Ramón Fernández Mato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ramón Fernández Mato, nado en Boiro o 13 de maio de 1889 e finado en Vilagarcía de Arousa o 22 de novembro de 1980, foi un xornalista, escritor e político galego.

Índice

[editar] Biografía

Foi o primeiro director de El Pueblo Gallego.

Naceu en Cespón (Boiro), de onde procedía a súa familia materna, aínda que a paterna era orixinaria de Outeiro de Rei (era tío de Manuel María). Estivo moi vinculado ao Valadouro polo seu matrimonio con Josefa López, natural de Ferreira e filla dun adiñeirado contratista que construíu numerosas estradas da rede viaria provincial.

Estudou medicina. Foi amigo persoal de Castelao (con quen fundou na súa xuventude a revista Galicia Moza) e de Valle Inclán. En 1910 presidiu en Santiago a asociación Joven Galicia, que esixía a creación da cátedra de Lingua e Literatura Galego-Portuguesa na Universidade e que se crease teatro en galego. Participou no movemento agrarista con Basilio Álvarez. Residiu na Arxentina entre 1914 e 1915.

Pero a súa actividade máis importante é a de xornalista. Foi o primeiro director de El Pueblo Gallego, ademais de colaborar en múltiples xornais e revistas: Suevia (Santiago, 1917); a coruñesa Vida; La Zarpa, Ronsel, Vida Gallega, El Regionalista de Chantada, Mi Tierra (Ourense, 1911), Gaceta de Galicia; Cultura Gallega da Habana, onde publicou relatos entre 1936 e 1940; Caras y Caretas e La Nación de Bos Aires; La Esfera, Nuevo Mundo e El Liberal de Madrid; Prensa Libre e Carteles da Habana. Dirixiu tamén a revista Raíz. España en América da Habana.

Fundou unha biblioteca mariñeira en Bouzas, polo que foi condecorado coa Gran Cruz del Mérito Naval. Foi presidente do Real Club Celta, Presidente de Mérito do Centro Galego de Madrid e membro correspondente da Real Academia Galega.

Figura destacada na Segunda República, participou nos gabinetes de Alejandro Lerroux, Portela Valladares e Casares Quiroga, con cargos como o de Director Xeral de Seguridade. Foi gobernador civil de Cidade Real (16-6-1932 a 19-3-1933), Málaga (19-3-1933 a 14-9-1933), Logroño (14-9-1933 a 19-9-1933) e Xaén (11-2-1934 a 27-11-1935). Nas eleccións xerais de 1936 foi elixido deputado nas Cortes da Segunda República pola provincia de Lugo.

A Guerra Civil obrigouno a exiliarse en Cuba, Venezuela e Santo Domingo, onde dirixiu o diario La Nación e escribiu, baixo a protección do ditador Rafael Leónidas Trujillo, o panexírico Trujillo o la transfiguración dominicana.

Foi, segundo Borobó, o único exiliado republicano galego que, xunto a Álvaro das Casas, se converteu ao franquismo no exilio. Volveu a España na década dos sesenta, da man do entón Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, que, previo paso por Foz, conseguiulle a quinta Miña Terra en Vilagarcía.

Morre en Vilagarcía de Arousa en 1980. Os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Ferreira.

[editar] Obras

[editar] Narrativa

  • El atrio profanado (1913).
  • La tragedia del delantero centro (1929).

[editar] Teatro

  • La galleguita. Zarzuela en un acto con José Ramón Lence (estreada no Teatro de la Comedia de Bos Aires o 22 de outubro de 1914).
  • La retirada.
  • El altar.
  • Muros de oro (1917).
  • Heroica cobardía (1922).
  • Estirpe.
  • Yo quiero ser monja.
  • La montaña.

[editar] Poesía

  • Títeres del corazón (1931).

[editar] Ensaio

  • Patriotismo. Conferencia dada en el “Círculo de las Artes” el día 6 de noviembre de 1916 (Lugo, 1916).
  • Con los ojos del recuerdo. España (1941).
  • Trujillo o la transfiguración dominicana (1945).
  • Galicia como emoción y realidad (1964).
  • La pelea gozosa (1965).

[editar] Véxase tamén

[editar] Bibliografía

  • Lembrando a Fernández Mato. Concello de Boiro (Cadernos Culturais, 4).

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes
Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas