Follas Novas (A Habana)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Follas Novas
PaísCuba
Fundación1897
Na rede
Galiciana: 577336
editar datos en Wikidata ]

Follas Novas foi un semanario publicado na Habana, Cuba, editado de 1897 a 1909.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Subtitulado Revista semanal ilustrada, apareceu o 6 de xuño de 1897. O título está inspirado no poemario homónimo de Rosalía de Castro. Na terceira páxina aparece o subtítulo Semanario científico, literario y defensor de la Colonia gallega. Os fundadores e propietarios foron Francisco J. Ramil e Antonio de P. Cea, sendo este último o director ata 1907, ao que sucederon Adelardo Novo Brocas, Alfredo Fernández, Pascual Aenlle, Antón Villar Ponte e novamente Adelardo Novo. Como redactor figurou José Baña Pose. Na presentación inicial enviáballes un saúdo á prensa cubana e a El Eco de Galicia.

Cabeceira do 19/01/1908. Ano XII, n.º 555.

Follas Novas publicouse uns meses despois de desaparecer La Tierra Gallega, e en plena guerra pola independencia, pero non axitou a bandeira colonialista nin dedicou unha soa liña a defender ao colonizador.

Entre os seus colaboradores figuraron, en castelán, Benito Fernández Alonso, Basilio Álvarez, Gerardo Álvarez Limeses, Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Murguía, Antón Villar Ponte, Emilia Pardo Bazán, Teodosio Vesteiro Torres e Ramón María del Valle-Inclán. Publicou por entregas La alondra, novela de Álvaro de la Iglesia. En lingua galega hai colaboracións de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal, Francisco Añón, Manuel Amor Meilán, Lisardo Barreiro, Alberto Camino, Nan de Allariz, Evaristo Martelo Paumán, Antonio Noriega Varela, Roberto Blanco Torres, Juan Fernández Merino e Ramiro Gayoso. Publicou por fascículos Campaña da Caprecórneca de Luís Otero Pimentel (e outras colaboracións asinadas como Xan de Outeiro) e ¡A besta! de Xan de Masma.

A través das súas páxinas reflíctese unha preocupación constante pola exaltación da identidade de Galicia. En 1903 sostivo unha polémica con Curros Enríquez a raíz da lectura pública do seu poema "A espiña". O último número conservado corresponde ao 9 de maio de 1909.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]