Celanova
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital de | |||||
Capital | Celanova | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 5.709 (2023) (84,83 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 67,3 km² | ||||
Altitude | 530 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Antonio Puga Rodríguez (2019–) | ||||
Eleccións municipais en Celanova | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32800 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32024 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | celanova.gal | ||||
Celanova (do latín cella nova, 'cuarto pequeno, almacén ou santuario recente, de nova construción' [1]) é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 5.533 persoas (6.020 en 2009). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «celanovés».
Xeografía
[editar | editar a fonte]Situación
[editar | editar a fonte]O concello de Celanova está situado no oeste da provincia de Ourense, ao sur da capital da provincia. Limita ó norte cos concellos de Cartelle e A Merca, ó sur con Verea, ó leste coa Bola, e ó oeste con Ramirás e Quintela de Leirado. O concello, de 67,3 km², ten 18 parroquias e 133 entidades de poboación.
Á espera da construción da autovía Ourense-Celanova[2], está comunicado coa capital ourensá pola N-540 que no sentido inverso serve de enlace coa fronteira de Portugal. Ademais tamén se comunica con Xinzo de Limia pola OU-531 atravesando o Monte do Furriolo.
Orografía
[editar | editar a fonte]No que se refire á cunca natural propia do municipio, Celanova identifícase por ser unha zona de media montaña, con dúas unidades morfolóxicas perfectamente diferenciadas que teñen o seu punto de inflexión na capital do concello a uns 525 metros de altitude. A metade suroccidental, por riba desa cota, é a que alcanza as máximas elevacións, coa Casa da Neve como punto álxido. Pola contra, a metade nororiental, máis poboada, raramente supera os 500 metros de altitude o cal xunto co ríos Sorga e Arnoia, dá lugar a un val agrario moi produtivo[3].
Hidrografía
[editar | editar a fonte]Os ríos máis importantes que regan o concello son o río Tuño polo suroeste e os ríos Sorga e Arnoia polo nordeste. Estes tres ríos nútrense dunha abundante rede de pequenos afluentes e regatos que fai deste concello unha zona rica en auga. Como símbolo desta riqueza a capital do municipio é atravesada por un pequeno regato coñecido co nome de regato da serra o cal baña as antigas terras do Mosteiro de San Salvador.
Clima
[editar | editar a fonte]Chove pouco (772 mm, cun mínimo no verán de 66 mm). A oscilación térmica é grande: 24 °C, entre os 7 °C de xaneiro e os 21 °C de xullo.
Demografía
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa historia a poboación do concello de Celanova sempre estivo relacionada co Mosteiro de San Salvador que preside a vila. No século XX a poboación sufriu variacións constantes xa que a partir da década de 1910 o número de habitantes do concello comezou a aumentar ata conseguir ser, en 1940, o segundo concello da provincia en número de habitantes[4]. Despois deste punto, o número de habitantes empezou a sufrir un descenso pronunciado que aínda se mantén na actualidade.
Censo total | 5.533 (2018) |
---|---|
Menores de 15 anos | 542 (9.79 %) |
Entre 15 e 64 anos | 3.058 (55.27 %) |
Maiores de 65 anos | 1.933 (34.93 %) |
Evolución da poboación de Celanova Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4.895 | 7.314 | 7.845 | 8.053 | 6.079 | 5.949 | 5906 | 5809 | 5638 | 5615 | 5536 | 5508 | 5455 | 5533 | 5649 | 5644 | 5652 | ||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]Antes do mosteiro o lugar xa estaba poboado e chamábase Villare pertencendo a un nobre chamado Vitiza[5] que se rebelou contra Afonso III, quen o venceu e lle entregou estas terras ó avó de San Rosendo, Hermenegildo e logo pasaron a seu irmán. En 936 San Rosendo fundou o Mosteiro de San Salvador de Celanova, ao que se lle foron outorgando numerosas doazóns e privilexios. No século XI era o máis poderoso e os seus dominios estendíanse pola Alta Limia, Monterrei e O Ribeiro.
