Santiago de Compostela
Coordenadas: 42°52′00″N 08°33′00″W / 42.8666667°N 8.55°W
| Santiago de Compostela | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|
|
||||||
| Situación | ||||||
| Xentilicio[1] | santiagués/santiaguesa - compostelán/compostelana - picheleiro/picheleira | |||||
| Xeografía | ||||||
| Provincia | Provincia da Coruña | |||||
| Comarca | Comarca de Santiago | |||||
| Poboación | 95671 hab. (2012) | |||||
| Área | 220,6 km² | |||||
| Densidade | 433,69 hab./km² | |||||
| Entidades de poboación | 29 parroquias | |||||
| Capital do concello | Santiago de Compostela | |||||
| Política (2011) | ||||||
| Alcalde | Ángel Currás Fernández (PPdG) | |||||
| Concelleiros | BNG: 3 PPdeG: 13 PSdeG-PSOE: 9 Outros: - |
|||||
| Eleccións municipais en Santiago de Compostela | ||||||
| Uso do galego[2] (2001) | ||||||
| Galegofalantes | 92,24% | |||||
| Páxina web oficial | ||||||
| www.santiagodecompostela.org | ||||||
Santiago de Compostela é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago da cal é capital. Segundo o IGE en 2012 tiña 95.671 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Santiago de Compostela constitúe a capital política de Galicia, radicando polo tanto nesta cidade o goberno autonómico da Xunta de Galicia. Por outra banda, tamén é a Sé Arcebispal amais do destino das diferentes rutas que conforman o camiño de Santiago, declarado pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, distinción que tamén posúe o seu casco vello dende o ano 1985.
A cidade aséntase entre o monte Pedroso e o monte Viso, circundada polos ríos Sar e Sarela. Limita ao norte cos concellos de Val do Dubra, Trazo e Oroso, ao sur, con Teo, Vedra e Boqueixón, ao leste, co Pino e Touro e ao oeste, con Ames. Ademais da cidade de Santiago, o termo municipal comprende vinte e nove parroquias rurais[3]. Por poboación é o quinto concello galego despois de Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo. Posúe unha densidade de poboación de 432,74 hab./km² (2011), e unha superficie de 220,6 km².
Orixe e historia [editar]
- Artigo principal: Historia de Santiago de Compostela.
No territorio que actualmente ocupa a catedral de Santiago existía un poboado romano que se tende a identificar coa mansión romana de Aseconia (esta mansión existiu entre a segunda metade do século I e o século V). O poboado desapareceu pero permaneceu unha necrópole que tivo uso quizais ata o século VII.
O nacemento de Santiago, como se sabe agora, está ligado á presumible descuberta dos restos do Apóstolo Santiago entre o 820 e o 835. O seu desenvolvemento débese á elevación ao rango relixioso dos restos, á Universidade e, na actualidade, á capitalidade de Galicia.
Na Concordia de Antealtares aparece por primeira vez (1077) a tradición medieval segundo a cal o eremita Paio, alertado por luces nocturnas que se producían no bosque de Libredón, avisou ao bispo de Iria Flavia, Teodomiro, quen descubriu os restos de Santiago o Maior e de dous dos seus discípulos, no lugar no que posteriormente se levantaría Compostela, topónimo que podería vir de Campus Stellae, isto é "campo de estrelas"; ou máis probabelmente de Composita Tella, "terras ben axeitadas", eufemismo por cemiterio; ou mesmo de "[Ja]Com[e A]postol[u]". O nome tamén se ten relacionado co hipocorístico Compostela, correspondente ao antropónimo Composta. A descuberta propiciou que Afonso II, necesitado de cohesión interna e apoio externo para o seu reino, fixera unha peregrinación ao lugar. A nova que dela fixo, tanto no seu reino como fóra del, axudou a que Compostela aparecese como un novo lugar de peregrinación da cristiandade, nun momento no que a importancia de Roma decaera e Xerusalén non era accesible por estar en poder dos musulmáns.
Pouco a pouco foise desenvolvendo a cidade. Primeiro estableceuse unha comunidade eclesiástica permanente a carón dos restos atopados, formada polo bispo de Iria e os monxes de Antealtares. Espontaneamente asentouse unha poboación heteroxénea, a maioría procedente das aldeas próximas, que foi aumentando ao tempo que crecía por todo o occidente peninsular a peregrinación a Compostela, reforzada polo privilexio concedido por Ordoño II no ano 915 polo que se establecía que calquera que permanecera corenta días sen ser reclamado como servo, pasaba a ser considerado como un home libre con dereito a residir en Compostela.
