Sada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°21′N 8°15′W / 43.350°N 8.250°W / 43.350; -8.250

Sada
Escudo de Sada
Sada. Galiza.jpg

Vista xeral.
Situacion Sada.PNG
Situación
Xentilicio[1] sadés - sadense
Xeografía
Provincia Provincia da Coruña
Comarca Comarca da Coruña
Poboación 15075 hab. (2013)
Área 27,4 km²
Densidade 550,18 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Política (2011)
Alcalde Ernesto Anido
Concelleiros BNG: 5
PPdeG: 4
PSdeG-PSOE: 2
Outros: PDSP 5, APSI 1
Eleccións municipais en Sada
Uso do galego[2] (2001)
Galegofalantes 88,74%
Na rede
www.concellodesada.com
turismo@sada-ayuntamiento.es

Sada é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca da Coruña. Segundo o IGE en 2013 tiña 15.075 habitantes (14.922 no 2012, 14.487 no 2009, 13.606 no 2007, 13.134 no 2006, 12.867 no 2005, 12.453 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «sadés» e «sadense».


Historia[editar | editar a fonte]

Idade Antiga[editar | editar a fonte]

As orixes de Sada son bastante incertas. Segundo Florencio Vaamonde Lores, remitiríanse a un primeiro asentamento lacustre do que se terían achado restos nas Brañas. Porén, o que si se ten por certo é o desenvolvemento sobre a súa xeografía da Cultura castrexa, materializada en oito asentamentos identificados dos que destacan os de Meirás, San Amede e, sobre todo, Agra das Arcas. Son castros na súa maioría de ocupación tardía, profundamente romanizados a partir do s. I d.C. Tamén se coñecen, máis vagamente, se cabe, asentamentos romanos en diferentes puntos, así coma dous restos interesantes da súa civilización: unha ara votiva localizada baixo a igrexa de Meirás e dedicada ao deus Coso Udaviniago, e unha lápida funeraria, empotrada no muro do cemiterio de Soñeiro, que representa a un individuo togado.

Idade Media[editar | editar a fonte]

A Idade Media, e non é por caer en tópicos, atópase envolta nunha escuridade case impenetrable. As referencias que temos a Sada na documentación son escasas, se ben é certo que nunca se realizou investigación de ningún tipo sobre este particular. Sabemos da dependencia nobiliaria e eclesiástica, concretamente das familias dos Condes de Présaras primeiro, logo dos Andrade, e dos mosteiros das Xubias e, sobre todo, Sobrado, que probablemente posuíra unha granxa en Samoedo dedicada fundamentalmente á produción vinícola. Asemade, durante todo o período, sufriría, segundo nos remite Florencio Vaamonde, numerosas invasións e saqueos: os normandos no 846 e 859, Almanzor no 997 ou o duque de Lancaster no 1379.

Idade Moderna[editar | editar a fonte]

Non acontece o mesmo coa Idade Moderna. Se xa as fontes son moito máis abundantes e ricas, existen, ademais, algúns estudos que toman a vila sadense por centro, especialmente os de Meijide Pardo sobre a súa industria[3]. Ademais, contamos xa con datos demográficos medianamente fiables desde o s. XVI e precisos desde o XVIII, grazas, sobre todo, ao Catastro de Ensenada, que tamén nos achega numerosa información no eido socio-profesional, económico e mesmo xeográfico. Hai que destacar a pertenza das parroquias e vila de Sada á Xurisdición de Miraflores.

Entre os séculos XVII e XVIII cabe resaltar a forte actividade industrial desenvolvida na vila.

Industria téxtil[editar | editar a fonte]

Na primeira etapa, entre 1674 e 1762, instaláronse fábricas téxtiles de varios tipos, todas elas promovidas polos flamencos Baltasar de Roo e Adrián Kiel, que chegaran a Galicia exiliados do seu país natal.

No 1674 fundarían a fábrica de enxarcia e lona que, asemade, había ser a máis duradeira. Comezaron empregando maioritariamente a persoal especializado de orixe flamenca, mais pronto incorporarían a boa parte da poboación sadense, ata o punto de abandonárense en boa medida as tradicionais actividades pesqueiras. A gran maioría dos habitantes da vila e das parroquias lindeiras traballaban na industria, aínda que os cargos de responsabilidade os seguían a ocupar os flamencos. A fábrica surtía das pertinentes teas e cordeis á Real Armada, polo que recibiu numerosos privilexios do rei Carlos II. Co obxecto de garantir a súa seguridade ergueríanse as baterías defensivas de Fontán primeiro e Corbeiroa despois. Esta puxanza quebraría á morte dos fundadores, a de Roo en circunstancias violentas, pois os seus descendentes non terían capacidades nin entendemento entre si para continuar á fronte. Así, a fábrica remataría abandonada ata que a propia Coroa se fixo cargo dela, xa coma Real Fábrica de Jarcia y Lona, revitalizándoa en gran medida. Non obstante, no 1762 sería trasladada a Ferrol, nunha ría máis pechada e, xa que logo, máis defendible ante un ataque marítimo.

Aproveitando a puxanza da fábrica de enxarcia e lona, Roo e Kiel puxeran adiante no século XVII outras dúas empresas similares. En primeiro lugar, no 1674 fundarían unha fábrica de mantelería e lenzos, surtidora da Casa Real, introducindo así o cultivo do liño en Galicia[Cómpre referencia]. Once anos despois emprenderían o terceiro reto, a fábrica de panos, confeccionando produtos de excelente calidade. Tanto que espertaron as iras dos ingleses, que vían perigar a súa oligarquía comercial neste sector. No 1713, coa morte de Roo, pechaba esta última fábrica, e no 1725, a de mantelería era trasladada á Coruña.

Industria da salga[editar | editar a fonte]

Co declive da produción téxtil e o traslado da Real Fábrica a Ferrol, Sada viviría un importante declive económico, compensado por importantes melloras na saúde dos veciños, que, segundo apunta Joseph Cornide, viñan padecendo febres a causa das polucións emanadas pola empresa. Non había durar esta crise económica moito tempo. Axiña chegaría un gran número de empresarios ou "fomentadores" de orixe catalá a desenvolver as súas industrias na nosa xeografía. Desde as derradeiras décadas do século XVIII e durante a primeira metade do XIX establecerían as súas fábricas nos núcleos de Sada e, sobre todo, Fontán. Algúns destes cataláns instalados en Sada serían José e Juan Albanell, Juan Ballester, Francisco Bargalló, Josep Caminada, José Carbonell, Andrés e Cayetano Dalmau, Gerónimo Estefanell Galup, Francisco Ferrer i Albá, José Goel, José Grau, Juan Lampallás, Tomás Maristany, Francisco Marticó, Francisco e Juan Miró, Juan Oliver, Juan Ortoll, Daniel e Juan Pasqual Barreras, Francisco Plá, Francisco Pullés Serra, José Torrens i Ros, Ramón Tort, Cristóbal, Francisco e Juan Vidal, etc. Varios destes apelidos pervivirían na antroponimia sadense ata o século XX, casos de Vidal, Marticó e Maristany.

A chegada dos cataláns supuña para Sada a recuperación dun sector fundamental da súa economía: o pesqueiro. Así, os "mareantes" pasaban a traballar para as fábricas de salga, asinando contratos que os vinculaban a eles. O nivel cuantitativo das producións sería moi alto.

