Teatro das Irmandades da Fala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As Irmandades da Fala marcaron unha nova época no desenvolvemento do teatro en lingua galega. O activismo que parte do ideario político e cultural das Irmandades impulsaría entre 1916 e 1926 unha infraestrutura para o sistema teatral en Galicia e supuxo un salto cuantitativo (número de obras escritas e representadas) e cualitativo (actualización temática e lingüística do xénero).

Antecedentes[editar | editar a fonte]

A situación do teatro galego anterior ás Irmandades da Fala viña marcada negativamente nun dobre sentido: en primeiro lugar, a situación de atraso económico e sociocultural impedía o seu desenvolvemento ao xeito das dramaturxias europeas da época; por outro lado a lingua continuaba sendo vítima de prexuízos e atopábase desvalorizada en contextos cultos.

Existía algún tímido precedente[1] tanto nos Séculos Escuros coma no Rexurdimento, mais o xénero enfrontaba graves carencias: formación de actores e de actrices, produción de obras, falta de compañías que representasen en galego etc. Faltaba ademais o xa de seu escaso en Galicia público burgués, presenza natural nos escenarios da época, porque non adoitaba estar interesado nun teatro que non tivese como vehículo a lingua da metrópole. Ao preconcepto lingüístico engadíanse outros acerca do que se supoñía que estaba en condicións de ofrecer unha dramaturxia de ámbito nacional: apenas, desde esa perspectiva, temáticas e diálogos costumistas de ambientación rural ou mariñeira. Contribuían a eses prexuízos as representacións teatrais bilingües que adoitaban celebrarse na cidade, práctica que se mantivo desde o s. XIX ata ben entrado o XX. Nelas ridiculizábase[2] o pobo galego coa estratexia, entre outras, de converter o idioma nun artefacto deforme e risible, en contraste co pulcro castelán.

Durante a vixencia do rexionalismo autores coma Francisco Mª de la Iglesia, Manuel Amor Meilán e sobre todo Galo Salinas tentaron insuflar nova vida ao xénero, tanto nas urbes coma na emigración. A creación en 1902 da Escola Rexional de Declamación foi un síntoma dos tempos que se aveciñaban.

O teatro galego permaneceu practicamente en silencio ata 1915[3], cando os coros folclóricos e populares incluíron, á marxe da música e da danza, o xénero teatral nos seus espectáculos[4], pezas costumistas, breves e lixeiras que polo demais continuaban a tradición decimonónica a denunciaren o atraso económico ou a emigración.

O pulo das Irmandades[editar | editar a fonte]

A partir de 1916, ano de fundación das Irmandades da Fala, o teatro galego renova as técnicas, actualiza as temáticas e tenta dignificar os modelos de lingua. Aumenta o número de autores e o de obras; tamén o fai a esixencia en canto a forma e contido, xa fose mediante obras orixinais ou traducidas. As Irmandades atendían os ventos de renovación que corrían por Europa, pero o salto cualitativo ten correspondencia máis alá das formulacións teóricas; proliferan os cadros declamatorios afeccionados, a temática das pezas diversifícase e amplíase o público receptor en paralelo á crecente influencia do nacionalismo[5].

Os primeiros nacionalistas galegos consideraron, ao xeito dos irlandeses ao fundaren o Abbey Theatre, que o drama debía ser o gran medio de propaganda que permitiría espallar o seu ideario ao longo do país. No entanto, os problemas de índole práctica para realizar ese proxecto non eran moi diferentes aos que xa encontrara o teatro rexionalista. As dificultades para crear unha infraestrutura teatral -comezando por un elenco mínimo de actores e de actrices- remataban por frustrar os dramaturgos ao non existiren vías para representar as obras, que adoitaban acabar como textos "de lectura"[6].

Para as Irmandades o teatro era ademais unha ferramenta de concienciación lingüística. De aí que a primeira estrea do Conservatorio Nazonal do Arte Gallego que finalmente logran fundar en 1919 fose a "fina comedia costumista[7]" de Ramón Cabanillas A man da Santiña. Nela presentaranse situacións sociolingüísticas que se tiñan por inéditas (persoas falando en galego nun ambiente señorial), combatendo desde a escena a concepción estreita de que o teatro galego só podía expresarse a partir de determinados ambientes e grupos sociais.

Ao se avivar o debate acerca do teatro, a intervención dos intelectuais afectos ás Irmandades axudará a asentar a certeza de que unha obra escrita en castelán non forma de facto parte do sistema teatral galego. Algúns defensores da lingua española aducirán que nesta lingua se chegaría a un público máis numeroso; ao argumento replica[3] con retranca Villar Ponte lembrando que Ibsen, nun idioma “tan limitado” coma o noruegués, conseguira unha fama non precisamente local.

Entre o ano 22 e o 26, o CNAG pasa a chamarse Escola Dramática Galega. A entidade, dirixida por Leandro Carré Alvarellos, volve ceder ao tópico ruralista[7] ao tempo que procura chegar a grandes públicos programando obras sen pretensións, algunhas delas procedentes do repertorio da escena portuguesa.

