Galicia. Diario de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Galicia. Diario de Vigo.

Galicia. Diario de Vigo foi un xornal de ideoloxía galeguista que se editou en Vigo entre o 25 de xullo de 1922 e o 15 de setembro de 1926.

Nacemento[editar | editar a fonte]

O promotor do xornal foi don Ernesto Cádiz Vargas, cónsul honorario de Chile na Coruña, que ofreceu o posto de Xefe de Redacción a Valentín Paz-Andrade a través de José García Acuña e Villar Ponte.

A xuntanza fundacional do Galicia tivo lugar no Hotel Continental de Vigo, na primavera de 1922, e a ela asistiron Ernesto Cádiz Vargas, Valentín Paz Andrade, Castelao, Losada Dieguez e Manuel Lustres Rivas. Un dos puntos a debatir nesa primeira reunión foi o nome do diario, e aínda que se pensou no nome Atlántico, finalmente elixeuse o nome Galicia. Como liñas ideolóxicas do novo xornal establecéronse a independencia política, a defensa dos intereses galegos e a rehabilitación plena da personalidade de Galicia. Nesa primeira reunión tamén se decideu a data de saída á rúa, que a proposta de Castelao, foi o 25 de xullo (Día de Galiza) dese mesmo ano.

Para organizar o taller o impresor Manuel R. Moret, trasladouse durante un tempo dende a Coruña a Vigo.

O que ía ser o primeiro editorial foi redactado por un funcionario retirado sen experiencia periodística, que Ernesto Cádiz Vargas escollera para o posto de director: Felipe Lavandeira. Valentín Paz-Andrade tras ler ese editorial presentou a súa dimisión. [1]

Eu así non saio. Veño a facer un periódico democrático e galeguista, e se non confesa dende o primeiro momento que vai a estar o servicio de Galicia, sin depender de ningún credo político e ser absolutamente independiente, eu non participo.

Valentín Paz-Andrade [2]

O propietario aceptou as obxecións do que ía ser redactor xefe, e foi Felipe Lavandeira quen abandonou o xornal. Valentín Paz-Andrade foi nomeado director e escribeu un novo editorial para o número de saída. Manuel Lustres Rivas foi nomeado xefe de redacción.

Colaboradores[editar | editar a fonte]

Entre os seus colaboradores máis asiduos estiveron Antón Losada Diéguez, Antón Villar Ponte, Ramón Villar Ponte, Vicente Risco, Xaime Quintanilla, Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Xosé Núñez Búa, Fermín Bouza-Brey, Rafael Dieste ou Roberto Blanco Torres (Fray Roblanto) que foi xefe de redacción cando Manuel Lustres Rivas emigrou a Arxentina. Castelao publicou no xornal caricaturas baixo o título de "Cousas da Vida", que se fixeron inmensamente populares en case toda Galicia.

Relevancia no xornalismo galego[editar | editar a fonte]

O xornal converteuse nun modelo para a prensa galega, con características avanzadas para a súa época [3], cunha orientación ideolóxica plural comprometido cos intereses galegos[4], logrando converterse no terceiro xornal de Galicia cunha tiraxe de 12 000 exemplares [5].

Un deses fitos fundamentais para a configuración da nova conciencia galega que as Irmandades da Fala agromaron foi, de certo, o xornal Galicia, non só por ser un aglutinante eficaz das plumas máis prestixiosas do galeguismo, poñéndoas ao alcance de gran número de lectores, senón tamén polo pulo renovador que desenvolveu dentro do panorama do xornalismo galego.

Ramón Piñeiro [6]

Algunhas das características novedosas que o xornal Galicia incorporou para a prensa galega foron o editorial fixo (baixo a rúbrica "Los hechos y los días"), a caricatura diaria e contar cun importante cadro de persoal fixo de colaboradores.

Os domingos publicaba un suplemento literario co título de Letras e Artes, no que colaboraron boa parte da intelectualidade galega da época.

Enfrontamento coa ditadura de Primo de Rivera[editar | editar a fonte]

O 13 de setembro de 1923, tras un golpe de estado, iniciouse a ditadura do Xeneral Primo de Rivera. O día 14 o editorial da galicia remataba con estas verbas:

No esperamos que la regeneración política de España pueda venir de los cuarteles

O novo réxime político impuxo a censura previa.

O gobernador militar de Pontevedra, Ángel Rodríguez del Barrio, publicou un artigo no xornal El Pueblo Gallego combatindo un proxecto que demandaba un ferrocarril de Vigo á fronteira francesa, defendendo que era preferible mellorar as comunicacións con Madrid. O artigo foi contestado por un editorial no Galicia, Valetín Paz-Andrade multado e enviado á cadea por quince días. Os traballadores de artes gráficas de Vigo fixeron unha folga de solidariedade por un día no que ningún xornal saíu a rua.

A finais de 1925 o Goberno Civil de Pontevedra decreteu a suspensión indefinida do Galicia. Pola intercesión de Xosé Palacios Ramilo e Xosé Bermúdez Lapuente, conde de Castelo, fronte o Ministro da Gobernación, xeneral Severiano Martínez Anido, a orde de suspensión foi revocada.[4]

Peche[editar | editar a fonte]

Cádiz Vargas abandonou a empresa editora, o xornal continuaba a ser perseguido pola ditadura, atopábase descapitalizado e tivo conflitos cos traballadores de artes gráficas. Nesa situación, por causas principalmente económicas desapareceu o 15 de setembro de 1926.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Paz-Andrade, Valentín (2012). "XII A TRIBUNA DIARIA DA GALEGUIDADE". Castelao na luz e na sombra. Galaxia. ISBN 9788498654349. 
  2. (29 de abril de 1982), páxina 14, "Galicia", historia de un intento frustrado. La Voz de Galicia
  3. López García, Xesús (ed.) (2004): O xornal «Galicia» (1922-1926). O alento da modernidade, Vigo: Consello da Cultura Galega/Promocións Culturais Galegas, p. 7
  4. 4,0 4,1 Víctor F. Freixanes (1982): Unha ducia de galegos, Vigo: Ed. Galaxia, 2a ed, p. 46 (entrevista a Valentín Paz Andrade)
  5. Rosa Aneiros Díaz e Xosé López García "Unha nova maneira de concibir o xornalismo: O Galicia, Diario De Vigo (1922-1926)" en Rosa Aneiros e Xosé López (2007) Comunicación e cultura en Galicia e Portugal. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, p. 294
  6. "Presencia de Valentín Paz Andrade no galeguismo", en Varios: Homenaje a Valentín Paz Andrade, Diputación Provincial de Pontevedra, Vigo 1991. ISBN 84-86845-71-8.
  7. Obelleiro, Paola (2 de maio de 2012). "La memoria periodística de 'Galicia'". El País. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]