Julio Camba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para o futbolista vilalbés véxase: Julio Camba Machado.
Julio Camba
Nacemento16 de decembro de 1884
 Vilanova de Arousa
Falecemento28 de febreiro de 1962
 Madrid
Soterradocemiterio de San Justo de Madrid
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónxornalista
IrmánsFrancisco Camba
XénerosEnsaio
Premiospremio Mariano de Cavia
editar datos en Wikidata ]

Julio Camba Andreu, nado en Vilanova de Arousa o 16 de decembro de 1884 e finado en Madrid o 28 de febreiro de 1962, foi un cronista galego de comezos do século XX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de clase media, fillo do mestre e practicante Manuel Camba Bóveda e de Juana Andreu Temes. Foi irmán de Francisco Camba, e a súa casa natal converteuse na Casa Museo Irmáns Camba[1].

Ós 16 anos de idade marchou da casa e embarcou de polisón nun barco cara Arxentina. En Buenos Aires introduciuse nos círculos anarquistas e fixo as súas primeiras armas literarias redactando proclamas e panfletos. Neses artigos mostraba o seu apoio á facción individualista do anarquismo na fundada pouco atrás FORA, xustificando o exemplo pola acción. Escribiu no periódico La Protesta, dirixido por Diego Abad de Santillán e Emilio López Arango.

A consecuencia disto, o 30 de novembro de 1902 foi expulsado da Arxentina, xunto a Adrián Troitiño e outros sindicalistas. Ó chegar a Pontevedra comezou a colaborar no Diario de Pontevedra, pero axiña marchou a Madrid. Comezou a publicar en El Porvenir del Obrero, e xunto a Antonio Apolo creou o semanario El Rebelde, con sede na rúa Madera, que durou un ano e medio.

A partir de 1905 colaborou como cronista no periódico republicano El País, con textos de temática variada e cun estilo que pon de manifesto a súa independencia. En 1907 empezou a colaborar en España Nueva como cronista parlamentario, con textos que reflicten o seu carácter escéptico respecto á política española.

Colaborou tamén no suplemento Los Lunes de El Imparcial, na Revista Blanca e en Tierra y Libertad. Nesa época tivo lugar o proceso polo atentado contra o rei Afonso XIII o día da súa voda, e Julio Camba tivo que declarar polo seu vínculo con Mateo Morral, se ben nalgúns dos seus artigos explicou a escasa relación que mantiña co anarquista.

En 1908 comezou a súa carreira como correspondente no estranxeiro. Juan Aragón incorporouno ao equipo de La Correspondencia de España e destinouno a Constantinopla, onde cubriu a revolución dos Xoves Turcos en xullo dese ano, e o cambio de sultán de Abdul Hamid II a Mehmed V. Ao seu regreso do Imperio Otomán pasou a traballar para El Mundo, que o destinou a París e Londres. En 1912 comezou a escribir a sección "Diario de un Español" no periódico barcelonés La Tribuna, con crónicas desde Alemaña.

Estatua de Julio Camba en Vilanova de Arousa.

En 1913, ó seu regreso a España, comezou a colaborar co diario monárquico ABC. En 1916, no contexto da primeira guerra mundial, viaxou a Nova York, para cubrir as eleccións de 1917 que gañou o demócrata Woodrow Wilson. Tras ese acontecemento volveu a Madrid e comezou a traballar para El Sol, fundado en decembro de 1917 e no que escribía tamén Ortega y Gasset. En 1921 volveu como correspondente a Berlín, e entre 1929 e 1931 desenvolveu o seu traballo desde Nova York. As súas ideas anarquistas arrefriáronse notablemente durante a década de 1920. En 1927 regresou ao ABC, e volveu a Nova York.

Durante a guerra civil expresou as súas simpatías polo bando franquista, escribindo no ABC publicado en Sevilla. Seguiu viaxando ata 1949, cando fixou a súa residencia en Madrid por motivos de saúde, vivindo no Hotel Palace. Entre 1951 e 1953 colaborou en Arriba, coa reelaboración de crónicas e artigos antigos xa ligados á actualidade, xa baseados na memoria do autor. O retoque e reconversión das súas crónicas foi algo frecuente a partir dese momento nos seus escritos editados por ABC e La Vanguardia.

Finou na clínica Covesa por mor dunha embolia.

Estilo[editar | editar a fonte]

A súa obra está caracterizada pola imaxinación, o humor, a capacidade de observación e un espírito crítico, literario, que captura o lector con intelixencia e extraordinaria eficacia.

O estilo de Camba desborda ledicia e o seu humorismo é atractivo e agradábel. Nos seus artigos descobre a capacidade do lector para chegar alén dos parágrafos en branco. Na configuración do seu estilo teñen grande importancia as súas viaxes por todo o mundo que deron lugar a grandes traballos nun ton humorístico intelectual, aínda que no fondo sempre figura a retranca, o que fixo que Azorín definira o seu estilo literario como "humorismo galaico pasado por Londres".

As crónicas[editar | editar a fonte]

Camba escribiu crónicas dos lugares onde ía, comezando por unha viaxe de vacacións a Vilanova, até cidades como Constantinopla, Londres, Berlín ou París. Escribía sobre as xentes e os costumes caracterizando cada lugar que visitaba, tratando temas como a política, as mulleres ou os ambientes, se ben tiña os seus propios estereotipos.

Busto de Julio Camba en Vilanova de Arousa feito por Salvador Amaya.

Pero tamén escribiu crónicas temáticas, como a crónica parlamentaria Diario de un escéptico, na que, como anarquista, tiña moito que criticar (sobre todo a Antonio Maura, dirixente do Partido Conservador).

Obra[editar | editar a fonte]

Agás La casa de Lúculo, o resto dos libros son recompilacións de artigos xornalísticos.

Placa na casa natal
  • El destierro (1907)
  • Londres (1916)
  • Alemania, impresiones de un español (1916)
  • Playas, ciudades y montañas (1916)
  • Un año en otro mundo (1917)
  • La rana viajera (1920) [2]
  • Aventuras de una peseta (1923)
  • El matrimonio de Restrepo (1924)
  • Sobre casi todo (1927)
  • Sobre casi nada (1927)
  • La casa de Lúculo (1929) [3]
  • Haciendo de República (1934)
  • La ciudad automática (1934)
  • Esto, lo otro y lo de más allá (1945)
  • Millones al horno (1958)

Notas

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]