Lugar de coroación de monarcas do Reino de Galicia e do Reino de León, a cidade foi destruída por Almanzor o 10 de agosto do ano 997 quen tan só respectou o sartego do apóstolo. Tras a volta dos habitantes comezou a reconstrución. A mediados do século XI o bispo Cresconio dotou á cidade dun cinto de foxos e dunha muralla como medida defensiva. No ano 1075 o bispo Diego Páez deu comezo á construción da catedral románica.
O incremento da peregrinación fai de Compostela un importante lugar de referencia relixiosa en Europa, aumentando tamén a súa importancia política. Durante o pontificado do Arcebispo Diego Xelmírez, en 1120, a igrexa compostelá viuse recompensada coa concesión da categoría de metropolitana. Tamén en tempos de Xelmírez tiveron gran repercusión na cidade unha serie de revoltas urbanas, en 1116 e 1136. Entre os séculos XII e XIII foise artellando a rede de rúas dentro do recinto amurallado.
A chegada da Peste Negra a mediados do século XIV supuxo unha forte recesión demográfica. A poboación recupérase a partir de 1380, e no século XV a cidade xa tiña entre catro e cinco mil habitantes. A fundación da Universidade a finais do século XV e o arcebispo Alonso III de Fonseca danlle a Santiago un novo pulo que atrae a novos poboadores, principalmente de Galicia.
O estatuto de autonomía de Galicia estableceu a capitalidade galega en Compostela. Como consecuencia, a cidade sufríu a finais do século XX un considerable aumento de poboación e unha profunda transformación.
É patrimonio da Humanidade e foi capital europea da cultura no 2000.
Demografía [editar]
A cidade contaba en 2012 con 95.671 habitantes[4]. Destes, 50.974 naceran na cidade, 20.141 noutro municipio da Coruña, 11.139 noutra provincia galega, 5.217 noutra comunidade autónoma e 8.200 no estranxeiro. A taxa de natalidade é do 8,91‰ e a de mortalidade do 8,95‰, o que provoca un crecemento vexetativo negativo.
En canto á distribución por sexos, Santiago conta con 44.497 homes e 51.174 mulleres. Por idades, a xuventude (0-29 anos) representa o 28% da poboación (26.628), a maior parte da poboación é adulta (30-64 anos), o 53% (50.918), e os anciáns (máis de 65 anos) supoñen o 19% (18.125). Por sexos e idades, hai practicamente o mesmo número de mozos que de mozas, 13.320 fronte a 13.308, entre os adultos hai máis mulleres ca homes, 26.054 (53%) fronte a 23.964 (47%), e entre os maiores de 65 anos tamén hai maioría feminina, con 10.912 (60%) mulleres fronte a 7.213 (40%) homes. A densidade de poboación é de 432,74 habitantes/km². A poboación da comarca (sen contar o municipio de Santiago) é de 68.848 persoas, distribuídas en seis concellos: Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra.[5]
Movementos migratorios [editar]
En Santiago hai 4.256 estranxeiros (4,5% do total da poboación), dos cales a maioría veñen de América (2.334, 54,8% do total de inmigrantes), seguidos por inmigrantes europeos (1.325, 31,1% do total de inmigrantes), asiáticos (306, 7,2% do total de inmigrantes) e africanos (274, 6,4% do total de inmigrantes). Por países destaca especialmente a presenza de portugueses (405) brasileiros (361), colombianos (256), paraguaios (238) e italianos (217). Ademais de recibir inmigrantes, da cidade tamén saen persoas, concretamente entre o 2010 e o 2012 marcharon de Santiago case 9.000 persoas, a maioría, 4.500, trasladáronse a outro concello da Coruña, seguidos polos que se mudaron a outra provincia galega, 1120, os que se trasladaron a outro país, 1110, e os que cambiaron de comunidade autónoma, 1060.[5]
Evolución histórica da poboación[4][6] [editar]
| Evolución da poboación de: Santiago de Compostela desde | |||||||||||
| 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2001 | 2011 | |
|
24.120 |
24.637 | 25.870 | 38.270 | 49.191 | 55.553 | 57.165 | 70.893 | 82.404 | 87.807 | 93.381 | 95.207 |

Política e goberno [editar]
Local [editar]
- Artigo principal: Pazo de Raxoi.
