San Sadurniño
Coordenadas: 43°31′57.78″N 8°4′21.75″W / 43.5327167°N 8.0727083°W
| San Sadurniño | |
|---|---|
| Casa do concello. | |
| Situación | |
| Xentilicio[1] | wikt: |
| Xeografía | |
| Provincia | Provincia da Coruña |
| Comarca | Comarca de Ferrol |
| Poboación | 3061 hab. (2012) |
| Área | 99,7 km² |
| Densidade | 30,7 hab./km² |
| Entidades de poboación | 193 (7 parroquias) |
| Capital do concello | San Sadurniño |
| Política (2011) | |
| Alcalde | Secundino García Casal (BNG) |
| Concelleiros | BNG: 7 PPdeG: 3 PSdeG-PSOE: 1 Outros: - |
| Eleccións municipais en San Sadurniño | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes | 97,27% |
| Páxina web oficial | |
| www.sansadurnino.es | |
| Correo electrónico | correo@sansadurnino.dicoruna.es |
San Sadurniño é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca de Ferrol. Segundo o IGE no 2012 tiña 3.061 habitantes (3.098 no 2010, 3.182 no 2006, 3.179 no 2005, 3.229 no 2004, 3.272 en 2003).
Índice |
Xeografía [editar]
Limita cos concellos de Valdoviño e Moeche polo norte, As Pontes e A Capela polo sur, Narón e Neda polo oeste, e Moeche e As Somozas polo leste.
San Sadurniño esténdese polo val do río Grande de Xuvia. A parte máis montañosa sitúase ao sur, no estreito val do río Castro, cara a Serra do Forgoselo.
Patrimonio [editar]
Monumentos relixiosos [editar]
As súas parroquias pertencen á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
O Convento do Rosario, sito na Avenida do Marqués de Figueroa, é un antigo convento monacal da Orde dos Franciscáns, do que se ten constancia xa no século XVI. Na actualidade, as súas dependenzas só acollen o concello e o xulgado de paz. No seu interior, destaca a escaleira que accede ao andar superior, realizada coa coñecida como 'Pedra de Moeche', que se caracteriza pola súa cor verdosa.
A igrexa de Santa María do Rosario, situada a carón do convento, foi levantada no século XVIII. É un templo con planta de cruz latina que formou parte do convento até 1835. Na súa fachada principal, dun só corpo, destaca a súa torre campanario, rematada por unha cúpula. No seu interior gárdanse tres sepulcros coas súas respectivas estatuas xacentes.
A capela de Belén, sita na Avenida do Marqués de Figueroa, é un pequeno templo dunha soa nave que destaca pola imaxe da Virxe e o antigo escudo do Marquesado de San Sadurniño, sitos na súa fachada principal.
A igrexa de Santa María de Naraío atópase no lugar do Eirixado, na parroquia de Naraío. Foi levantada entre os séculos XI e XVIII e a súa planta, de cruz latina, está formada pola nave principal, unha sancristía e dúas capelas laterais. Destaca o pequeno rosetón circular da súa fachada principal.
A igrexa de Igrexafeita é un templo de estilo gótico sito no Coto, na parroquia de Igrexafeita. Ten planta rectangular dunha soa nave, capela -á que se accede por un arco triunfal- e sancristía. No seu interior, gárdase un retablo barroco.
A igrexa de San Xiao de Lamas é un templo rural de estilo barroco, con planta rectangular dunha soa nave. A súa fachada principal presenta adosada unha torre campanario.
A igrexa de Santa María de Bardaos é un pequeno templo de estilo barroco con planta rectangular dunha soa nave e presbiterio.
A igrexa de Santa Mariña do Monte é un pequeno templo de estilo barroco con planta rectangular dunha soa nave e pequena sancristía. Na súa fachada principal destaca a súa espadana dobre con dúas campás.
Monumentos civís [editar]
Neste concello está o castelo de Naraío, que pertencera a Gonzalo Piñeiro. Está situado no punto máis alto do val formado polo río Castro, a 400 metros de altitude, ao sur do concello. Os primeiros datos que se obteñen del din que pertenceu a Gonzalo Piñeiro. É unha fortaleza medieval de planta irregular con forma de polígono de doce lados, adaptada ás irregularidades do terreo, e nos últimos anos atopábase en estado de abandono. Porén, vense desenvolvendo dende 2007 un proceso de rehabilitación.
O Pazo da Marquesa de San Sadurniño é un dos edificios de maior valor artístico de todo o concello. Localízase nos arredores do Convento e a Igrexa do Rosario, na Avenida do Marqués de Figueroa. Ten planta cadrangular e unha torre almeada que presenta os escudos das familias dos Andrade e Lemos, e no seu interior merece especial mención o seu claustro e a galería acristalada do século XIX. O edificio sufriu modificacións importantes no século XX, cando se converteu en escola e se lle engadiu un anexo derrubándose unha das alas do pazo orixinal.
A área recreativa dos Currás atópase nos arredores da piscina municipal. En toda a súa contorna, arrodeado de arboredas de castiñeiros, piñeiros e eucaliptos, hai mesas, bancos, barbacoas e unha zona especialmente adicada aos máis pequenos con xogos infantís.
A Fonte de San Roque, sita a escasos metros da Igrexa de Santa María de Naraío, está realizada en pedra labrada e arrodeada dunha arboreda. Merece especial mención a hornacina sita sobre a fonte, coa imaxe do Santo.
A ponte de Ferrería localízase nos arredores do castelo e da igrexa de Santa María de Naraío. Pénsase que é unha ponte medieval, utilizada dende as súas orixes para salvar o río Castro.
A área recreativa de Bardaos localízase na contorna forestal e fluvial do río da Bañoca. Conta cunha zona dedicada aos máis pequenos con diferentes xogos, ademais de mesas, bancos e barbacoas. Nos seus arredores, merece especial mención un antigo muíño de auga, na actualidade en estado ruinoso.
Goberno municipal [editar]
Secundino García Casal é o alcalde de San Sadurniño polo BNG dende xuño de 2007, grazas a un pacto de gobernabilidade co PSdeG-PSOE. Relevou no cargo a Constantino Bedoya (PP), que revalidara esa condición ao longo de varios comicios municipais anteriores.
En 2011, o BNG obtivo a maioría absoluta na corporación con 7 concelleiros, afrontando en solitario o goberno municipal no novo mandato, fronte a 3 edís do PP e outro do PSdeG-PSOE na oposición.
Poboación [editar]

| Evolución da poboación de San Sadurniño (desde 1900 ata 2012) | |||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 |
| 5.201 | 5.932 | 6.622 | 4.398 | 3.229 | 3.098 | 3.061 | |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||||
Economía [editar]
O concello de San Sadurniño ten unha implicación importante ca economía agrícola, gandeira e forestal. No concello está situada a fábrica de tableiro de madeira INTASA do grupo Tojeiro.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de San Sadurniño.
Parroquias [editar]
| Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de San Sadurniño | |
|---|---|
|
Bardaos (Santa María) | Ferreira (San Paio) | Igrexafeita (Santa María) | Lamas (San Xiao) | Naraío (Santa María) | San Sadurniño (Santa María) | Santa Mariña do Monte (Santa Mariña) |
Lugares de San Sadurniño [editar]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de San Sadurniño vexa: Lugares de San Sadurniño.
Notas [editar]
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
| Concellos da Comarca de Ferrol | ||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ares |
Cedeira |
Fene |
Ferrol |
Moeche |
Mugardos |
Narón |
Neda |
San Sadurniño |
As Somozas |
Valdoviño |
