Real Club Celta de Vigo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Celta (homónimos).
| Nome completo | Real Club Celta de Vigo S.A.D. | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Alcume(s) | Celtiñas, celtistas | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Fundación | 1923 | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Nome do estadio | Estadio Municipal de Balaídos, Vigo, |
||||||||||||||||||||||||||||||||
| Inauguración | 30 do decembro do 1928 | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Capacidade | 31.800 | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Presidente | |||||||||||||||||||||||||||||||||
| Adestrador | |||||||||||||||||||||||||||||||||
| Liga | Liga BBVA | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Temp. 2005-06 | 6º | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Marca da camiseta | Umbro | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Publicidade da camiseta | Citröen | ||||||||||||||||||||||||||||||||
| Páxina web oficial | |||||||||||||||||||||||||||||||||
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||
O Real Club Celta de Vigo S.A.D. é un equipo de fútbol fundado na cidade de Vigo por unión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo. A súa vestimenta é de cor celeste. O seu estadio é Balaídos.
[editar] Historia
[editar] Protocelta
A tradición futbolística en Galicia data de comezos do século XX. Foi en Vigo onde esta modalidade deportiva tivo as súas primeiras manifestacións: comezou a practicarse nos xa desaparecidos peiráns da cidade, coincidindo coas primeiras exhibicións dos ingleses do Cable e das tripulacións dos escadróns británicos que frecuentaban o porto.
Daquela constituíronse en Vigo dous clubes de fútbol de primeira categoría: o Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna. Dende sempre ámbolos dous equipos se revelaron coma rivais de potencia moi semellante, e os seus enfrontamentos xeraban grandes movementos de masas de siareiros. O seu prestixio adquiriu ancha dimensión en todo o país, e a preponderancia foi tan notoria que a partires de 1906 e ata 1923 algún dos dous equipos vigueses foron sempre sen interrupción gañadores do título de campión rexional.
En 1923 e co gallo de afortalar a categoría do fútbol vigués, os dous equipos fusionáronse: desta fusión xurdiría o Real Club Celta.
[editar] Comezos coma equipo
O primeiro equipo que actuou no vello campo de Coia baixo a actual denominación estaba integrado polos seguintes xogadores:
- Portería: Isidro;
- Defensa: Luís Otero, Pasarín;
- Media: Queralt, Balbino, Torres;
- Dianteira: Reigosa, Gerardito, Chicha, Polo, Pinilla;
Os enfrontamentos cos que o Celta iniciou a súa carreira desenvolvéronse contra dous equipos estranxeiros: o Boavista de Lisboa e o Cracovia, campión polaco. No primeiro torneo de liga no que interviñeron, durante a tempada 1923-1924, conquistou o campionato de Galicia, contendendo co Unión Sporting, o Racing ferrolán e o Eiriña de Pontevedra. Despois, no torneo da Copa de España, disputou a eliminatoria co Athletic de Bilbao, quen ostentaban xa o título. Polo mesmo ano e aproveitando o paso por Vigo da selección uruguaia, camiño de París, onde se proclamou campiona olímpica, o Celta enfrontouse a eles nun magnífico encontro que tivo extraordinaria repercusión.
En 1924-1925 volven os celtiñas a gañar o Campionato Galego. Na mesma tempada tén lugar no campo de Coia unha nova contenda internacional. Nesta ocasión son os arxentinos quen se enfronta ó combinado vigués; o Celta aliña a:
- Portería: Ruíz;
- Defensa: Juanito, Rey;
- Media: Cancela, Balbino, Hermida I;
- Dianteira: Reigosa, Hermida II, Chicha, Polo, Casal;
mentres que a selección nacional arxentina está composta por:
- Portería: Tesorieri;
- Defensa: Bidoglio, Mutis;
- Media: Médici, Vaccaro, Elli;
- Dianteira: Tarasconi, Cerroti, Garazini, Seoane, Onzari;
A afección enteira volcouse no campo de Coia para presenciar os dous magníficos espectáculos: a vitoria correspondeu nun dos partidos ós rioplatenses e noutro ós vigueses. Os celtiñas completaron o labor do seu fútbol vigoroso e enérxico empatando ó pouco tempo cos uruguaios, xa daquela campións olímpicos.