Idade Contemporánea[editar | editar a fonte]

No 1812 produciuse un cambio significativo na nosa historia: no marco do fervor liberal conformáronse os novos concellos, agrupando as antigas parroquias. No de Sada confluíron as oito actuais máis a de San Xoán de Lubre, posteriormente adherida ao de Bergondo. Poucos datos hai sobre eses anos. Sábese do papel significativo de Sada na Guerra de Independencia española, durante a cal recobraron as súas funcións defensivas os castelos de Fontán e Corbeiroa e na que, supostamente, o rexedor da Xurisdición de Miraflores (á que Sada pertencía) Manuel Colmelo Freire de Andrade protagonizou unha gran xesta, segundo nos refire Lugrís Freire. O 1 de xuño do 1809 chegaron á vila un oficial francés e vinte soldados a cabalo, solicitando a Manuel Colmelo que lles proporcionase unha lancha para cruzar a ría. Colmelo así o fixo, mais, xa de camiño, retirou unha táboa da embarcación, afundíndoa. Esta acción sería decisiva, segundo Lugrís Freire, para a inmediata vitoria contra os franceses na batalla de Ponte Sampaio.

O período Isabelino e o Sexenio Democrático[editar | editar a fonte]

A penas hai documentación algunha sobre a primeira metade do século XIX. Os libros de actas máis antigos que se conservan corresponden aos anos 50. Daquela a Casa Consistorial estaba situada na parroquia de Mondego, o que suscitou a crítica de varios Alcaldes que entendían debía estar na vila. Tal emprazamento viña motivado polos intereses das importantes familias que tiñan a súa residencia naquela parroquia. A política municipal obedecía, así no período Isabelino coma nos posteriores, aos cambios que se producían, vía alzamento primeiro, vía elección despois, a nivel estatal. Así, coa Revolución do 1868, constitúese unha Corporación democrática, liderada polo republicano Salvador Casanova Martí, pero que en breve foi substituída, logo das primeiras eleccións por sufraxio universal masculino no 1869, por outra de carácter liberal, con José Benito Posse y Aguiar coma Alcalde, que repetiu mandato no 1871. José Benito Posse era o señor do pazo de Santa María de Sada, e un paradigma máis do peso que seguían a ter as vellas elites na sociedade decimonónica, e que persistiu ata mediados do século XX. No 1873, coa proclamación da I República, en Sada triunfaba a tendencia federal, con Casimiro López Gándara, chegando a ser declarado o concello coma cantonal logo do pronunciamento militar do 1874. Tomaba posesión da alcaldía o conservador Francisco Posse Nicolich, fillo de José Benito, trasladándonos así dun período, o do Sexenio Democrático, a outro novo, a Restauración Borbónica.

A Restauración Borbónica[editar | editar a fonte]

Na Sada da Restauración borbónica en España creáronse dous bloques ou familias políticas ben diferenciadas. Por unha banda a liberal, composta maioritariamente por propietarios rendistas do rural e liderada polo facendado de Soñeiro Antonio Domínguez Fariña. Da outra banda estaban os conservadores, provenientes dun ámbito máis urbano e liderados durante un longo período por Ángel López Vidal. Ambos grupos políticos alternaríanse á fronte do Concello, non sen manteren numerosas confrontacións. Estaban ao servizo de redes clientelares moi afondadas nas parroquias. Hai que destacar, contra o final do período (1922), a traída desde A Coruña do kiosko La Terraza, sublime mostra do modernismo galego.

A Ditadura de Primo de Rivera[editar | editar a fonte]

Durante a ditadura de Primo de Rivera producíronse algúns feitos de significación, coma a chegada do tranvía, a construción das escolas de Sada y Sus Contornos, sufragada pola sociedade homónima de New York, ou, no eido cultural, a publicación, nos anos 1925 e 1926, da revista Mariñana, dirixida por Eduardo García Ramos e na que destacou coma colaborador o xornalista Manuel L. Freire Calvelo. Os rexedores máis importantes do período serán Manuel Dopico Otero e Enrique López Hernández, ambos de carácter populista, en consonancia co propio réxime.