Os irmandiños destruíron as fortalezas de Milmanda e Vilanova dos Infantes. Desde o século XV o mosteiro foi vítima de depredacións por parte dos nobres e tivo que ser recuperado polos Reis Católicos. A partir de 1506, coa adhesión aos mosteiros beneditinos de San Benito El Real de Valladolid, perdeu independencia, se ben foi quen de conservar o seu esplendor.
Celanova sufriu as consecuencias das disputas entre Portugal e España debido á súa proximidade á fronteira. No século XIX, durante o Trienio liberal, o mosteiro foi exclaustrado e, finalmente en 1837, desamortizado.
En 1927 incorporouse ao concello Vilanova dos Infantes e en 1967 Acevedo do Río.
Economía
[editar | editar a fonte]Celanova constitúese en centro comarcal de servizos, sector que ocupa o 40 % da poboación. A industria (30 %) xira en torno á explotación dos recursos locais (madeira, leite, carne, metalurxia) e á construción. Cultívanse hortalizas, flores, kiwis e legumes. O gando é, sobre todo, porcos e, logo, ovellas, cabras e vacas.
Cada xoves (mércores se o xoves é festivo) celébrase unha feira tradicional na Praza Maior da vila, onde se desenvolve tamén a actividade de elaboración e degustación de polbo á feira.
Patrimonio histórico e artístico
[editar | editar a fonte]A parte antiga da vila de Celanova está declarada Conxunto Histórico Munumental. O mosteiro de San Salvador de Celanova conta cunha igrexa abacial do século XVI, obra de Melchor de Velasco, dous claustros e as dependencias monacais. A capela de San Miguel é mozárabe.
Moi preto está Vilanova dos Infantes, onde está a torre de Vilanova dos Infantes, torre da homenaxe vestixio do castelo do século XIV derrubado polos irmandiños. Nun outeiro próximo está o castro de Castromao.
En Milmanda, a igrexa parroquial (século XVIII) érguese sobre os restos da torre de Milmanda, castelo do século X.
En Rabal hai unha ermida renacentista. Sobre o río Arnoia, a ponte romana de Freixo conduce ao concello de Cartelle.
Celanova na literatura popular
[editar | editar a fonte]- As mozas de Vilanova/ eu ben sei quen elas son:/ sonche de aquelas lavadas/ que venderon o xabón. [6]
- Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás. [7]
- O cantar dos arrieiros/ é un cantar que namora:/ cántano en Ribadavia/ e resoa en Celanova. [8]
- Vente conmigo, meniña,/ camiño de Celanova,/ i eu che direi, queridiña,/ que o teu aire me namora. [9]
- Vilanova é do rei,/ Salvaterra da raíña;/ se eu fora filla do rei/ Vilanova érache miña. [10]
Irmandada
[editar | editar a fonte]Celanova está irmandada coas cidades de[11]:
- Guadix (Granada)
- Santo Tirso
- Rubí (Barcelona)
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Celanova.
-
Fachada do mosteiro
-
Fachada leste
-
Capela de San Miguel
-
Praza Maior
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Celanova
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Celanova vexa: Lugares de Celanova.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Esta voz ten un paralelo en Cillanueva no concello leonés de Ardón. Tanto na Cillanueva leonesa como na Celanova ourensá existen importantes asentamentos monacais que testemuñan a presenza de "mosteiros novos" na súa época e mesmo primitivas CELLAE de anacoretas (persoas que viven en soidade facendo penitencia) Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. pp. 182-183 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1
- ↑ Está en construción, segundo o proxecto estará rematada en Maio de 2012 [1]
- ↑ "Datos tomados de Celanova Virtual". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2009. Consultado o 15 de abril de 2011.
- ↑ "Datos publicados no INE". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2010. Consultado o 15 de abril de 2011.
- ↑ Estrategias territoriales de un poder monástico en la Galicia medieval: Celanova (siglos X-XII), J C Sanchez Pardo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 49. No orixinal: quén. San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 115.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 161.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 161. San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia de Celanova; Salvaterra de Miño, concello da provincia de Pontevedra.
- ↑ Laura Fernández (5 de agosto de 2010). "Arte entre hermanos". La Región (en castelán).
Unha viaxe para contar. Celanova TVG |
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Celanova |
Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |