Unión Sporting Club

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión Sporting Club
NomeUnión Sporting Club
Alcume(s)Corinthians
Fundación1922
Desaparición1937
EstadioCampo da Florida,
Vigo, Galicia Galicia
Na casa

O Unión Sporting Club foi un equipo de fútbol que tiña a súa sede social no actual barrio vigués de Lavadores, concello independente ata o ano 1941 cando foi absorbido polo municipio de Vigo.

Naceu no ano 1922 da fusión do equipo vigués Comercial Foot-ball Club, que viña de ser subcampión da segunda categoría do campionato galego[1], e do Victoria Sporting Club. Chegou a xogar na Segunda División, pouco antes de desaparecer no ano 1937 a raíz da Guerra Civil. Comezou empregando como terreo de xogo o campo de Barreiro, pasando posteriormente a utilizar o campo da Florida.

As cores da súa vestimenta eran o branco na camisa e o negro no pantalón, polo que se lle coñeceu como o Corinthians.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Debutou na Serie A do Campionato de Galicia na tempada 1922/23. Nas dúas campañas seguintes remata de pechacancelas, tendo que xogarse a permanencia en ambas as dúas ocasións fronte ao Alfonso XIII de Pontevedra (campión da Serie B), perdendo nas dúas ocasións[3][4], aínda que finalmente mantén a categoría pola renuncia ao ascenso do equipo pontevedrés, que o rexeita por non dispor dun campo propio, condición esixida polo regulamento para poder competir na Serie A[5]. Durante as seguintes tempadas remata entre a terceira e a sexta posición, ata que finalmente descende no ano 1930, xogando na Serie B durante dúas tempadas, ao fin das cales consegue proclamarse subcampión da categoría[6] e ascender á primeira división galega tras clasificarse terceiro na promoción[7].

Na tempada 1932/33, ano do seu retorno á máxima categoría do fútbol galego, completa unha gran participación quedando por detrás do Deportivo da Coruña, Racing de Ferrol e Celta de Vigo. Tanto Celta como Deportivo contan cunha praza na Segunda División estatal, polo que o terceiro e mais o cuarto clasificados da Serie A galega participan na Terceira División, por aquel entón un breve torneo no que se decidía quen ascendía a Segunda División. Nesta competición remata en segundo lugar no seu grupo, pero perde na fase final disputada mediante eliminatorias contra o Club Valladolid Deportivo. Ao ano seguinte volve rematar cuarto na Serie A e xoga a Terceira División na cal remata campión do seu grupo, pero non dá acadado o ascenso outra vez máis ao ser eliminado polo CD Logroño na fase final.

No verán de 1934 a RFEF elimina a Terceira División, instaurando no seu lugar un sistema de campionatos interrexionais. O Unión Sporting Club, ao ser cuarto na edición anterior do campionato galego, queda excluído do novo Campionato Mancomunado Galaico-Ástur, tendo que competir na Serie A do Campionato de Galicia xunto a clubs de menor potencial, finalizando campión e materializando o ascenso ao campionato superior.

A tempada 1935/36 é a penúltima da súa historia pero tamén a de maior éxito, conseguindo ser subcampión do Campionato Mancomunado por detrás do Oviedo[8]. Este gran logro ábrelle as portas para xogar na Segunda División desa mesma tempada. O papel do Unión Sporting non é moi bo, remata na última posición logrando tan só tres vitorias e un empate. Nese equipo figuraban xogadores como Talladas, Vaso, Pierla, Luís, Leonardo, Manolito, Venancio, Chicha, Cano, Herodes, Morla ou Cons.

Tralo golpe de estado que desembocou na Guerra Civil, o Unión Sporting Club pese a permanecer activo durante a tempada 36/37 non pode completala, retirándose antes de finalizala e cesando a súa actividade deportiva a mediados de 1937.

Trala contenda bélica, o Unión Sporting non retomou a súa actividade a causa da ideoloxía política de gran parte da súa directiva, co cal a maioría dos seus xogadores e mais algúns directivos de ideoloxía afín ao novo réxime ingresan no Fútbol Club Vigués, club que viña competindo na Serie B galega e que antes da guerra conseguira coroarse campión da división. O F.C. Vigués converteuse no filial do Celta de Vigo no ano 1939 formando un moi bo equipo cos veteranos do Celta e os ex xogadores do Unión, presentándose na Serie A galega a tempada 1939/40 conseguindo o segundo posto, por detrás do Deportivo da Coruña e por diante de clubs como o Eiriña CF e do propio Celta.

No verán de 1943, o Club Vigués é convidado pola RFEF a participar na nova terceira división, que adquire formato regular co ánimo de convertela no máximo expoñente do estado para os clubs modestos. Tras aceptar a proposta cambia o seu nome pasando a ser coñecido como Club Berbés e adoptando coma cores a camisa azulgrana e o pantalón negro. Conservará esta denominación ata o ano 1950 que cambiará por Celta de Vigo B (non confundir co actual Celta de Vigo B, sucesor do Club Turista).

Datos do club[editar | editar a fonte]

Historial[editar | editar a fonte]

Tempada Categoría Posto
1922/23 Serie A
1923/24 Serie A
1924/25 Serie A
1925/26 Serie A
1926/27 Serie A
1927/28 Serie A
1928/29 Serie A
1929/30 Serie A
1930/31 Serie B /
Tempada Categoría Posto
1931/32 Serie B /
1932/33 Serie A
1932/33
1933/34 Serie A
1933/34
1934/35 Serie A
1935/36 Manc.
1935/36
1936/37 Serie A Ret.

Palmarés[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "En Vigo. La Asamblea Regional". Madrid-Sport nº 317 (en castelán). 26 de outubro de 1922. p. 8. 
  2. "De Sport. La jornada final del campeonato. Eiriña-Unión". Progreso: diario independiente nº 10.175 (en castelán). 24 de novembro de 1929. p. 2. 
  3. "De Sport. El Alfonso vence al Unión Sporting en el segundo match de promoción". La Libertad nº 967 (en castelán). 22 de maio de 1924. p. 3. 
  4. "Los últimos partidos. Alfonso-Unión Sporting". Galicia: diario de Vigo nº 850 (en castelán). 30 de xuño de 1925. p. 3. 
  5. "Por que no asciende el Alfonso". Progreso: diario independiente nº 5.780 (en castelán). 1 de xullo de 1925. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2015. Consultado o 06 de febreiro de 2015. 
  6. "Con los resultados de anteayer el Club Ciosvín se clasificó campeón gallego de la B". El Pueblo Gallego nº 2.528 (en castelán). 3 de maio de 1932. p. 9. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2015. Consultado o 06 de febreiro de 2015. 
  7. "Los Deportes. Consideraciones finales sobre la promoción". El Pueblo Gallego nº 2.579 (en castelán). 1 de xullo de 1932. p. 5. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2015. Consultado o 06 de febreiro de 2015. 
  8. "El Oviedo, vencedor; el Unión, segundo". El Pueblo Gallego nº 3.703 (en castelán). 5 de novembro de 1935. p. 4. Arquivado dende o orixinal o 10 de febreiro de 2015. Consultado o 09 de febreiro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]