Saltar ao contido

Gonzalo Torrente Ballester

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Horacio Pimentel»)

Modelo:BiografíaGonzalo Torrente Ballester

Foto do autor en 1982.
Biografía
Nacemento13 de xuño de 1910 Editar o valor en Wikidata
Serantes, España Editar o valor en Wikidata
Morte27 de xaneiro de 1999 Editar o valor en Wikidata (88 anos)
Salamanca, España Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Oviedo
Universidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, crítico literario, tradutor, dramaturgo, guionista, xornalista, novelista Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade do Estado de Nova York en Albany Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticonovela
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeJosefina Malvido Editar o valor en Wikidata
FillosGonzalo Torrente Malvido, Álvaro Torrente, Luis Felipe Torrente Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0868485 BNE: XX1102334 Bitraga: 723 BUSC: torrente-ballester-gonzalo-1910-1999 Dialnet: 51291 Find a Grave: 10912499 Editar o valor en Wikidata

Gonzalo Torrente Ballester, nado en Serantes (Ferrol) o 13 de xuño de 1910 e finado en Salamanca o 27 de xaneiro de 1999, foi un novelista galego en lingua castelá. Entre outros recoñecementos, recibiu o Premio Cervantes, o Premio Príncipe de Asturias das Letras e o Premio Nacional de Narrativa.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Casa natal de Torrente Ballester en Serantes.
Placa na casa na que viviu en Vigo.

Gonzalo Torrente Ballester naceu no concello de Serantes, dende 1940 integrado no concello de Ferrol. Era fillo de Gonzalo Torrente Piñón, militar da Mariña, e de Ángela Ballester Freire. Estudou no Colexio da Nosa Señora da Mercede, e fixo o bacharelato na Coruña como alumno libre do Instituto Eusebio da Guarda. A súa miopía disuadiuno de facer carreira na Armada. En 1926 matriculouse por libre na Universidade de Santiago de Compostela para facer Filosofía e Letras.

Estatua de Gonzalo Torrente Ballester en Ferrol.

Por motivos familiares, en 1927, trasladouse a Oviedo, onde comezou a estudar Dereito. Alí tivo os seus primeiros contactos coas vangardas literarias, e iniciou a súa actividade periodística no diario El Carbayón. En 1928 foi vivir ao Concello de Lavadores, e en 1929 marchou a Madrid, onde coñeceu a Valle-Inclán, comezou a estudar Filosofía e Letras e colaborou na publicación anarquista La Tierra. En 1930 volveu a Ferrol, e en 1931 marcha coa familia a Bueu. Alí coñeceu a Josefina Malvido Lorenzo, mestra, coa que casou en 1932 e coa que tivo catro fillos entre 1934 e 1938. Logo dunha estancia en Valencia, regresou a Ferrol por mor da asma da súa muller. Nesta cidade traballou como profesor de gramática, latín e historia na academia Rapariz. Matriculouse de novo como alumno libre na Facultade de Letras de Santiago e afiliouse ao Partido Galeguista. En 1935 licenciouse en Historia, e exerceu de secretario local do partido. En 1936 aprobou a oposición para profesor auxiliar na universidade compostelá na especialidade de Historia Antiga.

Guerra e posguerra

[editar | editar a fonte]
Presentación dunha escultura no Café Novelty de Salamanca en 2000. De esquerda a dereita, o escultor Fernando Mayoral, Carlos Casares, a súa viúva María Fernanda Sánchez-Guisande Caamaño, e o director da RAE Víctor García de la Concha.

O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé á guerra civil española colleuno en París, onde preparaba a súa tese doutoral. Regresou a Galiza en outubro para estar coa familia. Por consello dun sacerdote coñecido seu afiliouse á Falange Española. En 1937 coñeceu en Pamplona a Dionisio Ridruejo e os demais intelectuais falanxistas do Grupo de Burgos,[1] como Pedro Laín Entralgo, Luis Rosales ou Luis Felipe Vivanco, cos que en 1941 creou revista Escorial. Publicou o ensaio Razón y ser de la dramática futura na revista Jerarquía. En 1938 marchou a Burgos, onde publicou El viaje del joven Tobías. Milagro representable en siete coloquios. En 1939 incorporouse como profesor auxiliar á Universidade de Santiago, e publicou Las ideas políticas: el liberalismo, Antecedentes históricos de la subversión universal e El Casamiento engañoso (Premio Nacional de Autos Sacramentales). En 1940 preparou a oposición para ser docente de ensino medio e gañou a praza en Ávila, pero permaneceu en Santiago en comisión de servizo. Publicou Lope de Aguirre, na revista Vértice. En 1942 volveu a Ferrol, dando clases no instituto Concepción Arenal. Publicou República Barataria. Teomaquia en tres actos, el primero dividido en dos cuadros e Siete ensayos y una farsa. Abríronlle expediente de responsabilidades políticas en marzo de 1941 por ser directivo do Partido Galeguista, que foi sobresido en setembro de 1944.[2]

