Álvaro Gil Varela
Álvaro Gil Varela | |
---|---|
Nacemento | 1905 |
Lugar de nacemento | Lugo |
Falecemento | 2 de outubro de 1980 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Berlín |
Ocupación | empresario e filántropo |
Premios | fillo predilecto |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Álvaro Gil Varela, nado en Lugo en 1905 e finado en Madrid o 2 de outubro de 1980, foi un enxeñeiro de montes, empresario e filántropo galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Durante a súa mocidade participou na redacción da revista Ronsel, publicada en Lugo e dirixida por Evaristo Correa Calderón.
Foi axudante de Montes da Deputación de Pontevedra en 1929. Ampliou estudos en Francia e Italia sobre técnicas de pastos. Estivo aloxado na Residencia de Estudiantes. Ampliou estudos en Alemaña en 1934, onde se doutorou pola Universidade de Berlín en Ciencias Naturais. Traballou e colaborou co doutor Cruz Gallástegui en xenética animal.
Vinculado co galeguismo republicano, formou parte do Partido Galeguista. En xuño de 1936 o gobernador civil de Pontevedra Gonzalo Acosta Pan delegou nel a presidencia da Xunta Provincial do Paro.[1][2] Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido e estivo encarcerado. Abríronlle expediente pola Comisión Provincial de Incautación de Bens en 1938,[3] e foi depurado, sendo sancionado con tres anos de inhabilitación para o cargo de axudante de repoboación forestal.[4] Desposuído dos seus títulos académicos entrou en contacto coa empresa Zeltia, na que ocuparía cargos directivos. Tamén participou na xestión de Transfesa. Durante o período franquista axudou a financiar a actividade clandestina do nacionalismo galego.[5]
Entre 1955 e 1980 realizou numerosas doazóns ao Museo Provincial de Lugo, entre as que se contan obras pictóricas e pezas de incalculable valor, como o torque de Burela e o carneiro alado de Ribadeo, ademais de brazaletes, arracadas e pulseiras de ouro de tradición celta. No 2009 unha sentenza xudicial deu a razón aos seus herdeiros, que reclamaban a reversión das devanditas doazóns.
Recoñecementos[editar | editar a fonte]
Foi nomeado Fillo Predilecto da cidade de Lugo.
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Casou en Lugo con Antonia Arias Vázquez en marzo de 1931.[6]
Notas[editar | editar a fonte]
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Os outros legados de Álvaro Xil. Nós Diario (2017)
- Perfecto Conde Muruais (3 de outubro de 1980). "Murió Alvaro Gil, impulsor de la cultura gallega". El País.
- Álvaro Gil Varela na páxina web Nomes e Voces.