A II República[editar | editar a fonte]

Logo do triunfo republicano na maioría das cidades nas eleccións municipais do 1931, proclamouse a II República, e en Sada constituíase a nova Corporación, integrada por membros da ORGA e encabezada por Justo Rodríguez Pérez. Ao ano seguinte este dimitiría, sendo elixido no seu lugar Antonio Fernández Pita. Mais o verdadeiro protagonismo neste período non o van ter as institucións políticas, senón o amplo entramado asociativo que compuñan os diversos sindicatos ligados á CNT (Sindicato de Oficios Varios de Sada, Sindicato de Profesiones Varias de Meirás, La defensa del agricultor, de Soñeiro, Sindicato de Oficios Varios y Campesinos de Carnoedo, Sindicato Campesino de Mondego e Unión Campesina de Osedo y sus Contornos), agrupacións agraristas, centros culturais (Ateneo de Cultura Política y Social, etc.) e partidos políticos (ORGA, PRRS, UR, IR, PRR, CEDA, PG, PSOE e PCE). Os sindicatos, especialmente os de Sada e Meirás, mantiveron importantes conflitos con propietarios e empresarios. Asociacións coma o Ateneo de Cultura Política y Social, dirixido por Manuel Manovel Santa Cruz, promoveron actividades encamiñadas á difusión cultural e á ilustración da clase obreira, coa celebración de conferencias e tertulias, a realización de excursións, etc.

A Guerra Civil e o Franquismo[editar | editar a fonte]
A Terraza

Mais todo isto virase abaixo tralo golpe militar de xullo do 1936. En Sada terase coñecemento da nova o mesmo día 18. José Monzo Ríos, Presidente do Sindicato de O.V., Secretario da CNT en Sada e cabeza da agrupación local da FAI, dirixirá unha expedición de tres camións á Coruña co obxecto de conseguir armas para a defensa de Sada, mais estas lles serán negadas. Así, os falanxistas, dirixidos por Oliete, tomarán a vila o día 23, comezando así o calvario de moitos que, por non compartiren as ideas políticas do novo réxime, terán que se agochar ou fuxir. O alcalde Fernández Pita será encarcerado e sometido na Coruña a un consello de guerra sumarísimo que o condenaría a morte, sendo executado o 27 de novembro dese mesmo ano. En Sada serían paseados numerosos sindicalistas.

Comezaba unha etapa de profunda decadencia. Para mostra, os datos demográficos, que situaban á poboación sadense en 8.700 habitantes para o 1935 e en menos de 7.000 vinte anos despois. Motivo deste descenso foi a emigración primeiro a América e logo a Europa. No eido económico cabe destacar, en contraste, o auxe do sector pesqueiro nos anos 60 e a pervivencia das conserveiras, así coma a instalación de numerosas telleiras nas Brañas.

Poboación[editar | editar a fonte]

Evolución da poboación de Sada (desde 1900 ata 2013)
 1900  1930  1950  1981  2004  2009  2011  2012  2013
 6.569  8.508  7.345  7.792  12.453      14.922  {{{9}}}
Fontes: INE e IGE

(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Persoeiros[editar | editar a fonte]

Alcaldes de Sada[editar | editar a fonte]

(ca. 1840-1868)

  • Gonzalo Gil Taboada.
  • José María Espantoso.
  • Antonio López.
  • Antonio Arias Sanjurjo.
  • José Benito Posse y Aguiar.

(1868-1875)

  • Salvador Casanova Martí.
  • Casimiro López Gándara.
  • Francisco Posse Nicolich.

(1875-1923)

  • Nicolás López Puga.
  • Salvador Mora Solá.
  • José Gayoso Golán.
  • José María Montes Rouco.
  • Antonio Domínguez Fariña.
  • Joaquín Uribe Zumárraga.
  • Jon Ander Tomé Vacas
  • José Patiño Méndez.
  • Eduardo Babío Suárez.
  • Antonio Ponte Díaz.
  • Jaime Casanova Mirabent.
  • Ángel López Vidal.
  • Avelino Castañeira Díaz.
  • Manuel Domínguez Guitián.
  • José Mora Soto.
  • Luis Pita da Veiga Morales.

(1923-1931)

  • Enrique Cimadevila Rey.
  • Manuel Dopico Otero.
  • Enrique López Hernández.
  • José Gayoso Calvo.
  • Juan Rey Díaz.
  • José Guitián Seoane.

