Centenario do Celta de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Centenario do Celta fai referencia ao conxunto de actos e celebracións realizadas polo Real Club Celta de Vigo para conmemorar os cen anos desde a súa fundación o 23 de agosto de 1923.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Durante o ano 2022 o equipo directivo do Real Club Celta preparou en distintas reunións a planificación de actos que se ían celebrar ao ano seguinte.

O 16 de novembro de 2022 realizouse na Sede a presentación do cartel oficial do centenario, creado polo artista gráfico de Sargadelos Xosé Vizoso. [1] nun acto presentado polo cómico Carlos Blanco[2]. O cartaz incluía a varios xogadores do Celta coa clásica equipación celeste, cos afeccionados sentados nas cadeiras do estadio e a Praza América de fondo. Isto débese a que nesa praza téñense celebrado éxitos do club. Por último, na parte superior do cartaz, aparecen deseñadas ondas azuis representando á ría de Vigo xunto co título "1923 Centenario 2023".

Primeiros actos[editar | editar a fonte]

O 30 de novembro de 2022, na previa do enfrontamento do Celta fronte ao Sevilla FC no campionato de Liga, repartíronse 200.000 uvas para celebrar o Aninovo e anunciar o comezo dos festexos do Centenario. O resto de celebracións planeadas para ese día tiveran que ser suspendidas pola chuvia.[3]

O 13 de xaneiro de 2023, no primeiro partido de Liga en Balaídos, o Celta retomou os actos cun recibimento ao equipo na previa contra o Villareal. O recibimento produciuse ás 19:23 horas, coincidindo coa data do ano de fundación. Ademais, repartiu centos de bufandas en conmemoración do centenario. Ditas bufandas foron entregadas de balde aos menores asistentes. Trátabase dunha bufanda negra con letras douradas, e co lema "A mellor afección comeza no berce". Posteriormente, minutos antes do encontro, extendeuse un tifo conmemorativo no estadio desde a bancada de Río. Horas antes celebrouse a carón do estadio un concerto da banda Keltoi[4] e Miguel Costas, ex integrante de Siniestro Total.

Actividades deportivas[editar | editar a fonte]

Rafa Benítez, o adestrador do Celta no ano do Centenario.

Tras varias tempadas na que o club, malia estar asentado na Primeira División, non acadou resultados deportivos salientábeis, o presidente Carlos Mouriño manifestou o seu desexo de mellorar o eido deportivo e antepoñelo por enriba de outros[5]. Perante ás críticas sobre a priorización de outras parcelas alén da futbolística (expansión internacional, proxecto Galicia Sports 360 etc), o que foi presidente do Centenario anunciou un cambio de rumbo para tentar reverter a inestabilidade deportiva, que levara, entre outras cousas, a pelexar varias tempadas pola permanencia ou a ter até 19 adestradores desde 2006. Así, o 3 de xullo de 2023, após de despediren o antigo adestrador Carlos Carvalhal[6], presentouse a Rafa Benítez como novo técnico do club[7].

O equipo do centenario[editar | editar a fonte]

Seguindo a liña do salto de calidade na dirección técnica, a dirección deportiva do Celta realizou un importante esforzo económico para mellorar a calidade do equipo, investindo en maior medida que en anos anteriores.

Ademais da incorporación de Benítez o Celta contou co portugués Luís Campos como asesor deportivo. Campos realizara ditas competencias dende a tempada 2022-23, compatibilizando as súas labores no club celeste co traballo de director deportivo do Paris Saint-Germain FC. O asesor luso xa viñera de triunfar la Liga Francesa co Lille OSC, co que se proclamou campión da Ligue 1.

O cadro de xogadores do Real Club Celta de Vigo que competiu na tempada 2023-2024 da Liga e a Copa do Rey, consideradas polo club como a tempada do Centenario, foi a seguinte:

Posto País Xogador
1 POR Agustín Marchesín
2 DEF Carl Startfelt
3 DEF Cataluña Óscar Mingueza
4 DEF Unai Núñez
5 MED Renato Tapia
6 MED España Carlos Dotor
7 MED Cataluña Carles Pérez
8 MED España Fran Beltrán
10 DIA Galicia Iago Aspas
11 MED Franco Cervi
12 DIA Anastasios Douvikas
13 POR Galicia Iván Villar
Posto País Xogador
14 MED Luca de la Torre
15 DEF Joseph Aidoo
17 DIA Costa do Marfil Johnatan Bamba
18 DIA Jørgen Strand Larsen
19 MED Williot Swedberg
20 DEF Galicia Kevin Vázquez
23 DEF España Manu Sánchez
28 DEF Galicia Carlos Domínguez
29 DIA Galicia Miguel Rodríguez
30 MED Galicia Hugo Sotelo
? POR España Vicente Guaita
? DEF Mihailo Ristic

