Editorial Céltiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Céltiga foi unha editorial creada polas Irmandades da Fala de Ferrol en 1921 co obxectivo de publicar obras galegas en prosa, cubrindo así o baleiro que se observaba respecto á poesía. Foi pechada na ditadura de Primo de Rivera en 1923.

Historia[editar | editar a fonte]

Portada dunha edición facsimilar de Almas mortas.

O equipo directivo estaba formado polo fundador e director Xaime Quintanilla Martínez, o secretario Fiz Álvarez do Castelo, o administrador Manoel Morgado e o xerente Ramón Villar Ponte.

Contou como colaboradores cos personaxes máis representativos e máis comprometidos do momento coa defensa do galego como lingua de cultura: Vicente Risco, Castelao, Antón Villar Ponte, Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Eladio Rodríguez González etc.

As primeiras obras publicadas foron Alén do propio Quintanilla; Trebón de Armando Cotarelo Valledor; Mal de moitos e Trato a cegas de Euxenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Xa en 1922 publicou Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao; Saudade de Quintanilla; A i-alma de Mingos de Francisca Herrera Garrido; A Santa Compaña, de Roberto Nóvoa Santos; ou Almas mortas de Antón Villar Ponte. Os libros que editaba levaban portadas debuxadas por artistas da talla de Castelao, Camilo Díaz Baliño, Imelda Corral ou Álvaro Cebreiro. Tamén se publicaron nesta editorial libros de contos de Euxenio Montes e de Evaristo Correa Calderón.

A ditadura de Miguel Primo de Rivera acabou coa editorial ordenando o seu peche en 1923. Nese momento estaba preparando a publicación de A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán, de Vicente Risco, que finalmente foi editado por Lar, sucesora de Céltiga.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]