadosamente restaurados.

Placa conmemorativa da primeira antena de radio de Galicia.

Nel pódense distinguir, como quedou dito, tres zonas claramente delimitadas:

  • A primeira é a inferior, que pertenceu ao Convento de Bonaval, e que os monxes usaban como horta. Nela cultivaban legumes, froitas, uvas e, ao pé do cemiterio, centeo. Nesta parte está situada unha estatua de Eduardo Chillida chamada A porta da música.
  • A segunda parte é a do antigo cemiterio, desde onde hai unha vista panorámica da cidade antiga e onde se construíron uns novos xardíns.
  • A terceira parte, separada da anterior por un muro de pedra, á a da antiga carballeira. Nela colocouse a primeira antena de radio de Galicia, e quedan restos ademais dunha mina e un lavadoiro.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Concello de Santiago: Parques e Xardíns (2009). "Parque de Bonaval". 

Outros artigos[editar | editar a fonte]