Real Academia Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "RAG")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°22′10″N 8°23′40″O / 43.36944, -8.39444

Real Academia Galega
Medalla de Galiza.svg

Colligit. Expurgat. Innovat
Coruña, Real Academia Galega 02-01b.JPG
Placa co logotipo na fachada da sede, na Coruña.
Fundación:30 de setembro de 1906 (112 anos), A Coruña. Constituída o 4 de setembro de 1905.
Presidente:Víctor Freixanes
Membros:30
Orzamento:1.254.697,48 euros (2012)[1]
http://www.academia.gal/

A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. O seu presidente é Víctor Freixanes, elixido o 28 de marzo de 2017 logo da renuncia de Xesús Alonso Montero tras catro anos no cargo. O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat

Historia[editar | editar a fonte]

Curros Enríquez, impulsor da RAG.

O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida pola escritora.

En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían no faladoiro da Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos.

Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG.

Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez (1926-1934), e durante este período entraron Castelao e Antón Vilar Ponte. Substituíuno Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1936 por problemas de saúde. Chegou entón a guerra civil española, que fixo silenciar a institución e levouna a unha etapa de semiclandestinidade durante a que foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez Risco y Macías (1960-1977).

Esta etapa viviuse como un tempo de espera. En 1963 presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.

Boletín de la Academia Gallega, ano 1906, n.º 4.

Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galega sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia. En marzo de 1979 a Academia trasladouse á sede actual da rúa Tabernas na Coruña desde as dependencias municipais do Palacio de María Pita onde estaba a sede desde 1920.[2][3]

Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución, namentres ca de Xosé Ramón Barreiro Fernández déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas.

En 2006 foi galardoada co Premio Fernández Latorre[5].

En maio de 2009, en vésperas do Día das Letras Galegas, a Academia publicou un manifesto en prol da lingua galega, para facer fronte á campaña de desprestixio orquestrada por unha parte dos grupos políticos[6] e unha minoría social con escaso apoio en Galiza mais con medios importantes[7] no Estado español[8]. Neste manifesto reivindicou a necesidade dun uso simétrico do bilingüismo[9] e mais unha presenza digna do galego en ámbitos nos que ten dificultades para se facer un oco, como a Xustiza ou o ensino. O 16 de xaneiro de 2010 a Academia emitiu un informe negativo das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia[10], coas que o PPdeG pretendía derrogar o decreto aprobado polo anterior goberno (formado polo PSdeG e BNG). O informe aprobouse por unanimidade e aclamación[11].

A Real Academia Galega durante o franquismo[editar | editar a fonte]

O golpe militar de 1936 e a guerra civil deixou a RAG dividida en dúas. Por unha banda, galeguistas republicanos coma Pío Cabanillas e Castelao, e por outra académicos partidarios do réxime. Entraron novos académicos coma Filgueira Valverde e Cuevillas. A RAG superou o risco de desaparecer e pasou a estar tutelada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela.[12]

O 31 de decembro de 1951 a RAG xuntouse en Vigo en sesión extraordinaria polo nomeamento de Manuel Gómez Román; ao seu discurso ía responder Ramón Otero Pedrayo. Minutos antes do inicio do acto a autoridade gobernativa prohibiu falar en galego. As palabras improvisadas que se dixeron foron en castelán. O Partido Galeguista fixo chegar dende Galicia ao Congreso da UNESCO reunido en Montevideo un escrito de protesta pola política de represión lingüística do réxime franquista. O texto tivo boa acollida pero foi rexeitado pola delegación española da que formaba parte Fraga Iribarne.[13]

Francisco Franco, o seu irmán, e mais Fraga Iribarne foron académicos non numerarios da Real Academia Galega.[14] En 2009, coincidindo co nomeamento de Manolo Rivas, Méndez Ferrín facía pública a retirada das honras a Francisco Franco.

