A Rianxeira
"A Rianxeira" é unha canción popular galega, convertida nun dos símbolos culturais de Galicia e particularmente representativa do colectivo de emigrantes ou diáspora.
[editar] Orixe
Foi composta nun principio en Bos Aires en 1947 a proposta de Anxo Romero Loxo, quen compuxo a música, nunha reunión no Centro Rianxo na que se atopaba a directiva e mais Xesús Freiro Dourado "Pinciñas", compositor da letra. Foi estreada un ano despois polo Coro Castelao na cidade de Bos Aires, a pesar de que a súa estrea oficial data do ano 1950, co gallo da recepción de Castelao no porto de Bos Aires.
O texto orixinal ten a súa orixe en diversas variantes de cantos tradicionais de acompañamento ás procesións de adoración á Virxe de Guadalupe (patroa de Rianxo) do século XIX, que se realizan na vila de Rianxo, sendo o seu xentilicio feminino o que bautiza ao himno. Nun principio chamárona "Ondiñas da nosa ría".
O primeiro disco foi editado pola empresa RCA Victor.
Contra a segunda metade do século XX unha das versións d'"A Rianxeira", que ten por letra a que se canta no último día das festas de Guadalupe, foi popularizada por músicos de Rianxo e de emigrantes en Arxentina e Cuba, mentres que foi nos anos 1950 cando foi creada a orquestración que acadou a aceptación do público grazas ao efecto difusor da radio.
A pesar da súa orixe, o texto non é de carácter relixioso, aínda que se serve da figura metafórica da Virxe para realizar unha evocación á figura da muller galega traballadora da mar.
"A Rianxeira" é cantada con ocasión de celebracións e festividades de carácter privado, costume tamén estendido co éxito dos clubs galegos de fútbol durante os anos 90 nas manifestacións públicas deportivas.
[editar] Texto
- A virxe de Guadalupe
- cando vai pola ribeira,
- descalciña pola area
- parece unha rianxeira. (bis)
refrán
- Ondiñas veñen
- ondiñas veñen e van
- non te embarques rianxeira
- que te vas a marear. (bis)
- A virxe de Guadalupe
- cando veu para Rianxo,
- a barquiña que a trouxo
- era de pau de laranxo. (bis)
- A virxe de Guadalupe
- quen a fixo moreniña,
- foi un raíño de sol
- que entrou pola ventaíña. (bis)