En 1927-1928 o Celta conquista novamente o título de campión da súa división, que comprendía as rexións de Galicia, Asturias e Castela-León. Seguidamente emprende unha xira onde loitou con varios equipos arxentinos e uruguaios. Nese mesmo ano inaugúrase o novo estadio de Balaídos. O primeiro equipo céltico que pisou o céspede deste terreo estaba formado por:
- Portería: Lilo;
- Defensa: Cabezo, Pasarín;
- Media: Pareditas, Cárdenes, Vega;
- Dianteira: Reigosa, Chicha, Rogelio, Polo, Gracilia;
Coma rival tivo naquela ocasión ó Real Unión de Irún, un dos grandes do fútbol español da época, que porén, caeron fronte aos vigueses, nunha tarde inspiradísima, por sete goles a nada.
En 1931-1932 o Celta gaña outra vez o título de campión galego: desta vez en loita co Deportivo coruñés, o Rácing de Ferrol, o Eiriña pontevedrés e o Burgas e o Ourense da capital interior. Posteriormente chegou ás semifinais da Copa de España, sendo eliminado polo Barça. En 1933-1934, o Celta clasifícase en cuarto lugar da Liga entre tódolos clubes españois.
[editar] Franquismo
A historia do Celta pasa logo por diversos abaneos, inda que non diminúe a súa popularidade.
A finais da década de 1940 o equipo viviu unha época de esplendor, adestrado polo mítico gardamallas internacional Ricardo Zamora. Na tempada 1947-1948 concluiu o campionato nacional de liga de primeira división na cuarta posición, a 6 puntos do campión, o F.C. Barcelona, ao que conseguira derrotar por 3-2 nun Balaídos que convertiu en feudo inexpugnable, no que tamén caeron goleados o Athletic Club (5-1), o Valencia (5-2) e o Real Madrid (que colleitou aquela tempada senllas derrotas por 4-1 fronte os celestes, tanto en Vigo como en Chamartín). Pahiño, que con 23 goles alzouse co título de pichichi do campionato, e Hermidita, con 14, foron os máximos anitadores nunha plantilla na que formaron tamén Simón, Mesa, Cabiño, Gaitos, Gabriel Alonso, Yayo, Roig, Miguel Muñoz, Aretio, Vázquez, Retamar, Zubeldia, Salas, Marzá, Venancio, Bermejo e Montoro. A magnífica tempada dos olívicos tivo a súa rúbrica co subcampionato da Copa do Xeneralísimo. O Celta alcanzou a final, que se disputou no estadio madrileño de Chamartín o 4 de xullo de 1948, logo de superar unha agónica eliminatoria de semifinais fronte ao R.C.D. Español de Barcelona, que precisou para se resolver de dous partidos de desempate, coas súas respectivas prórrogas, que se celebraron en Madrid na mesma semana da final. As xestións da directiva celtica para acadar un aprazamento resultaron infructuosas e o equipo, agotado, saltou ao céspede do coliseo madridista para enfrontarse ao Sevilla. Aos 6 minutos de xogo un gran disparo de Miguel Muñoz adiantou ao Celta no taboleiro de marcas. Sen embargo, o Sevilla reaccionou axiña, e no minuto 19 acadaba o empate. O Celta mantivo o tipo tres cuartos de hora máis, pero tralo descanso, nun fatídico minuto 14 os vigueses encaixaron o segundo gol, nunha xogada que significou ademais a lesión do porteiro Simón, que o obrigou a retirarse do terreo de xogo. Daquela o regulamento non permitía substitucións, de xeito que o equipo ficou con 10 xogadores e o seu posto baixo os paos tivo que ser cuberto por Gabriel Alonso, quen nos seguintes 15 minutos encaixou dous goles máis, que deixaron o marcador no definitivo 4-1 a prol dos andaluces.
