A fundación do Coro Toxos e Froles data de 1914 e parece estar relacionada co interese do gaiteiroManuel Lorenzo Barxa por crear unha agrupación á imaxe e semellanza do primeiro coro galego Aires d'a Terra. Tamén se debe considerar a existencia da agrupación ferrolá Airiños d'a miña Terra como o seu precedente inmediato e máis próximo.
A presentación pública do coro Toxos e Froles faise no Teatro Jofre de Ferrol un sábado, o 29 de maio de 1915. A primeira bandeira do coro foi conseguida por subscrición popular e entregada polo poeta ourensán Antonio Rey Soto, representante das Irmandades da Fala. Naqueles tempos os lazos de amizade entre as irmandades e as agrupacións artísticas era moi forte. O papel de Toxos e Froles na fundación da Irmandade da fala de Ferrol en 1918 foi crucial.
O coro, con Manuel Lorenzo Barja á cabeza, forma parte dos programas de moitos festivais galegos. No mes de xuño do ano 1922 realízanse as primeiras gravacións discográficas da agrupación.