Academia Galega do Audiovisual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A sede da Academia atópase na Casa do Consulado.

A Academia Galega do Audiovisual é unha asociación sen ánimo de lucro que agrupa a creadores e profesionais do audiovisual galego (cine, televisión, multimedia, publicidade, vídeo). Os académicos exercen diversos oficios, traballan en diversos xéneros, medios, empresas e institucións e, en palabras da súa academia, pensan o seu labor desde diversos postulados estéticos, industriais e ideolóxicos.

A AGA ten a súa sede na Casa do Consulado na cidade da Coruña.[1][2]

Características[editar | editar a fonte]

Antonio Mourelos, presidente da AGA entre 2011 e 2015.

A misión da Academia é a de fomentar o desenvolvemento das artes e das ciencias relacionadas directa ou indirectamente co audiovisual en Galicia, promovendo e defendendo a imaxe pública do conxunto dos profesionais do sector.

Entre as súas principais actividades destaca a organización anual dos Premios do Audiovisual Galego Mestre Mateo. Esta e outras actividades, como o Foro Academia Aberta,[3] publicacións, obradoiros, debates etc. teñen como obxectivo fortalecer o coñecemento do audiovisual galego no máis amplo sentido, e contribuír a que a sociedade coñeza e valore o resultado do seu labor.

Creada o 30 de maio de 2002, no 2012 reunía a máis douscentos profesionais que traballaban nas diversas especialidades do sector: Arte, Dirección, Escritura, Fotografía, Interpretación, Música, Son, Produción, Postprodución e Promoción.

A Academia aprobou os seus estatutos o 12 de xuño de 2002, tendo lugar a última modificación o 27 de maio de 2011.[4]

Tras a Asemblea Ordinaria e Electoral do 27 de maio de 2011, o foi elixido como presidente o actor Antonio Mourelos.[5] Dende o 8 de maio de 2015 o seu presidente é o guionista Carlos Ares. Tamara Canosa, Nani García, Manolo González e María Yáñez forman parte da directiva.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazón externas[editar | editar a fonte]