Nos anos 50 seguen estando entre os equipos de primeira división de España que van en posicións destacadas. Na tempada de 1955 a aliñación dos celestes (por exemplo, derrotando ó Athletic de Bilbao en casa, o 9 de xaneiro) era:
- Portería: Adauto;
- Defensa: Gaitos, Lolín, Otero;
- Media: Artine, Villar;
- Dianteira: Azpeitia, Olmedo, Mauro, Cerdá, Torres;
O final desas dúas décadas de esplendor céltico chegou co descenso na tempada 1958-59. O purgatorio da 2ª prolongouse durante practícaa totalidade da década de 1960, pois a pesar de contar con varias oportunidades de ascenso (promocións contra Real Valladolid en 1960, Real Oviedo en 1961 e Sabadell en 1966), a fortuna resultoulle esquiva ata a tempada 1968-69, en que conseguiu por fin o regreso á categoría de ouro.
[editar] Ascenso e clasificación para a Copa da UEFA
O Celta dos anos 70 volveu marcar fitos no fútbol galego. Logo dunha primeira tempada 69-70 de reencontro coa categoría, o Celta da 70-71, dirixido por Juanito Arza, un dos seus verdugos sevillistas na final do 48, mantivo Balaídos invicto. O conxunto dos Quique Costas, Manolo, Lezcano, Dobras, etc. concluíu a liga clasificado nun sexto lugar que lle permitiu clasificarse para a primeira edición da Copa da UEFA, no que representou a primeira participación dun equipo galego nas competicións europeas. A experiencia, con todo, foi efémera, ó non poder superar a primeira eliminatoria fronte ó Aberdeen FC escocés.
[editar] Época de ascensos e descensos
A partir da tempada 1974-75 o Celta instalouse no ascensor, encadeando descensos e ascensos entre primeira e segunda. Así, ó descenso da 74-75 seguiron un ascenso na 75-76, un novo descenso na 76-77 e outro ascenso na 77-78. Tanta inestabilidade acabou por pasar factura, e ó descenso a 2ª da tempada 78-79 sucedeulle a maior calamidade na historia do club: un descenso a 2ª B.
[editar] Volta a primeira
A nefasta tempada 1979-1980 pechouse cun descenso a 2ª B consumado na última xornada. A seguinte campaña, 1981-1982 contratouse a un técnico iugoslavo, Milorad Pavic, que obrou o milagre de facer ó equipo campión de 2ª B e, ó ano seguinte, de 2ª A, recuperando en dúas tempadas consecutivas todo o terreo perdido. Militaban xa no equipo algúns dos grandes mitos do celtismo dos 80, como Lucas, pichichi de 2ª, ou o porteiro Javier Maté.
[editar] Homenaxe a Manolo
O Estadio de Balaídos dispúñase a estrearse como campo da fase final da Copa do Mundo de 1982 na súa mellor condición, como sede dun equipo de primeira categoría. O Celta aproveitou esa circunstancia para organizar unha homenaxe ao seu gran capitán, Manolo, un home que protagonizara todas as alegrías e desventuras da década anterior, desde os meles da UEFA e os ascensos ós desgustos dos descensos, e dese modo celebrouse un encontro amigable contra a sensacional selección polaca, que concluíu o mundial no terceiro posto.
[editar] Dous anos en segunda
O terceiro ano de Pavic (1982-83), de novo en primeira, concluíu de xeito moi triste no Estadio José Zorrilla de Valladolid, cunha derrota que materializou un descenso olívico máis. As tempadas 1983-84 e 1984-85, en segunda, vivíronse de forma moi distinta.
Na primeira delas, sexto clasificado, o ascenso escapouse finalmente por un só punto: campión o Castela da "Quinta do Voitre" e subcampión o Bilbao Athletic do pichihi Julio Salinas, ambos os filiais de Real Madrid e Athletic Club, respectivamente, e imposibilitados, xa que logo, para subir, ascenderon 3º, 4º e 5º clasificados, Hércules, Racing de Santander e Elche CF, con 3, 2 e 1 punto máis que os vigueses.
Na seguinte, o equipo adestrado por Félix, xogador fundamental nos 70 e Director Técnico imprescindible do gran Celta do século XXI, logrou o seu obxectivo nunha liga que puido malograrse polos convulsos acontecementos das primeiras xornadas, cando unha folga de xogadores a nivel nacional obrigou ós clubes a aliñar a xogadores xuvenís nas primeiras xornadas. Superadas todas as dificultades, aquel Celta de Félix, comandado por Maté, Lemos, Atilano, Alvelo, Cortés, Lucas e a solvencia do líbero mundialista hondureño Gilberto, recuperou unha vez máis a praza na máxima categoría.
