David Cal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
David Cal
Información persoal
NacionalidadeEspaña
Nacemento10 de outubro de 1982 (41 anos)
Cangas, Galicia Galicia
Alma materIES Sánchez Cantón
Altura1,83 m
Peso91 kg
Deporte
PaísEspaña España
DeportePiragüísmo en augas tranquilas
ClubC.M. Ría de Aldán
AdestradorXesús Morlán
Na rede
Olympic.org: david-cal Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]
Cadro de medallas
Competindo para España España:
Xogos Olímpicos
Ouro Atenas 2004 C-1000
Prata Atenas 2004 C-500
Prata Beijing 2008 C-1000
Prata Beijing 2008 C-500
Prata Londres 2012 C-1000

David Cal Figueroa, nado o 10 de outubro de 1982 en Vilariño (Cangas), é un piragüista galego, especialista nas categorías C1-1000 metros e C1-500 metros e medallista olímpico en cinco ocasións.

Converteuse no deportista español con máis medallas olímpicas ó acadar nos Xogos Olímpicos de 2012 a súa quinta medalla, a medalla de prata en C1 1000 metros.[1]

Características[editar | editar a fonte]

David Cal ten unha estatura media (1,83) e unha gran fortaleza (91 kgs), e pode erguer ata 160 quilos. É psicoloxicamente moi resistente, calado e coñecido pola súa timidez.

As especialidades de David Cal son o C1-500 metros e o C1-1000 metros.

Traxectoria deportiva[editar | editar a fonte]

Formación[editar | editar a fonte]

A súa vida deportiva xiraba arredor do seu club, o Club Mar Ría de Aldán, no que competiu a nivel nacional pasando polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva (desde os 14 anos de idade), no que traballou con diferentes adestradores, ata coñecer o seu último adestrador, Jesús Morlán "Suso".

David Cal é unha das máximas figuras mundiais do deporte do piragüismo. Ademais, é o único galego medallista olímpico de ouro nun deporte individual, e o único deportista galego que conseguiu dúas medallas olímpicas, un ouro e unha prata, nos mesmos xogos, neste caso os de Atenas 2004.

Como júnior, con só 16 anos, Cal foi bronce no campionato mundial do seu tempo disputado en Zagreb en xullo de 1999 na categoría C-1 1000 metros, e acadou o 5º posto en C-1 500 metros[2]. Ao ano seguinte proclamouse campión europeo júnior en Boulogne (Francia) na categoría curta dos C1-500 así como a medalla de bronce na proba longa do C1-1000. Ademais, acudiu como reserva, pero sen participar, aos Xogos de Sydney dese 2000. En 2002, xa como sub-23, Cal conseguiu o bronce nos europeos de Zagreb sobre os 500 metros.

A súa primeira medalla internacional na categoría absoluta conseguiuna en 2003, nos mundiais de Gainesville, onde obtivo a prata nos 1000m.

Atenas 2004[editar | editar a fonte]

Nos Xogos de Atenas Cal gañou a primeira serie dos 1000 metros cun tempo de 3'50"091, e cualificouse directamente para as finais. Na final, superou a todos os seus rivais, e en especial o favorito alemán Andreas Dittmer dende o comezo ata o final da proba. Ademais conseguiu o récord do mundo na distancia, cun tempo de 3'46"201, 0.52 segundos por diante de Dittmer.

Na proba curta dos 500 metros, Cal tamén gañou a clasificación directa para a final impoñéndose na primeira serie, cun tempo de 1'48"397. Pero na final Dittmer rematou con 0'34 segundos por diante de Cal, que foi prata.

Cara a Beixín 2008[editar | editar a fonte]

Nos mundiais de 2005, en Zagreb, Cal conseguiu a prata na proba longa do quilómetro (3'58"421), por detrás de Dittmer., mentres que na proba curta dos 500m non podía pasar da sétima praza, cun tempo de 1'50"361. Nesta proba o ouro tamén foi para Andreas Dittmer.

Nos europeos de 2006, en Račice, República Checa, obtivo a sexta e a quinta praza nas finais de 1000 e 500 metros, respectivamente.