Copa Centenario[editar | editar a fonte]

A Copa Centenario foi a denominación oficial do club á 𝖷𝖷𝖵𝖨𝖨 edición do Memorial Quinocho. Foi o primeiro partido da pretempada celeste que se disputou en Balaídos, e o segundo partido no que todas as bancadas estaban dispoñíbeis tras a reforma de Marcador.

Detalles do partido[editar | editar a fonte]

Celta de Vigo 1–0 Olympique Lyonnais 29 de xullo de 2023, 20:00 horas – Estadio de Abanca Balaídos, Vigo
Asistencia: 12.401
Árbitro: González Díaz (colexio asturiano)

Carles Pérez 70'
Informe

Partido de Lendas[editar | editar a fonte]

O partido de lendas foi un encontro que homenaxeou a antigos xogadores históricos do Real Club Celta. O partido enfrontou a un combinado de ex xogadores celestes baixo a denominación "Lendas R.C. Celta", que se enfrontou a un combinado de xogadores destacados internacionais, liderados polo ex futbolista do Celta e do Real Madrid, o vigués Michel Salgado.

Detalles do partido[editar | editar a fonte]

Lendas R.C. Celta 6 - 4 Lendas All Star 30 de agosto de 2023, 21:00 (CET) – Abanca Balaídos, Vigo
Asistencia: 15.609
Árbitro: Mateu Lahoz

Augusto Fernández 31' 40'
Juan Sánchez 38'
Cannobio 47'
Dani Abalo 55'
Mario Bermejo 63'
Informe

Luis García 6'
Morientes 21' 29' 77'
 

Actividades culturais[editar | editar a fonte]

Audiencia co Papa[editar | editar a fonte]

O 10 de xullo de 2023 o Papa recibiu en audiencia privada ao Celta de Vigo na Basílica de San Pedro da Cidade do Vaticano[8]. Xunto co equipo celeste, viaxaron dez afeccionados escollidos nun sorteo entre abonados do club con máis de dez anos de antigüidade.[9]

Durante a audiencia, o Papa Francisco destacou a importancia dos valores do deporte e o traballo en equipo. Ademais, salientou a conexión entre o club vigués e o pobo arxentino, nacionalidade do Papa, en relación coa emigración que viviu o pobo galego cara a terras arxentinas.[10]

...as súas cores [o branco e o celeste do Celta de Vigo] son as da Virxe Inmaculada e tamén os da camiseta arxentina, case coma se a nosa nai quixese unir as dúas beiras deste gran océano que máis que separarnos, uniunos para que non a esquezamos
Declaracións do Papa Francisco sobre a visita do Celta ao Vaticano.

O Celta agasallou ao pontífice cunha camisola asinada polos xogadores e co seu nome no dorsal, así como unha oliveira coma símbolo da cidade de Vigo e do Centenario e unha metopa co escudo do club.[11]

Exposición "Gol e Arte"[editar | editar a fonte]

A exposición "100 anos de RC Celta: Gol e Arte foi unha mostra cultural que se expuxo durante os meses de xaneiro a marzo de 2023 para conmemorar o centenario[12]. Expostas no museo do Mar de Galicia, estaba composta por arredor de trinta obras propiedade da Fundación Celta e que correspondían a pintores galegos de sona como Laxeiro, Pedro Solveira, Antón Pulido, Xaime Quesada, Leopoldo Varela, Lodeiro o Antonio Quesada[13].

Equipación[editar | editar a fonte]

A camiseta do RC Celta da tempada 2023-2024, fabricada e conceptualizada por Adidas, tamén incorporou diferentes motivos que facían referencia aos cen anos de historia do equipo, así como a outros elementos identitarios da cidade de Vigo, da súa contorna, do club e dos clubs fundacionais.

Primeira equipación[editar | editar a fonte]

Escudos do Vigo Sporting e Real Club Fortuna de Vigo, os dous clubs fundacionais do Celta de Vigo.

A primeira equipación foi presentada o 8 de xullo de 2023. Igual que os anos anteriores, mantivo a tradicional cor celeste representativa do equipo. Nos ombreiros e nas mangas, presentaba tamén raias nun ton celeste diferente.