[editar] Novo descenso en 1986
A tempada 1985-86 supuxo un novo fracaso. A contratación do brasileiro Baltazar non foi suficiente para fortalecer un equipo gafado, que empezou a fraguar a súa desgraza no encontro inaugural do campionato; a pesar de arrincar un valioso empate a domicilio fronte á Real Sociedade dos Arconada, Satrústegui, Zamora ou López Ufarte, en Atocha caeu lesionado de gravidade o porteiro céltico Javier Maté, unha das grandes estrelas do equipo, que dixo adeus á tempada. Aquela lesión coincidiu co servizo militar do seu substituto, a gran promesa navarra Patxi Villanueva, polo que a responsabilidade de cubrir a portería celeste recaeu no terceiro porteiro do equipo, Chuco. Durante bastantes encontros da primeira volta o centrocampista Vicente tivo que ser o designado para aliñarse no acta como porteiro suplente. Cando se reabriu o mercado de fichaxes, o Celta fíxose cos servizos do galego Pereira, procedente do Atlético de Madrid, pero o seu concurso non puido contrarrestar a dinámica negativa, e o descenso consumouse con moitas xornadas de anticipación.
[editar] Cambios no sistema de competición
En 1986, alarmada polo declive da audiencia e repercusión do fútbol, castigado polo público por episodios como o da folga de xogadores de campañas anteriores, a federación decidiu innovar no sistema de competición para o campionato de 1986-87 en primeira e segunda división, de modo que tras unha fase regular na que se enfrontaron todos os equipos entre si a dobre volta, conformáronse 3 grupos que pelexarían por distintos obxectivos.
O Celta conservou o bloque de xogadores da tempada anterior, que se puxo ás ordes do británico Collin Addison. A incorporación máis destacada ó persoal foi a do central irlandés Jimmy Fagan, fichado para reforzar ó equipo con vistas ó tramo decisivo da competición. Concluída a fase regular do campionato na 4º praza, o Celta quedou encadrado no grupo par, xunto a Deportivo, Castelló, CD Málaga, Raio Vallecano e Sestao.
As vitorias sobre os coruñeses, permitiron ó cadro celeste chegar á última xornada dependendo de si mesmo para conquistar o ascenso: só unha derrota céltica permitiría ó Castelló, que se enfrontaba ó Deportivo de Arsenio Iglesias no Ángel Carro de Lugo, soñar coa posibilidade de ascender.
Os albinegros recibiron facilidades dos desterrados herculinos, que aliñaron un equipo formado por xogadores xuvenís e do filial; non desaproveitaron a ocasión e impuxéronse con comodidade. Con todo, a súa vitoria resultou pírrica, posto que o Celta, arroupado por centos de afeccionados, desprazados nun convoi ferroviario especial a Sestao, logrou manter o empate que lle servía para ascender a primeira xunto a Valencia CF e Logroñés, vencedores do grupo impar.
[editar] Primeira división na tempada 1987/1989
Tralo éxito na liga máis longa da historia, culminada co ascenso e o pichichi para Baltazar, a tempada 1987-88 presentábase como a oportunidade de Collin Addison de lucirse na elite do fútbol español. Con todo, sorprendentemente o técnico non se incorporou a dirixir a pretemporada. A dirección dos Maté, Xurxo Otero, Nacho, Hagan, Atilano, Alvelo, Vicente, Lucas, Baltazar, Julio Prieto, Zambrano, Rodolfo, Maraver, Mosquera, Camilo etc. foron encomendados a José María Maguregui, quen conseguiu manter o nivel do equipo na nova categoría, acariñando a posibilidade de retornar ás competicións europeas ao ocupar durante moitas xornadas os postos de cabeza.
[editar] Dimisión de Maguregui
Finalmente o equipo baixou o seu rendemento nas últimas xornadas e concluíu o campionato en 7º posto. Maguregui presentou a súa dimisión varias xornadas antes da conclusión, debido ó malestar que provocou entre os afeccionados a confirmación do seu compromiso para liderar a tempada seguinte o Proxecto II de Jesús Gil no Atlético de Madrid, precisamente o equipo contra o que o Celta estaba pelexando por unha praza para a Copa da UEFA.