Nos mundiais de 2007, en Duisburgo (Alemaña), obtivo o ouro en 500 metros e o bronce en 1000 m, co que obtivo a clasificación directa para a disputa dos Xogos Olímpicos nas dúas especialidades.

Nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 participou en C1 500 e C1 1000 m, gañando nas dúas probas a prata. Ademais foi o abandeirado do equipo español na cerimonia de apertura.


Predecesor:
Maxim Opalev
 Medalla de ouro Campión do mundo de piragüismo
C1 500m
 
2007 en Duisburgo
Sucesor:
Dzianis Harazha

Cara a Londres 2012[editar | editar a fonte]

Nos mundiais de 2011, en Szeged (Hungría), obtivo a prata en 1000 metros.

Nos europeos de 2012, en Zagreb, Croacia, quedou na quinta praza na final de 1000 e na de 500 metros foi terceiro, tan só por detrás do francés Mathieu Goubel e o checo Martin Fuksa.

Nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 participou só na modalidade de C1 1000 m xa que a de C1 500 foi eliminada e substituída pola de C1 200m. Cunha espectacular remontada a partir dos 750 metros acadaría a súa cuarta prata converténdose no mellor deportista español da historia dos XXOO. Nesta ocasión o ouro conseguiuno o alemán Sebastian Brendel cun tempo de 3:47.176 e o bronce para Mark Oldershaw con 3:48.502, o tempo do galego foi de 3:48.053.

Principais clasificacións[editar | editar a fonte]

Campionato Proba Posición Data Título Tempo
Xogos Olímpicos, (Londres) C1-1000 2 8 de agosto de 2012 Prata 3'48"053
Campionato de Europa, (Zagreb, Croacia) C1-500 3 24 de xuño de 2012 Bronce 1'48"567
Campionato do Mundo, (Szeged, Hungría) C1-1000 2 19 de agosto de 2011 Prata
Xogos Olímpicos, (Pequín) C1-500 2 19 de agosto de 2008 Prata 1'48"397
Xogos Olímpicos, (Pequín) C1-1000 2 18 de agosto de 2008 Prata 3'52"751
Campionato do mundo, (Duisburgo, Alemaña) C1-500 1 12 de agosto de 2007 Ouro 1'47"187
Campionato do mundo, (Duisburgo, Alemaña) C1-1000 3 11 de agosto de 2007 Bronce 4'11"057
Campionato do mundo, (Zagreb, Croacia) C1-1000 2 27 de agosto de 2005 Subcampión 3'58"421
Xogos Olímpicos, (Atenas) C1-500 2 28 de agosto de 2004 Prata 1'46"723
Xogos Olímpicos, (Atenas) C1-1000 1 27 de agosto de 2004 Ouro 3'46"201
Campionato de Europa, (Poznan, Polonia) C1-1000 2 2004 Subcampión
Campionato do mundo, (Gainesville, Estados Unidos) C1-1000 2 2003 Subcampión

Carreira política[editar | editar a fonte]

Monumento homenaxe a David Cal e outros padexeiros olímpicos de Aldán

David Cal tivo entre 2005 e 2009 diversos enfrontamentos coa Consellería de Cultura e Turismo mentres a dirixía Ánxela Bugallo (BNG), mentres recibía o apoio explícito da Deputación de Pontevedra, daquela gobernada polo PPdG. Concorreu na lista desta última formación ás municipais de 2011 no concello de Pontevedra, liderada por Telmo Martín[3]. Malia resultar elixido como concelleiro, renunciou ao cargo ao non acadar Martín a alcaldía.

Outros galardóns[editar | editar a fonte]

  • Medalla de ouro da Real Orde do Mérito Deportivo 2006.[4]
  • Medalla de Ouro de Galicia, en 2015.[5]
  • Medalla de Galicia, na categoría de prata, en 2005.
  • Abandeirado do equipo olímpico español na cerimonia de clausura dos Xogos de Atenas 2004.
  • Abandeirado do equipo olímpico español na cerimonia de apertura dos Xogos de Beijing 2008.
  • Premio Percebe de Ouro
  • Vieira de Prata ao Mellor Deportista do Ano
  • Comendador da Orde do Cocido.
  • Galego do mes por El Correo Gallego, en agosto de 2004.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]