Porta do Atlántico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°13′14″N 8°43′58″O / 42.220658333333, -8.7327638888889

Porta do Atlántico
A Praza de América nas Travesas coa Porta do Atlántico no medio e medio e o IES Santa Irene ao fondo.
Presentación
LocalizaciónVigo
DirecciónAs Travesas
TipoMonumento
Construción
Data da construción1990
Equipo
EscultorSilverio Rivas

A Porta do Atlántico é un monumento obra do artista ponteareán Silverio Rivas de 1990 situado na Praza de América, no barrio das Travesas da cidade de Vigo.

Características[editar | editar a fonte]

Componse de tres elementos que proceden dun mesmo bloque de granito rosa do Porriño. As pezas foron deseñadas, cortadas e tratadas nunha canteira do Porriño. A parte principal e máis recoñecíbel é unha gran porta de 14 metros de altura e 427 toneladas que fica nun grande encoro circular no medio e medio da praza de América, por riba dun paso subterráneo que comunica as avenidas de Castelao, López Mora e Gran Vía. O encoro, en realidade unha gran fonte con chafarices centrais, reborda a tona da auga nun circuíto pechado. Arrodéase de dous socalcos de paralelepípedos de granito rosa. A comezos do século XXI instaláronse na fonte algúns grupos de flores para que non fose tan fría a imaxe da obra. A porta consta de dúas xambas e un gran lintel. Das xambas, cara ao van, penduran dúas pezas que representarían Europa e as Américas.

A segunda parte é un bloque que fica no comezo da Gran Vía, e a última un bloque ao principio da avenida de Castelao.[1]

Anteriormente no centro da praza só había un farol con varios brazos. A instalación da obra levouse a cabo en 1990, cando se construíu o paso inferior para liberar o tráfico das Travesas.

No mes de maio do ano 2019 realizáronse diversas modificacións. A superficie da fonte substituíuse en parte por unha zona peonil con pequenas fontes a arboriñas (oliveiras e pradairos). Ás noites proxectarase un espectáculo de luces de diferentres cores e son.[2]

Significado[editar | editar a fonte]

Trátase dunha homenaxe aos emigrantes galegos que saíron de Vigo cara ás Américas nos buques durante os século XIX e XX, por iso a mesma cidade é denominada a porta do Atlántico. Hoxe é un dos monumentos máis coñecidos da cidade. É un bo exemplo de sinxeleza do concepto e da plasticidade tallado directamente en granito.[3]

Celebracións do Celta e outros eventos[editar | editar a fonte]

Na praza de América celébranse importantes actos. O encoro da Porta do Atlántico é a fonte escollida pola afección do Real Club Celta de Vigo para celebrar as vitorias do seu equipo, e na mesma praza instálase unha gran verbena ao ar libre na Noitevella.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]