(1931-1936)

(1936-1979)

  • Toribio Pollán Nieto.
  • Manuel Roo Ben.
  • José María Fajardo de Andrade Prieto.
  • Miguel Pérez Sanjurjo.
  • Guillermo del Valle Ordieres.
  • Juan C. Fernández Arévalo.
  • Nicolás Blanco Blanco.

(1979-2007)

Vítimas mortais da represión franquista (1936-1938)[editar | editar a fonte]

Bandera de la II República Española.PNG

Republicanos mortos en combate[editar | editar a fonte]

  • Ricardo Castro Vidal.

Agrupacións culturais e políticas[editar | editar a fonte]

Sindicatos e agrupacións obreiras[editar | editar a fonte]

Grupos, partidos ou bloques políticos[editar | editar a fonte]

  • Organización Republicana Gallega Autónoma-ORGA/PRG) (1931-1933-1934).
  • Agrupación Local del Partido Republicano Radical Socialista en Sada-PRRS (1931-1933).
  • id. Unión Republicana en Sada-UR (1935-1936).
  • id. Izquierda Republicana en Sada-IR (1935-1936).
  • Agrupación Socialista de Sada-Partido Socialista Obrero Español-PSOE (1936/1976-).
  • Radio Comunista de Sada-Partido Comunista de España-PCE (1936).
  • Socorro Rojo Internacional (1936).
  • Agrupación Local del Partido Republicano Radical en Sada-PRR (1931-1936).
  • id. Partido Agrario Español en Sada-PAE (1931-1933).
  • id. Confederación Española de Derechas Autónomas-CEDA (1935-1936).
  • Alianza Popular-AP/Partido Popular-PP (1979-1989-).
  • Falange Española Tradicionalista de las Juntas de Ofensiva Nancional Sindicalista-FET de las JONS (1936-1975).
  • Grupo Local do Partido Galeguista en Sada-PG (1931-1936).
  • Bloque Nacionalista Galego-BNG.
  • Esquerda Galega-EG.
  • Alianza de Esquerdas en Sada-Fronte Popular (1935-1936).
  • Agrupación Sada Unida (ASU) (2003- )

Asociacións agrarias[editar | editar a fonte]

Asociacións culturais[editar | editar a fonte]

Patrimonio[editar | editar a fonte]

Patrimonio arquitectónico[editar | editar a fonte]

O patrimonio arquitectónico conservado é, desgraciadamente, escaso en comparación co que existía hai poucos anos. A especulación urbanística e a pouca concienciación levou á desaparición de numerosos vestixios arqueolóxicos ou arquitectónicos de carácter así popular coma modernista.

Hoxe consérvanse:

Sitios arqueolóxicos castrexos ou romanos[editar | editar a fonte]

  • Castro de Sada ou Riobao (Sada).
  • Castro de Samoedo ou Agra das Arcas (Osedo).
  • Castro de Mosteirón (Mosteirón).
  • Castro de Meirás (Meirás).
  • Castro de Taibó (Carnoedo).
  • Castro de Espiñeiro (Carnoedo).
  • Castro de San Amede (Carnoedo).
  • Castro de Punta do Castelo (Veigue).
  • Sitio de San Pedro (Veigue).
  • Sitio de Armenteiro (Carnoedo).

Arquitectura civil[editar | editar a fonte]

Baterías defensivas[editar | editar a fonte]
  • Fontán (Sada).
  • Corbeiroa (Sada).
Pazos e quintas[editar | editar a fonte]
  • Pazo de Santa María (Sada).
  • Pazo dos Oreiro (Sada).
  • Pazo do Castro de Samoedo (Osedo).
  • Pazo do Castro en Enriba (Osedo).
  • Pazo de Trasín (Mondego).
  • Pazo de Fortiñón (Mondego)
  • Torres de Meirás (Meirás).
  • Casa da Granxa ou de Barrié (Mondego).

Neste apartado cabe resaltar a recente desaparición (no ano 2006) da decimonónica Casa Campanioni, en Riobao, soberbia edificación rodeada por un fermoso xardín francés; e a Casa do Sarxento, en Meirás. Foron derrubadas para construíren un edificio de pisos e unha urbanización respectivamente.

