Cultura de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cultura galega")
Dolmen de Axeitos
Peliqueiros de Laza no entroido.

A cultura de Galicia ten a súa orixe na cultura megalítica da fachada atlántica europea e na cultura castrexa.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros poboadores de Galicia son os nativos oestrimnios e outros pobos de orixe indoeuropea. A fusión destes pobos no noroeste peninsular dará lugar á cultura dos castros entre o macizo Galaico e o río Douro, cultura na que deixaron a súa impronta tamén os romanos. Aínda hoxe é tema de discusión a pegada celta na cultura galega, hai trazos célticos de importancia, como influencias na cultura material, na toponimia, nos mitos relixiosos e tradicións e posiblemente a lingua falada en todo o territorio galaico antes da romanización fose celta: Higinio Martins aborda o tema en profundidade no seu libro "As tribos Calaicas".

Posteriormente, Galicia será invadida por varias vagas xermánicas. Nun primeiro momento os suevos farán de Galicia o primeiro reino independente de Europa, máis adiante, este reino será anexionado polos visigodos. Galicia recibirá tamén, no transcorrer da súa historia, a viquingos, bretóns e fenicios.

Coa chegada dos musulmáns á Península Ibérica, mediante incursións bélicas dúas cidades galegas serán atacadas: Santiago de Compostela e Lugo. A repartición do antigo Reino Visigodo, que se fai entre árabes, sirios e bérberes, dálle a estes últimos a franxa noroeste. As condicións climáticas incomodan a este pobo, procedente do Magreb máis caucásico, así que deciden non asentarse, convertendo a Galicia en territorio fronteira con Al-Ándalus, onde o cristianismo faise un trazo diferenciador que dá forzas á reconquista.

Galicia, ao igual ca outros territorios da Península Ibérica, tamén chegaría a ter nalgunhas cidades unha importante comunidade xudía, principalmente na zona de Ribadavia e Ourense. Tamén cabe destacar na cultura galega a influencia cultural chegada dende as Illas Británicas e dende o centro de Europa, grazas ao Camiño de Santiago.

Cultural e lingüisticamente as comarcas españolas do Bierzo (Castela e León) e o Eo-Navia (Asturias) son análogas a Galicia. Tamén posúe patróns conxuntos coas rexións lindeiras portuguesas de Tras-os-Montes e Baixo Minho na música, nos costumes e nas tradicións.

A cultura galega, entón, é froito da fusión de elementos culturais achegados por moi diversos pobos europeos, que se estableceron en Galicia ao longo da súa historia, coa cultura da poboación nativa.

Idioma