O primeiro alcalde da democracia en Santiago de Compostela foi José Antonio Souto Paz, da UCD, que gobernou dende 1979 ata 1981, cando foi substituído polo tamén membro da UCD, Marcial Castro Guerra. Logo das eleccións municipais de 1983, o socialista Xerardo Estévez accedeu á alcaldía, onde permaneceu ata 1998, agás un período entre 1986 e 1987 no que gobernou Ernesto Viéitez Cortizo de AP. En 1998, Xerardo Estévez abandonou a alcaldía, que pasou ás mans do tamén socialista Xosé Antonio Sánchez Bugallo, quen gobernou en coalición co Bloque Nacionalista Galego ata 2011. Durante a última lexislatura de mandato socialista a xunta de goberno, presidida polo alcalde, estaba composta polos 10 concelleiros do PSdeG e os 4 do BNG.
O anterior alcalde Gerardo Conde Roa presentou a súa dimisión o 16 de abril de 2012, no marco da operación Pokémon,[7][8]. Conde Roa conseguira a maioría absoluta nas eleccións municipais do 2011, rematando con 28 anos de alcaldes socialistas na capital galega e acadando a primeira maioría absoluta do PPdeG na historia da cidade. En 2013, o alcalde de Santiago de Compostela era Ángel Currás Fernández, tamén imputado na operación Pokémon[9], que accedeu ao cargo en abril de 2012 trala dimisión de Conde Roa. A corporación municipal está formada por 25 membros, e logo dos comicios do 2011 quedou do seguinte xeito: PPdG con 13 concelleiros, PSdeG con 9 concelleiros e BNG con 3 concelleiros.
O Concello de Santiago de Compostela estrutúrase en diferentes áreas: de facenda, patrimonio e seguridade cidadá; de urbanismo; de función pública, réxime interior e cultura; de desenvolvemento económico, formación e emprego; social, participación cidadá e drogodependencias; de acción cidadá; e de xestión das empresas municipais. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que con frecuencia se celebran plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan ao municipio.
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Sede do goberno galego [editar]
Santiago de Compostela, como capital de Galicia, é a sede do goberno galego. No Pazo do Hórreo, situado na rúa do Hórreo da capital compostelá, atópase o Parlamento de Galicia, mentres que en San Caetano están a meirande parte dos edificios administrativos da Xunta de Galicia. O Pazo de Raxoi, amais da sede do concello compostelán, é a sede da presidencia da Xunta de Galicia. Tamén en Santiago está situada a Residencia oficial de Monte Pío utilizada polo Presidente da Xunta.
Administración xudicial [editar]
Santiago de Compostela é a capital do partido xudicial número 2 da provincia da Coruña, partido que comprende, amais do propio concello de Santiago de Compostela, aos concellos de Ames, Boqueixón, Teo e Vedra.
Clima [editar]
Santiago de Compostela posúe un clima oceánico húmido con temperaturas suaves ao longo do ano. A cidade ten unha temperatura media duns 15 °C, uns 8º de media no inverno e entre 25 e 27 °C durante o verán.
As precipitacións (entre 700 e 900 milímetros anuais) concéntranse principalmente no inverno, sendo menores no outono e na primavera.
Os elementos, neste sentido, que máis inflúen sobre a conformación do clima son a gran distancia que a separa da costa, a altitude do terreo e a presenza de importantes serras que "encaixonan" a cidade e as súas zonas próximas. Isto é o que concentra a humidade e o que provoca tamén que, no inverno, sexan habituais os días nubrados.
