Antonio Gamoneda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gamoneda en 2007.

Antonio Gamoneda Lobón, nado en Oviedo o 30 de maio de 1931, é un poeta asturiano en lingua castelá, gañador do Premio Cervantes en 2006. Ademais de poesía, tamén cultivou con éxito o ensaio. Parte da súa obra foi traducida a outras linguas como o francés, inglés, portugués ou neerlandés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O seu pai tamén se chamaba Antonio Gamoneda, e foi un poeta modernista que en 1919 publicou o seu único libro, Otra más alta vida. A súa nai era Amelia Lobón.

Con tres anos, sendo xa orfo de pai, marchou coa súa nai a León, cidade que influíu notabelmente a súa traxectoria poética. Nun primeiro momento viviron no principal barrio obreiro e ferroviario da cidade, El Crucero, onde tivo lugar unha forte represión por parte do bando nacional durante a guerra civil. A presenza da súa nai como refuxio ante o horror e a miseria da guerra civil e a posguerra é recorrente en toda a súa poesía. En 1936, coas escolas pechadas, aprendeu a ler co libro do seu pai.

En 1941 comezou a recibir clases no colexio relixioso dos Pais Agostiños, até que decidiu deixalo en 1943. Ao día seguinte de cumprir os 14 anos comezou a traballar como meritorio e recadeiro no Banco Mercantil. Mantívose como empregado de banca até 1969, durante 24 anos, terminando por libre a educación secundaria.

Mentres traballaba no banco tomou contacto coa resistencia intelectual ao franquismo, tomando parte activa. Deuse a coñecer no mundo da poesía con Sublevación inmóvil (1953-1959), obra publicada en Madrid en 1960 que supuxo unha ruptura coas tradicionais regras realistas da época, e coa que foi finalista do premio Adonais. En 1969 creou e dirixiu os servizos culturais da Deputación da provincia de León e promoveu a creación da colección Provincia de poesía, para fomentar desde as institucións oficiais unha cultura progresista. Foi privado da súa condición de funcionario, sendo despois contratado de novo por sentenza xudicial.

Nesa época colaborou asiduamente en diferentes revistas culturais, e escribiu La tierra y los labios (1947-1953, publicado en 1987 no volume Edad), Exentos I (1959-1960, tamén aparecido en 1987), Blues castellano (1961-1966, non publicada por até 1982 por mor da censura), e Exentos II (Pasión de la mirada) (1963-1970, publicada con múltiples variacións en 1979 como León de la mirada).

Despois desta primeira etapa tivo un silencio creativo durante os últimos anos do réxime franquista e os inicios da transición. Esta crise existencial e ideolóxica aparece reflectida na súa seguinte obra, Descripción de la mentira (1977), un longo poema que marcou un xiro cara a unha total madurez poética. Posteriormente publica Lápidas (Madrid, 1987) e Edad, un volume revisado polo autor que recolle toda a súa poesía até 1987 e que acadou o Premio Nacional de Literatura.

Durante esta segunda etapa, entre 1979 e 1991, foi director xerente da Fundación Sierra-Pambley, creada en 1887 por Francisco Giner de los Ríos baixo os principios da Institución Libre de Enseñanza. Posteriormente foi membro do Padroato até 2007.

En 1992 publicou Libro del frío, que o consagrou como un dos poetas máis importantes en lingua castelá. En 2000 apareceu a versión definitiva desta obra, que incluía Frío de Límites, obra procedente dunha colaboración con Antoni Tàpies pero que, desgaxada da pintura, adquiría o carácter de addenda necesaria de Libro del frío. Previamente apareceran os poemas de Mortal 1936, acompañando unhas serigrafías de Juan Barjola sobre a matanza na praza de touros de Badaxoz durante a guerra civil, e non chegaron a publicarse Exentos III (1993-1997).

De un diccionario relativo a la ciencia médica arcaica (1993-1998) e Libro de los venenos (1995) son obras máis atípicas que parten da convicción do autor de que a linguaxe arcaica se cargou esteticamente até se converter en poesía, e revelan a fascinación do poeta pola tradución de Dioscórides realizada por Andrés Laguna no século XVI e a súa interpretación en clave poética por Gamoneda.

En 2003 apareceu Arden las pérdidas, que culmina a madurez iniciada en Descripción de la mentira, dunha poesía na perspectiva da morte na que o perdido (infancia, amor, rostros do pasado, a ira...) aínda arde no tránsito cara a vellez con maior lucidez e claridade. Despois publicou Cecilia (2004) e Esta luz: poesía reunida: (1947-2004), (2004).

En 2006 concedéuselle o Premio Reina Sofía e o Premio Cervantes. Amais, recibiu entre outras concesións a medalla de ouro de Pau, a medalla de prata do Principado de Asturias, o Premio Leteo, a medalla de ouro da provincia de León e a medalla de ouro do Círculo de Belas Artes. É fillo adoptivo da provincia de León e de Vilafranca do Bierzo, e doutor honoris causa pola Universidade de León.

En marzo de 2009 estreouse o documental Antonio Gamoneda. Escritura y alquimia, rodado en 2007 e dirixido por Enrique Corti e César Rendueles con guión de Amalia Iglesias e Julia Piera.

Obra[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Sublevación inmóvil (1960).
  • Descripción de la mentira (1977).
  • León de la mirada (1979).
  • Tauromaquia y destino. [con reproducciones de Juan Barjola] León, Retablo, 1980.
  • Blues castellano (1961–1966).
  • Lápidas (1986).
  • Edad (Poesía 1947–1986) (1987).
  • Libro del frío (1992).
  • Mortal 1936 (Pasión y luz de Juan Barjola) (1994).
  • El vigilante de la nieve (1995).
  • Libro de los venenos: corrupción y fábula del Libro Sexto de Pedacio Dioscórides y Andrés de Laguna, acerca de los venenos mortíferos y de las fieras que arrojan de sí ponzoña (1995).
  • Arden las pérdidas (2003).
  • Cecilia (2004).
  • Reescritura (2004).
  • Esta luz. Poesía reunida (1947–2004) (2004).
  • Extravío en la luz (2009).
  • Canción errónea (poemas escritos desde 2004; pendente de publicación).

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Poesía y conciencia. Notas para una revisión (1963).
  • El tema del agua en la poesía hispánica (1972).
  • El cuerpo de los símbolos (1997).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]