Ramón Franco Bahamonde e Fraga Iribarne seguen a ser membros correspondentes da RAG.[15]

Composición da Real Academia Galega[editar | editar a fonte]

Vicesecretario Secretario Presidente Tesoureira Arquiveira/Bibliotecaria
 Andrés Torres Queiruga   Henrique Monteagudo   Víctor Freixanes  Marilar Aleixandre Fina Casalderrey
Membros do pleno
 Marilar Aleixandre   Xesús Alonso Montero   Rosario Álvarez Blanco   Xosé Luís Axeitos   Xosé Ramón Barreiro   Darío Xohán Cabana 
 Fina Casalderrey Fraga   Francisco Díaz-Fierros   Víctor Freixanes   Francisco Fernández Rei   Andrés Fernández-Albalat Lois   Xesús Ferro Ruibal 
 Xosé Luís Franco Grande   Salvador García-Bodaño   Manuel González González   Bernardino Graña   Margarita Ledo Andión   Ramón Lorenzo 
 Henrique Monteagudo   Chus Pato   Luz Pozo Garza   Xosé Luís Regueira   Manuel Rivas   Ana Romaní 
 Euloxio Rodríguez Ruibal   Pegerto Saavedra   Antón Santamarina   Andrés Torres Queiruga   Ramón Villares 

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Elección de Eladio Rodríguez como presidente, 20 de novembro de 1926. 
Sede da RAG na Coruña
Placa de homenaxe a Emilia Pardo Bazán. 
Salón de actos. 
Plenario en 2013. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Resumo da liquidación do orzamento de 2012. RAG" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de setembro de 2013. Consultado o 01 de maio de 2014. 
  2. Reiriz Rey, Jesús María; Alfeirán Rodríguez, Xosé (2004). Tiempos republicanos. A Coruña: Ateneo Republicano de Galicia. ISBN 84-933103-2-8. 
  3. "Los reyes inauguran en A Coruña la nueva sede de la Real Academia Gallega". Arquivado dende o orixinal o 04 de xaneiro de 2017. Consultado o 04 de xaneiro de 2017. 
  4. Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.
  5. Premio Fernández Latorre, Año 2006 - 48ª edición Arquivado 21 de xuño de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
  6. "Quen é o autor do informe da FAES?" Arquivado 19 de maio de 2009 en Wayback Machine., artigo de H. Vixande n’A Nosa Terra, 26 de abril de 2009.
  7. "Un cómic contra o galego copia unha campaña homófoba dos Estados Unidos", El Correo Gallego, 26 de xuño de 2007.
  8. "Masivo apoyo de los lectores de EL MUNDO al manifiesto por el castellano", El Mundo, 24 de xuño de 2008 (en castelán).
  9. "A RAG critica á Xunta de Feijóo por desprotexer o galego", El Progreso, 12 de maio de 2009.
  10. Análise da Real Academia Galega das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia Arquivado 15 de febreiro de 2010 en Wayback Machine., 16 de xaneiro de 2010.
  11. "Inmersión lingüística é o que me fixeron a min ao educarme en castelán!" Arquivado 25 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine., entrevista de Beti Vázquez a Méndez Ferrín en Galiciaé, 22 de xaneiro de 2010.
  12. Franco fóra da nosa Academia, artigo de Méndez Ferrín no Faro de Vigo o 24 de agosto de 2009.
  13. A persecución do galego durante o "Franquismo". A Nosa Terra, domingo 20 de abril do 2003[Cómpre referencia] Arquivado 21 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
    Os antepasados de Franco en Montevideo (en galego)
    Comentarios ó libro por parte de Alonso Montero Arquivado 23/06/2016, en Archive.is (en galego)
    Proposta de denuncia da Mesa reactivando a de 1954 (en galego)
    Artigo de Freixanes Arquivado 15/08/2016, en Wayback Machine. (en galego)
  14. O Académico Franco, no «Constantinopla» digital n.º 20
  15. Membros da Academia

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]