Dulce María Loynaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dulce María Loynaz
Nome completoDulce María Loynaz Muñoz
Nacemento10 de decembro de 1902
Lugar de nacementoA Habana
Falecemento27 de abril de 1997
Lugar de falecementoA Habana
CausaParada cardiorrespiratoria
NacionalidadeCuba
Alma máterUniversidade da Habana
Ocupaciónpoeta, escritora e avogada
PaiEnrique Loynaz del Castillo
PremiosPremio Miguel de Cervantes, Pro Ecclesia et Pontifice, National Prize for Literature, Cruz da Orde Civil de Afonso X o Sabio, National Order of Merit Carlos Manuel de Cespedes, Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica e Ordem al Mérito Docente y Cultural Gabriela Mistral
Na rede
Find a Grave: 7761443 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Dulce María Loynaz Muñoz, nada na Habana o 10 de decembro de 1902 e finada na Habana o 27 de abril de 1997, foi unha escritora cubana, considerada unha das principais figuras da lírica cubana e universal. Mereceu o premio Miguel de Cervantes en 1992.

Na liñaxe da Loynaz entrecrúzanse importantes personalidades cubanas e universais, o seu propio pai, Enrique Loynaz do Castelo, poeta e Xeneral do Exército Mambí, Ignacio Agramonte y Loynaz, a destacada poetisa Gertrudis Gómez de Avellaneda e Martín de la Ascensión, un dos 26 mártires do Xapón ao que lle dedicara un extenso poema en prosa. Publicou os seus primeiros poemas en La Nación 1920, ano en que tamén visitou os Estados Unidos. A partir desa data realiza numerosas viaxes por Norteamérica e case toda Europa. As súas viaxes incluíron visitas a Turquía, Siria, Libia, Palestina e Exipto. Visitou México en 1937, varios países de América do Sur entre 1946 e 1947 e as Illas Canarias en 1947 e 1951, onde foi declarada filla adoptiva.

Monumento a Dulce María Loynaz en Puerto de la Cruz, Tenerife

Infancia[editar | editar a fonte]

Os irmáns Loynaz eran fillos do Xeneral do Exército Libertador Enrique Loynaz del Castillo, autor da letra e a música do Himno Invasor.

Nada María de las Mercedes Loynaz Muñoz, a súa infancia transcorreu xunto á dos seus irmáns Enrique, Carlos Manuel e Flor. Todos os fillos do xeneral fixeron poesía mais só Dulce María se interesou en facer pública a súa obra. Creceron nun ambiente de celoso enclaustramento e luxo, non visitando xamais escolas públicas nin privadas; os preceptores ían educar os irmáns no seu casarón primeiro de San Rafael y Amistad, Centro Habana, e logo de Línea entre 14 e 16 en El Vedado ata que comeza na década dos vinte estudos en Dereito civil na Universidade da Habana xunto ao seu irmán Enrique.

A avogada[editar | editar a fonte]

Graduouse de Doutora en Leis, pola Universidade da Habana, profesión que, aínda que non era a súa vocación exercer, mantivo até 1961, sempre atendendo asuntos familiares. Foi recoñecida na súa patria como profesional do dereito recibindo en 1944 a desaparecida Orden González Lanuza, conferida a aqueles que nesta rama achegaron os froitos dos seus estudos e experiencias, sendo a primeira muller en recibila.

Obra poética[editar | editar a fonte]

As súas primeiras obras apareceron no xornal La Nación á idade de 17 anos: Invierno de almas e Vesperal; na devandita publicación apareceron outros textos entre 1920 e 1938.. En 1929 Dulce María xunto coa súa nai e a súa irmá realiza unha viaxe por Oriente Medio onde visitaron Turquía, Siria, Libia, Palestina e Exipto, este último país afectou especialmente á poetisa que logo de visitar o museo de Luxor e ver a tumba de Tutankhamon escribiría unha carta lírica e de profunda connotación romántica ao desaparecido faraón. En 1947 publicaría Juegos de agua, libro de poemas, e a partir de 1950 o editor español interésase pola obra da cubana, publicando varios dos seus traballos. Desta época, especificamente de 1951, data a publicación de Jardín. Seguiríanlle: Carta de amor al rey Tut-Ank-Amen 1953, Poemas sin nombre 1958 e Un verano en Tenerife, (libro de viaxes); segundo a autora: o mellor que escribín. Entre outras cousas porque a poetisa na súa primeira viaxe á illa quedou prendada dela e chegou a adoptar España como a súa segunda patria. E certo é tamén a grande acollida da súa obra que tivo neste país.

