María de los Dolores del Adalid y González Garrido, máis coñecida como María del Adalid González[1] (e mesmo María del Adalid Garrido),[2] nada en Madrid en 1873 e finada na Coruña o 18 de xaneiro de 1930, foi unha pintora galega, membro de honra da Real Academia Galega.
Foi filla única dos coruñeses Francisca González Garrido (Fanny Garrido), escritora, e Marcial del Adalid, músico destacado, que finou en 1881, cando María contaba con oito anos de idade. Formouse na Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Tivo boa relación co tamén pintor Francisco Lloréns. Obtivo mencións de honra nas exposicións nacionais de Belas Artes de 1904, 1906 e 1909. Participou na Exposición de Arte Rexional da Coruña de 1912, na Exposición de Arte Galega da Coruña de 1917[3] e na Exposición de Arte Gallega de Buenos Aires de 1919.[4]
A súa nai morreu en 1917 e María casou o 19 de xullo de 1919 con José Ruiz de Huidobro (†1924),[5] doutor en Medicina e Farmacia, no Pazo da Mercé de Baiona.[6]
En marzo de 1926 doou un terreo da súa propiedade en Montrove, para a creación dunha escola, que leva o seu nome e que contribuíu a edificar.[7]
O pazo familiar legóullelo aos salesianos para que fixesen unha granxa-escola,[2] hoxe propiedade do Concello de Oleiros e sede do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña.[12] Finou viúva e sen descendencia no seu domicilio do número 26 da
rúa Tabernas, da Coruña.[6]