En 1943 publicou a súa primeira novela, Javier Mariño, que foi secuestrada pola censura aos vinte días de saír. En 1944 publicou os relatos "Gerineldo" no diario Arriba, e "Cómo se fue Miguela", en El Español. En 1946 publicou El retorno de Ulises. Comedia e El Golpe de Estado de Guadalupe Limón, e traduciu, prologou e anotou Las elegías de Duino de Rainer María Rilke en Nueva Época, xunto coa alemá Metchild von Hesse Podewils.

En 1947 trasladouse a Madrid como profesor de Historia Universal na Escola de Guerra Naval, onde permaneceu até 1962. En 1948 iniciou a súa actividade como crítico teatral no diario Arriba e publicou Compostela y su ángel. En 1949 comezou como crítico teatral en Radio Nacional de España, publicou Literatura Española Contemporánea e participou nos guións das películas Llegada de noche e El cerco del diablo de José Antonio Nieves Conde. En 1950 escribiu La Princesa durmiente va a la escuela (editada en 1983), e publicou Ifigenia, e Atardecer en Longwood. En 1951 escribiu o guión da película Surcos e en 1953 o de Rebeldía, as dúas de José Antonio Nieves Conde. En 1954 publicou Farruquiño, en Cid (La novela del Sábado).

En 1957 publicou El señor llega (primeiro volume da triloxía Los gozos y las sombras), e Teatro Español Contemporáneo. En xaneiro de 1958 enviuvou, e ao mes seguinte faleceu o seu pai. En 1959 publicou El señor llega, que recibiu o Premio de Novela da Fundación Joan March. Viaxou a Mallorca para continuar a triloxía, e alí escribiu Donde da la vuelta el aire. En xaneiro de 1960 coñeceu a María Fernanda Sánchez-Guisande Caamaño (Ordes 1928), coa que casou en maio e coa que tivo sete fillos. Viaxou a París e Alemaña, e en Ferrol mercou o seu primeiro magnetófono, que utilizou desde entón no seu traballo. Nese mesmo ano publicou Donde da la vuelta el aire. En 1961 publicou Panorama de la literatura española contemporánea (2 volumes, Ediciones Guadarrama).

En 1962 firmou un manifesto na defensa da folga dos mineiros en Asturias, o que lle custou o posto de traballo como docente e como colaborador en RNE e Arriba. Tamén neste ano rematou a triloxía con La Pascua triste. En 1963 publicou Don Juan, que tivo problemas coa censura e pouca acollida entre o público, motivo polo que deixou de lado durante un tempo a escritura e se adicou á tradución. Interveu no Congreso de Escritores de Madrid. En 1964 solicitou a reincorporación no ensino medio, sendo destinado a Pontevedra. Comezou a colaborar no Faro de Vigo coa columna "Amodo". En 1965 publicou Aprendiz de hombre.

Estados Unidos

[editar | editar a fonte]

En 1966 foi invitado como profesor distinguido á State University of New York en Albany. Cruzou o Atlántico en agosto, cos seus cinco fillos do segundo matrimonio e a súa biblioteca particular. En 1968 recibiu as visitas de Dionisio Ridruejo, Ramón Piñeiro e Dámaso Alonso. Rematou a novela Off-side, escrita cunha bolsa da Fundación Joan March, e comezou a escritura de Campana y piedra, que deu pé a La saga/fuga de J. B..

