Gramática

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Este artigo trata da gramática como disciplina lingüística. Para saber máis sobre a gramática da lingua galega, véxase Gramática da lingua galega

Grammatica da Língua Portuguesa com os Mandamentos da Santa Madre Igreja de João de Barros (1539).

A gramática[1] é a disciplina lingüística que estuda a organización e o funcionamento dunha lingua dada. Tamén se lle chama gramática ao conxunto de regras que gobernan o uso dunha lingua determinada, polo que se di que cada lingua ten a súa propia gramática.

A gramática subdivídese en fonética, fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica e pragmática. A gramática tradicional só estudaba a morfoloxía e a sintaxe.

Tipos de gramática[editar | editar a fonte]

  • Unha gramática prescritiva presenta normas de autoridade para unha lingua concreta e tende a desaconsellar o uso de construcións que se desvíen da norma. As gramáticas tradicionais son tipicamente prescritivas. As gramáticas prescritivas baséanse habitualmente no dialecto de prestixio dunha comunidade de fala e normalmente condenan determinadas construcións que son comúns entre os grupos socioeconómicos máis baixos, en particular cando comezan a ser usadas polos grupos socioeconómicos máis altos. As gramáticas prescritivas redáctanse hoxe para a docencia, tanto da lingua materna como das linguas estranxeiras; porén, teñen desaparecido da lingüística académica xa que só describen un subconxunto do uso da lingua.
  • Unha gramática descritiva pretende describir o uso real e evitar xuízos prescritivos. As gramáticas descritivas están ligadas a unha comunidade de fala concreta e fornecen as regras para calquera enunciado que esa comunidade considere gramaticalmente correcto.
  • A gramática tradicional é o compendio de ideas acerca da gramática provenientes da Antigüidade clásica e a súa elaboración até comezos do século XX. As gramáticas prescritivas formúlanse normalmente nos termos dos conceptos descritivos (como o caso) herdados da gramática tradicional. As gramáticas descritivas modernas pretenden corrixir os erros da gramática tradicional e xeneralizar o seu marco restrinxido para evitar calcar todas as linguas no modelo do latín. Practicamente todos os materiais de ensino de linguas están baseados na gramática tradicional.
  • Unha gramática formal é unha gramática definida precisamente, como as tipicamente usadas nas linguaxes de programación.
  • Unha gramática xenerativa é unha gramática formal que pode, en certo sentido, "xerar" as expresións "ben formadas" dunha lingua natural. Unha póla enteira da teoría lingüística está baseada nas gramáticas xenerativas. As gramáticas xenerativas foron popularizadas por Noam Chomsky. Unha gramática xenerativa pode incluír unha gramática transformacional, que é un termo amplo usado para as gramáticas de linguas naturais desenvolvidas na tradición chomskiana. Gramática transformacional é normalmente sinónimo do termo lixeiramente máis específico de gramática transformativo-xenerativa.

Desenvolvemento das gramáticas[editar | editar a fonte]

Gramática da lingua hebrea de Judah Monis, publicada por primeira vez en 1735 para os alumnos de Harvard.

As gramáticas evolucionan co uso e as separacións das poboacións humanas. Coa chegada das representacións escritas, tenden a aparecer regras formais sobre o uso lingüístico. As gramáticas formais son unha codificación do uso desenvolvida por observación. Así que as regras se establecen e se desenvolven, acostuma aparecer o concepto prescritivo de corrección gramatical. Isto habitualmente crea un distanciamento entre o uso contemporáneo e aquel que se acepta como correcto. Os lingüistas normalmente consideran que as gramáticas prescritivas non teñen máis xustificación que o gosto estético dos seus autores. Porén, en sociolingüística as prescricións considéranse como parte da explicación de por que non algunha xente di unha cousa e outros din outra dependendo do contexto social.

O estudo formal da gramática é unha parte importante da educación desde as idades máis temperás até os niveis máis avanzados, aínda que as regras que se ensinan na escola non son "gramática" no sentido en que a maioría dos lingüistas empregan o termo, xa que son normalmente prescritivas en vez de descritivas.

