Universidade de Santiago de Compostela
| Universidade de Santiago de Compostela | |
|---|---|
Escudo da USC |
|
| Localización: | Santiago de Compostela |
| Reitor: | Xoán Casares Long |
| Estudantes: | 27.576 (Curso 2010-2011)[1] |
| Enderezo: | Colexio de San Xerome Praza do Obradoiro, s/n 15782. Santiago de Compostela |
| Páxina web: | http://www.usc.es/ |
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira Universidade fundade en Galiza e a sétima española.
En 1990 a partir da Universidade de Santiago creáronse as Universidades da Coruña e de Vigo.
No ano 2010 conta con dous campus universitarios (Campus de Santiago -dividido en Norte, Sur e Histórico-, e Campus de Lugo) contando a universidade en total con 19 facultades.
Durante o curso 2010-11 o número de estudantes matriculados ascendía a 27.576, dos cales 25.820 correspondían a titulacións oficiais do 1º, 2º ciclo e Grado e 1.756 a Másteres oficiais.[1]
Índice |
[editar] Historia
[editar] Orixes
A finais do século XV o membro do Concello Lopo Gómez de Marzoa promoveu a creación en Santiago dun Colexio de Estudantes Pobres, motivo polo cal se dirixiu ao abade do bieito mosteiro de San Martiño Pinario frei Juan de Melgar na procura do seu apoio.
Deste xeito o 4 de setembro de 1495 outorgáronse as escrituras de doazón (a dos relixiosos en castelán e a do notario en galego) nas que se fixaron as contribucións económicas que debían as partes para a fundación. Os de San Martiño doaron como sé o convento de San Paio, agás a igrexa, e o notario doou bens por un valor total de 50.000 marabedís de renda anual.
Pero este estudo de San Paio tivo unha vida moi curta xa que o 18 de xullo de 1499 os relixiosos, en capítulo presidido polo prior xeral e reformador xeral da orde de San Bieito para o Reino de Galicia, acordaron anular o contrato e instalar en San Paio ás monxas bieitas de Galicia.
[editar] O Estudo Vello
O 17 de xullo de 1501 de novo Lopo Gómez de Marzoa xunto con Diego de Muros II, bispo de Canarias, e Diego de Muros III, deán de Santiago, fixeron unha segunda fundación, na que configuraron un Estudo Xeral coa súa propia normativa e a súa sé nunha casa da Rúa Nova onde se impartiron clases de gramática e unha cátedra de Canons. No ano 1504 unha bula do papa Xulio II confirma a fundación do devandito estudo.
Este estudo foi absorbido polo Colexio Santiago Alfeo no ano 1542, tras o pasamento do seu único catedrático Pedro de Victoria.
[editar] A fundación de Alonso III de Fonseca
No ano 1522 Alonso de Fonseca comeza a xestionar a creación dun Colexio Novo, ao que denominaría de Santiago Alfeo, que foi aprobado por medio dunha bula do papa Clemente VII o 15 de marzo de 1526 outorgándolle os mesmos privilexios que o colexio fundado polo Cardeal Cisneros en Alcalá de Henares.
Fixou o proxecto no seu testamento de 1531, incluíndo a dotación os executores e o proxecto de construción, pero á súa morte no ano 1534 aínda non se puxera en marcha. Nos anos 1551 e 1552 algúns testamenteiros reuníronse co patrón do Colexio, o conde de Monterrei, co obxecto de pór en marcha o colexio. O edificio xa estaba feito pero carecían da normativa organizativa, polo que chegaron a valorar a entrega da institución aos xesuítas para que fosen eles os que a organizasen. Finalmente, o 25 de outubro de 1553 promulgaron as primeiras ordenanzas, pero estas non chegaron a aplicarse. Xa había tempo que o Colexio de Santiago Alfeo estaba construído nos terreos doados polo propio Fonseca do solar familiar da Rúa do Franco.
[editar] As reformas de Cuesta e Portocarrero
As liortas entre os partidarios de entregar a institución aos xesuítas, principalmente o arcebispo Juán Álvarez de Toledo, e os testamenteiros fixo que o cabido recorrese á arbitraxe de Filipe II. Este, por medio da provisión real do 26 de xuño de 1555, encomendoulle ao doutor Andrés Cuesta o estudo e reorganización do colexio. Seguindo a encomenda organizou o Colexio de Santiago Alfeo diferenciándoo da propia Universidade. Só os colexiais do devandito colexio podían obter os graos académicos tendo que esperar a consolidación definitiva ata o 10 de decembro de 1567, cando o Consello Real estableceu as gradacións da Universidade de Santiago de Compostela. A Coroa foi desde entón o principal patrón da institución.
No ano 1577 solicitouse de novo a intervención da Coroa para reformar os estatutos da universidade. A consecuencia foi a visita de Pedro Portocarrero e a posterior aprobación da súa reforma en outubro de 1588. Nela especificábanse mais polo miúdo as competencias e funcións dos diferentes órganos e establecíase a residencia para teólogos e xuristas no Colexio Maior de Santiago Alfeo e a dos artistas no de San Xerome, deixándolle a ensinanza de Gramática á Compañía de Xesús.
Ao longo do século XVI chegaron durante varios cursos aos 3.000 estudantes, que procedían principalmente de Galicia e Asturias.
No século XVII consolidouse coa incorporación das facultades de Leis e Medicina ás xa existente de Artes, Teoloxía e Canons, e contou con ata cinco colexios: o de Santiago Alfeo, o de San Xerome, o de San Clemente, o de San Patricio dos Irlandeses e o efémero de San Salvador. A fins deste século non chegaba a 300 o número de estudantes.
[editar] A Universidade Ilustrada
O século XVIII traeu consigo unha profunda transformación na Universidade de Santiago de Compostela, completándose así el proceso de secularización da institución ao alonxarse do control eclesiástico. A dinámica centralizadora á que se vían sometidas as institucións nesta época contribuíu a que a Universidade perdera certa autonomía. Foi daquela cando Carlos III lle concedeu a condición de rexia á Universidade de Santiago de Compostela, engadindo ao seu distintivo a coroa real que , sobre as armas de Castela, León e Galiza, e junto aos emblemas heráldicos dos seus fundadores máis salientados, integrouse no escudo.
Trala expulsión dos xesuitas ordenada por Carlos III, o monarca español concedeulle á Universidade los terreos e edificios que esta orde relixiosa posuía en Santiago de Compostela, pasando a constituír o centro da nova universidade ilustrada. De inmediato realizouse un novo plan de estudos que recuperaba disciplinas cedidas a certas congregacións relixiosas, creou graos académicos e introduciu novas ensinanzas prácticas e científicas, como Física Experimental ou Química.
[editar] Século XX
No ano 1913 incorporouse a muller aos estudos universitarios, sendo as pioneiras en Galicia Elisa e Jimena Fernández de la Vega, que obtiveron o premio extraordinario de medicina no ano 1919.
En 1915 Alejandro Pérez Lugín escribiu La casa de la Troya, unha recreación da vida estudante na zona vella.
Durante a última etapa do franquismo converteuse nun foco de antifranquismo, sobre todo a partir de 1966[2] e máis aínda despois do maio do 68 vivido en Francia. 1972 foi un ano de folgas no seu seo agravada pola morte dun estudante pola policía en decembro[3].
Con posterioridade, e trala proclamación no Estatuto de Santiago de Compostela como capital de Galiza, vivíronse outros episodios de mobilizacións estudantís. O maior deles viviuse entre novembro de 2001 e febreiro de 2002 en contra da Lei Organica de Universidades[4], aprobada no Congreso dos Deputados o 6 de decembro de 2001. O estudantado valíase das Asembleas de Facultade, á súa vez organizadas na Coordenadora Galega por Unha Universidade Pública e de Calidade. A cidade foi un dos epicentros do movemento a nivel estatal, destacando especialmente polo carácter lúdico e paródico das actividades[5]., que tentaban achegar á cidadanía o carácter privatizador e excluínte da Lei[6].
O movemento do "Non á LOU" deu pé á organización asemblearia en posteriores mobilizacións, como contra a marea negra do Prestige ("Nunca Máis", novembro 2002), contra a Guerra de Iraq ("Non á guerra", 2004) contra o G-8 ou contra o Espazo Europeo de Educación Superior ("Plan Bologna").
[editar] Evolución da poboación estudante en Compostela
Datos da poboación universitaria de Santiago de Compostela en diversos cursos do século XX[7].
| 1900-1901 | 1909-1910 | 1921-1922 | 1931-1932 | 1935-1936 | 1945-1946 | 1955-1956 | 1960-1961 |
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1.565 | 1.053 | 1.097 | 2.103 | 2.183 | 2.764 | 3.146 | 3.250 |
En 1900 era a 3ª universidade española con máis alumnado matriculado, cunha poboación de 1.565 estudantes sobre un total de 16.273 no estado.
Nos anos 60 tiña unha media de 3.000 alumnos matriculados. Vinte anos despois a cifra incrementouse considerablemente chegando ata os 40.000, cifra que se mantivo aproximadamente até o ano 2000 baixando paulatinamente nos anos posteriores.
[editar] Administración e organización
A Universidade de Santiago de Compostela é unha Universidade Pública financiada polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Conta con máis de 30 facultades e centros docentes, 76 departamentos e máis de 2.000 profesores e investigadores divididos nos campus de Santiago de Compostela e Lugo. Oferta máis de 50 titulacións de Grado, Licenciatura e Diplomatura, e máis de 100 programas de Máster e Doutoramento. Conta cunha media de estudantes que ronda os 30.000.