(1971-2000) |
|||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
| Temperatura máxima absoluta (°C) | 20,0 | 23,2 | 27,6 | 30,2 | 34,0 | 36,0 | 39,4 | 39,0 | 37,6 | 30,4 | 24,2 | 23,4 |
|
| Temperatura máxima media (°C) | 11,1 | 12,1 | 14,2 | 15,4 | 17,7 | 21,3 | 24,1 | 24,3 | 22,3 | 17,7 | 13.9 | 11,8 |
|
| Temperatura media (°C) | 7,4 | 8,2 | 9,5 | 10,6 | 12,9 | 16,0 | 18,5 | 18,6 | 17,0 | 13,4 | 10,2 | 8,4 |
|
| Temperatura mínima media (°C) | 3,7 | 4,2 | 4,8 | 5,8 | 8,1 | 10,7 | 12,8 | 12,9 | 11,7 | 9,1 | 6,4 | 5,0 |
|
| Temperatura mínima absoluta (°C) | -7,0 | -9.0 | -5,6 | -3,0 | -2,0 | 3,4 | 3,4 | 5,0 | 3,0 | -1,6 | -3,2 | -6,5 |
|
| Precipitacións (mm) | 259 | 223 | 145 | 141 | 147 | 82 | 39 | 57 | 127 | 194 | 200 | 281 |
|
| Horas de sol | 102 | 108 | 154 | 170 | 190 | 235 | 261 | 246 | 180 | 138 | 106 | 88 |
|
| Presión media | 981,3 | 985,5 | 978,3 | 964,6 | 973,3 | 977,3 | 974,1 | 976,2 | 973,7 | 975,7 | 969,7 | 965,9 |
|
| Presión máxima absoluta | 990,9 | 991,7 | 987,8 | 976,9 | 981,5 | 986,3 | 983,0 | 985,7 | 980,5 | 983,0 | 984,3 | 984,7 |
|
| Presión mínima absoluta | 962,9 | 977,0 | 966,6 | 939,7 | 965,1 | 968,5 | 965,1 | 966,9 | 960,5 | 955,4 | 955,1 | 941,0 |
|
| Humidade relativa media (%) | 84 | 82 | 77 | 77 | 77 | 75 | 74 | 74 | 76 | 82 | 85 | 86 |
|
| Fonte: AEMET | |||||||||||||
Medio ambiente [editar]
Santiago foi o primeiro concello galego en adherirse á Carta de Aalborg, un acordo a nivel europeo que busca compatibilizar o desenvolvemento coa preservación do medio ambiente, isto é, un desenvolvemento sostíbel, implantando a axenda 21 local, un modelo para diagnosticar e formular políticas municipais sostíbeis.[13] [14]
Zonas verdes [editar]
A cidade conta con 220 hectáreas de espazos verdes distribuídos en 57 parques con xogos infantís, 43 polideportivos descubertos e 130 zonas de lecer. Unhas 23 hectáreas do total pertencen a xardíns históricos como o da Alameda que ocupa 8,5 hectáreas ou outros máis pequenos como o de Brandía ou a Finca Simeón. As meirandes superficies destas zonas verdes localízanse preto de lugares urbanizados como Fontiñas.[5]
Cespa é a empresa concesionaria encargada do mantemento, así como do deseño e execución de novas zonas verdes.[15]
Monumentos, museos e lugares de visita [editar]
|
Vista aérea da zona vella.
|
|
As dúas Marías, escultura moderna en metal no Parque da Ferradura.
|
Na cidade hai 41 edificios cualificados como de excepcional valor arquitectónico, histórico e cultural que foron propostos para a súa declaración individualizada como bens de interese cultural na categoría de monumentos. Son tutelados pola administración, aínda que só sete deles dispoñen desta distinción. Hai 293 edificios que presentan características tipolóxicas e compositivas de especial significación arquitectónica e ambiental, debido ás súas tipoloxías arquitectónicas. O total de edificios inventariados como de interese no conxunto urbano é de 1.411.
Cidade vella [editar]
- Artigo principal: Cidade vella de Santiago de Compostela.
A cidade vella de Santiago de Compostela é unha zona urbana da cidade caracterizada pola súa arquitectura antiga e monumental. Foi elixida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1985. As edificacións que foron construídas na cidade antiga durante as épocas románica, gótica e barroca, fixeron dela unha das zonas urbanas mais fermosas do mundo, converténdose nun lugar de culto cun gran esplendor artístico.
Museos [editar]
- Centro Galego de Arte Contemporánea, museo a base de exposicións temporais de obras actuais.
- Museo do Pobo Galego, sobre a etnografía e historia de Galicia, no Convento de San Domingos de Bonaval.
- A Casa da Troia, antiga casa do hóspedes frecuentada por universitarios, na actualidade é un museo que recrea a vida estudiantil de finais do século XIX e comezos do XX.
- Museo da Catedral.
- Museo das Peregrinacións e de Santiago, sobre o fenómeno da peregrinación e o nacemento e evolución de Compostela.
- Museo Pedagóxico Galego.
Arquitectura relixiosa [editar]
- San Martiño Pinario, igrexa e mosteiro.
- Convento de San Francisco do Val de Deus.
- Convento de Santo Agostiño (s.XVII).
- Convento de San Paio de Antealtares.
- Convento de Santa Clara.
- Igrexa de San Fiz de Solovio.
- As Orfas
- Igrexa de Santa María Salomé, igrexa románica (s.XII) na rúa Nova.
- Capela de Ánimas.
- Colexiata de Santa María de Sar.