Maguregui levou consigo ó goleador Baltazar, que no Atlético conseguiu procalamarse pichichi. Con todo o Celta non os botou de menos. Substituído o vasco polo asturiano Novoa, antigo xogador céltico, e o brasileiro polo seu compatriota Amarildo, o Celta 1988-89, coas incorporacións de Zoran Maric e Pedro Herrera, rexistrou números moi similares ós da campaña anterior, concluíndo o torneo ligueiro en 8ª posición.
[editar] Marcha de Amarildo e fichaxe de Nilson
Pero este período caracterizado polo xogo brillante foi breve. A sensacional campaña de Amarildo non pasou desapercibida para os grandes de Europa e a choiva de ofertas concretouse nun traspaso, estratosférico para a época, ó Lazio de Roma, que pagou entón 200 millóns de pesetas polo xogador.
O Celta na tempada 1989-90 fichou a outro bo dianteiro brasileiro, Nilson, confiando en repetir o éxito das contratacións anteriores. Con todo, o seu rendemento foi moi inferior ó esperado. Incorporouse tamén outro brasileiro, Fabiano, que co tempo chegaría a ser unha das estrelas do fútbol español. Fichouse tamén a un xogador do Deportivo, o dianteiro Vicente Celeiro. Pero a pesar de todo isto non conseguiron manter a categoría.
[editar] Ascenso en 1992
Houbo que esperar á tempada 1991-1992 para recuperar o lugar en primeira. O ex-xogador internacional Chechu Rojo, incorporado a finais da tempada anterior construíu un equipo sólido que se alzou con solvencia co título de campión da segunda división varias xornadas antes da conclusión da liga.
O veterano Maté cedeu a titularidade baixo os paus ó prometedor Patxi Villanueva, que callou unha tempada magnífica. O corpo técnico sondara o mercado balcánico e del tróuxose dúas perlas excelentes: o defensa Goran Juric e o dianteiro Vladimir Gudelj, un novísimo e corpulento goleador serbo-bosníaco que se proclamou pichichi da categoría. Pouco tempo fíxolle falta ó mozo Gudelj para converterse nun dos xogadores máis queridos para os celtistas. A felicidade que lle proporcionaba o seu éxito futbolítico contrastaba co desasosego que manifestaba polos acontecementos que se vivían no seu país, onde estalaba unha cruenta guerra que atrapaba á súa familia. Fichouse tamén a outro ídolo do eterno rival, o interior "Fraco" Gil. Fabiano converteuse no director de xogo e Xurxo Otero consolidouse no lateral dereito.
Conseguido o ascenso, o Celta enfrontouse naquelas datas a outro reto transcendental para o seu futuro: a conversión en S.A.D. Era preciso cubrir o capital social establecido polo Consello Superior de Deportes para manterse nas competicións profesionais. Finalmente, o celtismo respondeu ós chamamentos da directiva presidida por Ignacio Núñez e púidose liquidar ese trámite.
Reintegrado unha vez máis á primeira división, a tempada 1992-93 Chechu Rojo conseguiu dotar ó equipo dunha solidez defensiva que proporcionou ó seu porteiro o trofeo Zamora polo menos goleado empatado con Paco Liaño. Santiago Cañizares, fichado ese verán, empezaba a percorrer o camiño que lle levaría á internacionalidad e a defender a portería española no seguinte mundial (de feito, súa foi a responsabilidade de, cun home menos, manter o marco imbatido no partido que significou a clasificación da selección para Estados Unidos 1994, a vitoria por 1-0 sobre Dinamarca en Sevilla).
O eixo da defensa de Rojo reforzouse cun central internacional que o preparador bilbaíno coñecía ben: o seu paisano Patxi Salinas foi o complemento á solvencia e clase de Goran Juric. Xurxo Otero apropiouse do lateral dereito e o esquerdo confiouse a todo un campión olímpico, Rafael Berges. Na vangarda incorporouse un extremo campión de Europa, Milorad Ratkovic, para asistir ó ariete serbo-bosníaco. O Celta balcanizábase e vulcanizábase, convertíase nun equipo demoledor. Deste xeito conquistou pracidamente a permanencia nesa primeira tempada de regreso á elite.