Trala morte da súa nai en 1970, regresou a España e foi destinado ao instituto de Orcasitas (Madrid). En 1971 regresou temporalmente Albany e rematou La saga/fuga de J. B., que recibiu o premio da Crítica e o Ciudad de Barcelona en 1972. En 1973 abandonou a docencia nos EUA, sendo destinado ao instituto da Guía, en Vigo. Iniciou a columna "Cuadernos de la Romana" en Informaciones. En 1975 foi elixido membro da Real Academia Española.

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

Trasladouse a Salamanca para impartir aulas no instituto Torres Villarroel. Durante os case vinte e cinco anos que viviu en Salamanca congregou arredor súa a vida cultural da cidade universitaria, e era habitual velo no centenario café Novelty da praza Maior, onde actualmente hai unha escultura na súa memoria. Publicou o ensaio El Quijote como juego, e apareceu en libro a columna Cuadernos de la Romana. En 1976 sufriu un infarto, e publicou Nuevos Cuadernos de la Romana, continuación da columna de Informaciones. En 1977 leu o seu discurso de ingreso na RAE, na que ocupou a cadeira E, co título Acerca del novelista y de su arte. Foi contestado por Camilo José Cela. Publicou Fragmentos de Apocalipsis e saíu o primeiro volume dun proxecto de Obra Completa, que non rematou. En 1978 iniciou a redacción de relatos para Las sombras recobradas, libro publicado en 1979. En 1980 xubilouse da docencia. En 1981 acadou o Premio Nacional de Narrativa por La isla de los Jacintos Cortados e iniciou a serie de artigos Cotufas en el golfo, no diario ABC. Publicou un Curriculum, en cierto modo, na revista Triunfo. Supervisou o guión e a produción da serie de TV Los gozos y las sombras, baseada na súa triloxía e rodada en Pontevedra. A serie emitiuse ao ano seguinte en TVE, con grande éxito de crítica e público.

En 1982 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras, ex aequo con Miguel Delibes. Publicou Ensayos críticos, Los cuadernos de un vate vago e Dafne y ensueños. En 1983 foi nomeado Fillo Predilecto de Ferrol e publicou La Princesa Durmiente va a la escuela. En 1984 foi nomeado Fillo Adoptivo de Salamanca e publicou Quizá nos lleve el viento al infinito. En 1985 recibiu o Premio Miguel de Cervantes, sendo o primeiro novelista español en acadalo; recibiu tamén o Premio Vitalicio da Fundación Pedro Barrié de la Maza polo conxunto da súa obra. Publicou La rosa de los vientos. En 1986 viaxou como conferenciante aos Países Baixos, Dinamarca e a Arxentina. Publicou Cotufas en el golfo e representouse por vez primeira unha versión dunha obra teatral súa, ¡Oh, Penélope!, baseada en El retorno de Ulises.

En 1987 publicou Yo no soy yo, evidentemente e foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Salamanca. En 1988 foino polas universidades de Santiago de Compostela e Dijon, e foi nomeado Cabaleiro de Honor das Artes e as Letras da República de Francia. Gañou o Premio Planeta con Filomeno, a mi pesar, e publicou Ifigenia otros cuentos. En 1989, ano en que foi operado de cataratas, publicou Crónica del rey pasmado e Santiago de Rosalía Castro. A Deputación da Coruña instituíu o Premio de Narrativa Torrente Ballester. En 1990 recibiu o premio Libro de Ouro da Confederación Española de Libreiros e a Medalla de Ouro ao mérito cultural de Santiago de Compostela. Supervisou o guión da película El rey pasmado, escrito polo seu fillo Gonzalo Torrente Malvido e mais por Juan Potau. O filme, dirixido por Imanol Uribe, acadou oito Premios Goya.