- Catedral de Santiago de Compostela, o emblema relixoso de Galicia e do Camiño de Santiago, con múltiples puntos de interese, entre os que destacan no seu interior o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo e no exterior as fachadas de Praterías, da Acibechería e do Obradoiro (conxunto barroco que completa a fachada principal diante do pórtico da Gloria e fronte ó Pazo de Raxoi). A catedral, que se comezou a levantar no século IX, conta cunha planta de cruz latina con tres naves lonxitudinais, tres de cruceiro e nove capelas na cabeceira, cinco abertas á xirola e catro ao cruceiro. Todas elas son semicirculares, agás a central que posúe a forma recta da arquitectura prerrománica. O templo está coroado por nove torres situadas do seguinte modo: dúas en cada unha das tres fachadas, dúas máis no punto de encontro das naves co cruceiro e outra máis sobre este. Foi construida plenamente con granito, unindo os perpiaños con morteiro de cal, elaborado nos fornos de Triacastela. O modelo desta catedral foi San Sadurniño de Toulouse, en Francia.
Arquitectura civil [editar]
- Pazo de Raxoi, neoclásico, sé do Concello e da Presidencia da Xunta de Galicia (s.XVIII), situado na praza do Obradoiro, fronte a fronte coa catedral.
- Hostal dos Reis Católicos, antigo edificio que pasou por diversas ocupacións como hospital e centro de peregrinos. Hoxe é Parador Nacional.
- Colexio de San Xerome, sito na parte meridional da praza do Obradoiro, foi creado para albergue de estudantes pobres e artistas. Está unido ao Colexio de Fonseca, xunto co cal é sede do reitorado da Universidade de Santiago.
- Colexio de Fonseca. Alberga a Biblioteca Xeral da Universidade, na bela e agradable Praza de Fonseca.
- Colexio de San Clemente, obra do século XVII, situado enfronte do Parque da Ferradura, na súa parte norte, e moi preto da Porta Faxeira. Na actualidade alberga o IES Rosalía de Castro.
- Mercado de Santo Agostiño, complexo neomedieval proxectado polo arquitecto asturiano Vaquero Palacios, foi construído entre 1937 e 1942.
- Edificio da Universidade, neoclásico do XIX, na actualidade ocupado pola Facultade de Xeografía e Historia. A universidade, como institución, remóntase ao século XVI.
- Parque da Ferradura.
- Porta do Camiño, entrada da época medieval.
- Rúa do Franco, típico lugar de paseo e toma de viños.
- Rúa do Vilar. Con múltiples e chamativos soportais. Nela hai un cine de principios do século XX.
- Praza do Obradoiro, circundada pola Catedral, o Hostal dos Reis Católicos, o pazo de Raxoi e o colexio de San Xerome.
- Praza da Quintana, dividida en Quintana de Vivos e Quintana de Mortos (antigo cemiterio), limitada entre a catedral, a casa da Parra, o convento de San Paio de Antealtares e a casa da Conga.
- Auditorio de Galicia, sé da Real Filharmonía de Galicia dende 1996.
Escultura [editar]
- En Santiago hai multitude de esculturas no interior e no exterior de edificacións ou en parques, de diversas épocas ata a actualidade.
Economía [editar]
Aínda que a economía santiaguesa depende en gran parte da administración pública (feito derivado de ser a capital galega), o turismo, sobre todo co Camiño de Santiago, a industria e a educación universitaria están axudando a diversificala. Entre as principais empresas da cidade encóntranse a madeireira FINSA, a automobilística UROVESA, a corporación das telecomunicacións Televés, Castrosua, que constrúe a metade dos autobuses fabricados en España, ou Blu:Sens, que se dedica á fabricación productos tecnolóxicos.
Transportes e comunicacións [editar]
Ferrocarril [editar]
- Artigo principal: Estación de Santiago de Compostela.
Santiago de Compostela conta cunha estación de tren de pequeno tamaño situada na zona sur da cidade, xusto na intersección entre a Rúa do Hórreo e a Avenida de Lugo. Conta cunha parada de taxis e varias empresas de aluguer de vehículos. Dende a estación de ferrocarril de Santiago saen trens diarios que a comunican coas principais cidades galegas agás Lugo e Ferrol, para as cales é preciso ir á Coruña e coller outro tren a estas cidades. Os trens que parten da estación compostelá tamén comunican á cidade con outras estacións de España (Madrid-Chamartín e Alicante-Terminal) e de Francia (Hendaya). Sen embargo para dirixirse a outras estacións é preciso dirixirse a outras cidades, principalmente Madrid, e coller outro tren. Actualmente está en obras unha liña de AVE que unirá Compostela con Madrid. Tamén se encontra en proxecto unha futura estación intermodal, situada na mesma ubicación que a actual e que aunará o AVE con trens e autobuses de cercanías.
