Roberto Trashorras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Roberto Trashorras
Trashorras xogando para o Celta.
Información persoal
Nome Roberto Trashorras Gayoso
Nacemento 28 de febreiro de 1981 (43 anos)
Lugar de nacemento Rábade
Altura 1,77 m.
Posición Centrocampista
Información de club
Club actual Lugo (ad.)
Carreira xuvenil
1989–1995 Racing Club Vilalbés
1995–1999 Barcelona
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1999 Barcelona C 2 (1)
1999–2003 Barcelona B 119 (33)
2001 Barcelona 1 (0)
2003–2005 Real Madrid B 75 (14)
2005–2006 Numancia 12 (1)
2006–2008 Las Palmas 62 (11)
2008–2011 Celta de Vigo 109 (17)
2011–2018 Rayo Vallecano 211 (8)
Total 591 (85)
Selección nacional
1997 España sub-16 2 (1)
1998–1999 España sub-17 9 (6)
1999–2000 España sub-18 8 (4)
2001 España sub-19 4 (0)
2001 España sub-20 1 (0)
2005–2008 Galicia 4 (0)
Adestrador
2022–2023 Polvorín
2023–2024 Polvorín
2024– Lugo
Na rede
http://robertotrashorras.com
UEFA: 42850 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Roberto Trashorras Gayoso, nado en Rábade o 28 de febreiro do 1981, é un exfutbolista e adestrador galego, que dende febreiro de 2024 dirixe o Lugo, da Primeira División RFEF. Xogaba de centrocampista e disputou máis de 600 partidos durante a súa carreira, 171 deles na Primeira División, categoría na que debutou coa camiseta do FC Barcelona, pero na que viviu os seus mellores anos militando no Rayo Vallecano, no que xogou durante sete tempadas e do que foi capitán.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como futbolista[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Nacido no concello lugués de Rábade, con 8 anos ingresou nas categorías inferiores do Racing Vilalbés, da localidade próxima de Vilalba, onde seu pai traballaba nun banco.[1][2] Axiña comezou a destacar no club verde e vermello, xogando en categorías superiores ás da súa idade, e espertou o interese do FC Barcelona, que o incorporou á súa canteira con 14 anos.[1]

FC Barcelona[editar | editar a fonte]

En abril de 1999 debutou co Barcelona C na Terceira División, nun encontro ante o Mataró no que entrou ao campo na segunda parte como substituto de Jito.[3] Xogou un segundo partido co segundo filial, marcando un gol, e na tempada seguinte subiu ao Barcelona B, da Segunda División B. Militou no primeiro filial durante catro tempadas, disputando máis dun cento de partidos, e destacando especialmente na 2001/02, na que contribuíu con 15 goles a que o equipo se proclamase campión do grupo II. Durante a súa etapa no Barcelona B, o adestrador vigués Quique Costas atrasou a súa posición de dianteiro centro e recolocouno como mediapunta, debido ás numerosas asistencias que repartía.[4]

O seu bo facer no filial propiciou que Carles Rexach o chamase para realizar a pretempada co primeiro equipo no verán do ano 2001. O 8 de agosto realizou o seu debut co primeiro equipo, nun partido de clasificación para a Liga de Campións ante o Wisła Kraków, no que disputou os minutos finais en substitución de Luis Enrique.[5] Dous meses despois xogou o seu primeiro partido na Primeira División, un encontro fronte ao Deportivo da Coruña no que saltou á herba de Riazor no treito final substituíndo a Alfonso Pérez.[6]

Real Madrid Castilla[editar | editar a fonte]

No ano 2003 deixou o Barcelona B para fichar polo filial do eterno rival, o Real Madrid Castilla, tamén da Segunda B. Militou no club branco durante dúas tempadas, nas que disputou 75 partidos e marcou 14 goles, e logrou na segunda delas o ascenso á Segunda División.

Numancia[editar | editar a fonte]

En outubro de 2005 fichou polo Numancia,[7] co que disputou 12 encontros da Segunda División e marcou o seu primeiro gol na categoría, diante do Poli Ejido.

Las Palmas[editar | editar a fonte]

Durante o verán do 2006 tivo ofertas de equipos estranxeiros, mais non aceptou ningunha, polo que quedou sen equipo ata que en outubro fichou pola UD Las Palmas, que ocupaba os últimos postos da Segunda División.[8] Fíxose axiña coa titularidade no equipo amarelo e na súa primeira tempada contribuíu con 8 goles á salvación do equipo, mentres que na seguinte rematou na oitava posición.

Celta de Vigo[editar | editar a fonte]

En 2008 foi contratado polo Celta de Vigo, tamén en Segunda División, sendo a súa primeira tempada no club celeste moi irregular en canto a xogo e eficacia goleadora. A situación mudou na tempada 2009/10, na que con Eusebio Sacristán como adestrador, converteuse no cerebro e líder do Celta e anotou nove goles en liga, o último deles ante a UD Las Palmas de penalti. Ademais sumou catro goles máis na Copa do Rei, competición na que o club galego acadou os cuartos de final.