En 1991 publicou Las islas extraordinarias. En 1992 viaxou a Cuba para inaugurar a Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana, e reuniuse con Fidel Castro e foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Habana. Inaugurouse unha praza co seu nome na Coruña e publicou La muerte del decano e Torre del Aire, onde recompilou os artigos firmados con ese título. En 1993 tivo lugar unha semana de estudos sobre a súa obra na Universidade de Vigo. En 1994 recibiu o Premio Azorín de novela por La novela de Pepe Ansúrez, unha sátira dos círculos literarios de provincias. En 1995 publicou La boda de Chon Recalde. Ao ano seguinte recibiu o Premio Castilla y León de las Letras. Viaxou a Luxemburgo para un encontro cos tradutores da súa obra (Claude Bleton, Colin Smith e António Gonçalves). En 1997 visitou en Lanzarote a Fundación César Manrique e a José Saramago. Participou nunha homenaxe en Lugo a Dámaso Alonso. En setembro ingresou no hospital durante dúas semanas por mor dunha pneumonía. Obtivo o Premio Rosalía de Castro do PEN Clube de Galicia. Foi nomeado Fillo adoptivo de Santiago de Compostela, Pontevedra, Nigrán e Fene. Publicou Memoria de un inconformista, recompilación dos artigos publicados baixo o título Amodo, en Faro de Vigo. Publicou Los años indecisos. En 1998 ingresou no hospital en xullo e setembro. Foi nomeado Cabaleiro da Orde de Santiago da Espada, máxima condecoración ás Artes da República de Portugal.

Faleceu en Salamanca o 27 de xaneiro de 1999. Foi soterrado no camposanto de Serantes, nunha cerimonia na que Carlos Núñez interpretou na gaita "Negra Sombra".

Entre os once fillos e fillas dos seus dous matrimonios, están o novelista Gonzalo Torrente Malvido, o musicólogo Álvaro Torrente Sánchez-Guisande (especializado no barroco español e profesor da Universidade Complutense de Madrid, actual presidente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester), o historiador Juan Pablo Torrente Sánchez-Guisande, o periodista Luis Felipe Torrente Sánchez-Guisande e a profesora da Universidade de Florencia Francisca Ángela Torrente Sánchez-Guisande.

Estatua no Café Novelty na praza Maior de Salamanca, obra de Fernando Mayoral.

Torrente Ballester recoñeceu a influencia fundamental da narrativa oral galega de principios do século XX, como por exemplo a mariñeiros que falaban de pelexas en Hong-Kong. Como narrador destacou na exposición e resolución irónicas das narracións. Esta ironía está baseada na percepción do real no marabilloso e do marabilloso no real.

Torrente Ballester escribiu sempre en castelán, agás algún artigo en revistas literarias galegas. Aínda así declarou o seguinte:

"Por una serie de azares, nunca he tenido ocasión de ampliar la lengua materna, elevarla a lengua culta y hacer de ella mi instrumento único de expresión literaria. La Literatura gallega no tiene, pues, nada que agradecerme, y lo siento... No pertenezco a esa clase de españoles que, cuando van a Barcelona, se consideran ofendidos porque la gente hable en catalán. La irritación de los tales es la manifestación de un complejo de inferioridad. ¿Hay algo más natural que un pueblo hable con normalidad su propia lengua? Que la pierda debería considerarse como causa de vergüenza colectiva. Y el gallego ha estado a punto de perderse. Algún día se hará la debida justicia a los que lo han evitado (…) El porvenir del gallego está, pues, en manos de la sociedad gallega"
Faro de Vigo, 23.10.1964

Relato curto

[editar | editar a fonte]
  • Panorama de la literatura española contemporánea (1956)
  • Teatro español contemporáneo (1957)
  • Siete ensayos y una farsa (1972)
  • El Quijote como juego (1975)
  • Cuadernos de un vate vago (1982)
  • Diarios de trabajo 1942–1947 (1982)
  • Mi fuero interno (2011)

Xornalismo

[editar | editar a fonte]
  • Cuadernos de La Romana (1975)
  • Nuevos Cuadernos de La Romana (1977)
  • Cotufas en el golfo (1986)
  • Torre del aire (1993)
  • Memoria de un inconformista (1997)

Miscelánea

[editar | editar a fonte]
  • Compostela y su ángel (1948)
  • Compostela (1948; con ilustracións de María Droc)
  • Farruquiño (1954)
  • Santiago de Rosalía Castro (1989)
  • Lo mejor de Gonzalo Torrente Ballester (1989)
  • Los mundos imaginarios (1994)

Adaptacións

[editar | editar a fonte]
  1. Rodríguez Pastoriza, Francisco (2021). Torrente Ballester: os anos da Falanxe. Concello de Bueu. 
  2. Expediente de responsabilidades políticas de Ricardo Carballo Calero e outros
  3. A tradución ao galego é de Valentín Arias.
  4. A tradución é de Carlos Casares (1999, Espasa juvenil).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]