Aeroporto [editar]
- Artigo principal: Aeroporto da Lavacolla.
Santiago de Compostela conta cun aeroporto cunha pista de 3,2 quilómetros, coñecido como aeroporto da Lavacolla. Está situado no lugar da Lavacolla, na parroquia de Sabugueira a uns 10 km do centro da cidade. Trátase do aeroporto galego con máis tránsito de viaxeiros e o único que realiza viaxes transcontinentais, non obstante o aeroporto está a sufrir nos últimos anos un certo retroceso no número de mercadorías transportadas.
O 4 de maio do 2007 presentouse o proxecto dunha nova terminal. Pretendíase inaugurala no ano 2010, coincidindo co Ano Santo Compostelán, mais non foi posible. Rematada e inaugurada o 13 de outubro de 2011, a nova terminal ten capacidade para máis de catro millóns de pasaxeiros. O edificio ten un total de 74.230 m² e conta con 32 mostradores de facturación, 9 hipódromos de recollida de equipaxes, 12 portas de embarque e 3.665 prazas de aparcadoiro.
Entre outras melloras aeroportuarias previstas nas actuais instalacións, están a mellora da capa de rodadura da pista de aterraxe, a ampliación da plataforma de aeronaves, intervencións no sistema eléctrico, melloras no aparcadoiro e outras pequenas intervencións no interior da actual terminal.
Autobuses [editar]
A cidade de Santiago de Compostela conta cunha rede de autobuses urbanos e metropolitanos que comunican os distintos puntos da cidade, así como esta con outras localidades da súa área metropolitana. Está subvencionada pola Xunta de Galicia e xestiónaa en réxime de concesión a empresa Transportes Urbanos de Santiago S.A. (Tussa), que explota 24 liñas, das cales 10 son urbanas, 6 circulares e 8 son interurbanas. A pesar do servizo de transporte urbano, os problemas de tráfico seguen a ser constantes na cidade.
A capital de Galicia conta tamén cunha estación de autobuses que recibe a milleiros de pasaxeiros cada día e que a comunica con outros puntos de Galicia, España e Portugal.
Deportes [editar]
En Santiago de Compostela destacan os seus equipos profesionais de fútbol sala e baloncesto, representados polo Santiago Futsal e o Obradoiro CAB respectivamente. Ámbolos dous equipos compiten nas máximas categorías das súas respectivas disciplinas (División de Honra e Liga ACB respectivamente). O equipo máis laureado da cidade é o Santiago Futsal (anteriormente coñecido como Autos Lobelle), que conta con varios títulos galegos (3 Copas Xunta de Galicia), españois (1 Copa de España e 1 Supercopa de España), amais dun título continental, a Recopa de Europa, conquistada na tempada 2006-07 ante o SL Benfica en Santiago de Compostela. Estes dous equipos xogan os seus partidos como locais no Pavillón Multiusos Fontes do Sar, un recinto con capacidade para ata máis de 6.000 espectadores. En baloncesto tamén hai que salientar ao Club Baloncesto Rosalía de Castro, que chegou a competir na liga LEB Ouro en dúas etapas: a primeira comezou na tempada 1999-00 e que durou catro tempadas, e a segunda durante as tempadas 2007-08 e 2008-09, actualmente compite na Liga EBA.
Outro deporte importante na cidade é o fútbol, deporte no cal salienta a Sociedade Deportiva Compostela, equipo que competiu na Primeira División Española, onde ocupa o 39º posto da clasificación histórica, durante catro tempadas consecutivas (entre a 1994-95 e 1997-98), mais tralo descenso de categoría, os malos resultados deportivos e a mala situación económica que atravesou o club dende o descenso levárono á súa desaparición como empresa en Agosto do 2010, fundándose no seu lugar a Sociedade Deportiva Campus Stellae, quen continuou a historia do Compostela. O 22 de xullo do 2011 anunciouse que o club recuperaba a súa denominación orixinal, logo de que o actual presidente, o empresario Antonio Quinteiro asumira a débeda do club. O Compostela, que na tempada 2012-13 estaba encadrado no grupo galego da Terceira División Española, desputa os seus partidos no Estadio Multiusos de San Lázaro, cunha capacidade para 14.000 espectadores. Outros clubs de fútbol importantes da cidade son o Santiago de Compostela Club de Fútbol, que competiu na Preferente Autonómica ata a tempada 2011-12; e o desaparecido Sociedad Deportiva Ciudad de Santiago, que chegou a xogar na Segunda División B na tempada 2008-09 e que xogaba os seus partidos como local no Multiusos de San Lázaro.
