Antón Villar Ponte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Antón Vilar Ponte")
Antón Villar Ponte
Detalle do Billete quilométrico de Villar Ponte co garimbo Cortes Generales. Arquivo RAG.jpg
Antón Villar Ponte foi un dos intelectuais galegos máis destacados da súa época.
Datos persoais
Nacemento 2 de outubro de 1881
Lugar Viveiro, Lugo Galicia Galicia
Falecemento 4 de  marzo de 1936 54 anos
Lugar A Coruña Galicia Galicia
Soterrado
Soterrada
Residencia
Nacionalidade
Cónxuxe Micaela Chao Maciñeira [1]
† 27/11/1928
Fillos Antonio Villar Chao futbolista
María del Carmen Villar Chao
Relixión
Actividade
Lingua
Lingua Galego, castelán
Período
Debut
Movemento
Xéneros Ensaio, comedia, teatro
Princ. obras
Influencias
influíu {{{influíu }}}
Alma máter Santiago de Compostela
Estudos Licenciado en farmacia
Ocupación Xornalismo
Profesión
Organización Irmandades da Fala
Cargos
Premios
Sinatura de A. Villar Ponte.jpg
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 1977.

Antón Villar Ponte[2] [3] [4] [5] [6] [7] [8] [9] [10] (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte[11] [12] [13]), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, inda que exerceu o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos, ...) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1977.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dedicatoria a Murguía no libro Nuestra afirmación regional, 1916.

Pertencente a unha familia de clase media e ideoloxía monárquico-conservadora, estudou nos institutos de Lugo e Santiago.[11] e fundou o semanario republicano Nueva Brisa en 1899.[10] Durante a súa carreira participou no movemento republicano e colaborou en El Combate. Licenciouse en farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1901 e dende 1904 rexentou unha botica en Foz. Actuou como secretario do comité republicano que presidía Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo e colaborou esporadicamente coa Revista Gallega de Galo Salinas.

Fundouse aquí…. Placa na Coruña.

En 1906 marchou a Madrid onde se adicou ao xornalismo, ingresando na redacción do republicano El País. En 1907 foi redactor da coruñesa Tierra Gallega. Emigrou a La Habana en maio de 1908, onde tamén traballou en diarios e revistas como Follas Novas e foi nomeado secretario da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega. En Cuba contactou con Ramón Cabanillas. En 1910 volveu a Galiza, establecéndose na Coruña. Colaborou nas páxinas de varios xornais e revistas: Germinal, La Voz de Galicia (1911-1917) que o envía a cubrir a información da revolución portuguesa, Nós (dende 1920), El Pueblo Gallego, El Noroeste, Galicia. Diario de Vigo, Alborada de Pontevedra, Alborada de Monforte de Lemos, Claridad, O Irmandiño, Mi Tierra, El Agrario Barcalés, Faro Villalbés, Ser, El Momento, El Heraldo Gallego, Mariñana, Céltiga..., que foron a palestra dende a que espallou o seu ideario. Relacionouse con Rodrigo Sanz e Aurelio Ribalta. Ribalta realizou un chamamento dende a revista Estudios Gallegos para defender a lingua galega en 1915. O 5 de xaneiro de 1916 Antón Villar Ponte recolleu a chamada de Aurelio Ribalta e comezou dende as páxinas de La Voz de Galicia unha campaña para a creación dunha Liga de Amigos do Idioma Galego e en marzo publicou o folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro). Nuestra afirmación regional, no que volve sobre a cuestión da defensa, dignificación e fomento do uso da lingua galega.