[editar] Goberno
A USC está gobernada por dous corpos: o Consello de Direción e os Órganos de Goberno Colexiados.
- O Consello de Dirección está formado polo reitor (actualmente Juan Casares Long), a Secretaría Xeral, o Xerente, e varias Vicerreitorías: Investigación e Innovación, Oferta Docente e EEES, Economía e Financiamento, Campus de Lugo, Comunidade Universitaria e Compromiso Social, Cultura, Política Internacional, entre outras.
- Os Órganos de Goberno son o Claustro Universitario (con representación estudantil e do profesorado), o Consello de Goberno, e o Consello Social.
Amais destes dous órganos de goberno, cada facultade ten os seus propios órganos de goberno, representados na figura do decano no caso das facultades e do director no caso das Escolas.
[editar] Reitorado
Até 1990 o reitor foi Carlos Pajares Vales. Sucedeuno Ramón Villares, reitor entre 1990 e 1994. O lingüista Darío Villanueva foino até o 2002, cando foi substituído por Senén Barro Ameneiro. En maio de 2010 foi elixido como novo reitor Juan Casares Long[8], logo dunha segunda volta nas eleccións.
[editar] Facultades e Escolas Universitarias
[editar] Campus de Santiago
[editar] Campus Histórico
- Fac. de Xeografía e Historia
- Fac. de Filosofía
- Fac. de Medicina
[editar] Campus Norte
- E. U. de Traballo Social
- Fac. de Odontoloxía
- E. U. de Enfermería
- Fac. de CC. da Educación
- Fac. de CC. Económicas e Empresariais
- Fac. de Filoloxía
- Fac. de Ciencias da Comunicación
[editar] Campus Sur
- Fac. de Químicas
- Fac. de Dereito
- E.U. de Práctica Xurídica
- E.U. de Relacións Laborais
- Fac. de Ciencias Políticas e Sociais
- Fac. de Matemáticas
- Fac. de Bioloxía
- Fac. de Psicoloxía
- Fac. de C.C. da Educación
- E.U. de Óptica
- Fac. de Física
- Fac. de Farmacia
- E.T.S. de Enxeñería
[editar] Campus de Lugo
- Escola Universitaria de Formación do Profesorado
- Escola Universitaria de Enfermaría
- Escola Universitaria de Relacións Laborais
- Facultade de Veterinaria
- Escola Politécnica Superior
- Facultade de Administración e Dirección de Empresas
- Facultade de Ciencias
- Facultade de Humanidades
[editar] A Biblioteca Xeral
A Biblioteca Xeral da Universidade sitúase no Colexio de Santiago Alfeo, popularmente coñecido como Colexio de Fonseca. Nel, entre outros, custodiase o libro mais antigo de Compostela, o Libro de Horas de Fernando I de León, que data do ano 1055.
[editar] Galería de imaxes
- Artigo principal: Galería de imaxes da Universidade de Santiago de Compostela.
-
Facultade de Farmacia.
-
Facultade de Dereito.
-
Facultade de Filoloxía.
-
Casa da Estrela, Estación de Bioloxía Mariña da Graña.
[editar] Notas
- ↑ 1,0 1,1 Avance de la Estadística de Estudiantes Universitarios (Versión revisada). Curso 2010-11 (en castelán)
- ↑ Gurriarán Rodríguez, R. (coord.): 1968, do "gaudeamus igitur" ao "venceremos nós". Fundación 10 de marzo, 2008.
- ↑ Morais, C.: Crónica de Fonseca. Editorial Laiovento, 1996.
- ↑ "O conflito máis longo", artigo en La Voz de Galicia.
- ↑ Ramos Martínez, I. J.: "La protesta estudiantil en Galicia contra la Ley Orgánica de Universidades", en Athenea Digital: revista de pensamiento e investigación social nº 10. Barcelona, 2006. Pax. 1-15. ISBN 978-84-206-8496-3 (en castelán).
- ↑ Llusia, M.: "El movimiento estudiantil gallego: asambleario, masivo y abierto a la sociedad", en Página abierta nº 121. Decembro 2001 - xaneiro 2002. (en castelán).
- ↑ González Calleja, E.: Rebelión en las aulas. Alianza Editorial, 2009. Pax. 263. ISBN 978-84-206-8496-3 (en castelán).
- ↑ "Casares Long será o reitor da Universidade de Santiago", artigo en Vieiros, 24 de maio de 2010.
[editar] Véxase tamén
[editar] Outros artigos
[editar] Ligazóns externas
| Universidades galegas |
| Universidade de Santiago de Compostela (USC) | Universidade da Coruña (UdC) | Universidade de Vigo (UVi) |
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||