Outro deporte representativo da cidade é o waterpolo, representado polo Club Waterpolo Santiago, que compite na Liga Galega de Wáter-polo e que se proclamou catro veces campión da Copa Galega (3 en categoría masculina e 1 en categoría feminina). O hóckey a patíns é un deporte que vai gañando popularidade na capital de Galicia, estando representado por dous clubs que centran a súa actividade principalmente nas categorías de base, o Club de Hockey Compostela e o H.C. Raxoi.
Cultura [editar]
Cidade da Cultura [editar]
- Artigo principal: Cidade da Cultura de Galicia.
A Cidade da Cultura é un complexo arquitectónico, cultural e de entretemento situado no monte Gaiás, moi preto do centro urbano de Santiago. O complexo do Gaiás ocupa unha superficie de 141.800 m2 e, nos catro edificios rematados, alberga[16]:
- A biblioteca, cuxa misión é a de reunir, conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia.
- O Museo Centro Gaiás, que acolle exposicións temporais como a de Gallaecia Petrea durante varios meses dos anos 2012 e 2013.
- O Arquivo de Galicia.
- Un edificio de servizos centrais.
No exterior destacan na paisaxe as Torres Hedjuk.
O proxecto inicial prevía tamén un Centro da Música e das Artes Escénicas e un Centro de Arte Internacional. Porén, en marzo de 2013, o Parlamento de Galicia acordou paralizar definitivamente as obras pendentes[17].
Educación [editar]
O Concello de Santiago de Compostela forma parte, dende o ano 1996, da Asociación Internacional de Cidades Educadoras (AICE), que busca impulsar colaboracións e accións concretas entre as cidades, participar e cooperar activamente en proxectos, e intercambios de experiencias con grupos e institucións con intereses comúns.[18][19]
A cidade contaba en 2010 con 21 centros de atención de primeira infancia (15 privados e 6 públicos), 35 centros de educación infantil (17 públicos, 3 privados e 15 concertados), 29 centros de educación primaria (14 públicos, 3 privados e 12 concertados), 19 centros de educación secundaria (8 públicos, 3 privados e 8 concertados), 15 centros de bacharelato (9 públicos e 6 privados) e 15 centros de formación profesional (9 públicos e 6 privados). Os alumnos que estaban a estudar na ensinanza non universitaria nese ano chegaban a 20.500.[5]
Universidade [editar]
- Artigo principal: Universidade de Santiago de Compostela.
A USC data de finais do século XV, sendo a primeira creada en Galiza. En 2012 o número de alumnos matriculados era de 26.401, dos cales 16.800 eran homes e 9.601 mulleres.[5] A universidade conta con dous campus, vinte e tres facultades e dúas Escolas Técnicas Superiores, ademais de tres Escolas Universitarias adscritas e 5 centros vinculados.[20]
Festas e celebracións [editar]
- Festas da Ascensión: Son as festas máis importantes de Santiago despois das do Apóstolo. Celébranse durante varios días do mes de maio, coincidindo coa festividade da Ascensión.
- Festas do Apóstolo: Celébranse na segunda quincena do mes de xullo nos días próximos ao 25 de xullo, festividade de Santiago.
- Ano Santo Xacobeo: Ten lugar cando o 25 de xullo cae en domingo. Só durante os anos santos permanece aberta a Porta Santa da Catedral para acceso dos peregrinos. Os anos santos xacobeos presentan unha grande afluencia de peregrinos, habitualmente maior ca nun ano ordinario.
- A festividade de San Roque, copatrón da cidade, é a segunda festa local. Celébrase o 16 de agosto.
- O martes de Entroido é festivo local algúns anos no canto da celebración do San Roque ou da Ascensión. Así ocorreu en 2006, substituíndo ao San Roque, e en 2007 ao coincidir a Ascensión co Día das Letras Galegas.
- Cada novembro dende 1986, celébrase o festival cinematográfico Cineuropa.
Santiago na literatura popular galega [editar]
- Indo para Santiago,/ doume a morte no camiño;/ deixo dito que me enterren/ na cama do meu veciño.