A. Villar Ponte na Coruña, en 1927, con Álvaro Cebreiro, Bernardino Machado e as fillas deste.

O 18 de maio de 1916, Villar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron arredor de vinte persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luís Porteiro Garea, Francisco Tettamancy ou Ramón Villar Ponte, irmán de Antón, entre outros. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala, que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua galega, e nomeouse a Antón Villar Ponte como Primeiro Conselleiro. Canda Lois Peña Novo e Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte dirixiu o voceiro escrito das Irmandades da Fala, A Nosa Terra, que apareceu en novembro de 1916. Presidiu a Asociación da Prensa Coruñesa. En 1919 colaborou na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que traduciu autores estranxeiros ao galego.[3] Foi membro do Seminario de Estudos Galegos. Foi elixido membro de número da Real Academia Galega, a proposta de Eladio Rodríguez González, Félix Estrada Catoyra e Francisco Ponte y Blanco, lendo o discurso de ingreso, O sentimento liberal na Galiza,[14] con limiar de Sebastián Martínez Risco e resposta de Otero Pedrayo, en xullo de 1934, publicado por primeira vez en 1977 nos obradoiros tipográficos da Editorial Moret, na Coruña.[15] Moitas das súas propostas (inseridas no traballo das primeiras Irmandades da Fala), foron posteriormente asumidas por símbolos do galeguismo como Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Deputados galegos de 1931. Entre outros: Suarez Picallo (o primeiro pola esquerda), Rodríguez Cadarso, Castelao, Novoa Santos, Villar Ponte e Otero Pedrayo.[16]

Na súa traxectoria política foi un dos fundadores da ORGA (1929) e, como membro dela, foi elixido deputado da Federación Republicana Gallega pola provincia da Coruña nas eleccións de xuño de 1931. En 1934 incorporouse ao Partido Galeguista e volveu ser electo nas eleccións de febreiro de 1936 na candidatura da Fronte Popular, inda que non chegou a prometer o cargo nin presenciar o plebiscito do Estatuto de Galicia de xuño, pois morreu en marzo por mor dunha perforación gástrica.[11]

Ideario[editar | editar a fonte]

O traballo e as reflexións de Villar Ponte contextualízanse nun momento de desenvolvemento intelectual e estético en toda Europa, e que en Galiza coincidiu co agromar de dúas posturas enfrontadas no seo do galeguismo. Dunha banda, a corrente culturalista (de dereitas, personificada por Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas) e, da outra, a máis activista politicamente (de esquerdas, con Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao ou Víctor Casas).

De feito, A. Villar Ponte faría parte deste segundo grupo, xuntamente con Johán Vicente Viqueira. A súa propia visión do nacionalismo galego inclúeo dentro desta corrente, pois defendía construír os sistemas políticos desde a racionalidade e desde o servizo ás persoas, xa que consideraba as persoas de forma individual e non como ente abstracto (contrariamente do que defendían os culturalistas).

Igualmente, prescindía das paixóns e apelaba á racionalidade. Estes razoamentos, en principio críticos co nacionalismo galego, utilizounos contra o nacionalismo español:

¿Incondicionaes d'Hespaña? A incondicionalidade é escravitú. A incondicionalidade inda non se da no senso natural para que poida dárese no senso político. Condicional é o mais respetabre da vida: a relación entre pais e fillos, dentro da familia. ¿Cómo poden existir parvos que falen da santa incondicionalidade a un Estado, sempre cousa artificiosa e mudabre.[17]

E é que, segundo Villar Ponte, os sistemas sociais constrúense historicamente pola humanidade, co que acontecería o mesmo cos conceptos nación e estado: se os constrúen os seres humanos, non son realidades eternas nin feitos que determinen ou deban determinar, en principio, unha imposición moral para as persoas. Este punto de vista bate frontalmente co tipo de discurso historicista que predominaba nos nacionalismos do século XIX e de comezos do XX.

Portada dunha edición facsimilar de Almas mortas.

Obra bibliográfica[editar | editar a fonte]

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916)
  • Os nosos valores (1920). Conferencia lida na Sociedade Económica de Santiago, publicada en A Nosa Terra, nº 120.[18]
  • Do cosmopolitismo, do universalismo e da mansedume galega (1921), traballo lido na "Oliva" de Vigo, A Nosa Terra nº 139.[19]
  • O sentimiento liberal na Galiza, discurso de ingreso na RAG en 1934.[14]
O Mariscal.

Teatro[editar | editar a fonte]

  • Do caciquismo: A patria do labrego (1905)[20]
  • Da superstición. Entre dous abismos (1920)[21]
  • Da emigración: Almas mortas: novela dialogada cómico tráxica en tres estancias (Editorial Céltiga, 1922)
  • O Mariscal (1926). Canda a Ramón Cabanillas, con debuxos de Álvaro Cebreiro. Ediciós Lar.[22]
  • Teatro galego: tríptigo (Nós, 1928). Inclúe: Do caciquismo: a patria do labrego; Da emigración: almas mortas e Da superstición: entre dous abismos.
  • Os evanxeos da risa absoluta: anunciación do antiquixote. Folk-drama da sinxeleza campesina (Nós, 1934).
  • Nouturnio de medo e morte, bárbara anécdota realista en dous tempos (sin literatura) que puido andar nos romances dos cegos (Nós, 1935)[23]
  • A festa da malla. Ed. de Dolores Vilavedra et al. Col. Os libros do Centro Dramático Galego (1997, Xerais). ISBN 978-84-8302-100-2.[24]

