Mugardos
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Mugardos (homónimos).
| Mugardos | |
|---|---|
| Casa do Concello | |
| Situación | |
| Xentilicio[1]: | Mugardés, Mugardesa |
| Xeografía | |
| Provincia: | Provincia da Coruña |
| Comarca: | Ferrol |
| Poboación: | 5.565 hab. (2009) |
| Área: | 12,8 km² |
| Densidade: | 437,89 hab./km² |
| Entidades de poboación: | 4 parroquias |
| Capital do concello: | Mugardos |
| Política (2011) | |
| Alcalde: | Xosé Fernández Barcia (BNG) |
| Concelleiros: | BNG: 4 PPdeG: 4 PSdeG-PSOE: 2 Outros: EU-IU 3 |
| Eleccións municipais en Mugardos | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes: | 95,22 % |
| Sitio web oficial | |
| www.concellodemugardos.org | |
Mugardos é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Ferrol. Segundo o IGE en 2009 tiña 5.565 habitantes (5.636 no 2007, 5.638 no 2006, 5.628 no 2005, 5.612 no 2004, 5.737 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é Mugardés.
Índice |
[editar] Historia
O primeiro documento referido a Mugardos (Mogardos) data de 1105, cando a metade da vila pertencía ao mosteiro de Caaveiro a Cristóbal de Seguedís. Noutro documento de 1235 aparece o abade Tedón como posuidor da outra mitade.
Cando medrou a casa de Andrade da man de Henrique II estas terras pasaron a ela: Fernán Pérez de Andrade, fundou o convento de Santa Catalina de Montefaro no 1393, entregándolle no 1397, segundo documento redactado en Caamouco, ... a vila de Mugardos e todos seus servizos e colleitas e tallas e tributos... e todos serventíos que soien façer para que o feçeren des i en deante ao dito moesteiro..., mentres no demais da volta administraban cabaleiros con casaforte en Caamouco, As Torres de Franza e Boado.
A peste do 1404 levou os veciños de Ferrol a prometer o Voto de Chanteiro, romaría anual polo mar ata Mugardos e a pé ata Chanteiro; mantívose a tradición ata o 1839; que los peligros de las galernas e que as autoridades eclesiásticas apreciaban que a festa daba "...lugar a escenas poco edificantes para la moral", o que trouxo a supresión do Voto, con protestas dos veciños de Ares e Mugardos.
Unha anécdota curiosa acontece cando a princesa Mariana de Noeburgo veu para o seu casamento co rei de España O Enfeitizado . Un forte temporal obrigou a súa nave a facer escala no que hoxe é o Castelo da Palma. O pedrón onde ela puxo os pés chamase hoxe «O Cu da Raíña».
Documentos da metade do século XVII dan conta da construción de baterías artilleiras no Promontorio, San Martín e A Palma (esta ampliada no 1762) e subliñan a "... valentía y arrojo de los hombres de mar de Mugardos y El Seixo", ese mesmo mar que era a forma principal de gañar a vida, cando Franza, Boado ou San Xoán eran labradores; xente toda ben botada para diante, como demostraron no salvamento de Dona Ana María de Noeburgo e o seu cortexo, varados polo temporal ao pé do Castelo da Palma no 1690.
Para agradecer ao pobo mugardés o bo acollemento ofrecido á futura raíña de España, foille atribuída e confirmada após polo rei, a excepción do servizo militar para todos os mozos de Mugardos.
O xerente de Mugardos, Ramón Mariño da Barreira obtén, após dun longo proceso, a liberacion do señorío de Montefaro, un facto que é concretizado na concesión do escudo municipal, efectuado en 1805. Este escudo é esculpido por dúas coroas e unha estrela de prata. Así lle foi tamén acordado o titulo de "Real Vila".
A Guerra da Independencia trouxo 2.400 soldados franceses que abandonaron a zona tres días despois, acurralados por grupos guerrilleiros e "... haber en el termino hambre y mendicidad", miseria consecuente á instalación de fábricas catalanas de salgado de peixe, 6 factorías na Redonda, O Baño, Mugardos, O Promontorio e O Seixo, e que con novos sistemas de pesca esquilmaban o mar; para 1821 "... deseseperados los habitantes del termino y sin poder salir a la mar por no haber pesca", deron os mariñeiros en pescar "... en la ría de A Xunqueira y hacer mucho comercio de la sardina, dedicándose al congrio con cordel o al pulpo, saliendo fuera de la costa y hasta la de Irlanda".