- Indo para Santiago,/ doume a morte nunha eira;/ deixo dito que me enterren/ na cama da costureira.
Cidades irmandadas [editar]
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes de Santiago de Compostela.
|
Parroquias [editar]
Lugares de Santiago de Compostela [editar]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Santiago de Compostela vexa: Lugares de Santiago de Compostela.
Notas [editar]
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
- ↑ http://www.santiagodecompostela.org/turismo/interior.php?txt=t_contorno&lg=gal
- ↑ 4,0 4,1 "Series históricas de poboación de Galicia". IGE. http://www.ige.eu/igebdt/selector.jsp?COD=1558&paxina=001&c=0201001002. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 "Observatorio urbano:Indicadores socioeconómicos". Concello de Santiago. 20 de marzo de 2013. http://www.santiagodecompostela.org/observatoriourbano/indicadores_socioeconomicos.php?lg=gal. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Series históricas de poboación de España". INE. http://www.ine.es/jaxiBD/menu.do?L=0&divi=DPOH&his=0&type=db. Consultado o 15 de abril de 2013.(en castelán)
- ↑ Mosteiro, Marga. "Conde Roa dimite hoxe oficialmente". La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2012/04/16/conde-roa-dimite-hoy-oficialmente/0003_201204G16P2992.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz&idioma=galego. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ "A xuíza da Pokémon amplía o caso á corrupción urbanística". La Voz de Galicia. 2 de marzo de 2013. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/03/02/jueza-pokemon-amplia-corrupcion-urbanistica/0003_201303G2P5991.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz&idioma=galego. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ Carreira, Xosé (17 de xaneiro de 2013). "Santiago O alcalde de Santiago, Ángel Currás, tras declarar pola súa imputación na operación Pokémon: «Non teño pensado dimitir»". La Voz de Galicia. http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2013/01/17/jefe-gabinete-angel-curras-llega-juzgados-lugo-declarar-imputado-operacion-pokemon/00031358412389070385348.htm?utm_source=buscavoz&utm_medium=buscavoz&idioma=galego. Consultado o 23 de marzo de 2013.
- ↑ Eleccións municipais de 2003
- ↑ Eleccións municipais de 2007
- ↑ Resultados das eleccións municipais do 2011 en Santiago de Compostela
- ↑ "Medio ambiente". Concello de Santiago. http://santiagodecompostela.org/facendo_cidade/facendo.php?txt=fc_ambiente&lg=gal. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Carta de las Ciudades Europeas hacia Sostenibilidad (La Carta de Aalborg)" (pdf). Ediciones L’Obrador. http://www.lobrador.com/aalborg.pdf. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Zonas verdes e parques". Concello de Santiago. http://santiagodecompostela.org/facendo_cidade/facendo.php?txt=fc_parques&lg=gal. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Fundación Cidade da Cultura". http://www.cidadedacultura.org/. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ "O Parlamento aproba paralizar de vez as obras da Cidade da Cultura". Praza Pública. 26/03/2013. http://praza.com/cultura/3971/o-parlamento-aproba-paralizar-de-vez-as-obras-da-cidade-da-cultura/. Consultado o 15 de abril de 2013.
- ↑ "Carta de Cidades Educadoras" (pdf). http://w10.bcn.es/APPS/eduportal/pubFitxerAc.do?iddoc=65650. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Lista de cidades participantes na Asociación Internacional de Cidades Educadoras". http://w10.bcn.es/APPS/eduportal/pubPaisosAc.do?ididi=2. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Centros (facultades e escolas)". Universidade de Santiago de Compostela. http://www.usc.es/gl/centros/. Consultado o 29 de marzo de 2013.
- ↑ Prefeitura.Sp - Descentralized Cooperation
- ↑ International Relations - São Paulo City Hall - Official Sister Cities
- ↑ A Española foi empregado baixo a regra da Orde dos Dominicos e a Orde de Alcántara, o nome de Santiago como cidade da República Dominicana foi empregado posteriormente
Véxase tamén [editar]
Outros artigos [editar]
Ligazóns externas [editar]
- Xacobeo.es
- Web oficial Catedral de Santiago de Compostela
- Web Oficial do Concello de Santiago de Compostela
- Santiago Turismo
- Universidade de Santiago de Compostela
- Cámara Web situada na Praza do Obradoiro
| Concellos da Comarca de Santiago | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ames |
Boqueixón |
Brión |
Santiago de Compostela |
Teo |
Val do Dubra |
Vedra |
|
|
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||