[editar] Final de Copa de 1994
En 1994 viviuse a maior mobilización da historia do celtismo, co desprazamento a Madrid dos 25.000 afeccionados para os que se ofreceron localidades da final da Copa del Rey, o 20 de abril de 1994.
O Celta de Chechu Rojo alcanzou a final tras superar nas semifinais ao Tenerife de Jorge Valdano, que se presentaba nesa cita coma o gran favorito. Un xenial caracoleo de Ratkovic na banda esquerda, nunha xogada que parecía condenada a diluírse na nada, serviu ó serbio para colocar un centro maxistral a Gudelj, que rematou poderoso á rede tinerfeñista, abrindo a senda da vitoria no partido de ida. Outro gol de Gudelj e un último de Salillas puñan a eliminatoria moi favorable.
O partido de volta no Heliodoro Rodríguez López púxose moi costa arriba cando os canarios marcaron o 2-0 a falta de media hora para a conclusión. Afortunadamente, en cinco minutos de inspiración, Gudelj conseguiu empatar o partido. O segundo gol foi maxistral: pase en profundidade dun xenial Andrijasevic (internacional croata fichado no mercado de inverno) e galopada para resolver no un contra un ante o porteiro.
Tras superar as semifinais, o rival que esperaba na final era o Real Zaragoza, adestrado por Víctor Fernández, equipo que cegaba en Europa co seu fútbol. Tras empatar ambos os equipos tras os primeiros 90 minutos e a prórroga, finalmente chegouse ós penaltis, onde o porteiro blanquillo Andoni Cedrún detivo un penalti moi mal executado ó defensa do Celta, Alejo, e tras ese erro clamoroso, Higuera marcou o penalti definitivo que levou a Copa do Rei á cidade de Zaragoza, deixando co mel nos beizos ós afeccionados galegos.
[editar] O verán de 1995
A Lei do Deporte obrigaba ós equipos, que se converteron gradualmente en Sociedades Anónimas Deportivas, a presentar uns avais como previsión de débedas antes do 1 de agosto de 1995. Por causas diversas, o Sevilla e o Celta de Vigo non puideron cumprir tales prazos, e foron descendidos administrativamente á Segunda División B. Decenas de miles de afeccionados de ambos clubes botáronse á rúa repetidas veces para defender os intereses dos seus equipos. A pesar de que se solicitou un tempo de espera para a constatación da ausencia destes avais, a Federación desde un primeiro momento entregou as prazas a Valladolid e Albacete, que tiñan que descender ese ano.
Ó final, a presión das afeccións conseguiu facer retractarse á Federación e esta terminou admitindo aos 4 clubs en Primeira División, formando unha liga de 22 equipos que tivo dous anos de vida.
[editar] A mellor etapa
Durante estes anos o Celta caracterizouse por practicar un fútbol atractivo e alegre, grazas á clase e liderado de xogadores como Mostovoi, Karpin, Gustavo López, Mazinho ou Haim Revivo, comandados pola dirección técnica de Víctor Fernández. O Celta mantívose nos primeiros postos da clasificación, con memorables actuacións na Copa da UEFA ante recoñecidos equipos europeos, como a Juventus, o Liverpool FC, o Aston Vila ou o Benfica.
O Celta tivo de novo unha oportunidade para estrear a súa palmarés nunha final de Copa del Rey na que partía como favorito. Tralo optimismo inicial co golazo de Alexander Mostovoi, a desesperación apoderouse dos incansables afeccionados celestes que viron, impotentes, como o Zaragoza remontaba e volvía repetir o éxito de 1994. Unha tempada máis tarde, Víctor Fernández asumiu o final dun exitoso ciclo no que logrou que o Celta practicase un gran fútbol e clasificásese sempre para disputar as competicións europeas, incluíndo a conquista da Copa Intertoto no ano 2000 que lle outorgou ao Celta unha praza para a Copa da UEFA.
A substitución tomouna Miguel Ángel Lotina, un adestrador que apostou desde o principio por un fútbol moito máis defensivo, basto e a longo prazo práctico. Aínda que a afección gozou moito menos en canto a espectáculo, púidose celebrar a consecución dun soño, a clasificación para disputar a Liga de Campións, tras unha tempada histórica na que o Celta finalizou no cuarto posto na Liga, complementada máis se cabe, coa conquista do prestixioso trofeo Zamora para o porteiro arxentino, Pablo Cavallero.