Durante os anos vinte a chegada da Ditadura de Primo de Rivera, hostil ás nacionalidades sen Estado e ás súas manifestacións culturais, reduce outra vez a folclorismo[4] as actividades dramáticas. A isto cómpre sumar a crise do espectáculo teatral provocada pola irrupción do cinema[8]. Haberá que agardar á chegada dos grandes nomes ligados ao grupo Nós e ás vangardas (V. Risco , Castelao, Rafael Dieste...) para unha revitalización da linguaxe teatral e das concepcións dramatúrxicas.

Autores principais[editar | editar a fonte]

Raros foron os autores máis ou menos coñecidos da época que se situaron á marxe da consigna das Irmandades sobre a necesidade de escribir un teatro moderno, desacomplexado e libre no idioma de Galicia. Adóitanse agrupar en dúas tendencias, unha conservadora (Xavier Prado "Lameiro", Xesús San Luís Romero, Euxenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida) e outra modernizadora representada por autores coma Antón Villar Ponte, Ramón Cabanillas, Xaime Quintanilla, Leandro Carré e Armando Cotarelo Valledor. Seleccionamos algúns[9] de entre a ampla nómina:

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959). Un dos estandartes da promoción, acadou momentos climáticos coma O Mariscal, na opinión dos especialistas Francisco Pillado e Manuel Lourenzo[4], o clásico que a dramaturxia galega precisaba, inspirado ademais no ideario nacionalista das Irmandades. Estrea A man da Santiña (1919), no Conservatorio da Irmandade coruñesa e mostra nela a figura do fidalgo honesto. Conxuntamente con Antón Villar Ponte escribe o drama O Mariscal (1926), peza que eleva o nobre Pardo de Cela á categoría de heroe nacional na resistencia contra Castela.

Antón Villar Ponte (Viveiro, 1881-A Coruña, 1936). Fixera unha primeira incursión no xénero con A patria do labrego (1905), de carácter anticaciquil, pero será coas reivindicativas Entre dous abismos (estreada en 1919), Almas mortas (1922) e O Mariscal, escrita xunto con Cabanillas e editada en 1926, cando a súa escrita corresponderá máis fielmente ao programa inspirado polas Irmandades. Son posteriores Os evanxeos da risa absoluta (1934) Nouturnio de medo e morte (1935) e A festa da malla (1935).

Leandro Carré (A Coruña, 1888-1976). Director da Escola Dramática Galega, actor, escenógrafo, estudoso do teatro e conferenciante, publicou artigos sobre técnica teatral co pseudónimo de Ramón Alvariño e obras coma Rexurdimento (1918), O pecado alleo (1923), Tolerías (1917), Noite de ruada (1918), A venganza (1922) ou Unha noite no muíño (1924), entre moitas outras.

Xaime Quintanilla (A Coruña, 1898-Ferrol, 1936). Publicou Alén (1921), obra que nunca foi representada, con personaxes e ambiente non galegos. Escribiu tamén Donosiña (estreada en Ferrol en 1920), que abordaba temas conflitivos coma o divorcio e o adulterio.

Armando Cotarelo Valledor (A Veiga, 1879- Madrid, 1950). Primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, produciu pezas de teatro de ambiente labrego (Trebón -1922- e Lubicán -1924-), pacego (a bilingüe Sinxebra data de 1923), histórico (Hostia, 1926) e mariñeiro (Beiramar, 1931).

Xavier Prado "Lameiro" (Ourense, 1874-Compostela, 1942). Toda a súa dramaturxia está recollida en dous volumes do ano 1928: Monifates e Farsadas. Son diálogos e sainetes costumistas, de ambientación labrega, que tratan temas coma a emigración desde unha visión humorística.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Tato Fontaíña, Laura (1999). Historia do teatro galego (das orixes a 1936). A Nosa Terra. pp. 9–16. ISBN 84-89976-98-8. 
  2. Tato Fontaíña, Laura (1999). Historia do teatro galego (das orixes a 1936). A Nosa Terra. p. 31. ISBN 84-89976-98-8. 
  3. 3,0 3,1 AA.VV. (2000). Galicia. Literatura. Tomo XXXII: O Século XX. A literatura anterior á Guerra Civil. Hércules de Ediciones. pp. 298 e ss. ISBN 84-89468-75-3. 
  4. 4,0 4,1 4,2 AA.VV (2000). Galicia. Literatura. Tomo XXXII: O Século XX. A literatura anterior á Guerra Civil. Hércules de Ediciones, S.A. pp. 278 e ss. ISBN 84-89468-75-3. 
  5. AA.VV (2001). Literatura Galega. Século XX. A Nosa Terra. p. 31. ISBN 84-95350-33-5. 
  6. AA.VV (2001). Literatura galega. Século XX. A Nosa Terra. p. 32. ISBN 84-95350-33-5. 
  7. 7,0 7,1 Lourenzo, Manuel; Pillado Mayor, Francisco (1979). O teatro galego. Ediciós do Castro. pp. 69 e ss. ISBN 84-7492-013-2. 
  8. Nogueira, Xosé (1997). O cine en Galicia. A Nosa Terra. pp. 148 e ss. ISBN 84-89976-05-8. 
  9. Tato Fontaíña, Laura (1999). Historia do teatro galego. A Nosa Terra. pp. 72–102. ISBN 84-89976-98-8.