Francisco Javier Sánchez Cantón
Francisco Javier Sánchez Cantón, nado en Pontevedra o 14 de xullo de 1891 e finado en Ponte Muíños (Lourizán, Pontevedra) o 27 de novembro de 1971, foi un historiador galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Foi fillo de Javier Sánchez Cervela (natural de Oleiros (Silleda, Pontevedra) e Hortensia Cantón Alvarado (natural de Castro Caldelas (Ourense). Tivo dous irmáns, mortos ó nacer (o maior) e de meninxite (o menor).[1]
Con dezaseis anos foi premiado polo seu traballo sobre o cristianismo social, publicado en 1907 en colaboración con Erasmo Buceta, á vez que fora galardoado, nese mesmo ano, por un ensaio verbo da influencia da literatura galega na literatura española.
Estudou Filosofía e Letras, na Universidade de Madrid, doutorándose en 1913 coa tese "Los pintores de cámara de los reyes de España". Nesta mesma universidade ocupou a cátedra de Literatura galaico-portuguesa. Foi catedrático de Teoría da Literatura e das Artes na Universidade de Granada. Despois deu clases de Historia Xeral da Arte na Universidade Central, da que foi vicerreitor desde 1958.
A participación de Sánchez Cantón foi fundamental para a creación do Museo de Pontevedra, e foi, no ano 1927, un dos patróns fundadores deste museo, xunto con Casto Sampedro Folgar, Castelao, Daniel de la Sota, Antón Losada Diéguez, José Millán, López de la Ballina, Xosé Filgueira Valverde e Raimundo Riestra Calderón. Con algúns deles tamén formou parte do Club Karepas. Cómpre destacar tamén a doazón que fixo ó Museo do seu arquivo e biblioteca.
Entre outras moitas actividades, promoveu distintas publicacións en galego e realizaou numerosos traballos biográficos, artísticos e históricos. En 1950 recibiu a Primeira Medalla de Ouro da cidade de Pontevedra e foi declarado Fillo Adoptivo da provincia.
Foi nomeado subdirector (en 1922) e director (en 1960) do Museo do Prado, onde realizou un importante labor de reorganización de salas. Foi membro da Española (en 1949), da academia de Belas Artes (1925) e director da Real Academia da Historia (en 1934). Presidiu a Xunta Iconografía Nacional e foi nomeado protector da Fundación Lázaro Galdiano e vicedirector do Instituto Diego Velázquez de Historia da Arte.
En 1943, xunto a outros persoeiros como Xesús Carro, Otero Pedrayo, Bouza-Brey ou Filgueira Valverde, participou na creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, da que foi primeiro presidente.
Na súa bibliografía, de sentido crítico e coñecemento do tema, destacan Los Pintores de Cámara de Los Reyes Católicos (1916), Los Retratos del Museo del Prado (1919), Los Tapices de la Casa del Rey (1919, en colaboración con Elías Tormo), Fuentes literarias para la Historia del Arte Español (5 volumes, 1923-1943), Dibujos de antiguos maestros españoles (1933), Los dibujos de Goya (2 volumes, 1952). Con carácter póstumo publicouse o libro Pontevedra y los Pontevedreses. Inéditos e dispersos (Museo de Pontevedra, 1973). Filgueira chega a contabilizar máis de oitocentos títulos publicados.[2]
Leva o seu nome un instituto na súa cidade natal.[3]
Sánchez Cantón e Castelao
[editar | editar a fonte]Xunto outros amigos de Castelao, Sánchez Cantón encargouse persoalmente de xestionar a edición do Álbum Nós.
En 1929, Filgueira escribe a Sánches Cantón a idea de presentar o álbum no Museo de Pontevedra, sobre facistois,[4] pero finalmente non calla o proxecto.
En 1930 a edición dos debuxos de Castelao como álbum, grazas a que Iglesias Vilarelle e Claudio Losada, se ofrecen a afrontar os gastos da impresión (xunto á participación menor de Paz Andrade, Tabucho Pintos Fonseca e o propio Castelao). Sánchez Cantón encargouse de negociar a edición coa imprenta Hauser y Menet, supervisando directamente tódolos detalles: a el se debe a decisión da encadernación con fitas de coiro, a elección do papel de cor óso ou o feito de que tódolos textos estivesen escritos á man polo artista e non con letra de imprenta. Finalmente, o 15 de febreiro de 1931, Castelao recibe as primeiras probas de imprenta e escribe o seguinte a Sánchez Cantón:[5]
"Recibín as probas que me mandaches... Están ben, ben, ben.Fiquei co-a boca aberta e se che digo a verdade pareceume mellor que o orixinal... O tono de coor paréceme axeitado e o mesmo papel de coor hoso axuda moito... Penso que imos facer o mellor que se veu por eiquí... Todo canto ti dispoñas estará ben. Teño en ti tod'a confianza que se pode ter"Carta de Castelao a Sánchez Cantón, 15.02.1931
Galería
[editar | editar a fonte]-
IES que leva o seu nome.
-
Foto do alumnado de 1923 no Instituto de Pontevedra, actual IES Sánchez Cantón.
-
Sánchez Cantón foi un dos ideólogos do Museo de Pontevedra.
-
Nicho no cemiterio de Santo Amaro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sánchez Cantón: "De sus memorias", en Pontevedra y los Pontevedreses, 197-198.
- ↑ Filgueira Valverde: Gran Enciclopedia Galega, 2003, s. v. Sánchez Cantón, Francisco Javier.
- ↑ Páxina principal do IES Sánchez Cantón en Pontevedra
- ↑ Un facistol é ese atril grande, de madeira e de catro caras que se utilizaba nas igrexas e coros, e no que se colocaban os libros de canto e litúrxicos.
- ↑ Catálogo da exposición "Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936", Museo de Pontevedra 28.06 a 11.09.2016, pp. 257-258.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-54). Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores (en castelán). Bibliófilos Gallegos.
- Sánchez Cantón, Francisco Javier (1973). Pontevedra y los Pontevedreses. Inéditos y dispersos. Museo de Pontevedra.
- Fernández del Riego, F. (1990). Diccionario de escritores en lingua galega. Do Castro. ISBN 978-84-7492-465-7.
- Filgueira Valverde, Xosé (2005). "Sánchez Cantón, Francisco Javier". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Dicionario biográfico de Galicia. Ir Indo Edicións. 2010-2011.
- Aparisi, Luis M. (2016). Gallegos en la Real Academia Española (PDF) (en castelán). Asociación Cultural da Vieira.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Museo Provincial de Pontevedra
- Museo do Prado
- Real Academia de la Historia
- Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento
- Lista de directores do Museo do Prado
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía de Sánchez Cantón Arquivado 25 de marzo de 2010 en Wayback Machine., páxina do Museo de Pontevedra.
- Expediente e notas no Instituto de Pontevedra
- Ex libris que debuxou Castelao para Sánchez Cantón coa imaxe do Apóstolo Santiago no parteluz do Pórtico da Gloria Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
- Historiadores de Galicia
- Nados en Pontevedra
- Nados en 1891
- Finados en 1971
- Directores do Museo do Prado
- Académicos da Real Academia da Historia
- Escritores en lingua castelá
- Académicos da Real Academia de Belas Artes de San Fernando
- Membros de honra da Real Academia Galega
- Catedráticos da Universidade de Granada
- Académicos da Real Academia Española
- Profesores da Universidade Central de Madrid