As linguas construídas (chamadas tamén linguas planificadas) son máis comúns hoxe en día. Moitas desenvolvéronse co obxectivo de axudar na comunicación humana (tal e como o esperanto) ou creadas como parte dunha obra de ficción (como o klingon). Cada unha destas linguas artificiais ten a súa propia gramática.

Dise con frecuencia que unha lingua analítica ten unha gramática máis simple que unha lingua sintética, o cal é erróneo. As linguas analíticas utilizan a sintaxe para transmitir información para o que as linguas sintéticas usan a flexión. Noutras palabras, a orde das palabras non é significante e a morfoloxía é moi significante nunha lingua puramente sintética, encanto que a morfoloxía non é tan significante e a sintaxe é o moito nas linguas analíticas. Así, o chinés e o afrikaner, por exemplo, son moi analíticas e, polo tanto, o significado depende en boa medida do contexto. O latín, que é unha lingua moi sintética, usa afixos e flexión para transmitir a mesma información que o chinés coa sintaxe.

Historia da gramática[editar | editar a fonte]

As primeiras gramáticas sistemáticas orixináronse na Idade de Ferro na India con Yaska (século VI a. C.) e, principalmente, con Pāṇini, autor cara o ano 480 a. C. da gramática máis antiga que se coñece: o Astadhiaia, un estudo sobre o sánscrito.

En Occidente, a gramática xurdiu como unha disciplina do helenismo a partir do século III a. C. con autores como Rhyanus e Aristarco de Samotracia. Os primeiros tratados completos de gramática grega foron o que compuxo Crates de Malos (século II a. C.) e a obra atribuída a Dionisio o Tracio, Arte da Gramática ( Τέχνη Γραμματική) (100 a. C.), que serviu de base para as gramáticas grega, latina e de outras linguas europeas ata o Renacemento. Acéptase que o estudo formal da gramática tense iniciado cos gregos, a partir dunha perspectiva filosófica.

A gramática latina foi desenvolvida seguindo modelos gregos do século I a. C., debido ao traballo de autores como Orbilius Pupillus, Remmius Palaemon, Marcus Valerius Probus, Marcus Verrius Flaccus e Aemilius Asper. Os romanos traduciron do grego ao latín os nomes das partes da oración e dos accidentes gramaticais. Moitas destas denominacións chegaron aos nosos días.

A Ars Grammatica de Elio Donato (século IV) dominou os estudos gramaticais durante a Idade Media.

No século XVIII iniciáronse os estudos comparados de varias linguas europeas e asiáticas, traballos que culminaron coa afirmación de Gottfried Wilhelm Leibniz de que a "maioría das linguas proviñan dunha única lingua, a indo-europea".

A partir do século XIX, xurdiu a gramática comparativa, como enfoque dominante da lingüística.

Ata o inicio do século XX, non se tiña iniciada a descrición gramatical da lingua dentro de seu propio modelo. Mais, abordando esta perspectiva, xurdiu o "Handbook of American Indian languages" (Manual das linguas indíxenas americanas) (1911), do antropólogo Franz Boas, así como os traballos do estruturalista dinamarqués Otto Jespersen, que publicou, en 1924, "A filosofía da gramática". Boas desafiou a metodoloxía tradicional da gramática ao estudar linguas non indo-europeas que carecían de testemuños escritos. A análise descritiva, representada nestes dous autores, desenvolveu un método preciso e científico, ademais de describir as unidades formais mínimas de calquera lingua.

Para Ferdinand de Saussure, "a lingua é o sistema que sustenta calquera idioma concreto", isto é, o que falan e entenden os membros de calquera comunidade lingüística, pois participan da gramática. A mediados do século XX, Noam Chomsky concibiu a teoría da "gramática universal", baseada en principios comúns a todas as linguas.

Nos séculos XIX e XX tamén se estableceron as bases científicas da Semiótica, como "sistema de signos", a conectar varias ou todas as áreas do coñecemento.

A primeira gramática da lingua galega foi publicada en Lugo en 1868, sendo o seu autor o ourensán Juan Antonio Saco y Arce.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gramática.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gramática Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]