Iago Aspas
Iago Aspas | |||
---|---|---|---|
Aspas no 2015 | |||
Información persoal | |||
Nome | Iago Aspas Juncal | ||
Nacemento | 1 de agosto de 1987 (36 anos) | ||
Lugar de nacemento | Baiona | ||
Altura | 1,74m | ||
Posición | Dianteiro | ||
Información de club | |||
Club actual | Celta de Vigo | ||
Número | 10 | ||
Carreira xuvenil | |||
Moaña | |||
Santa Mariña | |||
1995–2006 | Celta de Vigo | ||
2004–2005 | → Rápido de Bouzas (cedido) | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2006–2009 | Celta B | 84 | (11) |
2009–2013 | Celta de Vigo | 139 | (46) |
2013–2015 | Liverpool | 14 | (0) |
2014–2015 | → Sevilla (cedido) | 16 | (2) |
2015– | Celta de Vigo | 216 | (113) |
Selección nacional | |||
2016– | Galicia | 1 | (1) |
2016– | España | 18 | (6) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 2 de xaneiro de 2022. Selección: actualizado a 2 de xaneiro de 2022.[ editar datos en Wikidata ] | |||
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987,[1] é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo.
Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga.[2].
En xuño de 2013 anunciouse a súa fichaxe polo Liverpool FC, e tras un ano en Inglaterra e outro cedido en Sevilla volveu a Vigo en propiedade.
É irmán de Jonathan Aspas, sobriño de Cristóbal Juncal e curmán de Aitor Aspas, Adrián Cruz e Raúl Blanco, todos eles tamén futbolistas.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Inicios[editar | editar a fonte]
Fillo dun conquense e unha galega, naceu nunha familia moi vencellada ao fútbol, sendo seu tío o futbolista Cristóbal Juncal e os seus irmáns máis vellos Urbe e Jonathan Aspas, tamén futbolistas.[3]
Iago iniciou os seus pasos como futbolista nas categorías inferiores do Real Club Celta de Vigo á idade de oito anos. Alí formouse até chegar ao filial do equipo celeste á idade de dezanove anos, coincidindo con outros xogadores como Dani Abalo ou Roberto Lago. Na tempada 2008-09 o adestrador celeste Pepe Murcia convócao para realizar a pretempada, mais a pesar das súas boas actuacións, non chega ter continuidade no primeiro equipo.
Debut no primeiro equipo[editar | editar a fonte]
O seu debut co primeiro equipo produciuse no Estadio de Balaídos o 7 de xuño de 2009. A falta de tres xornadas para terminar a tempada, o Celta enfrontábase ao Alavés, "un rival directo na loita pola permanencia". A importancia do devandito partido reflectíase en que unha vitoria do Alavés condenaba ao Celta aos postos de descenso a falta de tres xornadas, perigando así a súa existencia como entidade. O partido transcorreu con claro dominio do Alavés, equipo ao que lle sucedían as ocasións máis claras de gol. O entón adestrador Eusebio Sacristán decidiu buscar máis mobilidade no equipo, e no minuto 60 fixo debutar como revulsivo ao canteirán Iago Aspas.
As súas ganas fixéronse patentes nada máis entrar, xa que tivo dúas ocasións moi claras que evitou o meta Bernardo. A súa insistencia tivo premio no minuto 80, no que Iago rematou coa cabeza un centro do seu compañeiro Dani Abalo, pondo por diante aos celestes a falta de dez minutos. Con todo, un fallo da defensa permitiu ao dianteiro Juanjo marcar o gol do empate a tan só dous minutos do final. Pero unha vez máis, xa no tempo de desconto, o futbolista moañés volveu marcar, aproveitando un rexeitamento do porteiro rival, o que o converteu no salvador da categoría, asegurando así unha praza no primeiro equipo para a próxima tempada e o apoio e agarimo da afección.[4]
Primeiro equipo[editar | editar a fonte]
A campaña 2009-10 supuxo a súa estrea como profesional e a súa presentación de cara a afección celeste. Co dorsal 11 nas costas, fixo unha tempada na que amosou as súas habilidades, facendo un total de 6 goles en 31 partidos, aínda que sen contar con continuidade no once titular e coa competencia constante de Roberto Trashorras. A campaña 2010-11 sería a máis completa até ese momento do moañés, aínda que con menos participación foi o gran revolucionario na recta final do campionato, na que substituíu a David Rodríguez como dianteiro centro por diante de Papadopoulos, gañando a confianza de Paco Herrera. Foi unha boa campaña do moañés na que gañaría fama por mor dunha acción en Los Carmenes, Granada, debido a unha fortuíta acción co chantadino Roberto, gardameta dos granadinos, na ida dos play-off de ascenso a Primeira División, desatando así unha nova rivalidade entre clubs.