Na parte superior dereita dianteira descansaba o escudo do Celta sobre un fondo branco e unha liña diagonal azul, simbolizando a bandeira de Galicia. Outros parches que contiña a camiseta foron o logo de Adidas na parte superior esquerda, e a publicidade de Estrella Galicia no centro. Esta última, a diferenza de anos anteriores, estaba estampada en cor branca co resto dos detalles da camisola.

Na parte posterior, a camisola contén un parche en cor branca prateada coas iniciais "VSCCF" formando unha cadea, en referencia aos dous equipos que, a través da súa unión, foron os clubs fundacionais do Celta de Vigo: o Vigo Sporting (VS) e o Club Fortuna (CF), encadeados á "C" de Celta. Nesa mesma liña acontece o renomeamento do Celta B como Celta de Vigo Fortuna.

Por último, nun lateral estaban estampados uns versos do himno do Centenario composto por C. Tangana.

Outras equipacións[editar | editar a fonte]

A segunda equipación presentouse o 20 de xullo de 2023. A cor predominante era o vermello, facendo referencia á cor da cidade de Vigo e á cruz de Santiago presente no escudo.

Himno[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Oliveira dos cen anos.
C. Tangana, fillo de galego e celtista confeso, foi o compositor e creador do himno do Centenario.

O 15 de marzo de 2023 o Celta confirmou que o rapeiro C. Tangana sería un dous autores do himno do centenario[14]. Malia ser de orixe madrileña, Antón Álvarez "Pucho", confesou en varias ocasións ser seareiro do club grazas ao seu pai, un xornalista nado en Vigo[15]

O anuncio da composición do himno produciuse mediante a colocación dunha lona na fachada dun edificio anexo á Sede de Príncipe. Dita lone reproducía un tweet do artista coas palabras "podo intentalo?" como resposta a unha enquisa que realizou Radio Vigo en Twitter preguntando quen era o artista preferido dos oíntes para compoñer o himno do centenario.[16]

A estrea oficial produciuse o 7 de xullo de 2023 co nome de "Oliveira dos cen anos", en referencia á oliveira como símbolo da cidade de Vigo e aos cen anos do centenario[17][18]. A preestrea oficial da 'Oliveira dúas cen anos. 1923-2023' celebrouse no teatro Afundación, nun acto ao que acudiu o propio compositor C. Tangana, os estamentos do club e diferentes persoeiros da cultura e da política galega[19].

O himno, Oliveira dos Cen anos, foi composto e escrito por C Tangana e producido polo seu equipo, os compositores Cristian Quirante Catalán 'Alizzz' e Pablo Drexler[20]. Porén, a parte vocal do himno foi interpretada pola Coral Casablanca de Vigo, a banda de pandereteiras Lagharteiras e a gravación de cánticos da peña celtista Tropas de Breogán[21]. Tamén, en menor medida, colaboraron artistas como Xisco Feijoo, Lilaina, Xosé Lois Romero, Quico Comesaña ou Sime de Keltoi![22]. A canción, escrita en galego, foi produto de meses de investigación da cultura popular galega por parte de C. Tangana, xunto a importantes referentes da cultura galega, como o escritor Pedro Feijoo, o músico Rodrigo Romaní -un dos fundadores de Milladoiro-, ou Alfredo Dourado, membro doutros clásicos do Folk galego como A Roda.

A acollida foi marioritariamente positiva. As enquisas dos diferentes xornais e as reaccións de diferentes persoeiros achegaban unha resposta positiva por parte do público e da afección. O videoclip na plataforma Youtube superou o millón de visualizacións apenas 48 horas despois da súa publicación[23].

O videoclip[editar | editar a fonte]

O pergamiño Vindel, de Martín Codax, recolle o poema Ondas do mar de Vigo, referenciado na segunda estrofa do himno do centenario do Celta de VIgo, Oliveira dos cen anos.

O videoclip foi rodado e grabado en diferentes localizacións da contorna de Vigo. Nun primeiro fotograma aparece a illa de San Simón arrodeada dun mar calmo e baleiro, en clara referencia ás "ondas do mar de Vigo" da cantiga do poeta Martín Codax co título homónimo. Sobre a ponte que une as illas de Santo Antón e San Simón, un grupo de mulleres vestidas de negro e motivos tradicionais galegos, axitan unha bandeira co símbolo da oliveira negra da carátula do single.