Outros[editar | editar a fonte]

Arquitectura relixiosa[editar | editar a fonte]

Igrexas e capelas[editar | editar a fonte]

(Exclúense as de fabricación moderna.)

  • Igrexa Parroquial de Santa María de Sada (S. XVII. Foi derrubada e reconstruída, conservando unicamente a fachada).
  • Capela de San Roque, Sada (Finais do s. XIX).
  • Igrexa parroquial de San Andrés de Carnoedo (1878).
  • Capela de San Amede, Carnoedo (anos 20 do s. XX).
  • Igrexa parroquial de de San Xián de Osedo (S. XIX).
  • Capela de San Roque, O Castro, Osedo (Finais do s. XIX).
  • Igrexa parroquial de San Nicolás de Mosteirón (S. XIX).
  • Igrexa parroquial de San Xián de Soñeiro (1848).
  • Capela do Espírito Santo, Soñeiro (S. XIX).
  • Igrexa parroquial de Santa Comba de Veigue (S. XIX).
  • Capela da Milagrosa, Meirás (Comezos do s. XX).
Cruceiros[editar | editar a fonte]
  • Carnoedo.
  • Pazos (Sada).
  • Meirás.
  • Mondego.
  • Soñeiro.
Cemiterios destacados[editar | editar a fonte]
  • Fiunchedo (Sada).
  • Carnoedo.
  • Mondego.

Arquitectura popular[editar | editar a fonte]

Dentro da chamada arquitectura popular destacan numerosas vivendas de tipoloxía mariñeira nas áreas da Tenencia e Fontán, ambas na parroquia de Sada. Asemade, existen moitas outras de carácter campesiño esparexidas polas oito parroquias, con especial relevancia, pola súa antigüidade, algunhas de Mondego.

Outros elementos arquitectónicos de importante presenza son os hórreos de tipoloxía mariñá, é dicir, de madeira. Atopamos exemplos notables en toda a xeografía do concello, destacando un do Tarabelo (Sada) en forma de "L" e outro de Samoedo (Sada) de cinco pes.

En Meirás consérvanse en estado absolutamente ruinoso os restos dun muíño de vento circular e de gran altura, que dá nome a toda a zona. Asemade, son varios os muíños de auga que, en mellores ou peores condicións, chegaron a nós, coma o do Tarabelo ou o das Meilanas.

Patrimonio natural[editar | editar a fonte]

O patrimonio natural sadense aparece igualmente deturpado pola acción humana, debido a unha antropización da paisaxe totalmente inconsciente e desordenada, que obedece a intereses económicos e non a criterios ecolóxicos e estéticos.

Museos e salas de exposicións[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Sada.

Imaxes de hoxe[editar | editar a fonte]

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Sada

Carnoedo (Santo André) | Meirás (San Martiño) | Mondego (San Xián) | Mosteirón (San Nicolao) | Osedo (San Xián) | Sada (Santa María) | Soñeiro (San Xián) | Veigue (Santa Comba)

Lugares de Sada[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Sada vexa: Lugares de Sada.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Datos de 2001 publicados en 2004.
  3. "Aportación a la historia industrial coruñesa: las fábricas téxtiles de Sada (1675-1762)", en Revista Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, ano 1, nº 1, 1965, pp. 77-126; "La economía marítima de Sada y Fontán en la época precapitalista. Los salazoneros catalanes", en Anuario Brigantino, nº 18, 1995, pp. 91-104

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sada Modificar a ligazón no Wikidata

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gloria López: Aportacións para unha Historia de Sada, Ediciós do Castro, 1997.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Concellos da Comarca da Coruña Comarca da Coruña
Abegondo
Abegondo
Arteixo
Arteixo
Bergondo
Bergondo
Cambre
Cambre
Carral
Carral
A Coruña
A Coruña
Culleredo
Culleredo
Oleiros
Oleiros
Sada
Sada