Fiz Vergara Vilariño
Fiz Vergara Vilariño | |
---|---|
Nacemento | 15 de abril de 1953 |
Santalla | |
Falecemento | 18 de xullo de 1997 |
Santalla | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | poeta |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Fiz Vergara Vilariño, nado en Santalla (Samos) o 15 de abril de 1953 e finado na mesma parroquia o 18 de xullo de 1997, foi un poeta galego.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
O seu pai nacera en Cuba, e a súa nai en Gamiz[1]. Dende rapaz sufriu distonía muscular provocada por unha caída na casa. Estudou o bacharelato en Madrid, Sarria e Lugo, cidade esta onde se relacionou literariamente con Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Xesús Manuel Valcárcel e Claudio Rodríguez Fer, para deseguida volver á súa aldea natal, onde residiu na casa paterna, adicado unicamente á literatura.
Formou parte do colectivo Cravo Fondo. A súa poesía tiña inicialmente un marcado carácter social, que foi logo derivando cara a un maior intimismo. A poesía paisaxística, amorosa e existencialista predomina desde Orfo de ti en terra adentro (1976).
Estudosos da súa obra son Xosé María Álvarez Cáccamo, Xesús Alonso Montero, Paco Martín, Antón Tovar, Xavier Rodríguez Barrio, Manuel María, Carlos Casares ou Lois Celeiro.[2]
Obras[editar | editar a fonte]
Poesía[editar | editar a fonte]
- Pra vós (1971, Celta, Lugo), prologado por Xesús Alonso Montero.
- Encontro cos tiburós (1973, Xistral, Monforte de Lemos).
- Orfo de ti en terra adentro (1976, Akal, Madrid).
- Poeta muiñeiro á deriva (1982, Xerais, Vigo), con tapa e debuxos de Laxeiro.[3]
- Nos eidos da bremanza (1990, Galaxia, Vigo).
- Pastora de sorrisos (1993, Sons Galiza, Lugo), con limiar de Xavier Rodríguez Barrio.
- O mundo de Fiz: escolma da poesía de Fiz Vergara Vilariño (1995, Citania, Lugo). Por Xavier Rodríguez Barrio e Darío Xohán Cabana.
- Animal sen fel (póstuma, 1998, Espiral Maior), con limiar de Xulio López Valcarcel.
- Fiz Vergara Vilariño. Non deixes que a tardiña me sorprenda. Antoloxía poética (2019). Galaxia. Edición e estudo de Yago Rodríguez Yáñez. ISBN 978-84-9151-393-3.
Obras colectivas[editar | editar a fonte]
- Os novísimos da poesía galega (1973, Akal).
- Cravo fondo (1977, Follas Novas).
- Escolma de poesía galega (1976-1984) (1984, Sotelo Blanco).
Premios[editar | editar a fonte]
- Meigas e Trasnos de Sarria, en 1972 e 1973.
- 2º Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho no 1979, por Historia dunha castaña chamada Muxica.
- 3º Premio do Concurso nacional de contos infantís O Facho no 1981, por Unha gaivota en terra adentro.
- Premio da Crítica Galicia de creación literaria no 1991, por Nos eidos da bremanza.
Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño[editar | editar a fonte]
Na honra do poeta, o Concello de Sarria convoca dende o ano 2000 o Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño para composicións inéditas escritas en lingua galega.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Moreno, M. V., ed. (1973). Os novísimos da poesía galega. Akal. pp. 267–269.
- ↑ Artigo "VERGARA VILARIÑO, Fiz" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ "Imaxe". Arquivado dende o orixinal o 12 de maio de 2014. Consultado o 10 de maio de 2014.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Luís Celeiro (2003). Fiz Vergara Vilariño: poeta nos eidos da bremanza. Lugo: Fundación Caixa Galicia. ISBN 84-95491-67-2.