Posteriormente, nun plano de noite, sucédense varios fotogramas en diferentes paraxes da ría. Primeiro sobre varias bateas e posteriormente sobre unha Ponte de Rande ateigada de pandereteiras e seareiros celtistas da peña Tropas de Breogán con bengalas, bufandas e bandeiras, entre os cales aparece o propio C. Tangana.

Letra[editar | editar a fonte]

Ademais de coproducir o himno e de dirixir o videoclip, C. Tangana foi o encargado de compoñer a letra.

Outros actos[editar | editar a fonte]

  • A ONCE adicou o 23 de agosto de 2023 á efeméride do centenario do Celta no seu cupón diario, onde demais rezaba o seu lema "100 anos de afouteza e corazón".[24]
  • A compañía cervexeira Estrella Galicia tirou unha edición especial de 12 botellas adicadas a diferentes xogadores históricos da entidade, con ilustracións de Davila[25].
  • O 23 de agosto, día no que hai 100 anose fusionaran os equipos Real Vigo Sporting e Real Fortuna, colocouse a primeira pedra do proxecto Galicia Sports 360.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Celta da comienzo a su centenario". 17 de novembro de 2022. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  2. "El Celta arranca los actos de su centenario". 17 de novembro de 2022. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  3. "El Celta prepara la fiesta previa al partido del Sevilla". 29 de decembro de 2022. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  4. "Primera 'festa rachada' del año por el centenario del Celta enmarcada en el partido ante el Villarreal". 10 de xaneiro de 2023. Consultado o 15 de xaneiro de 2023. 
  5. "El Celta anuncia un cambio de rumbo en donde el equipo de fútbol debe ser el epicentro.". La Voz de Galicia. Consultado o 20 de xullo de 2023. 
  6. "Carlos Carvalhal non cumprirá o contrato co Celta.". Nós Diario. Consultado o 20 de xullo de 2023. 
  7. "Rafa Benítez, novo adestrador do Celta.". Faro de Vigo. Consultado o 20 de xullo de 2023. 
  8. "Audiencia cos dirixentes e seareiros do Real Club Celta de Vigo. Nota de prensa do Vaticano (italiano)." (PDF). Oficina de Prensa da Santa Sede. Consultado o 22 de xullo de 2023. 
  9. "Diez socios del Celta viajarán en julio a la audiencia privada con el papa Francisco". Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  10. "O Papa Francisco recibe no Vaticano ao R.C. Celta de Vigo". Xornal de Vigo. Consultado o 11 de xullo de 2023. 
  11. "O papa Francisco recibe ao Celta con motivo do centenario.". La Voz de Galicia. Consultado o 11 de xullo de 2023. 
  12. "Exposición temporal "100 anos de RC Celta. Gol e Arte".". Museo do Mar. Consultado o 16 de xullo de 2023. 
  13. "O club inaugura a exposición “100 años de RC Celta, Gol e Arte” no Museo del Mar.". Faro de Vigo. Consultado o 16 de xullo de 2023. 
  14. "C. Tangana será o autor do himno do Centenario". Faro de Vigo. Consultado o 25 de marzo de 2023. 
  15. "La conexión de C. Tangana y el Celta de Vigo: la familia gallega de Pucho". Europa FM. Consultado o 25 de marzo de 2023. 
  16. "C. Tangana pídese o himno do Celta". Cadena SER. Consultado o 25 de marzo de 2023. 
  17. "C. Tangana enamora al celtismo con el himno 'Oliveira dos cen anos'". 7 de xullo de 2023. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  18. ""Oliveira dos cen anos", o himno que emociona a todo o celtismo". 7 de xullo de 2023. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  19. "C. Tangana emociona con su himno al Celta en 'Oliveira dos cen anos'.". Europa FM. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  20. "O Celta estrea himno: así recibe a afección a 'Oliveira dos cen anos'". Nós Diario. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  21. "O centenario do Celta xa ten himno: así soa 'Oliveira dous cen anos'.". Faro de Vigo. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  22. "C Tangana presenta 'Oliveira dos cen anos', o himno do Centenario do Celta que reivindica a "ledicia" e o "padecer" celeste". Praza Pública. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  23. "El himno del centenario del Celta de C. Tangana supera el millón de reproducciones en menos de tres días.". La Voz de Galicia. Consultado o 9 de xullo de 2023. 
  24. "A ONCE adica un cupón ao Centenario do Celta de Vigo". Infobae. Consultado o 12 de agosto de 2023. 
  25. "Edición especial". Estrella Galicia. Consultado o 1 de setembro de 2023.