Antonio Villar Chao
Chao | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Antonio Villar Chao | ||
Nacemento | 26 de marzo de 1921 | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Falecemento | 23 de maio de 2000 | ||
Lugar de falecemento | Estados Unidos de América | ||
Posición | Dianteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1939–1949 | Deportivo da Coruña | 177 | (58) |
1949–1951 | CD Málaga | 26 | (3) |
1951–1953 | América | 24 | (4) |
1954 | Xuvenil | 5 | (3) |
Adestrador | |||
1955–1956 | Xuvenil | ||
1956–1957 | Fabril | ||
1957–1958 | Galicia (xuvenil) | ||
1959–1960 | Deportivo Celta | ||
1960 | Deportivo Galicia | ||
Sporting Coruñés (Venezuela) | |||
1970–1971 | Galicia (xuvenil) | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Antonio Villar Chao, nado na Coruña o 26 de marzo de 1921 e finado nos Estados Unidos o 23 de maio de 2000, foi un futbolista e adestrador galego. Xogaba de dianteiro.
Fillo do galeguista Antón Villar Ponte, destacou principalmente no Deportivo da Coruña, no que xogou durante dez tempadas e tivo un destacado papel na tempada do primeiro ascenso do club á Primeira División, con 18 goles. Posteriormente militou no Málaga, o América de México e o Xuvenil, antes de comezar unha carreira de adestrador na propia Galicia e en Venezuela.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Xogou como infantil e xuvenil na Unión Sportiva de Santa Lucía e en 1939 pasou ao Deportivo.[1][2] Na tempada 1941–42 debutou co Deportivo da Coruña en Primeira División, estreándose da man do adestrador Celso Mariño na xornada 4, nunha derrota fronte o Celta de Vigo a domicilio (2–1), no que supuxo o primeiro derbi entre dous equipos galegos na máxima categoría. O seu primeiro tanto chegou na xornada 13, nun empate fronte o Real Oviedo (1–1). Foi un habitual da dianteira coruñesa, compartindo posto con Cuca, Caballero e Elícegui. O equipo logrou un cuarto posto na táboa.
Co Deportivo viviu dous descensos a Segunda División (nas tempadas 1944–45 e 1946–47), con ascensos consecutivos. O seu récord goleador logrouno na tempada 1940–41, a do primeiro ascenso a Primeira do club, na que logrou 18 tantos en Segunda División, tres deles na fase de promoción. Ao remate da tempada 1948/49, na que anotou 10 goles en Primeira, abandonou a disciplina branquiazul despois dunha década no club.
Na tempada 1949–50 fichou polo CD Málaga, onde permaneceu dúas campañas. En 1950 xogou en México coa selección de España B e acabou pasando ao fútbol mexicano, ingresando no Club América en 1951.[3] Na súa primeira tempada no equipo mexicano tivo como adestrador a José Luis Borbolla, ex compañeiro seu do Deportivo. Con todo, nin Borbolla nin o seu substituto uns meses despois, Donato Alonso, contaron moito co xogador galego, que disputou só 5 partidos esa tempada. Coa chegada do técnico Octavio Vial Chao comezou a xogar habitualmente e a marcar goles ata que unha lesión lle fixo perder case todo o que restaba de tempada.[4]
Volveu a Galicia en 1953, e xogou no Xuvenil os últimos partidos da tempada 1953/54, marcando un triplete no partido contra o Atlético Zamora en Riazor e contribuíndo ao ascenso do equipo coruñés á Segunda División.[5][6]
Comezou despois a súa carreira como adestrador, facéndose cargo en xullo de 1955 do Xuvenil, ao que adestrou ata a súa dimisión en abril de 1956.[7][8] Na tempada 1956/57 adestrou o Fabril e logo estivo á fronte da selección galega de xuvenís.
En 1958 emigrou a Venezuela, onde adestrou en Primeira División ao Deportivo Celta e logo ao seu sucesor, o Deportivo Galicia.[9] Máis tarde adestrou o Sporting Coruñés, co que se proclamou campión do Torneo Ibérico na tempada 1967/68.[10] Regresou a Galicia en 1970,[11] volvendo poñerse á fronte da selección galega xuvenil ata 1971, cando marchou de novo a Venezuela.[12]
Morreu nos Estados Unidos mentres se trataba dunha infección.
Vida persoal[editar | editar a fonte]
Era fillo do galeguista Antón Vilar Ponte, sobriño de Ramón Villar Ponte e curmán do pintor José Ramón Villar Chao.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Xan Fraga Rodríguez "Chao, a esquerda galeguista do Deportivo". Terra e Tempo, 29 de agosto de 2011
- ↑ "El rapaz de Santa Lucía". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de decembro de 1992. p. 102.
- ↑ "Las figuras europeas que han pasado por el América" Yahoo Deportes, 2 de xaneiro de 2018
- ↑ "Chao, un español tratando de conquistar América" (en castelán). 24 de agosto de 2013. Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ "Chao vuelve al futbol y mañana jugará con el juvenil en Marín". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de marzo de 1954. p. 4.
- ↑ "Chao se emocionó al jugar nuevamente en el estadio". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de abril de 1954. p. 7.
- ↑ "Chao, nuevo entrenador del Juvenil". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xullo de 1955. p. 4.
- ↑ "La dimisión de Chao". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de maio de 1956. p. 5.
- ↑ "Camilo Temes también dijo presente en el fútbol de colonias en Venezuela" (en castelán). 20 de outubro de 2018. Consultado o 25 de marzo de 2021.
- ↑ "Los coruñeses, en el fútbol de Venezuela". La Voz de Galicia (en castelán). 28 de decembro de 1963. p. 5.
- ↑ "Chao regresa de Venezuela". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de agosto de 1970. p. 18.
- ↑ "Carlos Torres ya fue seleccionador en Venezuela". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xaneiro de 1971. p. 12.