Amais, traduciu obras clásicas de William Shakespeare ou Molière.[12]

Escolmas e estudos[editar | editar a fonte]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Antón Villar Ponte foi o animador de toda unha xeración.[30]  
Carné das Irmandades da Fala asinado por A. Villar Ponte.  
Carta de Villar Ponte a Bernardino Machado.  
Nun acto de homenaxe a Pondal no centenario do seu nacemento.  

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ínsua López, E. X. (2004). Antón e Ramón Villar Ponte. Unha irmandade alén do sangue Cadernos Ramón Piñeiro, VII. CIRP.[1]
  2. Adoitaba asinar «A. Villar Ponte». Hemeroteca Virtual da RAG
  3. 3,0 3,1 3,2 "Figuras homenaxeadas. Antón Villar Ponte". Real Academia Galega. 
  4. "Membros da Academia. Antón Villar Ponte". Real Academia Galega. 
  5. "Villar Ponte, Antón". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e Edicións do Castro. 2006. p. 2181. 
  6. "Villar Ponte, Antón". Enciclopedia Galega Universal 16. Ir Indo. p. 390-391. ISBN 84-7680-288-9. 
  7. "Villar Ponte, Antón". Diccionario enciclopédico galego universal 59. Ir Indo para La Voz de Galicia. p. 99. ISBN 84-7680-429-6. 
  8. "Villar Ponte, Antón". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo. pp. 314–315. 
  9. Fernández del Riego, F. (1971) [1951]. Historia da Literatura Galega (2ª ed.). Vigo: Galaxia. pp. 174–176. 
  10. 10,0 10,1 Vilavedra, D. (coord), Cochón, I. et al (1995). Diccionario da Literatura Galega, volume I (Autores), pp. 617-618. Galaxia. ISBN 84-8288-019-5.
  11. 11,0 11,1 11,2 Monterroso Devesa, X. M.; Baramendi, X. et al.: "Vilar Ponte, Antón" na GEG.
  12. 12,0 12,1 Gómez Sánchez, A.; Queixas Zas, M. (2001). Historia xeral da literatura galega (1ª ed.). A Nosa Terra. pp. 229, 232–233. ISBN 84-95350-79-3. 
  13. Antón Vilar Ponte. Biblioteca Virtual Galega Universidade da Coruña.
  14. 14,0 14,1 "O sentimento liberal na Galiza, discurso lido o día 24 de xullo de 1934 no acto da súa recepción..." (PDF). 
  15. Dossier de prensa do ingreso de Antón Villar Ponte e Alfonso Rodríguez Castelao...
  16. "Dúas entrevistas...". Factoría Ronsel. 27 de marzo de 2014. 
  17. "Discursos a nazón galega", en A Nosa Terra, nº 75, 15 de decembro de 1918, p. 4.
  18. 18,0 18,1 Escolma de textos do libro Pensamento e sementeira, Terra e Tempo, 18 pp
  19. Hemeroteca da Deputación de Pontevedra.
  20. Ficha dunha edición de A patria do labrego (La Voz de Galicia, 2002) en Google Books.
  21. Entre dous abismos Biblioteca Virtual Galega.
  22. Ínsua López, E. X. (2005). Sobre 'O Mariscal', de Cabanillas e Villar Ponte. UDC. ISBN 84-9749-144-0.
  23. Nouturnio de medo e morte, bárbara anécdota realista en dous tempos...
  24. A festa da malla na Biblioteca Nacional de España.
  25. Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
  26. Pensamento e sementeira. Leiciós de patriotismo galego. Imaxe da portada
  27. Imaxe da portada de Castelao, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Villar Ponte. Discursos Parlamentarios (1931-1933).
  28. Imaxe da portada de Xuana de Vega ou «Os mártires».
  29. Imaxe da portada de 100 Artigos de Antón Villar Ponte
  30. High-contrast-camera-video.svg Ledo Andión, Margarita: "1977" 1'32'', YouTube.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Antón Villar Ponte Modificar a ligazón no Wikidata
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Antón Villar Ponte
Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Antón Villar Ponte

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]