Mais tamén a emigración –sobre todo a Cuba–, o traballo na construción naval, o abandono da agricultura, o trazado da vila, son propios dos séculos XIX e XX, como hai que destacar outros fenómenos máis contemporáneos: o espírito progresista, afortalado nas lanchas da Maestranza, hoxe grazas aos novos tempos do transporte unicamente se dedican aos servizos turísticos pola ría.
[editar] Mugardos industrial
Desde finais do ano 2007, e transcurridos 38 meses do inicio da súa construción en 2003, a planta de gas de Reganosa en Mugardos - composta por dous depósitos de 150.000 metros cúbicos de capacidade cada un - entra en funcionamento despois de pasar un período de probas de actividade provisoria.
O buque metaneiro Galicia Spirit, conseguiu atracar cargado con 140.500 m³ de gas natural licuado (GNL) logrou entrar en Reganosa, no que foi o seu quinto intento en varios dias desde a chegada pola ria. Segundo destacou a compañía, quen indicou que ademais contaron cun sistema de atraque por medio de raios láser, xa que o porto de Ferrol é a primeira instalación portuaria en contar con este dispositivo de goberno.
Este acto seguido da apertura oficial coa recepción do primeiro metaneiro á que asistiu, ademais do presidente de Reganosa, Félix Alonso Encinas, o alcalde deste municipio mugardés e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez.
Na actualidade, Endesa dispón do 21% do accionariado de Reganosa, a mesma porcentaxe que ostenta Unión Fenosa, mentres que o Grupo Tojeiro conta co 18%; a Xunta, Caixa Galicia e Sonatracha, o 10% cada entidade; mentres que o Banco Pastor e Caixanova dispoñen do 5% das accións cada un.
[editar] Oposición a REGANOSA
.
A instalación na ría da planta de gas natural licuado de REGANOSA, provocou a oposición de colectivos cidadáns, ecoloxistas e de mariscadores, que a consideran perigosa e prexudicial para o medio ambiente.
A empresa declarou que a planta non é importadora ou comercializadora de gas, senón que recibe alí esta enerxía para que a utilicen outras compañías. Por iso, e diante dos riscos denunciados por estes colectivos sobre este tipo de gas, REGANOSA aclarou que este material chega a Mugardos en grado líquido, a 161 grados baixo cero que, segundo alegaron, non arde nin estoupa. Ademais, destacou que se investiu un 40% máis nesta planta, para que contase con medidas e infraestruturas de "seguridade engadida".
Con todo, as explicacións sobre a seguridade da planta non convencen aos mariscadores da Ría de Ferrol, que se opoñen a esta instalación, do mesmo xeito que o Comité Cidadán de Urxencia da Ría de Ferrol. No caso dun accidente, o gas deixaría de estar a 161 grados baixo cero, gasificaríase, e seria altamente explosivo.
- Vexase tamén:
[editar] Mugardos futbolistico
Un equipo de fútbol que, orixinario dos anos vinte, foi, cara ao principio dos anos cincuenta, fundado no lugar da A Pedreira grazas ao esforzo colectivo de todos os afeccionados do municipio, na actualidade o equipo denomínase Galicia de Mugardos.
[editar] As Festas
- Cabalgata de Reis (5 de xaneiro).
Cabalgata dos Reis Magos de Oriente, festa infantil e recepción das súas maxestades no Pavillón Municipal.
- Festa de San Xulián
Festa local que se celebra o 7 de xaneiro, cunha verbena popular ó aire libre. San Xulián é o patrón de Mugardos.
- Entroido
Luns, Martes e Mércores de Entroido. Un certame de comparsas Percorre as rúas desde o Casino Mugardés ata a Praza do Mercado, onde se organizan actuacións e se ofrecen as orellas típicas destas datas.
- Noite das Pepitas
Noite do 18 de marzo, véspera de San Xosé
A Rondalla Mugardesa cántalle ás Pepitas. Celébrase tamén, un Festival Comarcal organizado polo Casino Mugardés e o Concello.
- Voto de Chanteiro
Martes de Pascua de Pentecoste [Praia e ermida de Chanteiro, Ares]
Romaría popular que celebran conxuntamente os Concellos de Mugardos e Ares, os martes de Pentecostes, na ermida de Nosa Señora da Mercé en Chanteiro; en agradecemento á Virxe da Mercé, protectora da zona cando esta foi asolada pola peste.