Na tempada 2011-12 convértese no máximo goleador nacido no estado español e do Celta, con 23 tantos en 31 partidos, sendo clave para o ascenso do equipo a Primeira. Foi galardoado ademais, o 13 de novembro de 2012, co trofeo ao mellor dianteiro da categoría de prata da tempada.
Ao seguinte ano, xa na máxima categoría, viuse envolto nunha nova polémica o 15 de marzo do 2013 tras ser expulsado nun partido importante para as aspiracións do equipo no Derbi ante o Deportivo da Coruña por propinar un cabezazo a Marchena. Foi sancionado con catro partidos de suspensión, o que supuxo que o Celta sufrise até a última xornada para lograr a permanencia na Primeira División. Porén, a súa presenza nos últimos partidos foi clave para o funcionamento do equipo. O 1 de xuño de 2013 o Celta certificaría finalmente a permanencia en Primeira gañando o partido contra o Espanyol por 1-0 grazas a unha asistencia súa a Natxo Insa tras unha xogada individual. Este resultado, e a vitoria da Real Sociedad na Coruña, fixo que o Deportivo da Coruña descendese á Segunda División esa tempada.
Na Premier League[editar | editar a fonte]
Despois da súa gran tempada en Primeira División, no verán de 2013 ficha polo Liverpool FC, despois de varios meses de negociacións, por un prezo final de pouco máis de 9 millóns de euros, reservándose o Celta a propiedade do 10% dun futuro traspaso do xogador a outro club.[5]
De volta na Liga[editar | editar a fonte]
Ante a falta de minutos en Liverpool foi cedido con opción de compra obrigatoria ao Sevilla FC de cara a tempada 2014/15, porén no equipo sevillano tampouco contou con minutos o que o levou a ter unha relación bastante mala co adestrador do equipo Unai Emery. Ao finalizar o ano foi traspasado ao Celta de Vigo por un importe entre os 4 e 5 millóns de euros[6].
Selección galega[editar | editar a fonte]
Foi convocado pola selección galega para o partido contra Venezuela disputado no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, no cal marcou o tanto galego, que finalizou con empate (1–1).[7]
Equipos[editar | editar a fonte]
Trofeos individuais[editar | editar a fonte]
Trofeo Zarra[editar | editar a fonte]
- 2011/12: máximo goleador español de segunda división (23 goles)
- 2016/17: máximo goleador español de primeira división (19 goles)
- 2017/18: máximo goleador español de primeira división (22 goles)
- 2018/19: máximo goleador español de primeira división (20 goles)
- 2021/22: máximo goleador español de primeira división (17 goles; ex aequo)
Premios LFP[editar | editar a fonte]
- 2011/12: mellor dianteiro de segunda división
- 2016/17: Premios BBVA ao mellor xogador do mes de outubro[9]
Premio Manuel de Castro[editar | editar a fonte]
Campionatos internacionais[editar | editar a fonte]
Título | Club | Sede | Ano |
---|---|---|---|
UEFA Europa League | Sevilla F. C. | Varsovia | 2015 |
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Sport You (ed.). "Ficha de Iago Aspas". Arquivado dende o orixinal o 08 de maio de 2013. Consultado o 27 de abril de 2013.
- ↑ "El debutante Iago Aspas hizo el doblete que le dió el triunfo de la calma al conjunto vigués", artigo en Marca, 6 de xuño de 2009 (en castelán)
- ↑ Chevilly, C. L. (Febreiro de 2017). "Iago Aspas, nunca es tarde" (PDF). Revista da RFEF (en castelán) (209): 16–19. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 17 de xuño de 2017. Consultado o 26 de febreiro de 2021.
- ↑ Iago Aspas pon fin ao calvario
- ↑ El Celta percibirá más de nueve millones por Iago Aspas Diario Marca, 13 de xuño de 2013
- ↑ http://www.marca.com/2015/06/12/futbol/equipos/celta/1434133032.html
- ↑ Pardo, Miguel (21 de maio de 2016). "Galicia brilla e promete continuidade na festa do fútbol da terra". Praza.gal. Consultado o 22 de maio de 2016.
- ↑ Ficha de Iago Aspas en bdfutbol.com
- ↑ http://www.laliga.es/noticias/iago-aspas-mejor-jugador-de-laliga-santander-en-octubre
- ↑ Premio, Manuel de Castro. "Iago Aspas gaña o Premio Manuel de Castro, Hándicap 2012". moiceleste.com. Consultado o 9 de abril de 2016.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Iago Aspas |
- Nados en 1987
- Nados en Moaña
- Futbolistas de Moaña
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Celta de Vigo
- Xogadores do Celta de Vigo B
- Xogadores do Liverpool FC
- Xogadores do Sevilla FC
- Xogadores da selección de fútbol de Galicia
- Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de Galicia
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de España
- Gañadores do Trofeo Zarra
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 2018
- Futbolistas mundialistas de Galicia