En 1950 publicaría ademais crónicas semanais en El País e Excélsior. Tamén colabora en Social, Grafos, Diario de la Marina, El Mundo, Revista Cubana, Revista Bimestre Cubana e Orígenes, moitas veces como colaboracións ao seu esposo Pablo Álvarez de Cañas. Dentro da súa prosa é de vital importancia destacar o seu libro Fe de Vida, obra autobiográfica e centrada fundamentalmente en dar a coñecer o, até polo momento para moitos invisíbel, Pablo Álvarez de Cañas, o seu segundo esposo e quen fora figura relevante en círculos sociais da Habana na súa época.

Jardín[editar | editar a fonte]

Jardín foi escrita entre 1928 e 1935 e publicada en España en 1951. Na novela aprécianse recursos característicos do realismo máxico, elemento imprescindible á hora de analizar a obra de ter en conta ademais que foi escrita entre a segunda e a terceira década do século XX, adiantándose así á maioría dos escritores que explotaron este discurso narrativo en décadas posteriores. Aínda que con respecto a Jardín todo é polémico hai que recoñecer que os elementos estilísticos utilizados pola autora situaron esta novela como precursora da actual novelística hispanoamericana.

Sobre a novela dixo Gabriela Mistral:
Para min, ler Jardín foi o mellor «repaso» de idioma Español que fixen en moito tempo...

Mutismo[editar | editar a fonte]

A raíz do triunfo da Revolución cubana a poetisa autoillouse da vida social durante longo tempo no seu casarón de El Vedado, mais máis que a súa natureza foi a súa actitude apolítica, nun país onde se instauraba un novo réxime, o que lle custou o descoñecemento na súa propia terra. Recibiu numerosas ofertas de España e os Estados Unidos mais nunca abandonou o seu país, quizais por ser a filla dun xeneral do exército libertador. Nunha ocasión propuxéronlle abandonar a súa Patria e expresou: "Eu son filla dun que loitou pola liberdade de Cuba, quen ten que irse é o fillo de quen quería que seguise sendo colonia".

As súas últimas publicacións foron Poemas escogidos, de 1985, Bestiarium e La novia de Lázaro, ambos de 1991. A Deputación de Cádiz publicou, ademais, en 1992, Poemas náufragos, e a editorial Espasa Calpe unha ampla antoloxía da súa obra. Igualmente en 2001 un mozo investigador cubano actualmente radicado en México, Roberto Carlos Hernández Ferro, publica coa editorial habanera Extramuros, unha selección de poemas case descoñecidos de Loynaz, considerados os seus primeiros textos, que se atopaban dispersos en prensa periódica da década do vinte. Esta selección agrupouse baixo o título de Aspero sendero, nome que tamén corresponde ao primeiro poema de devandita selección, na cal con notábel valor exexético o compilador aclara no seu prólogo a correcta data de publicación do sonetario "Diez sonetos a Cristo", no diario La Nación, abril de 1920 e non no ano 1921 na Revista de la Asociación Femenina de Camagüey, como se manexou até entón.

A poetisa e Pinar del Río[editar | editar a fonte]

Na década do sesenta o pianista pinareño José Antonio Martínez de Ousaba, comezou a interesarse pola vida de Dulce María Loynaz e facer investigacións sobre o paradoiro da poetisa. Algúns dicían que partira ao estranxeiro co seu esposo Pablo Álvarez de Cañas, outros que aínda vivía na Habana, mais non sabían exactamente onde fixar a súa residencia. Algúns aseguraban que falecera. Logo dunha tenaz procura deu co paradoiro de Loynaz no ano 1969 e mediante unha ampla correspondencia e visitas periódicas lograron unha gran amizade; foi o primeiro achegamento da escritora coas terras de Vueltabajo. Con todo quen selaría os lazos de amizade entre a poetisa e Pinar del Río foi o historiador Aldo Martínez Malo, que a coñeceu en 1971 e con quen tamén mantivo unha ampla correspondencia que logo sería recollida no epistolario Cartas que no se extraviaron. En Pinar del Río recibiu numerosos recoñecementos, tanto a ela como aos seus irmáns. En 1990, logo de doar a súa biblioteca persoal, a cal atesoura importantes títulos, moitas edicións príncipe, e obras dedicadas polos seus autores, funda na cidade de Pinar del Río o "Centro de Promoción y Desarrollo de la Literatura Hermanos Loynaz". Tamén nesta provincia celebráronse con carácter máis ou menos anual o encontro iberoamericano sobre a súa vida e obra.