Continuou como titular na tempada 2010/11, na que disputou a promoción de ascenso a Primeira, e pechou o seu paso polo Celta con 119 partidos e 21 goles. No verán de 2011 o club decidiu traspasar o xogador para aforrar o seu alto salario e tentar a incorporación de Jonathan Pereira ou Iago Falque.[9] Afastado do equipo por Paco Herrera, finalmente o seu contrato foi rescindido e o 11 de agosto anunciouse a súa fichaxe polo Rayo Vallecano, da Primeira División.[10]

Rayo Vallecano[editar | editar a fonte]

Militou no Rayo durante sete tempadas, as cinco primeiras na máxima categoría, sendo un fixo nas aliñacións titulares de Paco Jémez, que levou o equipo aos mellores resultados da súa historia, incluído unha oitava praza na tempada 2012/13. Durante dúas tempadas foi o xogador con máis pases realizados da liga, por diante de futbolistas como Xavi ou Toni Kroos,[11] e foi o capitán do equipo dende 2013. Acabou por descender en 2015, pero recuperou a categoría na tempada 2017/18, na que se proclamou campión de Segunda.

Disputou un total de 218 partidos co club madrileño, nos que anotou 8 goles.

O 29 de agosto de 2018 anunciou a súa retirada como futbolista, con 37 anos de idade,[12] despois de máis de 600 partidos, 171 deles na Primeira División.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi internacional coas diferentes categorías inferiores da selección española, dende a sub-16 ata a sub-20, disputando un total de 24 partidos internacionais. No ano 2005 foi un dos futbolistas que participou no histórico regreso da selección galega ante o Uruguai en San Lázaro.[13] Disputou ademais os tres seguintes partidos da Irmandiña, contra Ecuador, Camerún e Irán.

Como adestrador[editar | editar a fonte]

En xullo de 2021, tres anos despois de colgar as botas, comezou a súa carreira como adestrador, dirixindo o equipo xuvenil B do Lugo, na Liga Nacional.[14] Para a tempada 2022/23 colleu as rendas do Polvorín, que viña de ascender á Segunda División RFEF con Álex Ortiz como adestrador.[15] Deixou o equipo ao remate da tempada, tralo descenso do equipo, pero foi contratado de novo seis meses despois, para substituír o cesado Roberto Fernández.[16] Dous meses despois foi nomeado adestrador do primeiro equipo, trala destitución de Paulo Alves, converténdose así no terceiro técnico da tempada no conxunto lucense.[17]

Palmarés[editar | editar a fonte]

Barcelona B
Real Madrid Castilla
Rayo Vallecano

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "«Con 14 anos xa tiña unha calidade por encima dos demáis», recuerda su primer técnico". La Voz de Galicia. 4 de novembro de 2008. Consultado o 31 de maio de 2022. 
  2. Heredia, Sergio (2 de marzo de 2016). "Roberto Trashorras: “Pensé en ser médico, pero había que estudiar mucho”". La Vanguardia (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  3. "Barcelona C - Mataró 1999". BDFutbol (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  4. De la Fuente, Carlos (14 de outubro de 2015). "Roberto Trashorras: 'La Brujita' del Mini" (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  5. Segura, Manuel (9 de agosto de 2001). "Un Barça que responde". Mundo Deportivo (en castelán). pp. 2–3. Consultado o 31 de maio de 2022. 
  6. Polo, Eduard (7 de outubro de 2001). "Riazor es gafe". Mundo Deportivo (en castelán). p. 2. Consultado o 31 de maio de 2022. 
  7. "Roberto Trashorras jugará en el Numancia hasta el próximo 30 de junio". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de outubro de 2005. p. 37. 
  8. "O galego Trashorras xogará no Las Palmas ata xuño do 2008". La Voz de Galicia. 12 de outubro de 2006. p. 35. 
  9. "Trashorras: «El Dépor será el Madrid, nosotros el Barcelona»". La Voz de Galicia (en castelán) (Vigo ed.). 16 de xullo de 2011. p. 41. 
  10. "Trashorras jugará en Primera con el Rayo". Marca (en castelán). 11 de agosto de 2011. Consultado o 31 de maio de 2022. 
  11. Valero, Adrián (1 de febreiro de 2018). "El Rayo da la baja a Trashorras". Marca (xornal) (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  12. Rodríguez, Ángel (29 de agosto de 2018). "Trashorras se retira como futbolista". Marca (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  13. "Galicia - Uruguai 2005". Asociación Uruguaia de Fútbol (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  14. Conde, Luis (27 de xullo de 2021). "Roberto Trashorras, nuevo entrenador del juvenil B del Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 31 de maio de 2022. 
  15. "Roberto Trashorras será o novo adestrador do filial do Lugo". 30 de maio de 2022. Consultado o 31 de maio de 2022. 
  16. "Roberto Trashorras regresa al banquillo del filial del Lugo seis meses después". Cadena SER (en castelán). 12 de decembro de 2023. Consultado o 5 de xaneiro de 2024. 
  17. "O CD Lugo elixe a Roberto Trashorras como novo adestrador". 20 de febreiro de 2024. Consultado o 20 de febreiro de 2024. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]