Celebrouse no teatro Lugo-Salón[1], hoxe denominado Hotel Méndez Núñez. Contou coa asistencia de 63 persoas, a metade procedente da cidade da Coruña. Estiveron representadas 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais, e mandaron a súa adhesión cinco federacións agrarias, once concellos, máis de 49 Asociacións e numerosas personalidades de Galicia. Da asemblea saíu o "Manifesto Nacionalista", que constituiría a base común de todos os programas do nacionalismo galego ata a guerra civil española. Nel defínese a Galicia como nación, reclámase a autonomía integral de Galicia e a cooficialidade do galego.
Os persoeiros das Irmandades da Fala reunidos en asambleia magna tida na cibdá de Lugo nos dias 17 e 18 do mes da data pra conquerire do Goberno da Sua Maxestade El Rey autonomia integral da Nazón Galega e fixar n-un programa concreto as que coidan testas soluciós ôs problemas que intresan d-un xeito fondonisimo â vida nazonal da Galicia, aprobaron e sosteñen, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, as siguentes conclusiós, que fan públicas pra conocimento e meditazón do pobo Galego, nestora solemne do albeo das nazonalidades que sinten tremelar a sua y-alma e fan xurdir a súa persoalidade.
I
PREVIA
Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexonalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas.
No manifesto publicado, aparecía ó remate o seguinte texto:
Vede, irmáns galegos, o noso programa. Non é nin pode ser nosa verba difinitiva; mais é, por decontado, un berro d´anguria que vos chama e a úneca afirmación creadora feita na nosa patria galega.
Son chegadol-os tempos d´erguere a y-alma e o pensamento de Galicia, e sobor todo a súa soberanía, compreta e sin cativeces. N-isto non caben discusións: Galicia ten direito, un direito fundamental, a ser dona ausoluta de si mesma. Con vountade ceibe faremos nupcias d´amore con outras soberanías, contr´as que non vai nin quér ire a soberanía nosa.
Pensade pois, nas nosas concrusións, feitas pra todol-os galegos. Pró, ademais, sentídeas, practicádeas. Nosos brazos están abertos pr´a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra. O ideial que nos aloumiña vos pide que sintades a Galicia, coma nós no recuncho mais intenso das vosas almas.
Ninguén é inútil pra ista cruzada. A nosa mocedade tén unha santa obriga co-a patria, e agardamos, ateigados do lume inmenso do noso amore, que todo galego dino nos mande súa adhesión á Santa Causa da Redenzón da Nai Terra.
Na cibdá de Lugo, a noite do dazaoito de Samartiño do mil novecentos dazaoito.