Distincións[editar | editar a fonte]

Asistiu en 1953, convidada pola Universidade de Salamanca, á celebración do VII Centenario da Universidade. En 1959 foi elixida membro de número da Academia Cubana de la Lengua, presidiu desde 1992 até o momento da súa morte a filial cubana desa institución.

Durante a súa vida recibiu gran cantidade de premios e honras; entre outros se destacan o Premio Cervantes en 1992, a gran cruz da Orde de Afonso X o Sabio en 1947, e o nomeamento de dama da Orde de Isabel a Católica. En Cuba recibiu a orde cultural Félix Varela e o Premio Nacional de Literatura entre outros.

Personalidades relacionadas[editar | editar a fonte]

Entre as grandes figuras da literatura universal que pasaron pola súa casa cóntanse Federico García Lorca e os premios Nobel de literatura, Gabriela Mistral e Juan Ramón Jiménez. Na súa casa sita en Calzada de 19 esq. a E, El Vedado, facíanse reunións de intelectuais do ámbito nacional e estranxeiro, como lle chamaron na súa época "aristocracia do coñecemento". Tamén intercambiou coa poetisa uruguaia Juana de Ibarbourou, quen confesou á cubana que descoñecía a causa da súa admiración xa que logo de ler os poemas de Loynaz recoñecía que quen a admiraba era superior a ela.

Últimos días[editar | editar a fonte]

O 15 de abril de 1997 é homenaxeada na súa residencia de E e 19 en El Vedado polo Centro Cultural de España e La Habana polo 45º aniversario da súa obra Jardín. Sendo ese mesmo día internada no hospital CIMED nun estado de saúde moi delicado.

Faleceu o 27 de abril de 1997, aos 94 anos de idade, produto dun paro cardiorrespiratorio, sen deixar ningunha descendencia nin ela nin ningún dos seus outros tres irmáns. Foi sepultada no panteón familiar a mañá do día 28 presunta data dos aniversarios do seu falecido esposo Pablo Álvarez de Cañas. Asistiron importantes figuras do eido cultural e político cubano, así como representantes da Igrexa católica, mais fundamentalmente estaba o seu pobo, para dicirlle o último adeus á poetisa, mentres de fondo escoitábase a súa propia voz nos altofalantes, declamando parte da obra que a fixo merecedora do Premio Cervantes (Nobel das letras hispanas).

Obra[editar | editar a fonte]

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Versos (1950)
  • Juegos de agua (1951)
  • Poemas sin nombre (1953)
  • Últimos días de una casa (1958)
  • Poemas escogidos (1985)
  • Poemas náufragos (1991)
  • Bestiarium (1991)
  • Finas redes (1993)
  • La novia de Lázaro (1993)
  • Poesía completa (1993)
  • Melancolía de otoño (1997)
  • La voz del silencio (2000)
  • El áspero sendero (2001)

Outros xéneros[editar | editar a fonte]

Portada do epistolario "Cartas que no se extraviaron"
  • Jardín (1951) -novela-
  • Un verano en Tenerife (1958) -libro de viaxes-
  • Yo fui (feliz) en Cuba (1993) -crónicas-
  • Canto a la mujer. Tomo I y II (1993) -ensaio-
  • Confesiones de Dulce María Loynaz (1993) -entrevistas-
  • Fe de vida (1994) -ensaio-
  • Cartas a Julio Orlando (1994) -epistolario-
  • Un encuentro con Dulce María Loynaz (1994) -entrevistas-
  • Alas en la sombra (1995) -texto autobiográfico-
  • Cartas que no se extraviaron (1997) -epistolario-
  • Cartas de Egipto (2000) -epistolario-
  • La palabra en el aire (2000) -ensaio-

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Confesiones de Dulce María Loynaz, Aldo Martínez Malo, Editorial Hermanos Loynaz, Pinar del Río, 1993, ISBN 959-219-007-0.
  • La voz del silencio, Ana Cabrera Vivanco, Editorial Ciencias Sociales, La Habana, 2000, ISBN 959-06-0420-X.
  • Jardín, Tenerife y Poesía: Fe de vida de Dulce María Loynaz, Virgilio López Lemus, Editorial Cauce, UNEAC, Pinar del Río, 2005, ISBN 959-7150-30-1.
  • Carta de Egipto, Dulce María Loynaz, Editorial Hermanos Loynaz, Pinar del Río 2000, ISBN 959-219-063-1.
  • Dulce María Loynaz, El que no ponga el alma de raíz se seca; Ediciones Vitral, Pinar del Río, 1997.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]