Tanto afección como directiva e xogadores eran moi optimistas. O equipo era sólido, ordenado e compacto e estaba formado por xogadores de gran calidade e experiencia. O Celta tiña ó alcance da súa man abrir un novo período na súa historia, un período histórico no que loitaría por crecer e equipararse o máximo posible aos grandes equipos nacionais e europeos.
Por desgraza o exceso de euforia e confianza comezouse a facer patentes nas primeiras xornadas da tempada 2003-2004 cuns nefastos resultados que fixeron cambalearse todo o proxecto. Mentres a situación na táboa era cada vez máis preocupante, o equipo respondía na Liga de Campións, clasificándose como segundo do seu grupo por detrás do AC Milán e por encima do Club Bruxas e o Ajax Amsterdam.
[editar] O descenso a segunda división
A pesar deste éxito, as humillantes goleadas ante o eterno rival, o Depor(0-5) e ante a Real Sociedade (2-5) provocaron unha situación insostible que lle custou o posto a Miguel Ángel Lotina. O experimentado Radomir Antic foi o seu substituto, e a pesar dos seus bos resultados iniciais, que auguraban un rexurdir do equipo, o Celta quedou eliminado da Liga de Campións ante o Arsenal en oitavos de final. Derrota tras derrota, o Celta encamiñábase cara ó pozo da Segunda División sen freo. Excedido pola situación, e sen o escaparate da Champions, Radomir Antic dimitiu e abandonou o barco. O club, á desesperada, fixo recaer a responsabilidade en dous homes da casa, Ramón Carnero e Rafael Sáez. Este tándem obtivo moi bos resultados, que a pesar de todo foron insuficientes para evitar un inesperado descenso. Estes últimos partidos serviron para mostrar o esbozo da nova perla da canteira viguesa Borja Oubiña.
[editar] Ascenso e clasificación para a UEFA
Moitos xogadores que foron pezas crave en anteriores proxectos causaron baixa no persoal. Da man de Fernando Vázquez e cun equipo renovado con xogadores con experiencia e incorporacións do equipo filial, o Celta dispúxose a intentar retornar á máxima categoría canto antes. A pesar dos altibaixos iniciais, o equipo tomoulle o pulso á categoría e tras unha segunda volta humillante, logrou un ascenso imprescindible, con suspense incluído debido ó polémico caso Toni Moral, non resolto aínda.
No seu retorno a Primeira división española, o Celta confeccionou un persoal interesante cun orzamento moi baixo. O equipo deu a talla e desde as primeiras xornadas ocupou os primeiros postos da clasificación, logrando a permanencia matemática sen sufrimento algún e logrando o inesperado regreso a Europa grazas á 6º praza final obetenida no campionato. O éxito é aínda maior se se ten en conta que na tempada do retorno, o Celta venceu en campos como o Santiago Bernabéu, Riazor, Vicente Calderón ou Ruiz de Lopera.
[editar] Tempada 2006/2007 : O descenso
Na pasada tempada o equipo continuista, que comezou estando dirixido por Vázquez como na campaña previa, mostrou unha tremenda irregularidade tanto no seu xogo como nos resultados. O brillante inicio de campaña levado lonxe de Balaídos quedou empañado no seu propio estadio onde con Fernando Vázquez só se conseguiu un triunfo en toda a tempada, o que levou, quizais demasiado tarde, á destitución do técnico galego e á contratación do ex-futbolista do FC Barcelona, membro do "Dream Team" e Balón de Ouro, Hristo Stoichkov, ata ese momento seleccionador de Bulgaria como única experiencia como técnico, debutando con triunfo e ilusionando coa loita pola salvación. Pero o equipo non aproveitou oportunidades que lle valeron a permanencia (como o partido fronte a un rival directo pola salvación, a Real Sociedade) e, aínda que mantivo a esperanza de eludir o descenso ata a última xornada (conservando posibilidades matemáticas aínda que sen depender de si mesmo), este consumouse finalmente. O Celta venceu 2-1 ao Xetafe ante un estadio case abarrotado, pero non foi suficiente dados os triunfos de Athletic de Bilbao e Betis, que conseguiron así manter a categoría.
