Sociedad del Folklore Gallego
A Sociedad del Folklore Gallego foi unha sociedade creada en 1881 na cidade da Coruña para estudar a cultura tradicional galega, incluíndo a música, cantigas, danzas, crenzas, costumes e lendas. A sociedade foi creada en imaxe da Folk-lore Society de Inglaterra e constituíu o precedente para a creación da Real Academia Galega en 1906.
Historia e características[editar | editar a fonte]
A idea da creación da sociedade foi suxerida por Manuel Murguía quen, en varios artigos publicados ao longo de 1881, avogou pola creación dunha sociedade galega para a recompilación do saber e das tradicións populares, secundando así a idea do compostelán Antonio Machado Álvarez (pai do poeta Antonio Machado) creador e redactor das bases de El Folklore español. O 1 de febreiro de 1884 quedou inaugurada oficialmente baixo a presidencia da escritora Emilia Pardo Bazán, creándose un museo e unha biblioteca no antigo consulado da Coruña.
A condesa de Pardo Bazán fíxose cargo das actas e de dar a coñecer a sociedade no estranxeiro. Redactouse un cuestionario que constaba de oito apartados: Galicia y sus habitantes; Idioma y literatura populares de Galicia; Costumbres de Galicia; Fiestas y calendarios popular de Galicia; Creencias y supersticiones populares de Galicia; El trabajo y artes populares de Galicia; Conocimientos populares del jogar o ciencia del vulgo; e El mar.
Os membros da sociedade viaxaron por tódalas comarcas de Galicia, preguntándolle a xente ata as cousas máis triviais como a forma de cortar e peitear o cabelo. Pardo Bazán tomouse a sociedade moi en serio e dedicouse a anotar todo cando oia: os ditos, refráns, cantigas, lendas e tradicións. Como produto do seu entusiasmo e traballo e investigación naceu catro anos máis tarde en 1888 De mi tierra, escolma de artigos sobre o folklore galego.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Tolosana Lisón, Carmelo (2004): Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega. Madrid, Akal.
- Carreño, Antonio (1991): Actas do segundo congreso de estudios Galegos. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-805-4
- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.