- Festa da Ascensión
Día da Ascensión (Capela da Ascensión, Lodairo, San Xoán de Piñeiro)
Romaría dedicada á Virxe da Ascensión, celebrada no mes de xuño. A semana anterior hai novena, ás que todas os feligreses acoden. O día da Ascensión é cando a xente se reúne no souto dos arredores da capela e celebran o día da Virxe.
- Festa de San Xoán
23 de xuño (San Xoán de Piñeiro).
Festa popular celebrada con fogueiras con intención purificadora; hoxe en día permanece intacta con distintas intencións. Celébrase na parroquia de San Xoán de Piñeiro a noite do 23 de xuño cunha luminaria e os dous días de verbena no campo de fútbol.
- Festa da Ameixa
Primeira semana de xullo (A Pedreira, Meá).
Degustación gastronómica de ameixas da ría.
- Festa do Polbo e Festas do Carme
O primeiro sábado do mes de xullo, celébrase a festa gastronómica do polbo, o produto máis típico do Concello de Mugardos, esta ten lugar no Cantón de Cora onde a xente pode degustar o “polbo á mugardesa” ademais de divertirse coas charangas.
Venres, Sábado e Domingo da semana do 16 de xullo (Peirao de Mugardos). As festas na honra á Virxe do Carme celébranse a finais de xullo, realizándose o domingo das festas unha procesión marítima pola ría na que os pescadores nas suas barcas acompañan á Virxe no percorrido.
- Festival Folclórico Internacional
Fin de semana posterior ao das Festas do Carme no Peirao de Mugardos.
Actuacións de grupos folclóricos de tódolos países e culturas do mundo.
- Festas de Beiramar
24, 25 e 26 de xullo en Beiramar, O Seixo (Santiago Apóstolo de Franza).
O 24 realízase unha grande queimada, o 25 é o día grande das Festas e o 26 celébrase Santa Ana.
- Festa das Merendas
Dentro das Festas de Beiramar
Comida campestre e concurso de cabanas coas merendas, onde gañará a máis "pachangueira".
- Magosto
Venres máis próximo a San Martiño, celébrase na Praza do Mercado.
Unha festa tradicional en Galicia: asado de castañas e sardiñas, viño e son de gaitas.
[editar] Demografía
| Evolución da poboación de: Mugardos - desde 1950 ata 2010 | |||||||||
| 1950 | 1981 | 1991 | 1996 | 2001 | 2002 | 2004 | 2006 | 2009 | 2010 |
| 6.517. | 7.112. | 7.110. | 7.079. | 6.668. | 6.200. | 5.718. | 5.628. | 5.565. | 5.536. |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censal variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||||||
[editar] Galería de imaxes
Vexa artigo principal: Galería de imaxes de Mugardos para unha relación completa das imaxes dispoñibles deste concello.
[editar] Corporación das Municipais 2007-2011
- Xosé Fernández Barcia BNG Alcalde
- Gloria Bastida Roel BNG
- Xosé Antonio Bouza Rey BNG
- Xosé Xoán Roca Lorenzo BNG
- Anxos Díaz Prados BNG
- Juan A. Fernández Ameneiro PSdeG-PSOE
- Ignacio Fernández Fernández PSOE
- Mª África Pérez Filgueiras PSOE
- Juan Domingo de Deus Fonticoba PPdeG
- Emilio Varela Deibe PP
- Begoña Gómez Díaz PP
- María del Pilar Díaz Otero EU
- Manuel E. Fariña Doval IpMU
Xosé Fernández Barcia (BNG) é o alcalde de Mugardos dende xuño de 2003. Tanto no mandado 2003-2007 como no de 2007 a 2011, liderou senllos gobernos municipais do BNG en minoría. Na corporación 2007-2011, os voceiros da oposición son Juan Antonio Fernández Ameneiro (PSdeG-PSOE), Juan Domingo de Deus (PP), María del Pilar Díaz Otero (EU-IU) e Manuel Fariña (IpMU).
[editar] Lugares de Mugardos
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Mugardos vexa: Lugares de Mugardos.
[editar] Parroquias
| Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Mugardos | |
|---|---|
|
Franza (Santiago) | Meá (San Vicente) | Mugardos (San Xulián) | Piñeiro (San Xoán) |
[editar] Véxase tamén
[editar] Notas
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.