[editar] Logros históricos
O equipo vigués non conta con títulos nacionais, aínda que foi tres veces subcampión da Copa do Rei (1948, 1994 e 2001) e gañador dunha Copa Intertoto en 2000, maior logro na historia do club vigués.
Participou 7 veces na Copa da UEFA (deixando fóra a equipos como Liverpool, Estrela Vermella, Juventus ou Aston Vila) e unha vez na Liga de Campións na que chegou a oitavos de final onde caeu ante o Arsenal FC
[editar] Uniforme
- Uniforme titular: camiseta azul celeste cunha cruz vermella enriba do ombreiro que simboliza a Cruz de Santiago, pantalón branco e medias azul celeste.
- Uniforme suplente: camiseta e pantalóns vermellos burdeos, con adornos laranxas.
- Uniforme alternativo: camisola dividida en duas partes iguais por unha liña vertical que nace no pico do pescozo, á dereita vermello, á esquerda branco, pantalón e medias vermellos.
[editar] Himno
- Descarga en formato mp3:
Galego: [1] Castelán: [2] Letras do himno do Celta de Vigo. Ler aquí: [3]
Outros temas recurrentes du celtismo son A Rianxeira, O Miudiño (cancións populares), ou a Foliada celeste (do grupo A Roda).
[editar] Estadio
- Denominación: Estadio Municipal de Balaídos
- Ano da inaguración: 1928
- Última remodelación: 1980
- Capacidade: 31.800 espectadores (sentados)
- Dimensións do campo: 105 x 68 m
- Outras instalacións: Complexo Deportivo da Madroa e Campo de Fútbol de Barreiro
[editar] Datos do clube
- Tempadas en 1ª: 45
- Tempadas en 2ª: 25
- Tempadas en 2ªB: 1
- Mellor posto na liga: 4º (Primeira división española tempadas: 47/48 e 02/03)
- Peor posto na liga: 19º (Primeira división española tempadas: 89/90 e 03/04)
- Primeiro gol en Primeira División: Nolete no min 71 do Zaragoza - Celta (3-2) o 03/12/1939
- Primeiro gol en Segunda División: Ramiro, sendo o primeiro gol marcado polo Celta en Liga, no partido Celta-Iberia (1-2) que se xogou en febreiro de 1929.
- Gol número 500 en Liga: Segundo gol do Celta no encontro Celta - Deportivo da Coruña (2-3). Obra de Sobrado o 12/03/50.
- Gol número 1000 en Liga: Primeiro gol (minuto 58) do Zaragoza - Celta (2-0), obra de Lezcano, o 07/02/1971.
- Maior número de goles en Liga: 69 goles (Tempada 98/99)
- Maior número de puntos: 64 puntos (Tempada 98/99)
- Mellor media de goles obtido en Liga: 2,42 goles por partido (Tempada 49/50)
- Menor número de goles obtida en Liga: 21 goles (Tempada 58/59)
- Maior número de goles encaixados en Liga: 75 goles (Tempada 43/44 e Tempada 55/56)
- Menor número de goles encaixados en Liga: 32 goles (Tempada 70/71 e Tempada 92/93)
- Maior número de vitorias en Liga : 20 (Tempada 2005/06)
[editar] Xogadores
[editar] Cadro Actual
A 1 de setembro de 2007
|
|
[editar] Gañadores dos Trofeo Pichichi e Zamora
1992-1993 - Santiago Cañizares (30 Goles/36 Partidos - Coeficiente 0.83)
2002-2003 - Pablo Oscar Cavallero (27 Goles/34 Partidos - Coeficiente 0.79)
2005-2006 - José Manuel Pinto (28 Goles/36 Partidos - Coeficiente 0.78)
[editar] Máximos goleadores en Primeira División
- 1
Hermidita 105 - 2
Mauro 69 - 3
Vlado Gudelj 68 - 4
Pahiño 61 - 5
Alexander Mostovoi 55 - 6
Roig 53 - 7
Del Pino 49 - 8
Atienza 47 - 9
Olmedo 46
[editar] Xogadores con máis partidos en Primeira División
- 1
Alexander Mostovoi 235 - 2
Manolo 226 - 3
Juan 219